Coalición Galega
Coalición Galega | |
---|---|
Partido político de Galicia | |
Dirixentes e organización | |
Líder | Xosé María Artiaga Díaz |
Historia | |
Fundación | 1983 |
Posicións políticas | |
Ideoloxía | Galeguista Centrismo |
Representación | |
Representación | sen representación parlamentaria |
Outros datos | |
Sede | Avda. Havana, 57 entresollado, 32003 Ourense |
Na rede | |
http://coaliciongalega.webnode.es/ | |
Coalición Galega foi unha coalición electoral creada para as eleccións municipais de 1983. O seu ideario era de centro[1] e galeguista. Tras un importante éxito electoral foise esvaíndo e dende o 4 de novembro de 2005 pasou a formar parte de Terra Galega ata 2010. Nas eleccións xerais de 2015 concorreu na coalición Nós - Candidatura Galega.[2]
Coalición
[editar | editar a fonte]Nacida como coalición electoral para as eleccións municipais de 1983, presentouse o 18 de febreiro de 1983. Nela incorporáronse boa parte dos dirixentes (en especial Eulogio Gómez Franqueira) e partidos galegos, Partido Galego Independente, Centristas de Ourense, Converxencia de Independentes de Galicia, procedentes da descomposición da UCD logo da súa desfeita nas eleccións xerais de 1982. Uníronse tamén sectores galeguistas, en especial o Partido Galeguista. O resultado das eleccións municipais de 1983, colocárona como a terceira forza política de Galicia a escasa distancia en número de concelleiros do PSOE. En efecto, se o PSOE obtiña 926, Coalición Galega obtiña 858. As preto de 50 alcaldías e os máis de 125.000 votos, supuñan un arranque prometedor.[3] A cuarta forza política, o BNG aparecía a moita distancia con 118 concelleiros.
Como consecuencia destes resultados, Coalición Galega facíase coa Deputación de Ourense. O seu Presidente ía ser Victorino Núñez.
Fundación do partido e escisión
[editar | editar a fonte]Os bos resultados das eleccións (125.000 votos) propiciaron que en 1984 se transformase nun partido político, de carácter nacionalista moderado nun congreso constituínte que se celebrou o 26 e 27 de maio e que elixiu presidente a Antonio Díaz Fuentes e secretario xeral a Xosé Henrique Rodríguez Peña[4]; CG mantiña unha estrutura clientelar nas zonas rurais das provincias de Ourense e Lugo, herdada da UCD[Cómpre referencia]. Boa parte desta estrutura escindiríase coa marcha de Victorino Núñez. Tras a grave enfermidade de Franqueira, Victorino Núñez fundaba outro partido, Centristas de Galicia, tamén nacionalista moderado pero disposto a entenderse con Manuel Fraga Iribarne e o seu refundado Partido Popular. A escisión progatonizada por Victorino Núñez, privaba a Coalición Galega da Deputación de Ourense que quedaba nas mans de Centristas de Galicia.
Eleccións autonómicas do 85 e xerais do 86
[editar | editar a fonte]Este artigo precisa de máis fontes ou referencias que aparezan nunha publicación acreditada que poidan verificar o seu contido, como libros ou outras publicacións especializadas no tema. Por favor, axude mellorando este artigo. (Desde outubro de 2022.) |
Con varios deputados da extinta UCD, formouse un Grupo Parlamentario no Parlamento de Galicia co nome de Coalición Galega, onde comezou a despuntar Pablo González Mariñas, procedente do Partido Galego Independente. Coa enfermidade de Franqueira ofreceuse a candidatura ao daquela subdirector xeral do Banco de España Víctor Moro. Este pronunciou o seu primeiro discurso ante unha entusiasta militancia o 31 de marzo de 1985. Con todo, pronto agromaron discrepancias cos pesos pesados do partido e finalmente o candidato sería Pablo González Mariñas. Tería que procurar que no mesmo espazo político un ascendente CDS de Adolfo Suárez non lle comese terreo e que o Partido Galeguista, onde ficaron os que non quixeron integrarse, non lle contrarrestase o voto nacionalista moderado. Así mesmo, tiña que neutralizar o xiro autonomista que AP protagonizara en Galicia da man de Xosé Luís Barreiro Rivas e o antigo galeguista do Partido Popular Galego, Xerardo Fernández Albor, presidente da Xunta de Galicia e candidato a bater.
Nas eleccións autonómicas de 1985, baixo o liderado de Pablo González Mariñas, e o apoio activo de CIU, obtivo 163.425 votos (13%) e 11 escanos. A Coalición Popular de Fraga Iribarne non acadara a maioría absoluta polo que para a reelección do seu candidato, Xerardo Fernández Albor, necesitaría o apoio de Coalición Galega, que daquela se convertía en chave da gobernabilidade. Non tardarían en sentirse as presións.
No partido perfílanse dous sectores, un partidario de pactar coa esquerda, (PSOE e Esquerda Galega) un denominado "Goberno de Progreso" e outro que avogaba por dar ao seu apoio á dereita. Houbo unha sesión de investidura o 17 de decembro con dúas votacións negativas. Finalmente acordouse permitir a elección de Xerardo Fernández Albor como Presidente da Xunta pero sen entrar no Goberno tal como inicialmente lle fora ofrecido. Albor será finalmente investido o 21 de febreiro de 1986, o seu vicepresidente será Barreiro Rivas. Coalición Galega seguía unida, porén no Parlamento os dous sectores cada volta distáncianse máis.
Nas eleccións xerais de 1986 obtén só un deputado (Senén Bernárdez Álvarez), o primeiro deputado nacionalista nas Cortes españolas logo da fin da II República. Se as autonómicas foran entendidas como un éxito esperanzador, as xerais foron concibidas como un fracaso tanto maior canto que na campaña se arelaba, sobre a base dos resultados anteriores, acadar Grupo Parlamentario.
División
[editar | editar a fonte]As diferenzas entre os dous sectores agudízanse a fins de 1986, mesmo votando no Parlamento por separado os orzamentos, o 16 de setembro Coalición Galega quedou con 6 escanos ao pasar os outros 5 deputados ao grupo mixto. En xaneiro de 1987, eses deputados que representaban os sectores máis nacionalistas e progresistas de Coalición Galega, dirixidos por Pablo González Mariñas e Xosé Henrique Rodríguez Peña, forman o Partido Nacionalista Galego. Neste novo partido confluirá o que quedaba do PG e dará lugar ao PNG-PG.[5].
Para concorrer ás eleccións municipais de 1987 CG forma a Coalición Progresista Galega xunto ao Partido Demócrata Popular de Enrique Marfany e o Partido Liberal de José María Pardo Montero, conseguindo o 11.07% dos votos e 607 concelleiros. Coalición Progresista Galega resultaba ser a terceira forza política de Galicia, moi por riba dos seus inmediatos seguidores: O CDS con 274 concelleiros e o BNG con 143.
Tripartito: a experiencia de Goberno
[editar | editar a fonte]Trala marcha de Xosé Luís Barreiro do Partido Popular de Galicia en setembro de 1987 e a súa integración con outros catro deputados por AP, en Coalición Galega, esta entrou no goberno tripartito (PSOE, CG e PNG) dirixido por Fernando González Laxe, froito dunha moción de censura a Albor acordada no chamado "Pacto dos Tilos". Barreiro era novamente o vicepresidente da Xunta e facíase co control de Coalición Galega. As Consellarías de Sanidade (Pablo Padín), Educación (Suárez Vence) e Industria (Santos Oujo) eran tamén para Coalición Galega.[6] Notables desta formación como Fernando García Agudín abandonaban o proxecto.
Froito desa experiencia de Goberno foi a creación das Universidades de Vigo e A Coruña.
Os excompañeiros de AP de Barreiro presentan unha denuncia por prevaricación e suborno contra Barreiro por uns feitos acontecidos cando este era membro do Goberno popular. O líder de Coalición Galega, acusado de "felonía" polos seus antigos compañeiros e coa espada de Damocles dun proceso xudicial penal, dimite un 28 de xullo de 1988.
Nas eleccións europeas de xuño de 1989, a pesar dos malos resultados en Galicia, e grazas a un pacto co PNV, Agrupaciones Independientes de Canarias e outros partidos, Coalición Galega poderá ter un eurodeputado, ao exercer a quenda que lle correspondía na candidatura conxunta de Coalición Nacionalista. De aí que José Domingo Posada ocupase posto de eurodiputado do 15 de xullo de 1993 ao 18 de xullo de 1994, integrado no grupo Arco da Vella, sendo o primeiro eurodeputado nacionalista presente nese parlamento, e o primeiro en falar o idioma propio.[7]
Nas eleccións xerais de 1989, pasa a ser xa a quinta forza política de Galicia con 45.821 votos, fica sen escano e é superada polo BNG.
Declive
[editar | editar a fonte]Nas eleccións autonómicas de 1989 sofre un forte retroceso electoral ao obter 48.208 votos (3'6%) e 2 escanos. Barreiro Rivas, o número un por Pontevedra, quedaba sen escano.
Nas eleccións autonómicas de 1993 Coalición Galega queda sen representación parlamentaria ao obter 6.098 votos (0'42%).
José Posada foi o presidente de Coalición Galega ata o seu falecemento e Fernando Alonso Lorenzo o seu secretario xeral. CG tivo 3.587 votos (0,21%) e 12 concelleiros nas eleccións municipais de 2003 e 2.235 votos (0,12%) nas eleccións xerais de 2004.
Dende o 4 de novembro de 2005 formou parte de Terra Galega ata 2010. Nas eleccións xerais de 2015 concorreu na coalición Nós - Candidatura Galega.[2]
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ Justo G. Beramendi, De provincia a nación. Edicións Xerais, 2007, páxina 1.113
- ↑ 2,0 2,1 "Nós-Candidatura Galega aspira a ter grupo propio nas Cortes". TVG. 19 de novembro de 2015. Arquivado dende o orixinal o 18 de setembro de 2016. Consultado o 24 de agosto de 2016.
- ↑ A gran historia de Galicia, XIV, volume 2, Ed. La Voz de Galicia, 2002, pax. 44.
- ↑ Manuel Anxo Fernández Baz A formación do nacionalismo galego contemporáneo (1963-1984), Laivento, 2003, páx. 166
- ↑ Beramendi, J. e Núñez Seixas, Xosé Manuel, O Nacionalismo Galego, Ed. A Nosa Terra, Vigo 1995, pax. 276
- ↑ Xosé de Cora, Barreiro contra Barreiro, Edicións Xerais, Vigo 1990, pax. 318
- ↑ "Morre José Posada, o primeiro en usar o galego no Parlamento europeo", Praza Pública, 14/01/2013
Véxase tamén
[editar | editar a fonte]Bibliografía
[editar | editar a fonte]- Coalición Galega (1986). Aportación a unha política de Estado. Así faremos que Galicia sexa escoitada. Pontevedra: Gráficas Portela. Depósito legal PO 125-1986.