Amosando publicacións coa etiqueta ciencia. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta ciencia. Amosar todas as publicacións

22/11/2025

MES DA CIENCIA EN GALEGO 2025: MOITOS RETOS E UN EXPERIMENTO

Na segunda quincena de novembro temos varias propostas para conmemorar o Mes da Ciencia en Galego

  • Retos diarios na biblio para os nenos e nenas de 2º a 6º de primaria
  • Retos semanais para resolver na clase para os nenos e nenas de infantil e 1º de primaria
  • Gran reto no que poderán participar todos os nenos e nenas do cole... e os adultos que queiran tamén!
  • Experimentos compartidos: o alumnado de 1º e 2º de primaria compartirá co resto do alumnado un experimento que están a preparar na clase. 
Retos diarios

Retos de 2º e 3º

Retos de 4º

Retos de 5º e 6º

A Pescadora cos retos de infantil e 1º 

Nenas de 4º resolvendo retos :-)

Gran reto: Cantos peóns haberá no museo?

Aínda estás a tempo!


08/11/2025

MES DA CIENCIA EN GALEGO 2025: CONCEPCIÓN PAZ PENÍN

Este ano pon voz ao manifesto polo Mes da Ciencia en Galego a ferrolá Concepción Paz Penín, enxeñeira industrial, catedrática e doutora pola Universidade de Vigo. Actualmente, dirixe o Departamento de Enxeñaría mecánica, máquinas e motores térmicos e fluídos nesa universidade. Tamén é directora do Centro de Investigación en Tecnoloxía, Enerxía e Procesos Industriais (CINTECX). 


"As bibliotecas son parte esencial deste ecosistema: non só como espazos físicos, senón como nodos de encontro, conexión social e aprendizaxe permanente. A súa transformación dixital e social facilita que o coñecemento circule, que a ciencia se comparta e que máis persoas participen activamente, proporcionando as ferramentas para seguir aprendendo, cuestionando e creando. "

MES DA CIENCIA EN GALEGO 2025: ACTIVIDADES NA BIBLIOTECA

En novembro conmemoramos o Mes da Ciencia en Galego, realizando varias actividades relacionadas coa ciencia e a lectura. Premendo na imaxe poderedes acceder a información interesante sobre esta celebración.

Na escola, na primeira quincena do mes, repartiremos polas aulas unhas caixas temáticas con libros de ciencia -principalmente en lingua galega- que estarán a disposición do alumnado durante todo o mes nas súas aulas. Neste sentido estamos a facer un esforzo por incorporar novidades científicas escritas en galego, actualizando á vez o noso catálogo de fondos informativos. 



Tamén realizaremos unha exposición de libros sobre matemáticas, que estarán no corredor da biblioteca e se poderán coller en préstamo cando se desexe. 







Na segunda quincena do mes haberá propostas máis interactivas. por unha banda, uns retos matemáticos que nenos e nenas poderán resolver na bibliteca no tempo de recreo e, por outra, o alumnado de 1º e 2º de primaria preparará uns experimentos que explicará ao resto dos compañeiros antes de acabar o mes de novembro. 

Esperamos que sexa un mes de moitas aprendizaxes e moitas lecturas!




10/02/2025

DÍA DA NENA NA CIENCIA

Xa están no corredor da biblioteca parte dos fondos relacionados con mulleres científicas a disposición de toda a comunidade educativa para conmemorar o Día da Nena na Ciencia






A Pescadora de Historias tamén ten unha selección de libros para os máis peques!


Ademais, nestas semanas teremos xogos na biblio do proxecto POLOS CREATIVOS no que participa o noso centro. Deste xeito nenos e nenas poderán experimentar e crear no tempo de lecer. Nos enlaces poderedes ver os aspectos que favorecen este tipo de xogos como creatividade, pensamento lóxico, resolución de problemas ou pensamento computacional. 

Animádevos a vir!


KAPLA



KORBO




28/12/2024

EXPERIMENTOS COMPARTIDOS POLO MES DA CIENCIA EN GALEGO

A finais do 1º trimestre, o alumnado puido compartir os experimentos practicados nas aulas ao longo do mes de novembro. 

Cada grupo explicou a outro experimentos do máis variado, desde o vistoso volcán en erupción ata a copa de Pitágoras. 

Esta actividade está englobada dentro da conmemoración do Mes da Ciencia en Galego, xunto con outras actividades que das que fomos informando no blog. 

Moitas grazas aos titores e titoras por colaborar e desenvolver esta tarefa nas aulas e parabéns a todos os nenos e nenas polo seu traballo. 












23/12/2024

XOGOS NA BIBLIO POLO NADAL

Xa case é unha tradición que o alumnado de 3º a 6º de primaria pase unha sesión xogando na biblio nas datas previas ás vacacións de Nadal. 

Aínda que nenos e nenas poden vir no recreo a realizar empréstitos, ler, xogar... non todos veñen, así que este é un xeito de que un día todo o grupo de clase pase unha xornada de lecer e poidan descubrir as oportunidades que ofrece a biblioteca. 

Propoñemos sempre actividades ás que poden optar a cotío como o recanto lego, os xogos de mesa, o lettering e algún outro relacionado co Nadal, neste caso foi un taller de chapas

Para organizalo, previamente deseñaron a súa chapa de Nadal nas aulas e, despois, na sesión na biblio, empregaron a máquina de chapas con algo de axuda do profesorado. 

Foi unha sesión distendida e divertida e cunha orixinal chapa para poder levar para casa. 

Grazas aos titores e titoras por colaborar para que estas sesións se poidan realizar, ao profesorado que axuda nas sesións e aos nenos e nenas por vir con ilusión a xogar na biblio.







05/12/2024

EXPOSICIÓN " TESOUROS TECNOLÓXICOS"

O Mes da Ciencia en Galego trouxo unha morea de actividades, entre elas, unha exposición sobre tecnoloxía que houbo no primeiro andar no mes de decembro. 

Foi unha exposición interactiva, onde o alumnado podía adiviñar para que serviría cada aparello e comprobar despois a resposta correcta.









Tamén houbo un pequeno concurso, no que averiguar o nome e finalidade dun trebello que xa non anda moito polas casas. E vós, sabedes que é? 



22/11/2024

LECTURAS E RETOS CIENTÍFICOS

O mes de novembro é un mes cheo de celebracións moi variadas así que na biblioteca dos tesouros estamos traballando moito para ofrecer recursos e actividades para todas elas. 

Seguimos inmersos na conmemoración do Mes da Ciencia en Galego, e no corredor temos unha pequena exposición de lecturas con libros sobre ciencia en galego, para que nenos e nenas teñan ao seu alcance libros de carácter científico en lingua galega. 

Por outra banda durante dúas semanas todos aqueles que o desexen poderán participar nos retos matemáticos, un diferente cada día, ata completar dez. Para os nenos e nenas de infantil e 1º de primaria o reto será semanal, coincidindo co día no que acuden a realizar os préstamos e devolucións na biblio. 

Nas aulas, o alumnado xa está practicando experimentos que dentro de pouco compartiremos, e en breve teremos outra sorpresiña relacionada coa tecnoloxía e a ciencia. 

Seguiremos informando!





06/03/2024

8 de marzo: Día Internacional da Muller

Para conmemorar o Día Internacional da Muller xa temos publicada a entrevista que o alumnado de 6º de primaria lle fixo a Patricia Barciela, directora da DOMUS, museo interactivo do ser humano situado na Coruña. Preme na imaxe de Patricia para recordar a súa visita á escola e, se premes na imaxe da radio, poderás escoitar a entrevista. 

 


E, como ven sendo habitual, o alumnado e profesorado da escola ten a súa disposición lecturas sobre igualdade para abordar nas aulas a conmemoración do Día Internacional da Muller.






As caixas conteñen bibliografía variada: narrativa, biografías, revisións de contos populares...
Se tedes interese en ter algún na casa, podedes consultar a nosa lista de libros sobre igualdade no seguinte enlace e solicitalo por medio dos nenos e nenas, ou acudir vós mesmos á biblioteca en horario de tarde. Animádevos!


13/12/2023

ACTIVIDADES POLO MES DA CIENCIA EN GALEGO

Novembro foi un mes moi intenso na biblioteca dos tesouros...  A ciencia tivo un papel protagonista e no video veredes un resumo de todo o traballado nas aulas. Parabéns a todo o alumnado e profesorado polo esforzo!


Se premedes na seguinte imaxe poderedes ver o video da visita de Patricia Barciela ao alumnado de 5º e 6º EP.





01/12/2023

VISITA DE PATRICIA BARCIELA

Co gallo da celebración do Mes da Ciencia en Galego tivemos unha visita moi especial: Patricia Barciela. Quen é Patricia? A directora da DOMUS en A Coruña, un dos tres museos científicos cos que conta a cidade herculina. 

Compartimos con vós unha pequena historia sobre como xurde esta visita... O curso pasado fixemos un taller de chapas na celebración do 11F, o Día da Muller e da Nena na Ciencia. Cada neno e nena investigou sobre unha muller científica, fixo unha ilustración e creou a súa propia chapa. Una nena de 5º EP, Yaiza, debuxou a Patricia e pareceunos bonito enviarlle o debuxo e a chapa, contándolle a actividade que realizaramos na escola. Semanas despois do envío recibimos a súa chamada de agradecemento e trasladounos o seu interese en vir, coñecer o cole e facer algo coa rapazada. Que ilusión! 

Debuxo de Patricia Barciela realizado por Yaiza


Este curso falamos, buscamos a data axeitada e compartiu ciencia con todo o alumnado de 5º e 6º de EP o xoves, 30 de novembro.

Patricia lucía orgullosa a súa chapa neste encontro, dando valor a algo que pode parecer pequeno pero que para nós foi importante. 

Só temos palabras de agradecemento para ela, por vir de xeito altruista e compartir unha mañá co alumnado e profesorado. 

Para rematar a xornada varias nenas de 6º de EP entrevistárona para Radio Buxaina. En breve poderedes escoitar a interesante charla que mantiveron. 






04/11/2023

MES DA CIENCIA EN GALEGO 2023: LIBROS, RETOS, EXPERIMENTOS E UNHA VISITA

 "A ciencia é un dos sabores do saber. Para degustala, é moi importante a nosa participación activa, e o grande activador é a curiosidade. Precisamos formular preguntas para saborear a ciencia e a lingua permítenos degustala, e tamén é a canle para contar e escoitar as respostas".

Elena Vázquez Cendón
 
Desde a Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades, en colaboración coa Secretaría Xeral de Política Lingüística, vense impulsando a celebración anual do mes de novembro como o MES DA CIENCIA EN GALEGO NAS BIBLIOTECAS. Iníciase esta actuación coa elección dunha imaxe e a difusión dun texto, a modo de MANIFESTO, de Elena Vázquez Cendón, doutora en matemáticas, Decana da Facultade de Matemáticas da USC, membro do Consello da Cultura Galega, presidenta do Estalmat-Galicia e Premio María Josefa Wonenburger no 2022.
 
O manifesto para este ano 2023, baixo o título "Sementeiras de curiosidade científica" abrirá moitas rutas de traballo e investigación coas que poder sementar e degustar a ciencia nas nosas bibliotecas escolares. Podes ler o manifesto completo premendo na seguinte imaxe.


Na biblioteca xa estamos a preparar diversas actividades vinculadas coa ciencia para realizar con todo o alumnado do centro. Para comezar repartimos polas aulas unhas caixas temáticas, con bibliografía científica variada para poder mirar e compartir na hora de ler. 





Ademais a partir do luns, día 6, cada día haberá un reto científico-matemático que resolver, para todos aqueles que visiten a biblioteca no tempo de recreo. Para as aulas de infantil e 1º de primaria haberá un reto por semana, que lles estará esperando na biblioteca cando acudan a facer o empréstito semanal. 


E queda moito máis, xa que nas aulas prepararemos uns experimentos para compartir con outros compañeiros e compañeiras, favorecendo así a realización de actividades internivelares. 
Ah! E estamos esperando unha visita sorpresa para aprendernos un montón de cousas sobre ciencia. Quen será? Premendo na imaxe resolveredes o misterio!







Arquivo do blog