Golfiño común
Golfiño común / Delfín común Delphinus delphis | |||||||||||||||||||||||||||||
---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|
Estado de conservación | |||||||||||||||||||||||||||||
Pouco preocupante | |||||||||||||||||||||||||||||
Clasificación científica | |||||||||||||||||||||||||||||
| |||||||||||||||||||||||||||||
Nome binomial | |||||||||||||||||||||||||||||
Delphinus delphis Linnaeus, 1758 | |||||||||||||||||||||||||||||
Sinonimia | |||||||||||||||||||||||||||||
|
O golfiño común ou delfín común,[1] Delphinus delphis Linnaeus, é unha especie de cetáceo odontoceto da familia dos delfínidos.
É un golfiño oceánico propio as augas tropicais e subtropicais próximas ás costas de ambas as beiras do Atlántico norte e das de todo o Pacífico.[2]
Etimoloxía
[editar | editar a fonte]O nome do xénero, que tamén dá nome á familia, Delphinus, tomouno Linneo do nome latino do golfiño (ou delfín) común, delphīnus, -i,[3] nome que, á súa vez, deriva do grego δελφίς (delphís), "delfín",[4] ou δελφύς (delphýs).[4] nome este último latinizado por Linneo para darlle o nome específico.
Cómpre dicir que Linneo se trabucou á hora de denominar a especie na 10ª edición do seu Systema Naturae,[5] na que a denominou como Delphiunus delphus, no canto de delphys,[6] aínda que a Comisión Internacional de Nomenclatura Zoolóxica recoñece na actualidade a primacía linneana sobre a de Gray, que a emendou en 1828.[6]
Taxonomía
[editar | editar a fonte]Ata 1994, cando se recoñeceu como especie diferente a Delphinus capensis, que definira Gray en 1828,[2][6] críase que era a única especie do xénero Delphinus. Posteriormente, en 1971, Van Bree definu unha terceira especie, Delphinus tropicalis, pero na actualidade non é admitida pola comunidade científica, e os ictiólogos considérana como unha subespecie de Delphinus capensis, clasificada hoxe como Delphinus capensis tropicalis Jefferson & Van Waerebeek, 2002.[6]
Na especie recoñécense dúas subespecies:[7]
- Delphinus delphis Linnaeus, 1758
Descrición
[editar | editar a fonte]É o delfínido máis pequeno dos que frecuentan as costas galegas, cunha lonxitude corporal nos adultos de entre os 2 e os 2,6 m, e un peso de entre os 70 e os 135 kg. Os machos son lixeiramente máis grandes que as femias.[8]
A súa aparencia varía tanto que ao longo dos anos propuxéronse máis de 20 especies diferentes,[9] entre elas as seguintes:[6]
- Delphinus albimanus Peale, 1848
- Delphinus algeriensis Loche, 1860
- Delphinus delphus Linnaeus, 1758
- Delphinus forsteri Gray, 1846
- Delphinus fulvifasciatus Wagner, 1846
- Delphinus fulvofasciatus True, 1889
- Delphinus janira Gray, 1846
- Delphinus loriger Wiegmann, 1846
- Delphinus marginatus Lafont, 1868
- Delphinus novaezealandiae Gray, 1850
- Delphinus novaezeelandiae Wagner, 1846
- Delphinus novaezelandiae Quoy & Gaimard, 1830
- Delphinus vulgaris Lacépède, 1804
- Delphinus zelandae Gray, 1853
Aínda que, como quedou dito, na actualidade só se recoñecen dúas especies no xénero.
Ten un corpo esvelto, hidrodinámico, delgado, e un fociño longo,[8] pero menos que o da súa especie irmá, Delphinus capensis,[10] e de cor gris escura ou negra, aínda que pode ter a punta branca; hai unha pregadura ben marcada entre o bico e a fronte, que descende desde o alto da cabeza en suave declive.[9] Na boca ten entre 80 e 120 dentes cónicos, pequenos, similares (homodonte), en cada maxilar.[8]
Presenta unha aleta dorsal alta, situada no centro do lombo, e de forma que pode variar entre a falciforme á case triangular, e a súa cor pode oscilar entre a negra a practicamente a branca agrisada, cos bordos máis escuros, grises ou negros. As aletas pectorais son relativamente pequenas, anchas, de cor negra ou gris, e cos extremos lixeiramente acabados en punta; os bordos da punta son convexos. O pedúnculo caudal é fino, de cor gris clara, e a aleta caudal é de cor gris escura ou negra, cunha lixeira fendedura separando os dous lobos, que teñen os extremos dirixidos cara a atrás e están rematados en punta.[8][9]
A coloración é moi vistosa, co lombo gris, negro, negro purpúreo ou apardazado, que forma unha "V" ou unha "X" debaixo da aleta dorsal, como debuxando a súa sombra (deseño denominado "en reloxo de area"), que se vai aclarando no pedúnculo caudal. O ventre é branco ou de cor crema, que se ve interrompida por unha ou dúas liñas amarelas ou grises, descontinuas; na rexión torácica dos flancos presenta unha mancha (o chamado parche torácico) de cor amarelada ou crema torrada. Ao redor dos ollos leva un anteface negro, que se prolonga ata o bico. Presenta, tamén, unha estreita banda escura desde a aleta pectoral ata o centro do maxilar inferior.[8][9]
Formas xeográficas
[editar | editar a fonte]Xa vimos que dese o punto de vista taxonómico o golfiño común era un animal moi complexo, debido a que presenta moitas variacións corporais. Investigacións realizadas en California e México revelaron a presenza de dúas formas distintas, unha co bico curto e outra co bico longo. Estas dúas formas poden mostrar outras sutís diferenzas físicas e tamén de comportamento e, evidencias recentes baseadas en estudos morfolóxicos e xenéticos, suxiren que poderían tratarse de dúas especies distintas (ou, talvez, as formas de bico longo pertenceren á especie Delphinus capensis, non recoñecida por todos os autores, que seguen a falar dunha única especie). En base ás limitadas observacións, pode dicirse que ambas as formas parece ser que se distinguen tamén noutras partes do mundo.[9]
Tanto as formas de bico curto como as de bico longo presentan toda unha serie de variacións máis sutís dentro das súas propias poboacións, que inducen a pensar que poderían tratarse de subespecies distintas, aínda que non tanto como para conceder a estes animais o rango de especie; de feito, na actualidade só se recoñecen dúas subespecies de Delphinis delphis e, por outro lado, a especie independente, pero moi próxima, Dephinus capensis, cou outras dúas, D. c. capensis e D. c. tropicalis.[11]
Estas formas varían moito en tamaño corporal, desde unha media de 1,8 m no mar Negro, subespecie Delphinus delphis ponticus, ata 2,4 m no océano Índico,[9] que se trataría, sen dúbida, da especie Delphinus capensis. Tamén varían na coloración, aínda que todas teñen o debuxo en reloxo de area nos flancos. Unha variante ben estudada é a chamada forma baixa nerítica, que se encontra no golfo de California (mar de Cortez), México, e no Pacífico tropical oriental ao norte dos 20º N. As principais diferenzas observadas neste grupo son:[9]
- A cor do bico é variable.
- Os detalles do anteface facial poden variar.
- A liña que vai da aleta pectoral ao bico, é variable.
- A tonalidade da cor das aletas pectorais, que pode ir de gris moi clara a gris moi escura.
- A intensidade do parche pectoral amarelo pode variar.
- A tonalidade da cor da aleta dorsal é variable.
- O alcance e a tonalidade do gris do pedúnculo caudal poden variar moito.
Diferenzas co golfiño común de fociño longo
[editar | editar a fonte]A diferenza máis obvia entre o golfiño común de fociño curto (Delphinus delphis) e o de fociño longo (Delphinus capensis) é a lonxitude e a anchura do peteiro. Porén, hai tamén outros trazos distintivos. O golfiño de fociño curto, ten o corpo algo máis repoludo, a cabeza máis arredondada, un debuxo máis complexo no seu bico, o anteface máis conspicuo, unha banda máis estreita entre a mandíbula interior e as aletas pectorais e unhas cores máis brillantes, e adoita vivir máis lonxe das costas. O de fociño longo ten un perfil máis fino, pouco ou nada de branco entre o ollo e a aleta pectoral, a fronte máis suave, o debuxo do bico moito máis simple e unhas cores máis apagadas, e normalmente vive máis cerca da costa. Tamén hai diferenzas de comportamento entra ambas as especies.[9]
Distribución e poboación
[editar | editar a fonte]Distribución
[editar | editar a fonte]O golfiño común é unha especie amplamente distribuída nas augas tropicais frescas e subtropicais temperadas dos océanos Atlántico e Pacífico.[12]
Polo xeral aparece onde a temperatura das augas superficiais é de entre 10 °C e 18 °C, o que limita a distribución polo norte e polo sur, pero pode seguir as correntes de augas cálidas e saír do seu ámbito habitual. Habitualmente nada a miles de quilómetros das costas, mar dentro, e tamén sobre a plataforma continental, sobre todo en zonas con gran relevo do fondo, e menos frecuentemente en augas superficiais (de menos de 180 m de profundidade).[9]
No Atlántico, encóntrase desde o sur de Noruega e Suecia ata o Sáhara Occidental, polo leste, e desde Terra Nova (Canadá) ata Xeorxia (Estados Unidos), polo oeste.
Como divagante pode aparecer por Islandia e Groenlandia.
No Pacífico, esténdese desde o mar de Okhotsk e o norte do Xapón, ata o sur de Australia, de forma descontinua, no leste e, desde o Canadá ata o norte de Chile, no oeste. Tamén se encontra regularmente nalgúns mares pechados, como o mar de Okhotsk e o do Xapón, e distintas subpoboacións existen nos mares Mediterráneo e Negro.[2]
Poboación
[editar | editar a fonte]O golfiño común é unha especie moi abundante, e dispóñense de moitas estimacións para as distintas áreas onde se encontra.[2] Adoita estar permanentemente durante todo o ano nas mesmas zonas, pero moitas subpoboacións parecen moverse estacionalmente, e mostran máximos locais de abundancia en diferentes épocas do ano.[9]
No Pacífico oriental tropical estimouse unha poboación duns 2 963 000 individuos,[13] e unha media de 352 000 para a costa oeste dos Estados Unidos.[14] En California, os golfiños comúns mostran cambios estacionais e interanuais.[15]
No Atlántico, a abundancia nas augas da plataforma continental europea estimouse en 63 400 individuos en 2005. Fóra dela, nunha zona delimitada entre os 53-57º N e os 29º W estimouse en 1995 unha poboación de 273 000 exemplares.[16] Ao oeste do golfo de Biscaia estimouse en 1993 unha poboación de 62 000 golfiños comúns nos caladoiros das pesquerías de bonito (Thunnus alalunga)[17] con redes de deriva.[18] No Atlántico noroeste calcúlase que viven uns 121 000.[19]
O declive no Mediterráneo
[editar | editar a fonte]No Mediterráneo occidental, a abundancia de Delphinus delphis estimouse en 19 400 espécimes no norte do mar de Alborán, entre 2000 e 2004.[16]
A que unha vez fora unha das especies máis comúns no mar Mediterráneo, tantas veces representada na iconografía grecolatina, experimentou unha forte diminución xeneralizada durante os últimos 30-40 anos.[20]
Rexistráronse severos descensos da poboación no Mediterráneo central, particularmente no norte do mar Adriático e no leste do mar Xónico.[21][22]
Estudos xenéticos recentes indican que a estrutura das poboacións do golfiño no Mediterráneo reflicte diferenzas no padrón de distribución e hábitat entre as subpoboacións oriental (onde a especie é predominantemente costeira) e occidental (onde é predominante peláxica). O intercambio xenético entre os golfiños do mar Mediterráneo e o océano Atlántico, na medida na que se produce, parece implicar predominantemente os animais do mar de Alborán.[23]
Descoñécese o tamaño da poboación no mar Negro. Algúns datos suxiren que actualmernte é polo menos duns 10 000 animais. A mediados de 1960, a subpoboación do mar Negro derrubouse debido á sobreexplotación pesqueira, estimándose unha redución do 70 %. Porén, a pesca continuou ata 1983, cando finalmente deixaron de cazarse estes cetáceos e, a principios do século XXI, a poboación aínda non se recuperara.[24]
Bioloxía
[editar | editar a fonte]Comportamento
[editar | editar a fonte]O golfiño común é unha especie gregaria, e adoita aparecer en activos grupos de tamaño de grande a moi grande (desde 30 individuos ata centos, e mesmo miles),[8] cuxos saltos poden verse desde lonxe, e tamén escoitarse o ruído producido polas salpicaduras ao caeren; normalmente saen á superficie varios membros do grupo. As inmersións poden durar ata 8 min, aínda que o normal é que duren entre 10 segundos e 2 min. O tamaño do grupo varía coa época do ano e tamén coa hora do día. Cando están asustados, agrúpanse moito.[9]
Delphinus delphis é un nadador rápido e un consumado acróbata. Adoita chapuzar, golpeando o mento, as aletas pectorais ou a caudal contra a auga. Frecuentemente segue as estelas dos barcos, e realiza ás veces grandes saltos, como se quixese presumir. Vocaliza moito, e os seus agudos chíos dentro da auga poden escoitarse fóra dela.[9]
Pode asociarse con outros golfiños en zonas onde o alimento abunda e, no Pacífico tropical oriental, tamén co atún de aleta amarela (Thunnus albacares).[9]
Alimentación
[editar | editar a fonte]O golfiño común ten unha dieta moi variada consistente en moitas especies de peixes de pequeno tamaño (sardiñas, arenques, xardas etc.) e cefalópodos, que vivan a menos de 200 m de profundidade.[2]
Reprodución
[editar | editar a fonte]O golfiño común alcanza a madurez sexual entre os 5 e os 7 anos. Os partos prodúcense na primavera e o verán, tras unha xestación de 10 a 11 meses. As femias paren cada dous anos no Atlántico europeo e no mar Negro,[8][12] pero a cadencia pode chegar ata os 3 anos nas poboacións do Pacífico oriental.[25]
As crías ao nacer miden de 70 a 100 cm e pesan uns 10 kg, e son aleitadas durante 10 meses,[25] pero na poboación do mar Negro a desteta ocorre entre os 5 e os 6 meses, e preséntase máis adiante (ata uns 19 meses) noutras áreas.[12][25]
A lonxevidade máxima é de 35 anos, pero se estima en 22 anos para a poboación do mar Negro.[12][25]
Estado de conservación
[editar | editar a fonte]A Unión Internacional para a Conservación da Natureza e dos Recursos Naturais cualificou en 2008 a situación global da especie como "LC" (pouco preocupante).[2] pero esta cualificación non é igual para todas as poboacións. Por exemplo as da subespecie Delphinus delphis delphis considérase "ER" (un pouco preocupante) porque, ao igual que ocorre con outras especies afectadas pola pesquería de cerco do atún de aleta amarela están diminuíndo os seus efectivos, polo que a IATTC (Inter-American Tropical Tuna Commission, Comisión interamericana para o atún tropical, CIAT) impuxo límites á mortalidade anual nas pesquerías e promulgou regulamentos con respecto á seguridade dos golfiños. No Pacífico Norte, para a pesca con artes de deriva dos Estados Unidos requiriuse, dende 1966, que utilizase avisadores acústicos para reducir a captura accidental de cetáceos; porén, algunhas capturas de Delphinus delphis continuaron.[26]. E como vimos ao falarmos da distribución da poboación, a UICN estima que, no Mediterráneo, a pesca con redes de deriva neste mar debe ser implantada e forzada como unha cuestión prioritaria.[27]
A situación da subespecie do mar Negro (Delphinus delphis ponticus) é moito máis crítica, e a UICN cualificouna como de "VU" (vulnerábel) xa que, como quedou dito, se estima a súa poboación en tan só nuns 10 000 individuos.[28]
Nomes galegos
[editar | editar a fonte]Ríos Panisse rexistrou para a especie Delphimnus delphis os seguintes nomes nas localidades que se indican:[29]
E, sen especificar o nome científico, aínda que, polo que vimos na taxonomía, seguramente se trataría desta especie, encontrou estes nomes na bibliografía dos autores que se mencionan:[29]
- Delfín: Eladio Rodríguez, Sarmiento
- Golfín: Crespo, Eladio Rodríguez, Franco Grande, Sarmiento
- Golfiño: Cornide, Franco Grande, Eladio Rodríguez, Crespo, Sarmiento
Polo tanto podemos considerar como nomes galegos delfín, golfín e golfiño (se descontamos a castelá corredora).
Polo que respecta ás obras recentes, vemos que a Sociedade Galega de Historia Natural opta por golfiño común na súa provisoria Lista patrón de vertebrados de Galicia,[30] o mesmo que fixeron Lahuerta e Vázquez, no seu Vocabulario multilingüe,[31] e Díaz d'a Silva e Cartelle na súa Guía dos Mamíferos de Galicia.[8]
Pola súa parte, a Real Academia Galega prefire para (todos) os golfiños o nome delfín,[1] considerando golfiño simplemente como un sinónimo, talvez por estar a forma delfín máis próxima ao étimo latino.[32]
Os golfiños na mitoloxía
[editar | editar a fonte]- Véxase tamén: Dioniso, Poseidón, Anfitrite e Delphinus (constelación).
Os golfiños sempre tiveron unha estreita relación cos seres humanos. Á parte das ameazas que sofren por parte do home, orixinaron varias lendas en numerosas culturas.
As aparicións dos delfíns na mitoloxía son numerosas, e testemuñan a súa relación co home desde a antigüidade.
Na mitoloxía grega cóntase que estes mamíferos mariños antes que golfiños foron homes, concretamente uns piratas que intentaron vender o deus Dioniso como escravo e este, como castigo, converteunos en cetáceos.
Na mesma mitoloxía, o deus Poseidón, que exercía o dominio sobre a auga e o mar, sempre era representado co seu característico tridente e adoito rodeado de golfiños.[33]
Segundo outra lenda, Poseidón viu a nereida Anfitrite por primeira vez bailando en Naxos entre as outras nereidas, namorouse dela e levouna consigo, aínda que noutra versión di que ela o rexeitou e que fuxiu ata os máis afastados confíns do mundo, refuxiándose onde o titán Atlas. Poseidón enviou numerosos criados na súa busca e un deles, Delfino, acabou encontrándoa e rogándolle que aceptase casar co deus e converterse na deusa do mar. Anfitrite terminou por aceptalo. Unha terceira versión di que Poseidón lle enviara á nereida o seu delfín de agasallo. Cando Anfitrite aceptou casar con el, o deus quedoulle tan agradecido ao delfín (o criado ou o animal), que o puxo entre as estrelas (o que se recorda no nome da constelación do Delfín.
Entre a descendencia de Anfítrite incluíanse focas.[34] Poseidón tivo con Anfitrite un fillo, Tritón, e unha filla, Rodo (aínda que noutras versións se di que en realidade era filla de Poseidón con Halia, ou que o seu pai era Asopo). Pseudo-Apolodoro tamén menciona outra filla de Poseidón e Anfitrite chamada Bentesicime.[35]
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ 1,0 1,1 delfín Arquivado 22 de xullo de 2013 en Wayback Machine. no dicionario da RAG.
- ↑ 2,0 2,1 2,2 2,3 2,4 2,5 Hammond, P. S., Bearzi, G., Bjørge, A., Forney, K., Karczmarski, L., Kasuya, T., Perrin, W. F., Scott, M. D., Wang, J. Y., Wells, R. S. & Wilson, B (asesores) (2008): Lista vermella Arquivado 18 de setembro de 2018 en Wayback Machine. de especies ameazadas da UICN.
- ↑ "Charlton T. Lewis, Charles Short, A Latin Dictionary, delphīnus". www.perseus.tufts.edu. Consultado o 2021-02-13.
- ↑ 4,0 4,1 Henry George Liddell, Robert Scott, A Greek-English Lexicon
- ↑ Caroli Linnæi: Systema naturæ per regna tria naturæ, secundum classses, ordines, genera, species, cum characteribus, differentiis, synonymis, locis. Editio decima reformata 1758, Holmiæ, Impensis direct. Laurentii Salvii (Salvius publ.).
- ↑ 6,0 6,1 6,2 6,3 6,4 WoRMS
- ↑ Mammal Species of the World.
- ↑ 8,0 8,1 8,2 8,3 8,4 8,5 8,6 8,7 Díaz d'a Silva e Cartelle (2007), p. 114.
- ↑ 9,00 9,01 9,02 9,03 9,04 9,05 9,06 9,07 9,08 9,09 9,10 9,11 9,12 Carwardine, M. (1995), pp. 164-177.
- ↑ De aí que, na bibliografía internacional, adoiten denominarse ambas as especies como delfín común de fociño curto e de fociño longo, respectivamente.
- ↑ Delphinus capensis Gray, 1828 en SIIT.
- ↑ 12,0 12,1 12,2 12,3 Perrin, W. F. (2002): "Common dolphins Delphinus delphis, D. capensis and D. tropicalis". En: W. F. Perrin, B. Wursig and J. G. M. Thewissen (eds.), Encyclopedia of Marine Mammals, pp. 245-248. Academic Press.
- ↑ Gerrodette, T. and Forcada, J. (2002): Estimates of abundance of striped and common dolphins, and pilot, sperm and Bryde's whales in the eastern tropical Pacific Ocean. Southwest Fisheries Science Center Administrative Report LJ-02-20.
- ↑ Barlow, J. and Forney, K. A. (2007): "Abundance and density of cetaceans in the California Current ecosystem". Fishery Bulletin.
- ↑ Forney, K. A. and Barlow, J. (1998): "Seasonal patterns in the abundance and distribution of California cetaceans, 1991-1992". Marine Mammal Science 14 (3): 460-489.
- ↑ 16,0 16,1 Cañadas, A. (2006): Habitat utilisation of common dolphins in the western Mediterranean. Universidade Autónoma de Madrid: Tese de doutoramento.
- ↑ O denominado atún blanco ou bonito del Norte nas latas de conserva.
- ↑ Goujon, M. (1996): Captures accidentelles du filet maillant derivant et dynamique des populations de dauphins au large du Golfe de Gascogne. Rennes: École Nationale Superieure Agronomique.
- ↑ Waring, G. T., Josephson, E., Fairfield, C. P. and Maze-Foley, K. (eds). (2006): U.S. Atlantic and Gulf of Mexico marine mammal stock assessments. NOAA Technical Memorandum NMFS-NE.
- ↑ Bearzi, G., Reeves, R. R., Notarbartolo Di Sciara, G., Politi., E, Canadas, A. and Mussi, B. (2003): "Ecology, status and conservation of short-beaked common dolphins Delphinus delphis in the Mediterranean Sea". Mammal Review 33: 224-252.
- ↑ Bearzi, G., Holcer, D. and Notarbartolo Di Sciara, G. (2004): "The role of historical dolphin takes and habitat degradation in shaping the present status of northern Adriatic cetaceans". Aquatic Conservation of Marine and Freshwater Ecosystems 14: 363-379.
- ↑ Bearzi, G., Politi, E., Agazzi, S. and Azzellino, A. (2006): "Prey depletion caused by overfishing and the decline of marine megafauna in eastern Ionian Sea coastal waters (central Mediterranean)". Biological Conservation 127 (4): 373-382.
- ↑ Natoli, A. (2004): "Molecular ecology of bottlenose (Tursiops sp.) and common (Delphinus sp.) dolphins". Universidade de Durham: Tese de doutoramento.
- ↑ Birkun, A. (2006): "Short-beaked common dolphin (Delphinus delphis ponticus): Black Sea subspecies. In: R. R. Reeves and G. Notarbartolo di Sciara (eds), The status and distribution of cetaceans in the Black Sea and Mediterranean Sea, pp. 16-22. IUCN Centre for Mediterranean Cooperation, Málaga, España.
- ↑ 25,0 25,1 25,2 25,3 Shirihai, H. & Jarrett, B. (2006): Whales, Dolphins and Other Marine Mammals of the World. ISBN 0-691-12757-3. pp. 171–174.
- ↑ Carretta, J. V., Forney, K. A., Muto, M. M., Barlow, J., Baker, J., Hanson, J. and Lowry, M. S. (2006): U.S. Pacific marine mammal stock assessments: 2005. NOAA Technical Memorandum NMFS-SWFSC.
- ↑ Lista vermella da UINC.
- ↑ Lista vermella de UICN.
- ↑ 29,0 29,1 Ríos Panisse, M. C. (1983), pp. 7-8.
- ↑ En Pérter Alberti, A. (1982), p. 209.
- ↑ Lahuerta e Vázquez (2000), p. 317.
- ↑ golfiño Arquivado 22 de xullo de 2013 en Wayback Machine. no dicionario da RAG.
- ↑ Revista Natura, nº 41, agosto de 1986.
- ↑ "As focas de natátiles pés, fillas da fermosa Halosidne. Odisea, IV, 404.
- ↑ Biblioteca, III, 15, 4.
- III, 15, 1 - 9: texto francés.
- III, 15, 4: texto inglés.
- III, 15, 4: texto grego en Wikisource.
Véxase tamén
[editar | editar a fonte]Wikimedia Commons ten máis contidos multimedia na categoría: Golfiño común |
Wikispecies posúe unha páxina sobre: Golfiño común |
Bibliografía
[editar | editar a fonte]- Carwardine, Mark (1995): Ballenas, delfines y marsopas. Guía visual de todos los cetáceos del mundo. Barcelona: Ediciones Omega. ISBN 84-282-1037-3.
- Díaz d'a Silva, Juan I. e Yosi Cartelle (2007): Guía dos mamíferos de Galicia. A Coruña: Baía Edicións. ISBN 978-84-96893-20-7.
- Kowalski, Kazimerierz (1981): Mamíferos. Manual de teriología. Madrid: H. Blume Ediciones. ISBN 84-7214-229-9.
- Lahuerta Mouriño, Fernando e Francisco X. Vázquez Álvarez (2000): Vocabulario multilingüe de organismos acuáticos. Santiago: Xunta de Galicia. ISBN 84-453-2913-8.
- Mead, J. G. e Brownell, R. L., Jr. (2005): "Order Cetacea en: Wilson, D. E. e Reeder, D. M. Mammal Species of the World (3rd ed.) Johns Hopkins University Press. pp. 723–743. ISBN 978-0-8018-8221-0.
- Pérez Alberti, Augusto (dir.) (1982): Xeografía de Galicia. Tomo I. O medio. A Coruña: Edicións Sálvora. ISBN 84-85779-12-6.
- Perrin, William F.; Bernd Wursig e J. G.M. Thewissen (Eds.) (2008): Encyclopedia of Marine Mammals, Second Edition. Academic Press. ISBN 978-0-12-373553-9.
- Rice, Dale W. (1998): Marine mammals of the world: systematics and distribution. Society of Marine Mammalogy / Special Publication Number 4. ISBN 978-1-891276-03-3.
- Ríos Panisse, Mª del Carmen (1983): Nomenclatura de la flora y fauna marítimas de Galicia. II. Mamíferos, aves y algas. Verba, anexo 19. Santiago de Compostela: Universidade de Santiago de Compostela. ISBN 84-7191-291-0.
- Stewart, Brent S.; Phillip J. Clapham, James A. Powell e Randall R. Reeves (2002): National Audubon Society Guide to Marine Mammals of the World. ISBN 0-375-41141-0.