Parque nacional
- Véxase tamén: Espazo natural protexido.
Un parque nacional é, no marco lexislativo español, un espazo natural declarado como parque por estar pouco transformado pola explotación ou pola ocupación humana e que, en razón á beleza das súas paisaxes, a representatividade dos seus ecosistemas ou a singularidade da súa flora, da súa fauna ou das súas formacións xeomorfolóxicas, posúe uns valores ecolóxicos, estéticos, educativos e científicos, co cal a súa conservación merece unha atención preferente.[1][2] Poden ser marítimos ou terrestres, e encontrarse na montaña, no mar, no deserto ou en calquera outro espazo definido xeograficamente.
O único parque nacional galego é o Parque Nacional das Illas Atlánticas.
O termo de parque nacional pode ser unha figura legal similar noutros estados para a conservación de espazos naturais.
Parques nacionais por estados
España
En España existen os seguintes espazos naturais clasificados como "parques nacionais":[3]
Nome | Comunidade autónoma | Data de declaración | Superficie (ha.) |
---|---|---|---|
Aigüestortes i Estany de Sant Maurici | Cataluña | 21/10/1955 | 14119 |
Archipélago de Cabrera | Illas Baleares | 29/4/1991 | 10021 |
Cabañeros | Castela-A Mancha | 20/11/1995 | 40856 |
Caldera de Taburiente | Canarias | 6/10/1954 | 4690 |
Doñana | Andalucía | 16/10/1969 | 54252 |
Garajonay | Canarias | 15/3/1981 | 3984 |
Illas Atlánticas | Galiza | 1/7/2002 | 8480 |
Monfragüe | Estremadura | 2/3/2007 | 18396 |
Ordesa e Monte Perdido | Aragón | 16/8/1918 | 15696,20 |
Picos de Europa | Asturies | 24/7/1918 | 67127,59 |
Serra de Guadarrama | Madrid, Castela e León | 25/7/2013 | 33960 |
Serra Nevada | Andalucía | 11/1/1999 | 85883 |
Tablas de Daimiel | Castela-A Mancha | 28/6/1973 | 3030 |
Teide | Canarias | 22/1/1954 | 18990 |
Timanfaya | Canarias | 9/8/1974 | 5107,50 |
Galiza
En Galiza ademais dos parques nacionais cabe engadir os espazos declarados polo goberno autonómico, os parques naturais. Ambas son as categorías de das áreas naturais protexidas de maiores restricións, co mesmo nivel de amparo e que lle corresponde á comunidade xestionalos. O único parque nacional galego é o Parque Nacional das Illas Atlánticas, que cobre ás illas Cíes, Ons, Sálvora e Cortegada, todas nas rías Baixas. As illas Cíes foron declaradas en 1980 como parque natural e declaradas máis tarde, canda as demais illas das Rías Baixas, como Parque Nacional[4][5]
Portugal
A lexislación portuguesa ten recoñecido só ao Parque Nacional de Peneda-Gerês como parque natural. Este forma parte da reserva da biosfera galego-portuguesa Gerês-Xurés.[6]
Notas
- ↑ Boletín Oficial del Estado, eds. (15/12/2007). "Ley 42/2007, de 13 de diciembre, del Patrimonio Natural y de la Biodiversidad. «BOE» núm. 299, de 14/12/2007.". Consultado o 2017-10-03.
- ↑ Presidencia da Xunta de Galicia (Martes, 04 de setembro de 2001). Xunta de Galicia, eds. "LEI 5/2019, do 2 de agosto, do patrimonio natural e da biodiversidade de Galicia." (DOG Núm. 171): 11.754.
- ↑ Ministerio de Agricultura y Pesca, Alimentación y Medioambiente, Goberno de España (eds.). "Red de Parques Nacionales: nuestros parques". Arquivado dende o orixinal o 04 de novembro de 2017. Consultado o 04 de novembro de 2017.
- ↑ (Dirección Técnica) Ricardo García-Borregón Millán, Rogelio Fernández Díaz, Belén Bris Marino (Redacción) Pablo Ramil Rego, Rafael Crecente Maseda, Javier Ferreiro da Costa, Boris Alejandro Hinojo Sánchez, Belén de Nóvoa Fernández, Marco Antonio Rubinos Román, Manuel Antonio Rodríguez Guitián, Enrique Valero Gutiérrez del Olmo, Juan Picos Martín, Xana Álvarez Bermúdez, Víctor Estévez González, Enrique Urcola Fernández-Miranda, Patricio Aguilar Cavanillas, Lucía Martínez de la Fuente (Xuño de 2012). Plan Director da Rede Natura 2000 de Galicia, Documento de síntese (PDF). Santiago de Compostela. p. 253. Consultado o 17/09/2017.
- ↑ Norma RD 2497/1980 publicada no BOE/DOGa 15/11/1980
- ↑ Instituto da Conservação da Natureza e das Florestas (eds.). "Parque Nacional da Peneda-Gerês". Arquivado dende o orixinal o 23 de agosto de 2020. Consultado o 04 de novembro de 2017.