Aparato reprodutor feminino
O aparato reprodutor feminino é o aparato xenital situado na zona pélvica das mulleres no cal ten lugar a produción dos gametos femininos (óvulos), a fecundación e formación do cigoto, a xestación do embrión e a súa expulsión ao exterior (parto), e a produción de diversas hormonas. Consta de ovarios, trompas de Falopio, útero, vaxina e xenitais externos (vulva).[1]
Partes do aparato reprodutor feminino
[editar | editar a fonte]Consta de órganos internos e externos:[1][2]
Órganos internos
[editar | editar a fonte]- Ovarios. Son os órganos que producen os gametos femininos ou óvulos. Os ovarios xeralmente teñen o tamaño dunha améndoa. Están dentro da cavidade abdominal sostidos por ligamentos. O proceso de formación dos óvulos ten lugar dentro dunhas estruturas ováricas chamadas folículos ováricos, que pasan por distintas fases de maduración ata que liberan o óvulo. Cada folículo contén un só óvulo, e en cada ciclo menstrual madura un folículo e libera un óvulo.
- Os ovarios tamén teñen unha función endócrina, xa que producen estróxenos e proxesterona, hormonas que regulan o desenvolvemento dos caracteres sexuais secundarios, como a aparición de pelo corporal ou o desenvolvemento das glándulas mamarias, controlan o ciclo menstrual e preparan o organismo para un posible embarazo.
- Trompas de Falopio ou tubas uterinas. Condutos de entre 10 e 13 cm que comunican os ovarios co útero e teñen como función levar o óvulo ou o cigoto ata o útero. A fecundación normalmente ten lugar nas trompas. En raras ocasións o embrión pode desenvolverse nunha das trompas orixinándose un perigoso embarazo ectópico. O infundíbulo é a parte ensanchada que dá ao ovario, onde hai uns flocos chamados fimbrias. No outro extremo a abertura que desemboca no útero denomínase ostium tubárico.
- Útero. Órgano oco e musculoso con forma de pera no que se desenvolverá o feto durante a xestación. A parede interior do útero é o endometrio, o cal presenta cambios cíclicos mensuais controlados hormonalmente, e despréndese e sangra (regra) en cada ciclo menstrual. Debaixo do endometrio hai unha capa de músculo liso (miometrio) importante nas contraccións do parto. No útero fórmase a placenta que comunica o aparato circulatorio da nai e o do feto. A zona de conexión coa vaxina é o cérvix uterino, máis estreito e con glándulas mucosas.
- Vaxina. É o canal elástico e muscular que comunica o útero co exterior, na que se produce a copulación, por onde entran os espermatozoides, e por onde sae o fluxo menstrual e o neno durante o nacemento.
Os órganos xenitais internos reciben irrigación sanguínea fundamentalmente da arteria uterina, rama da arteria ilíaca interna e da arteria ovárica, rama da aorta.
A innervación procede de fibras simpáticas do plexo celíaco e por fibras parasimpáticas procedentes do nervio pélvico.
Órganos externos
[editar | editar a fonte]- Artigo principal: Vulva.
En conxunto denomínanse vulva e están compostos por:[1][2]
- Clítoris. Prominencia situado na confluencia dos labios na parte anterior, diante do orificio uretral. Órgano que contén tecido eréctil, que se enche de sangue durante a excitación, e moitas terminacións nerviosas. Considérase homólogo ao pene masculino.
- Labios. Son repregamentos cutáneos con tecido adiposo. Os máis externos son os labios maiores e dentro deles están os labios menores. Os labios maiores delimitan a fosa pudenda, e os menores o vestíbulo vaxinal. Teñen glándulas sebáceas e sudoríparas. A parte externa dos labios maiores ten pelos. Xeralmente os labios maiores están en contacto tapando a fosa pudenda, de maneira que normalmente os labios menores e o vestíbulo vaxinal case non se ven. As porcións laterais dos labios menores únense sobre o clítoris, formando un pregamento chamado prepucio do clítoris.
- Monte de Venus. É unha almofada adiposa situada na cara anterior da sínfise pubiana, diante do clítoris, cuberta de pelo pubiano e provisto de glándulas sebáceas e sudoríparas.
- Vestíbulo vaxinal. Unha área en forma de améndoa onde están os orificios vaxinal e o meato da uretra e os orificios das glándulas de Bartholin e das glándulas parauretrais de Skene. No orificio vaxinal, encóntrase unha membrana chamada hime, que tapa parcialmente a vaxina nas mulleres virxes.
A forma e aparencia exacta dos órganos sexuais externos femininos varía dunha muller a outra.
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ 1,0 1,1 1,2 E. P. Salomon, C. A. Villee, P. W. Davis. Biología. Ed. Interamericana. 1987. Páxinas 1042-1045. ISBN 968-25-1225-5.
- ↑ 2,0 2,1 G. J. Romanes. Cunninham Tratado de Anatomía. Interamericana-Mc Graw Hill. 12ª edición. Páxinas 603-612. ISBN 84-7605-359-2.
Véxase tamén
[editar | editar a fonte]Wikimedia Commons ten máis contidos multimedia na categoría: Aparato reprodutor feminino |