Saltar ao contido

Isoliña

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Revisión feita o 16 de decembro de 2019 ás 06:33 por Alfonso Márquez (conversa | contribucións) (Outeiro (orografía))
(dif) ← Revisión máis antiga | Revisión actual (dif) | Revisión máis nova → (dif)

Unha isoliña (tamén chamada, isopleta, liña de contorno, liña de perímetro, curva de nivel, isógrama ou isaritma), é unha curva que conecta, nun mapa, os puntos nos que existe un mesmo valor constante da variable estudada.[1]

As isolíñas que se representan nun mapa son liñas, rectas ou curvas, que describen a intersección dunha superficie real ou hipotética cun ou máis planos horizontais. A configuración destas curvas permite aos lectores do mapa inferir o gradiente relativo da variable ou parámetro e estimar un valor nun lugar determinado.

O gradiente da función é sempre perpendicular á isolíña. Cando as liñas están moi preto entre si, a lonxitude do gradiente é grande: a variación é acentuada. Se as isoliñas adxacentes teñen o mesmo grosor de liña, a dirección do gradiente non pode determinarse e por iso empréganse diferentes grosores ou se rotulan ou etiquetan numericamente: deste xeito a dirección do gradiente pode ser facilmente apreciada.

O uso máis habitual das isoliñas é en cartografía e en meteoroloxía. Un mapa topográfico (ou mapa de curvas de nivel) utiliza isolíñas que unen puntos de igual altitude e mostra, así, a forma dos vales e os outeiros, e a pendente das ladeiras. En meteoroloxía, é usual presentar curvas de igual presión atmosférica chamadas isóbaras.

A idea de utilizar liñas que unan puntos de igual valor foi redescuberta en varias ocasións ao longo da historia. A isóbata (isolíña de profundidade) máis antiga coñecida atópase nun mapa de 1584 do río Spaarne, preto de Haarlem, obra do agrimensor holandés Pieter Bruinsz.[2] En 1701, Edmond Halley utilizou liñas isógonas nun gráfico que recollía a variación magnética en todo o mundo. En 1727, o enxeñeiro holandés Nicholas Cruquius debuxou o fondo do río Merwede con liñas de igual profundidade (isóbatas), en intervalos de 1 braza; e en 1737, Philippe Buache, utilizou un intervalo de 10 brazas para elaborar un mapa da Canle da Mancha que foi publicado en 1752.[2]

O uso destas liñas (a curva de nivel) para describir a superficie da terra foi estudado teoricamente por Ducarla en 1771, e Charles Hutton utilizouno no cálculo do volume dun outeiro en 1777. En 1791, J. L. Dupain-Triel realizou un mapa de Francia, no que reflectiu as curvas de nivel cada 20 metros de intervalo. En 1801, o tamén francés e xefe do Corpo de Enxeñeiros, Haxo, utilizou a liña de nivel a maior escala, 1:500 nunha planta para o seu proxecto para a Rocca de Aufo.[3][4][5]

Ao redor de 1843, cando en Gran Bretaña e Irlanda a Ordenance Survey comezou a recoller nos seus mapas con regularidade as liñas de nivel, estas xa eran usadas con xeneralidade nos países europeos. As isóbatas non se xeneralizaron nas cartas náuticas ata que foron publicadas en 1834 as de Rusia e en 1838 as de Gran Bretaña.[6][7]

Cando os mapas con curvas de nivel ou isolíñas fixéronse habituais, a idea de utilizar este tipo de representación propagouse a todo tipo de aplicacións. Talvez os de máis recente desenvolvemento son os mapas de curvas de calidade do aire e contaminación acústica, que apareceron por primeira vez nos Estados Unidos de América, aproximadamente cara a 1970, en gran parte como resultado da lexislación nacional que requiría a delimitación espacial deses parámetros.

Tipos de isoliñas

[editar | editar a fonte]

A algunhas isoliñas adóitaselles dar un nome específico, que comeza polo prefixo «iso» (do grego ισος (isos), que significa igual) segundo a natureza da variable que se mantén constante, aínda que en moitos campos fálase simplemente de curvas de nivel: a isoterma é unha liña de temperatura constante; a isóbara é unha liña de presión constante; e a isógona é unha liña ao longo da cal un ángulo se mantén constante (do grego iso-gonios = iguais ángulos).

O prefixo «iso» pode substituírse por «isallo» para especificar unha liña que une puntos nos que unha variable cambia ao mesmo ritmo durante un período determinado.

O uso de nomes específicos está moi estendido en Meteoroloxía, en que se usan nun mesmo mapa ou diagrama (xeralmente, isóbaras e isotermas) para presentar unha imaxe dos principais factores que afectan o tempo. As isoliñas empregadas en Meteoroloxía baséanse na xeneralización dos datos recibidos desde a estación meteorolóxica. As estacións de cando en cando colócanse exactamente nunha isoliña (cando o están, indica unha medición precisa igual ao valor da isoliña). En lugar diso, as liñas son debuxadas coa mellor aproximación dos valores exactos, baseados na dispersión da información dispoñible. Os mapas do tempo poden presentar datos recolleitos, como a presión de aire nun momento dado, ou unha extrapolación deses datos, como a presión media durante un período, ou os prognósticos de tempo, como a predición da presión de aire nalgún momento futuro.

Ademais destas isoliñas, en varios tipos de gráficos empregados en termodinámica, enxeñaría e outras ciencias usan isóbaras (para amosar presións constantes), isotermas (temperaturas constantes), isochors (para volumes específicos constante), ou outros tipos de isoliñas (ou curvas), aínda que estes gráficos non están xeralmente relacionadas con mapas. Esas isoliñas son útiles para a representación de máis de dúas dimensións (ou cantidades) en gráficos bidimensionais. Os exemplos máis habituais en termodinámica son algúns tipos de diagrama de fase.

Outros fenómenos

[editar | editar a fonte]
  1. Definición de isoliña no Dicionario de Galego de Ir Indo e a Xunta de Galicia.
  2. 2,0 2,1 Morato-Moreno, Manuel. "Orígenes de la representación topográfica del terreno en algunos mapas hispanoamericanos del s. XVI". 
  3. R. A. Skelton, "Cartografía", "Historia de la Tecnología, Oxford, vol. 6, págs. 612-614, 1958.
  4. Coronel Berthaut,La Carte de Francia, vol. 1, pág 139, citado por Close (véase más adelante).
  5. C. Hutton, "An account of the calculations made from the survey and measures taken at Schehallien, in order to ascertain the mean density of the Earth" («Una reseña de los cálculos efectuados a partir de la encuesta y las medidas tomadas en Schehallien, a fin de determinar la densidad media de la Tierra»), "Philosophical Transactions de la Royal Society de Londres, vol. 68, págs. 756-757.
  6. C. Close, The Early Years of the Ordnance Survey, 1926, reeditado por David y Charles, 1969, ISBN 0-7153-4477-3, págs. 141-144.
  7. T. Owen and E. Pilbeam, Ordnance Survey: Map Makers to Britain since 1791, HMSO, 1992, ISBN 0-11-701507-5.

Véxase tamén

[editar | editar a fonte]

Outros artigos

[editar | editar a fonte]