Saltar ao contido

FC Bayern München

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
(Redirección desde «Bayern de Múnic»)
Bayern München
NomeFußball-Club Bayern München
Alcume(s)Der FCB
Die Bayern
Fundación27 de febreiro de 1900 (124 anos)
EstadioAllianz Arena,
Múnic, Alemaña
Inauguración30 de maio de 2005
Capacidade75.000
PresidenteAlemaña Karl-Heinz Rummenigge
AdestradorAlemaña Hans-Dieter Flick
Liga1. Bundesliga
2021/22
Vestimenta Adidas
PatrocinadorTelekom
Na rede
http://www.fcbayern.de/
Facebook: FCBayern Twitter: FCBayern Instagram: fcbayern LinkedIn: fcbayern Snapchat: fcbayernsnaps Youtube: UCZkcxFIsqW5htimoUQKA0iA TikTok: fcbayern Musicbrainz: d819e9f7-5d42-4aab-9692-9ba89f30fe48 Discogs: 1714897 Editar o valor en Wikidata
Titular
Alternativo
Terceiro

O Fußball-Club Bayern München e. V. (comunmente en galego: Bayern de Múnic) é un club deportivo bávaro con sede na cidade de Múnic (Alemaña). É principalmente coñecido pola súa sección de fútbol profesional, a cal fai que o Bayern sexa o club de fútbol con máis éxito de Alemaña e un dos máis importantes de Europa. Xoga dende 1965 na 1. Bundesliga, máxima categoría do fútbol alemán.

O club foi fundado o 27 de febreiro de 1900 por once xogadores de fútbol dirixidos por Franz John. Aínda que o Bayern gañou o seu primeiro campionato nacional en 1932, o club non foi seleccionado para a primeira edición da Bundesliga en 1963, e non foi até 1965, a terceira edición, cando apareceu, rematando finalmente en terceiro lugar. O club tivo a súa época de maior éxito a mediados da década de 1970, cando baixo a dirección de Franz Beckenbauer, gañaron a Copa de Europa tres veces consecutivas (1974-76). A comezos da década de 2010, o Bayern chegou tres veces en catro anos á final da Liga de Campións da UEFA, conseguindo o título na edición de 2013 ante o Borussia Dortmund, o que supuxo o seu quinto trofeo continental. Na tempada 2019/20 o club gañou a súa sexta Liga de Campións, a súa trixésima Bundesliga (a oitava consecutiva) e a súa vixésima Copa de Alemaña.

Dende o comezo da tempada 2005-06 o Bayern xoga os seus partidos como local no Allianz Arena, con capacidade para 69.901 espectadores. Anteriormente, o equipo xogou durante trinta e tres anos no Estadio Olímpico de Múnic. As cores do equipo son o vermello e o branco, e o seu escudo mostra as cores de Baviera. O Bayern é un club de socios con 162.187 membros. Tamén hai rexistrados 2.764 clubs oficiais de seguidores cun total de 192.160 membros. O club conta con outros departamentos, como xadrez, balonmán, baloncesto, ximnasia, birlos, tenis de mesa, arbitraxe e fútbol veterano, con máis de 1.100 membros activos.

Primeiros anos

[editar | editar a fonte]
Franz Beckenbauer.

No ano 1900 o club de ximnasia de Múnic (MTV 1879) celebrou unha a asemblea de membros para crear un equipo de fútbol, na que se decidiu que os futbolistas do club non se asociarían á Federación Alemá de Fútbol (en alemán: Deutscher Fußball-Bund, DFB), polo que once membros interesados na división deixaron a xuntanza, e ese mesmo anoitecer do 27 de febreiro de 1900 (124 anos) foi fundado o Fußball Club Bayern München. Algúns meses despois da fundación o Bayern comezou a lograr vitorias contra tódolos seus rivais locais, acadando as semifinais do Campionato do Sur de Alemaña na tempada 1900-01. En 1906 fusionouse co Münchner Sport Club. Nos anos seguintes o club gañou algúns trofeos locais e en 1910-11 o Bayern uniuse á recentemente fundada Kreisliga, a primeira liga de Baviera. Na primeira edición da liga conseguiron o título, aínda que non volveron repetir até o comezo da primeira guerra mundial en 1914, a cal detivo tódalas competicións de fútbol alemás.

Nos anos da posguerra, o Bayern gañou varias competicións rexionais antes de gañar o seu primeiro Campionato do Sur de Alemaña en 1926, éxito que se repetiu dous anos máis tarde. O seu primeiro título nacional non o conseguiu até 1932, cando o adestrador Richard Kohn dirixiu o equipo cara ao campionato alemán derrotando por 2 a 0 ao Eintracht Frankfurt na final.

A chegada do nazismo puxo un fin repentino ao auxe do Bayern. Tanto o presidente como o adestrador eran xudeus, polo que tiveron que abandonar o país, así como outros moitos membros do club. O Bayern mesmo foi chamado como "club de xudeus" e, como club semi-profesional que era, o Bayern viuse afectado polo goberno, polo que os xogadores tiveron que volver ser de novo afeccionados. Así, o club non puido manterse no seu papel de competidor polo título nacional, polo que pasou ser un equipo que loitaba por chegar aos postos da metade da táboa nas ligas rexionais.

Despois da guerra o Bayern fíxose membro da Oberliga Süd, a división sur da primeira división da Alemaña Federal, a cal estaba dividida en cinco divisións naquel entón. O Bayern loitou, contratando e despedindo a trece técnicos entre 1945 e 1963. En 1955 descenderon, pero retornaron á Oberliga ao ano seguinte, gañando na seguinte tempada, e gañaron a súa primeira Copa de Alemaña tras derrotar ao Fortuna Düsseldorf por 1 a 0 na final. O club forcexaba economicamente, estando ao bordo da bancarrota a finais dos anos 1950. Finalmente, Roland Endler proveu ao club cos fondos necesarios, sendo recompensado con catro anos á cabeza do club. En 1963 as Oberliga alemás foron fusionadas nunha soa liga nacional, a actual Bundesliga, para a cal foron seleccionados cinco equipos da Oberliga Süd. O Bayern terminara ese ano en terceiro lugar, pero outro equipo de Múnic, o 1860 München, gañara o campionato e como a Federación Alemá de Fútbol prefería non incluír dous equipos dunha mesma cidade, o Bayern non foi seleccionado para a Bundesliga. O equipo ascendeu dous anos máis tarde xogando cun equipo de novos talentos como Franz Beckenbauer, Gerd Müller, e Sepp Maier, que máis tarde serían colectivamente coñecidos como "o eixo".

Época dourada

[editar | editar a fonte]
Gerd Müller.

Na súa primeira tempada da Bundesliga o Bayern terminou en terceiro lugar e conquistou a copa alemá. Isto clasificou aos bávaros para xogar a seguinte edición da Recopa de Europa, onde gañou nunha sensacional final contra os escoceses do Glasgow Rangers, cun gol de Franz Roth na prórroga para terminar 1 a 0. En 1967 o Bayern gañou de novo a copa, pero algo cambiou no club cando un adestrador novo, Branko Zebec, asumiu o control. Substituíu o estilo ofensivo do Bayern por un estilo máis disciplinado e, ao facer iso, logrou o primeiro dobrete na súa historia na Bundesliga usando só a trece xogadores ao longo da tempada.

Tres anos despois, en 1970, Udo Lattek asumiu o mando. Despois de gañar a copa na súa primeira tempada, conduciu ao Bayern cara ao seu terceiro campionato alemán. O partido decisivo na tempada 1971-72, contra o Schalke 04, foi o primeiro partido que disputou o Bayern no novo Estadio Olímpico, ademais do primeiro partido televisado en directo da historia da Bundesliga. O Bayern gañou ao Schalke 5 a 1 reclamando así o título e fixando tamén varios récords, incluíndo o de maior número de puntos nunha tempada e maior números de goles. O Bayern tamén gañou os seguintes dous campionatos, e triunfou na final da Copa de Europa contra o Atlético de Madrid, gañando o Bayern por 4 a 0 nun encontro de desempate tras empatar a uns no primeiro encontro.

Durante os seguintes anos o equipo fracasou no campionato nacional, pero defendeu o seu título europeo nas dúas seguintes tempadas. En 1975 derrotou ao Leeds United na final con goles de Roth e Müller e, un ano máis tarde en 1976, derrotaban en Glasgow ao Saint-Étienne con outro gol de Roth, converténdose o Bayern no terceiro club en gañar o trofeo europeo en tres anos consecutivos (despois do Real Madrid e o Ajax). O último trofeo desta era do Bayern foi a Copa Intercontinental, na cal derrotou ao equipo brasileiro do Cruzeiro en dous partidos: gañou 2 a 0 na casa e empatou sen goles en Belo Horizonte. O resto da década foi tempo de cambios e os muniqueses non gañaron títulos. En 1977 o "Kaiser" Beckenbauer marchou ao New York Cosmos, en 1979 Sepp Maier e Uli Hoeneß retiráronse e ao pouco Gerd Müller uniuse ao Fort Lauderdale Strikers. Bayerndusel (literalmente do alemán: "Bayern-sorte") foi un termo acuñado durante este período como expresión, xa sexa de desprezo ou de envexa, sobre as vitorias ás veces angostas e nos últimos intres do club.

De FC Breitnigge a FC Hollywood

[editar | editar a fonte]
O Bayern contra o Hamburgo en 1981.

Os anos 1980 foron un período de confusión para o Bayern, con moitos cambios de persoal e a chegada de problemas financeiros. No campo, Paul Breitner e Karl-Heinz Rummenigge, chamados FC Breitnigge, conduciron ao equipo cara aos títulos da Bundesliga en 1980 e 1981. Coa excepción dun triunfo na Copa de Alemaña de 1982, nas dúas seguintes tempadas non houbo ningún éxito, polo que Breitner xubilouse e regresou o anterior técnico Udo Lattek. Co cambio o Bayern conquistou de novo a copa en 1984, para logo gañar cinco campionatos de Liga en seis tempadas, incluíndo un dobrete en 1986. Con todo, o club non acadou ningún éxito europeo, sendo o seu mellor rexistro os dous subcampionatos na Copa de Europa en 1982 (perdendo co Aston Villa) e 1987 (perdendo co Porto).

En 1987 Jupp Heynckes foi asinado como adestrador, pero despois de dous campionatos consecutivos en 1989 e 1990 o Bayern afundiuse. Despois dun segundo lugar en 1991 o club acabou tan só con cinco puntos máis que os clubs que perderon a categoría en 1992. En 1993, o Bayern perdeu na segunda rolda da Copa da UEFA contra o Norwich City da Premier League, que segue a ser o único club inglés que conseguiu vencer aos de Múnic no antigo Estadio Olímpico. O éxito regresou ao equipo cando Franz Beckenbauer asumiu o control do club en 1994, na metade da tempada, gañando o campionato despois dunha brecha de catro anos. Beckenbauer foi entón nomeado a presidente do club.

Os seus sucesores como adestrador, Giovanni Trapattoni e Otto Rehhagel, terminaron sen ningún trofeo ao final da tempada, non facendo realidade as altas expectativas do club. Durante este tempo os xogadores do Bayern comezaron aparecer nas páxinas dos medios da prensa do corazón no canto das páxinas deportivas, polo que o club foi alcumado como FC Hollywood. Beckenbauer regresou como adestrador interino cara ao final da tempada de 1995-96 e conduciu ao equipo cara a vitoria na Copa da UEFA de 1996, gañando na final ao Girondins de Bordeos. Na tempada 1996-97 Giovanni Trapattoni regresou para conquistar o campionato. Pero na seguinte tempada o Bayern perdeu o título contra o recentemente ascendido Kaiserlautern, polo cal Trapattoni tivo que despedirse por segunda vez do club.

Volta á elite internacional

[editar | editar a fonte]
Oliver Khan

Dende 1998 até 2004 o Bayern foi dirixido por Ottmar Hitzfeld. Na primeira tempada de Hitzfeld, o Bayern conquistou a Bundesliga e estivo a piques de conquistar a Liga de Campións, mais perderon 1 a 2 no tempo engadido contra o Manchester United. Os bávaros adiantáranse no marcador no minuto 6 do encontro, pero dous goles no tempo de desconto, nos minutos 91 e 93, déronlle o título aos ingleses. Na tempada 1999-00 o Bayern gañou o seu terceiro dobrete. O terceiro título consecutivo da Bundesliga conseguiuno en 2001, tras gañar na última xornada de liga. Días máis tarde o Bayern conquistou a súa cuarta Liga de Campións, despois dunha brecha de 25 anos, derrotando ao Valencia nos penaltis. A tempada de 2001-02 comezou co título da Copa Intercontinental, aínda que acabou sen ningún outro trofeo. Unha tempada máis tarde o Bayern conquistou o seu cuarto dobrete, gañando cunha marxe récord sobre o segundo clasificado, ao sacarlle trala última xornada 16 puntos ao segundo, o VfB Stuttgart.

O reinado de Hitzfeld acabou en 2004 e o Bayern baixou moito o seu nivel, incluíndo a súa eliminación na copa por un equipo da segunda división, o Alemannia Aachen. Felix Magath asumiu o control e conduciu ao Bayern cara a dous dobretes consecutivos. Antes do principio da tempada 2005-06, o Bayern trasladouse dende o Estadio Olímpico cara ao novo Allianz Arena, o cal comparte co club 1860 München. A nivel deportivo a súa actuación en 2006-07 comezou de forma errática e perderon de novo na copa fronte ao Alemannia Aachen. O adestrador Magath foi destituído pouco despois da pausa de inverno.

Franck Ribéry

En xaneiro de 2007 regresa ao banco Ottmar Hitzfeld, pero aínda así o Bayern remata fora dos postos que clasifican para a Liga de Campións por primeira vez en máis dunha década. A derrota adicional na Copa da Liga deixou ao club sen ningún título ese tempada. En 2007-08 o Bayern fixo moitos cambios no seu cadro de xogadores para reconstruír ao equipo. Ficharon un total de oito xogadores novos e venderon, despediron ou cederon a nove dos seus. Hamit Altintop do Schalke 04, Luca Toni da ACF Fiorentina, Miroslav Klose do Werder Bremen e Franck Ribéry do Olympique de Marsella, foron as fichaxes máis sonadas. As novas fichaxes pronto deron resultados e os muniqueses gañaron en 2008 a Copa e a Liga, manténdose no alto da clasificación en cada xornada.

O 11 de xaneiro de 2008 o exfutbolista Jürgen Klinsmann foi nomeado sucesor de Hitzfeld, tomando o cargo o 1 de xullo de 2008, asinando un contrato por dous anos. Durante a primeira metade da tempada 2008-09 da Bundesliga, o Bayern comezou bambeante, gañando simplemente dous partidos até o sexto partido, mais pronto comezou a mellorar. Con todo, o Bayer Leverkusen eliminounos en oitavos de final da Copa. Na Liga de Campións dese ano o Bayern tamén chegou aos oitavos de final, onde foron eliminados polo FC Barcelona despois de quedar primeiros no Grupo F e derrotar ao Sporting de Lisboa na primeira rolda das eliminatorias, logrando un resultado récord na Liga de Campións ao vencer cun global de 12 a 1. O 27 de abril, dous días despois dunha derrota doméstica fronte ó Schalke 04, a cal fixo caer ao Bayern ao terceiro lugar na táboa, Klinsmann foi despedido. Isto foi precedido por varios resultados decepcionantes como unha derrota global por 5 a 1 fronte ó Barça na liga de Campións, e unha derroa de 5 a 1 contra o campión VfL Wolfsburg. Jupp Heynckes foi nomeado como novo adestrador até o fin da tempada. O Bayern finalmente terminou a liga en segundo lugar, clasificándose directamente para a Liga de Campións en 2009-10.

Para a seguinte tempada chegou outro cambio de adestrador, esta vez o elixido foi o neerlandés Louis Van Gaal procedente do AZ de Alkmaar. Mentres o equipo estaba baixo miradas críticas, debido a unha racha de malos resultados, Van Gaal logrou clasificar ao Bayern para os oitavos de final da Champions cun convincente 4 a 1 sobre a Juventus en Turín. O seu próximo rival sería a Fiorentina, conseguindo pasar aos cuartos aínda perdendo en Florencia por 3 a 2. No choque de cuartos de final agardaría o Manchester United de Alex Ferguson. Os bávaros conseguiron derrotar aos ingleses avanzando ás semifinais. Alí enfrontaríanse ao Olympique Lyon, ao que gañaron tanto na casa como fóra, enviando ao Bayern á final.

O 8 de maio de 2010, o Bayern conquistou a Bundesliga despois de vencer por 3 a 1 ao Hertha Berlin. O Bayern tamén gañou a Copa unha semana despois, o 15 de maio de 2010. Con todo, o triplete escapouse tras perder por 2 a 0 na final da Liga de Campións contra o Inter de Milán de José Mourinho o 22 de maio no Santiago Bernabéu de Madrid. Na tempada 2011-12 chegaría de novo ao banco Jupp Heynckes. O 25 de maio clasificáronse á final da Champions League ao eliminar en semifinais ao Real Madrid. Na final enfrontaranse ao Chelsea inglés.

Escudo e cores

[editar | editar a fonte]

O escudo do Bayern alterouse varias veces. Orixinalmente consistía nas letras F. C. B. M. con tipografías estilizadas e superpostas tecéndose nun símbolo de cor azul. As cores de Baviera foron incluídos por primeira vez no escudo en 1954. A versión moderna do escudo evolucionou a partir da versión de 1954 en varias etapas. O escudo constou na meirande parte da súa historia dunha soa cor, a maioría das veces ou vermella ou azul. O escudo actual, que data de 2008 é vermello, azul e branco. Consiste nun anel vermello no que figura a lenda en branco "FC Bayern München" rodeando unha bandeira de Baviera.

Na constitución orixinal do club as cores do Bayern eran o branco e o azul, pero o club xogou en camisetas brancas e pantalóns negros até 1905, cando o Bayern se fusionou co Münchner Sport Club. O MSC decretou que os futbolistas tiñan que xogar con pantalóns vermellos. A partir de aí o Bayern xogou en vermello e branco durante a maior parte da súa historia, aínda que o azul seguiu a ser utilizado en varias ocasións. Na tempada de 1969-70 as camisas eran raiadas en azul e branco, e os pantalóns e os calcetíns tamén eran azuis. Un estilo semellante apareceu en 1995, cando o azul foi por primeira vez a cor dominante. En 1999 o Bayern regresou ás súas cores orixinais.

O conxunto visitante do club tivo unha gran variedade de cores a través dos anos, incluíndo negro, branco, azul ou verde-dourado. O Bayern tamén adoita ter un equipamento distinto para competicións internacionais (normalmente a Liga de Campións). En 2009, o conxunto local foi vermello, o visitante foi azul escuro e o conxunto internacional branco. Na tempada de 2010-11, o Bayern tivo un camisola para os seus partidos como local a franxas verticais vermellas e brancas, camisa branca con pantalóns de azul escuro de visitante, e un azul moi escuro para os partidos da Liga de Campións. Nos anos 1980 e 1990 o Bayern usou un conxunto especial de visitante para xogar contra o 1. FC Kaiserslautern coas cores da selección brasileira de fútbol: o azul e o amarelo, unha superstición producida debido ao feito de que ao club custáballe gañar na cidade do Palatinado.

1900-1945


1967


1993


1995


1997


1999


2001


2003


2005


2006


2007


2009


2010


2011


O Estadio Olímpico de Múnic.

O Bayern xogou os seus primeiros partidos de adestramento no Schyrenplatz, no centro de Múnic. Os seus primeiros partidos oficiais como local foron no Theresienwiese (onde hoxe se celebra a Oktoberfest). En 1901 o Bayern mudouse para o seu propio campo, o cal estaba situado na Clemensstraße do barrio de Schwabing, ao norte da cidade. Despois de unirse ao Münchner Sport Club (MSC) en 1906, o Bayern trasladouse en maio de 1907 ao estadio do MSC na Leopoldstraße. Nos anos 1920 os seareiros que acudían aos partidos eran cada vez máis numerosos, polo que o Bayern tivo que ir trasladándose a diferentes terreos.

A partir de 1925 o Bayern comezou a compartir o Grünwalder Stadion co 1860 München. Até a segunda guerra mundial o estadio era propiedade do 1860 München, e aínda hoxe é coñecido coloquialmente como Sechz'ger (Sesentas) Stadium. O estadio foi destruído durante a guerra, sendo posteriormente reconstruído a anacos. Durante un partido da tempada 1961-62 o Grünwalder Stadion chegou acoller a 50.000 seareiros nun encontro fronte ao 1. FC Nürnberg. Na Bundesliga o estadio tiña unha capacidade máxima para 44.000 espectadores, que se alcanzou en varias ocasións. Dende entón a capacidade do estadio viuse reducida até o 10.240 espectadores actuais. Hoxe xogan no estadio os equipos filiais de ámbolos clubs muniqueses.

Durante os partidos do Bayern o Allianz Arena está iluminado en vermello.

Para os Xogos Olímpicos de 1972 a cidade de Múnic construíu o Estadio Olímpico. O estadio, famoso pola súa arquitectura, foi inaugurado no último partido da Bundesliga da tempada de 1971-72. O partido atraeu a unha multitude de 79.000 espectadores, total acadado en numerosas ocasións. O estadio estivo considerado, nos seus comezos, como un dos máis grandes estadios do mundo, acollendo numerosos eventos deportivos de grande importancia, como a final do Mundial de fútbol de 1974. Nos seguintes anos o estadio experimentou varias modificacións, como un incremento no espazo dos asentos do 50% a aproximadamente o 66%. Eventualmente o estadio tivo unha capacidade de 63.000 para partidos nacionais e 59.000 para encontros internacionais como competicións da Copa de Europa. Moitas persoas, con todo, comezaron a considerar que no estadio facía demasiado frío en inverno, coa metade de audiencia exposta á intemperie debido á falta de cuberta. Outra queixa era a distancia entre os espectadores e o campo. A modificación do estadio resultaba ser imposible xa que o arquitecto Günter Behnisch vetou as grandes modificacións que afectasen o estadio.

Despois de moito debate na cidade, o estado de Baviera, o FC Bayern e o 1860 München decidiron conxuntamente construír un novo estadio. O Bayern quería construír un estadio especialmente adicado ao fútbol, e a adxudicación da organización do Mundial de fútbol de 2006 a Alemaña estimulou o debate, xa que o Estadio Olímpico non cumpría a normativa da FIFA para albergar partidos do campionato. Localizado ás aforas no norte de Múnic, o Allianz Arena comezouse a usar ao comezo da tempada 2005-06. A súa capacidade inicial era para 66.000 espectadores coas bancadas completamente cubertas, aumentada para partidos a nivel nacional a 69.901. O máis destacado do estadio é o seu exterior translúcido, o cal pode ser iluminado con diferentes cores para crear distintos efectos. Cando xoga o Bayern o estadio usualmente ilumínase de cor vermella; se o fai o 1860 München, de cor azul; e se o equipo local é a selección alemá, de cor branca.

Instalacións

[editar | editar a fonte]
Centro de alto rendemento.

As instalacións de adestramento, para os profesionais e para a canteira, están localizadas na sede do Bayern de Múnic. Hai catro campos de céspede, un deles de céspede artificial e un pavillón polideportivo multifuncional.

O centro de alto rendemento para xogadores foi aberto en 1990 e reconstruído na tempada 2007-08 baixo suxestión do daquela novo adestrador Jürgen Klinsmann, quen se inspirou noutros importantes clubs deportivos. O centro conta con ximnasio, unidade de masaxe, vestiarios, oficinas para os adestradores e unha sala de conferencias con elementos audiovisuais para análises de vídeos. Tamén hai unha cafetaría, unha biblioteca, unha sala de teleformación e unha habitación de reunión familiar.

Localizada no centro está tamén a academia de mozos, con casas para trece novos talentos nos arredores da cidade. Formando parte do equipo "júnior" do Bayern os xogadores da canteira poden traballar no seu desenvolvemento como futbolistas. Algúns xogadores que pasaron pola academia son Michael Rensing, Bastian Schweinsteiger, Owen Hargreaves ou Sammy Kuffour.

Seareiros

[editar | editar a fonte]
Tenda oficial do club na Bräuhausstraße.

O Bayern considérase a si mesmo un club nacional. O equipo ten máis de 147.000 membros e 2.437 clubs de fans, facéndoo o club co maior número de seguidores en Alemaña. Debido a que o club ten seguidores por todo o país, nos últimos anos tódolos partidos do Bayern como visitante supoñen a venda de tódalas entradas para presencialos. A pesar de que unha grande proporción dos seus seguidores teñen que percorrer regularmente máis 200 km, os partidos do club como local no Allianz Arena case sempre venden todas as entradas. Segundo un estudo por Sport+Markt é o quinto club máis popular do fútbol europeo con 20,7 millóns de seguidores, e o club de fútbol máis popular en Alemaña con 10 millóns de seareiros.

O Bayern é tamén coñecido polos seus ultras. Os grupos máis prominentes son os Schickeria München, os Red Munichs '89, os Südkurve '73, os Munichmaniacs 1996, o Service Crew Munich, os Red Angels, os Tavernen Crew München e os Red Sharks. "Stern des Südens" é o himno que cantan os seguidores nos seus partidos na casa. Nos 90' tamén adoitaban cantar FC Bayern, Forever Number One. O seguinte é o retrouso de "Stern des Südens" (do alemán: estrela do sur):

FC Bayern, Stern des Südens, du wirst niemals untergehn,
weil wir in guten wie in schlechten Zeiten zu einander stehn,
FC Bayern, Deutscher Meister, ja, so heißt er mein Verein,
Ja, so war es und so ist es und so wird es immer sein!
   
FC Bayern, estrela do sur, ti nunca te pos,
porque sempre estaremos xuntos nos bos e malos momentos,
FC Bayern, campión alemán, si, así se chama o meu equipo,
Si, así é como é, e así sempre será!

Algún coñecidos seareiros do club son o antigo Papa Bieito XVI, o ex-tenista Boris Becker, o boxeador ucraíno Wladimir Klitschko ou os Ministros-Presidentes de Baviera Horst Seehofer e Edmund Stoiber, entre outros.

Rivalidade

[editar | editar a fonte]
O 1860 München, tradicional rival local do Bayern.
Seareiros do 1. FC Nürnberg, tradicional rival do Bayern en Baviera.

O Bayern é un dos tres clubs profesionais de fútbol da cidade de Múnic. O seu principal rival local é o 1860 München, o club muniqués con máis éxito durante anos 1960, conquistando unha Copa e un campionato. Nos anos 1970 e 1980, o 1860 München estivo entre a primeira e a terceira división, mais ultimamente estabeleceuse na segunda división. O Münchner Stadtderby (derby muniqués) é aínda un acontecemento moi importante, obtendo moita atención por parte dos seguidores de ámbolos clubs. O 1860 München está considerado como o club da clase obreira e, por iso, hoxe está a sufrir unha mingua de seareiros debido a unha cidade onde o sector manufactureiro está a diminuír. O Bayern está considerado un club de clase máis alta, o cal se reflicte nos moitos presidentes de empresas e negocios que son membros da xunta do club, incluíndo ao exministro-presidente bávaro Edmund Stoiber. A pesar da rivalidade, o Bayern sustentou ao 1860 München en tempos de crise financeira.

O SpVgg Unterhaching é o terceiro equipo da cidade con sede nos arredores da parte sur da cidade. O seu éxito máis grande foi en 1999 cando conseguiron ascender á 1. Bundesliga, permanecendo nunha boa posición para ao final poder xogar unha segunda tempada. Dende entón estiveron xogando na 2. Bundesliga e na Regionalliga. Dende a tempada de 2008-09 compite na recentemente fundada 3. Liga. Non hai rivalidade algunha entre o Bayern e Unterhaching. O acontecemento máis notable na relación entre os dous clubs foi ao final da tempada 1999-00 da Bundesliga, cando o Unterhaching conseguiu derrotar ao Bayer Leverkusen na última xornada, o que permitiu ao Bayern superar aos de Leverkusen na clasificación obtendo o título.

Dende 1920 o 1. FC Nürnberg é o principal e tradicional rival do Bayern en Baviera. Philipp Lahm dixo que xogar contra Nürnberg é "sempre especial" coa súa "quente atmosfera". Ámbolos clubs xogan na mesma liga dende a metade da década de 1920. Con todo, entre os anos 1920 e 1930, Nürnberg conseguiu moitos máis títulos que os de Múnic, como cinco campionatos nos anos 1920, facéndoo o club alemán máis laureado. O Bayern conseguiu superar o número de títulos de Nürnberg sesenta anos máis tarde cando gañaron o seu décimo campionato en 1987. O encontro entre o Bayern e o Nürnberg é coñecido como o Bayrisches Derby (Derby bávaro).

Dende os anos 1970 os principais rivais do Bayern foron os clubs que se lle enfrontaron nas súas tentativas de conseguir o campionato. Durante esta década o rival foi o Borussia Mönchengladbach e a partir de 1980 a categoría abriuse para incluír ao Hamburger SV. Nos anos 1990 o Werder Bremen, o Bayer Leverkusen e o Borussia Dortmund, emerxeron como os seus principais adversarios. Recentemente uniuse o Schalke 04. En canto aos seus principais rivais europeos son o Real Madrid, o Milan e o Manchester United debido aos seus múltiples clásicos encontros.

Bayern tamén goza dunha forte rivalidade co 1. FC Kaiserslautern dende un partido en 1973. Todo comezou cando o Bayern, tras ir gañando por 4 a 1, acabou por perder 7 a 4. Os dous clubs tamén competiron varias veces polo título da Bundesliga e, ademais, a cidade de Kaiserslautern foi parte de Baviera até o fin da segunda guerra mundial.

Xogadores

[editar | editar a fonte]

Cadro actual

[editar | editar a fonte]

Actualizado a 5 de outubro de 2020.[1]

Posto País Xogador
1 POR Alemaña Manuel Neuer
4 DEF Alemaña Niklas Süle
5 DEF Francia Benjamin Pavard
6 DEF Alemaña Joshua Kimmich
7 MED Alemaña Serge Gnabry
8 MED España Javi Martínez
9 DIA Polonia Robert Lewandowski
10 DIA Alemaña Leroy Sané
11 DIA Douglas Costa
13 DIA Eric Maxim Choupo-Moting
14 DIA Países Baixos Joshua Zirkzee
17 DEF Alemaña Jérôme Boateng
18 MED Alemaña Leon Goretzka
Posto País Xogador
19 MED Alphonso Davies
20 DEF Francia Bouna Sarr
21 DEF Francia Lucas Hernandez
22 MED España Marc Roca
23 DEF Francia Tanguy Nianzou
24 MED Francia Corentin Tolisso
25 DIA Alemaña Thomas Müller
27 MED Austria David Alaba
29 MED Francia Kingsley Coman
30 MED Alemaña Adrian Fein
35 POR Alemaña Alexander Nübel
39 POR Alemaña Ron-Thorben Hoffmann

Xogadores destacados

[editar | editar a fonte]
Véxase tamén: Xogadores do FC Bayern München.
O "mellor equipo de tódolos tempos"[2] elixido por 79.901 seareiros en 2005. O adestrador elixido foi Ottmar Hitzfeld.

No seu partido de despedida, Oliver Kahn foi declarado capitán honorario do Bayern Múnic.[3][4] Os xogadores seguintes son parte do "Salón da fama do FC Bayern München".

Anos 1930:

Anos 1970:

Anos 1980:

Anos 1990:

Anos 2000:

Capitáns

[editar | editar a fonte]
Karl-Heinz Rummenigge

Mark van Bommel, capitán dende comezos da tempada 2008, deixou o club en xaneiro de 2011 para asinar co Milan, ocupando o seu posto Philipp Lahm. Bastian Schweinsteiger, que anteriormente era o segundo vice-capitán é agora o vice-capitán.

Anos Capitán
1965–70 Alemaña Werner Olk
1970–77 Alemaña Franz Beckenbauer
1977–79 Alemaña Sepp Maier
1979 Alemaña Gerd Müller
1979–80 Alemaña Georg Schwarzenbeck
1980–83 Alemaña Paul Breitner
1983–84 Alemaña Karl-Heinz Rummenigge
1984–91 Alemaña Klaus Augenthaler
1991–94 Alemaña Raimond Aumann
1994–96 Alemaña Lothar Matthäus
1997–99 Alemaña Thomas Helmer
1999–02 Alemaña Stefan Effenberg
2002–08 Alemaña Oliver Kahn
2008–11 Países Baixos Mark van Bommel
2011– Alemaña Philipp Lahm

Dorsais retirados

[editar | editar a fonte]
12 Seareiros (xogador número 12)

Adestradores

[editar | editar a fonte]

Organigrama

[editar | editar a fonte]

O seguinte cadro está actualizado a data de 1 de xullo de 2018.[1]

Croacia Niko Kovač Adestrador
Croacia Robert Kovač Asistente
Alemaña Peter Hermann Asistente
Alemaña Toni Tapalović Porteiros
Alemaña Holger Broich Forma

Adestradores dende 1963

[editar | editar a fonte]

O Bayern tivo dezanove adestradores dende o seu debut na Bundesliga en 1965. Udo Lattek, Franz Beckenbauer, Giovanni Trapattoni e Ottmar Hitzfeld foron adestradores en dúas ocasións diferentes, mentres que Jupp Heynckes o foi en catro ocasións.

Adestrador dende até días Principais títulos
1 Iugoslavia Zlatko Čajkovski 01/07/63 30/06/68 1096 3 dúas Copas, unha Recopa, Int.
2 Iugoslavia Branko Zebec 01/07/68 13/03/70 621 2 unha Liga, unha Copa
3 Alemaña Udo Lattek 14/03/70 02/01/75 1756 5 tres Ligas, unha Copa, unha Copa de Europa
4 Alemaña Dettmar Cramer 16/01/75 01/12/77 1051 3 dúas Copas de Europa
5 República Popular de Hungría Gyula Lorant 02/12/77 28/02/79 454 0
6 República Popular de Hungría Pal Csernai 01/03/79 16/05/83 1538 3 dúas Ligas, unha Copa
7 Alemaña Reinhard Saftig 17/05/83 30/06/83 45 0
8 Alemaña Udo Lattek 01/07/83 30/06/87 1461 5 tres Ligas, dúas Copas
9 Alemaña Jupp Heynckes 01/07/87 08/10/91 1561 2 dúas Ligas
10 Dinamarca Søren Lerby 09/10/91 11/03/92 155 0
11 Alemaña Erich Ribbeck 12/03/92 27/12/93 656 0
12 Alemaña Franz Beckenbauer 07/01/94 30/06/94 175 1 unha Liga
13 Italia Giovanni Trapattoni 01/07/94 30/06/95 365 0
14 Alemaña Otto Rehhagel 01/07/95 27/04/96 302 0
15 Alemaña Franz Beckenbauer 29/04/96 30/06/96 63 1 unha Copa da UEFA
16 Italia Giovanni Trapattoni 01/07/96 30/06/98 730 2 unha Liga, unha Copa
17 Alemaña Ottmar Hitzfeld 01/07/98 30/06/04 2192 8 catro Ligas, dúas copas, unha Liga de Campións, Int.
18 Alemaña Felix Magath 01/07/04 31/01/07 945 4 dúas Ligas, dúas Copas
19 Alemaña Ottmar Hitzfeld 01/02/07 30/06/08 516 2 unha Liga, unha Copa
20 Alemaña Jürgen Klinsmann 01/07/08 27/04/09 302 0
21 Alemaña Jupp Heynckes 27/04/09 31/05/09 35 0
22 Países Baixos Louis van Gaal 01/07/09 10/04/11 648 2 unha Liga, unha Copa
23 Países Baixos Andries Jonker 10/04/11 30/06/11 81 0
24 Alemaña Jupp Heynckes 01/07/11 01/06/13 721 3 unha Liga, unha Copa, unha Liga de Campións
25 España Pep Guardiola 26/06/13 30/06/16 1095 7 tres Ligas, dúas Copas, unha Supercopa de Europa, un Mundial de Clubs
26 Italia Carlo Ancelotti 01/07/16 28/09/17 454 3 unha Liga, dúas Supercopas
27 Francia Willy Sagnol 29/09/17 08/10/17 9 0
28 Alemaña Jupp Heynckes 09/10/17 01/07/18 265 1 unha Liga
29 Croacia Niko Kovač 01/07/18 254 1 unha Supercopa

Financiamento

[editar | editar a fonte]
Uli Hoeneß, presidente do Bayern.

O equipo profesional de fútbol do Bayern está dirixido pola organización derivada FC Bayern München AG. AG é a abreviación para Aktiengesellschaft (literalmente "sociedade de accións") polo que o Bayern é dirixido como unha sociedade anónima, pero sen estar as súas accións á venda pública, xa que é de propiedade privada. O 84,1% de FC Bayern München AG está posuído polo propio club, o Bayern München, o 9,4% polo fabricante deportivo Adidas e o 6,5% restante pola compañía de automóbiles Audi. Adidas adquiriu a súa parte en 2002 por 77 millóns de euros, diñeiro destinado para axudar a financiar o Allianz Arena. Pola súa parte Audi pagou en 2009 90 millóns, capital utilizado para devolver o préstamo pola construción do estadio máis rápido do que orixinalmente se planeou.

O principal patrocinador, e actual posuidor dos dereitos de publicidade na camiseta, é a compañía de telecomunicacións Deutsche Telekom. O provedor principal de equipamento é Adidas. Outros patrocinadores principais son Paulaner, Audi, Coca-Cola, Lufthansa, Samsung e Yingli Solar. Outros patrocinadores históricos foron Siemens, Burger King, Ebel, Fitness First, Lego, Schaeffler, s.Oliver, Continental, Viagogo, Trentino, Thomas Sabo e Hoteis Sheraton; tamén patrocinadores de alimentación como Albi, BiFi, Ehrmann e MF. En anos anteriores o dereito de patrocinio na camisola foi das compañías Adidas (197478), Iveco (camións, 197884), Commodore (ordenadores, 198489) e Opel (vehículos, 198902).

O Bayern está dirixido principalmente por antigos xogadores do club. O presidente é Uli Hoeneß, que xa traballou no club como director técnico dende 1979. O presidente do consello de dirección da AG é Karl-Heinz Rummenigge. A xunta supervisora de nove consta principalmente de xerentes de grandes corporacións alemás. Son Herbert Hainer (director executivo de Adidas), Uli Hoeneß, Timotheus Höttges, Helmut Markwort, Dieter Rampl, Fritz Scherer, Rupert Stadler, Edmund Stoiber e Martin Winterkorn.

Despois do récord de ingresos na tempada 2007-08 de 328,4 millóns de euros, e despois dun beneficio despois de impostos de 2,1 millóns, o Bayern rexistrou unha recadación de 303,8 millóns e un beneficio despois de impostos de 2,5 millóns en 2008-09. Segundo a Deloitte Football Money League, unha clasificación de clubs segundo os ingresos xerados pola firma de contabilidade Deloitte, o Bayern era en 2009 o cuarto club máis rico no mundo (despois do Real Madrid, o Barcelona e o Manchester United), xerando ganancias de 289,5 millóns.

O Bayern leva tempo involucrado en accións benéficas, axudando a outros clubs de fútbol na crise financeira, así como tamén á xente con problemas. A consecuencia do terremoto e tsunami no océano Índico do 2004 fundouse a "FC "FC Bayern – Hilfe e.V.", unha fundación que ten como obxectivo concentrar os compromisos sociais do club. Aos seus comezos o proxecto foi financiado con 600.000 euros, achegados por funcionarios e xogadores do club. O diñeiro foi usado, entre outras cousas, para construír unha escola en Marathenkerny e reconstruír a área de Trincomalee en Sri Lanka. En abril de 2007 decidiuse que o enfoque da fundación se desprazaría cara ao apoio ás persoas necesitadas a nivel local.

O club tamén demostrou en varias ocasións ter debilidade por axudar a outros clubs en crise financeira. En repetidas ocasións apoiou ao seu rival da cidade 1860 München con amigables de balde, fichaxes a bos prezos e transferencias directas de cartos. Ademais, cando St. Pauli estivo ameazado con perder a súa licenza para o fútbol profesional debido a problemas financeiros, o Bayern reuniuse co club para xogar un partido amigable sen cargo algún, sendo tódolos ingresos para o club de Hamburgo. Máis recentemente, cando o club no que se formou Mark van Bommel, o Fortuna Sittard, estaba en dificultades financeiras o Bayern xogou un partido benéfico contra o club neerlandés. Outro exemplo ben coñecido foi a fichaxe de Alexander Zickler en 1993 procedente do Dynamo Dresden. Cando o Bayern pagou por Zickler 2,3 millóns de marcos moitos consideraron que a suma foi unha subvención para o equipo de Dresde, financeiramente ameazado.

Traxectoria

[editar | editar a fonte]

O seguinte cadro reflicte os resultados tempada a tempada do club dos últimos anos.[5]

Ano Clas. X G E P F C DG Pts Copa EL CL
2000–01 1 34 19 6 9 62 37 25 63 2R C
2001–02 3 34 20 8 6 62 25 40 68 SF 1/4
2002–03 1 34 23 6 5 70 25 45 75 C 1R
2003–04 2 34 20 8 6 70 39 31 68 1/4 1/8
2004–05 1 34 24 5 5 75 33 42 77 C 1/4
2005–06 1 34 22 9 3 67 32 35 75 C 1/8
2006–07 4 34 18 6 10 55 40 15 60 3R 1/4
2007–08 1 34 22 10 2 68 21 47 76 C SF
2008–09 2 34 20 7 7 71 42 29 67 1/4 1/4
2009–10 1 34 20 10 4 72 31 41 70 C
2010–11 3 34 19 8 7 81 40 41 65 SF 1/8
2011–12 2 34 23 4 7 77 22 55 73
2012–13 1 34 29 4 1 98 18 80 91 C C
2013–14 1 34 29 3 2 94 23 71 90 C SF

Datos actualizados a 17 de maio de 2014
Clas = Clasificación final na Bundesliga; X = Partidos xogados; G = Gañados; E = Empatados; P = Perdidos; F = Goles a favor; C = Goles en contra; DG = Diferenza de goles; Pts = Puntos; Copa = DFB-Pokal; EL = UEFA Europa League; CL = UEFA Champions League.
en = Aínda en xogo; — = Non participou; 1R = Primeira rolda; 2R = Segunda rolda; 3R = Terceira rolda; 1/8 = Oitavos de final; 1/4 = Cuartos de final; SF = Semifinais; 2º = Subcampión; C = Campión.

Palmarés

[editar | editar a fonte]

Torneos nacionais

[editar | editar a fonte]

Bundesliga 1. Bundesliga: 30

1931–32, 1968–69, 1971–72, 1972–73, 1973–74, 1979–80, 1980–81, 1984–85, 1985–86, 1986–87, 1988–89, 1989–90, 1993–94, 1996–97, 1998–99, 1999–00, 2000–01, 2002–03, 2004–05, 2005–06, 2007–08, 2009–10, 2012–13, 2013–14, 2014–15, 2015–16, 2016–17, 2017–18, 2018–19, 2019–20

DFB Pokal (Copa): 18

1956–57, 1965–66, 1966–67, 1968–69, 1970–71, 1981–82, 1983–84, 1985–86, 1997–98, 1999–00, 2002–03, 2004–05, 2005–06, 2007–08, 2009–10, 2012–13, 2013–14, 2015–16

DFL-Supercup (Supercopa): 7

1987, 1990, 2010, 2012, 2016, 2017, 2018

DFB Liga-Pokal (Copa da Liga): 6

1997, 1998, 1999, 2000, 2004, 2007

Torneos internacionais

[editar | editar a fonte]

UEFA Champions League Copa de Europa/Liga de Campións da UEFA: 6

1973–74, 1974–75, 1975–76, 2000–01, 2012–13, 2019–20
En 1976 adxudicou a copa en propiedade, tras conseguir vencer en tres ocasións consecutivas.

UEFA Champions League Recopa de Europa: 1

1967

Copa da UEFA Europa League / Copa da UEFA: 1

1996

Copa Intercontinental: 2

1976, 2001

Supercopa de Europa Supercopa de Europa: 1

2013

Véxase tamén

[editar | editar a fonte]

Outros artigos

[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas

[editar | editar a fonte]