Saltar ao contido

VIII Rexión Militar

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
(Redirección desde «Capitanía Xeneral de Galicia»)
VIII Rexión Militar
Capitanía Xeral de Galicia

Capital A Coruña
Comunidade Autónoma Galicia Galicia
A Capitanía Xeneral da Coruña.

A Capitanía Xeneral de Galicia coñecida tamén como VIII Rexión Militar ten a súa orixe no reinado dos Reis Católicos, cando foi creada para substituír o cargo de Adiantado Maior do Reino da Baixa Idade Media e os condes da Alta Idade Media.[1]

O primeiro en ostentar o cargo de Gobernador e Capitán Xeneral de Galicia foi Fernando de Acuña y de Herrera, nomeado polos Reis Católicos en 1480 co obxectivo de pacificar un reino conflitivo e permanentemente en pé de guerra. Por Real Cédula do 3 de agosto de 1480, os Reis nomean a Fernando de Acuña e a Garci López de Chinchilla «nuestros jueces en todo el dicho reyno de Galicia, en quanto nuestra merced e voluntad fuere», con atribucións amplas esencialmente xudiciais, pero tamén de goberno por canto tiña a autoridade propia dun período de excepción[2]. O cabido de Santiago, nun acordo do 12 de marzo de 1481, cualifica a Fernando de Acuña de visorey.[3]

O primeiro Gobernador do Reino de Galicia que levou explicitamente o título de Capitán Xeneral foi Pedro López de Ayala en 1521,[4] aínda que non lle reportou máis poderes dos que xa tiña.[4]

Funcións

[editar | editar a fonte]

O Capitán Xeneral e Gobernador de Galicia tiña a función de coñecer e sentenciar as causas civís ou criminais. Tamén tiña o poder para desterrar calquera persoa que crese necesario, nomear xuíces e corrixidores, o levantamento en armas dunha ou máis comarcas e a esixencia do concurso de toda a xente de guerra.[1] Tamén tiña o cargo de Presidente da Real Audiencia de Galicia, o que provocou disputas entre A Coruña e Santiago de Compostela por quedar coa residencia do Gobernador.[1] Finalmente, o rei Filipe II decidiu, mediante Real cédula de 14 de agosto de 1564 que a Capitanía Xeneral fose trasladada á cidade da Coruña.[1]

Os Capitáns Xenerais tiveron pois ocasión de, actuando en nome do Real Servizo que era o seu cometido principal, combater en numerosas ocasións xunto ao pobo galego na defensa de cidades, pobos e do territorio de Galicia e promover investimentos de todo tipo en obras militares e civís, tanto para modernizar defensas de portos e fronteiras de Galicia e dotar a este territorio dunha máis adecuada infraestrutura castrense, como para mellorar comunicacións e contribuír a racionalizar urbanismos nalgunhas cidades.[4]

VIII Rexión Militar

[editar | editar a fonte]

A división de España en Capitanías Xenerais data de 1705, cando se axustaron aos antigos reinos que constituían a Monarquía Hispánica. Tratábanse de trece rexións: Andalucía, Aragón, Burgos, Canarias, Castela a Vella, Cataluña, Estremadura, Galicia, Costa de Granada, Guipúscoa, Mallorca, Navarra e Valencia.

En 1898 volveuse a dividir o territorio peninsular en sete novas Rexións Militares, á vez que se constituíron as Comandancias Xenerais de Baleares, Canarias, Ceuta e Melilla.

Trala proclamación da Segunda República, un decreto gobernamental disolveu as rexións militares que foron substituídas polas Divisións Orgánicas.[5] En xullo de 1936, desempeñaba a xefatura da VIII División Orgánica o xeneral Enrique Salcedo Molinuevo. En xullo de 1939, tras finalizar a Guerra Civil Española quedan restablecidas as rexións militares. Á VIII Rexión asígnase o VIII Corpo de Exército con dúas divisións: a 81.ª (A Coruña) e a 82.ª (Lugo).[6]

Territorio

[editar | editar a fonte]

Comprendía as catro provincias galegas: A Coruña, Lugo, Orense e Pontevedra.

A Rexión Militar responde xa a un modelo de defensa territorial histórico posto que desde 2002 as Forzas Armadas españolas organízanse en unidades tácticas en función dos cometidos e misións asignados.[7]

  1. 1,0 1,1 1,2 1,3 Gran Enciclopedia Galega Silverio Cañada.
  2. Laura Fernández Vega, La Real Audiencia de Galicia como órgano de gobierno durante el Antiguo Régimen, 1480-1808, Vol II, A Coruña, 1983, páx. 72.
  3. López Ferreiro, Antonio (1904). Historia de la Santa A. M. Iglesia de Santiago de Compostela (en castelán) 7. p. 296. 
  4. 4,0 4,1 4,2 Verdera Franco.
  5. Gaceta de Madrid núm. 168, del 17 de junio de 1931
  6. Decreto do Ministerio de Defensa de 21 de xullo de 1939
  7. Real Decreto 912/2002, de 6 de septiembre, por el que se desarrolla la estructura básica de los Ejércitos.

Véxase tamén

[editar | editar a fonte]

Bibliografía

[editar | editar a fonte]

Outros artigos

[editar | editar a fonte]