Arévacos
Este artigo precisa de máis fontes ou referencias que aparezan nunha publicación acreditada que poidan verificar o seu contido, como libros ou outras publicacións especializadas no tema. Por favor, axude mellorando este artigo. (Desde decembro de 2014.) |
Os arévacos eran un dos pobos celtiberos, sendo o máis forte deles, xa que mantivo a guerra contra Roma[1].
O seu nome é céltico, e foi interpretado por Bosh Gimpera como are-accei ou vacceos do leste. Sabían escribir (a través do alfabeto ibérico) e tiñan un alto potencial cultural que foi destruído polos romanos.
O que se sabe deles provén de autores romanos, que enviñeceron a súa memoria presentando os conceptos maniqueos de barbarie indíxena/civilización romana nos seus escritos sobre as guerras do Imperio nestas terras. O pobo dos arévacos foi o que mantivo as dúas últimas guerras celtiberas contra o poderío romano, así como anteriores guerras contra o imperialismo de Cartago.
Sociedade
Tiñan varias cidades, como Numantia, Pallantia (Palenzuela)[2], Termes (Santa María de Tiermes, Soria), Lutia, Malia ou Lagni. Funcionaban como cidades-estado gobernadas por asembleas ou senados aristocráticos[3].
A súa relixión era politeísta de raizame celta, con deuses como Lugh ou Endovélico. O seu panteón era semellante ao xermánico debido á crenza que tiñan de que morrer en cama era algo inmoral e o mellor era morrer en combate. Os historiadores defenden dous tipos de ritual funerario dos arévacos: por un lado o "civil" baseado na cremación e posterior enterramento en urnas cinerarias, e o "militar", deixando os corpos dos guerreiros caídos en batalla que fosen comestos polos voitres e a súa alma levada ao ceo.
Economía
Os autores gregos afirman que o seu territorio era pobre e que se adicaban á pillaxe de territorios veciños, porén estas afirmacións chocan contra os procesos internos de consolidación estatal a través de confederacións de pobos celtiberos, así como as rutas comerciais con outros pobos, como os Turdetanos, aos que servían como mercenarios.
A súa economía baseábase na gandería e a minería, coñecían o torno cerámico (co cal incluso facían instrumentos musicais, como as trompas de Numancia, cerámica fina pintada etc). A metalurxia estaba presente a través de armas e fíbulas, sacando as materias primas das minas propias. Comerciaban cos seus veciños, de tal feito que comezaron a escribir antes da chegada dos romanos, tomando os seus signos do ibero e entrando así nun proceso de celtiberización, un paso máis no desenvolvemento cultural que sería destruído polos romanos.
Notas
- ↑ Estrabón: Xeografía Libro III, capítulo IV.
- ↑ del Amo y Pérez (2006), pp. 55-56
- ↑ Manuel Salinas de Frías: Pueblos prerromanos de la península ibérica, ed Akal 2006
Véxase tamén
Wikimedia Commons ten máis contidos multimedia na categoría: Arévacos |
Bibliografía
- del Amo y de la Hera, M.; Pérez Rodríguez, F.J. (2006). Museo de Palencia (en castelán). Palencia: Junta de Castilla y León. ISBN 84-9718-384-3.
- Salinas de Frías, Manuel (2006). Los pueblos prerromanos de la península Ibérica. Colección Universitaria (en castelán). Madrid: Akal. ISBN 978-8446020301.