Saltar ao contido

Carlinga

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

Nunha aeronave, a carlinga é a cabina ou habitáculo para a tripulación e a pasaxe.[1][2]

En aviación militar, a carlinga refírese ao teito transparente que recobre a cabina de voo dun avión.

En automoción, a carlinga fai referencia a un teito basculante que se retira para poder acceder ao habitáculo, a semellanza das cabinas dos avións de combate.

En náutica, o termo carlinga pode referirse tanto á localización dos controis do temón do barco como ao oco, xeralmente cadrado, no que encaixa a base do mastro.

En ciencia ficción, o termo emprégase para referirse ás cabinas de control de naves espaciais, robots xigantes tripulados e máquinas de guerra, como os BattleMech ou os AT-AT da Guerra das Galaxias.

Etimoloxía

[editar | editar a fonte]

A carlinga é, necesariamente, un espazo estreito e provisto de numerosos aparellos. De aí procede o seu nome en inglés, cockpit, que se designaba orixinariamente a cancha disposta para as pelexas de galos. En inglés pit significa «foxo» e cock significa «galo» («o foxo dos galos»). Co tempo pasou a denominar o espazo onde ten lugar unha cruenta batalla. Por iso, durante a primeira guerra mundial os pilotos de aviación empezaron a chamar cockpit á estreita carlinga disposta para dirixir o voo.

A partir de aí tamén se empregaría o termo para designar o espazo dos barcos destinado ás operacións de navegación.

O termo procede do francés carlingue e este do nórdico antigo kerling.[3]

Nunha aeronave

[editar | editar a fonte]

En xeral, a carlinga é o espazo do avión reservado para as operacións de voo. Trátase dun habitáculo pechado situado preto da parte dianteira desde a que se controla a aeronave mediante os instrumentos de voo do panel de control e outros mandos. Nos avións comerciais adoita haber polo menos dous pilotos e un radiotelegrafista.

  1. Definicións no Dicionario da Real Academia Galega e no Portal das Palabras para carlinga.
  2. Colegio Oficial de Ingenieros Navales y Oceánicos. Delegación en Galicia. "Carlinga". Dicionario Galego de Construción Naval. Consultado o 30 de agosto de 2023. 
  3. "Carlinga". DIGALEGO. Consultado o 30 de agosto de 2023.