Baño de bosque
Un baño de bosque é unha inmersión na natureza durante a cal os participantes espertan os sentidos e baixan o ritmo co fin de fortalecer a saúde física e mental[1].
Trátase dunha actividade orixinaria do Xapón, onde é coñecida coma shinrin-yoku, que gañou popularidade en Europa e os Estados Unidos de América a principios do século XXI, dentro dunha crecente corrente de interese polo medio ambiente, o contacto coa natureza ou a biofilia.
É unha experiencia eminentemente sensorial que permite conectar co ambiente e cun mesmo a través dos sentidos, observando, escoitando, tocando... O obxectivo desta práctica é reducir o estrés e mellorar a concentración, a saúde e o benestar.
Un baño de bosque ten unha duración aproximada de 2 horas e media no que se percorre menos de 2 quilómetros.
Historia
[editar | editar a fonte]A práctica dos baños de bosque, shinrin-yoku ou terapia de bosque orixinouse no Xapón nos anos 80 como resposta aos altos índices de estrés que mostraba a poboación.
Tratando de facer fronte ao chamado karoshi[2] (termo xaponés que identifica as mortes provocadas polo exceso de traballo), o goberno nipón impulsou a práctica dos baños de bosque.
Os obxectivos que se perseguían eran fundamentalmente dous:
- Poñer en valor os bosques e espazos naturais do país.
- Combater o crecente estrés da poboación e favorecer a relaxación.
Estudos científicos
[editar | editar a fonte]Dous expertos destacaron na investigación dos efectos dos baños de bosque e o contacto coa natureza na saúde das persoas:
- O inmunólogo e Director da Sociedade Xaponesa de Medicina Forestal, Qing Li. “[O bosque] Prevén a enfermidade ao diminuír notablemente a hormona da tensión que causa tantas enfermidades. Reduce a tensión arterial e o azucre en sangue, mellora a saúde cardiovascular e metabólica, a concentración, a memoria e o limiar da dor”.[3]
- O investigador e doutor en medicina Yoshifumi Miyazaki.[4] “Cando pasamos tempo nos bosques, inconscientemente experimentamos relaxación a través dos cinco sentidos".[5]
Desde os anos 90, leváronse a cabo diferentes investigacións sobre os efectos beneficiosos que o contacto coa natureza ten na saúde e o benestar das persoas.
A idea da que parten a maioría destes estudos é que, cando estamos en contacto coa natureza, sentimos mellor, relaxámonos.
No ano 2010, o Dr Qing Li concluíu que, ao reducir o estrés e o nivel de cortisol[6], a práctica dos baños de bosque reforzaba o sistema inmunitario. Ademais, incrementaba a concentración en sangue das células NK[7] (ou “natural killers” en inglés), e que este efecto podía manterse, polo menos, durante 7 días.
No ano 2014, o profesor E. Miyazaki e o seu equipo demostraron que, tras realizar camiñadas de 15 minutos no bosque, diminuían o nivel de cortisol en saliva (a chamada hormona do estrés) e o ritmo cardíaco. A nivel psicolóxico, constataron un incremento da calma, vitalidade e sensación de benestar, e unha redución dos sentimentos negativos como a ansiedade e o nerviosismo.[8]
En 2018, un grupo de investigadores polacos, realizou un experimento[9] no que se avaliaban o impacto dos baños de bosque na relaxación fisiolóxica e psicolóxica. Os resultados confirmaron as conclusións de estudos previos: diminución do ritmo cardíaco, a presión arterial, a ansiedade ou a hostilidade, e incremento da relaxación, a vitalidade e a sensación de benestar.
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ "Qué son los Baños de Bosque o Shinrin-Yoku: origen, beneficios y cómo disfrutarlos". Habla del Bosque (en castelán).
- ↑ "Qué es el "karoshi", la muerte por exceso de trabajo que en Japón es un problema de salud pública". BBC (en castelán).
- ↑ "Dr. Qing Li". La Vanguardia (en castelán).
- ↑ "Yoshifumi Miyazaki". Chiba University (en inglés). Arquivado dende o orixinal o 27 de decembro de 2019.
- ↑ "Baño de bosques, la tradición budista convertida en terapia que beneficia tu salud". EcoDiario (en castelán). Arquivado dende o orixinal o 27 de maio de 2020.
- ↑ "¿Qué le pasa a tu cuerpo cuando tienes exceso de cortisol?". AARP Foundation (en castelán).
- ↑ "Effect of forest bathing trips on human immune function". NCBI (en inglés).
- ↑ "Influence of forest therapy on cardiovascular relaxation in young adults". NCBI (en inglés).
- ↑ "The Effects of a Short Forest Recreation Program on Physiological and Psychological Relaxation in Young Polish Adults". MDPI (en inglés).