Saltar ao contido

Ducado de Alba de Tormes

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
(Redirección desde «Duque de Alba»)
Ducado de Alba de Tormes
Primeiro titularGarcía Álvarez de Toledo y Carrillo de Toledo
ConcesiónHenrique IV de Castela
1472
LiñaxesCasa de Álvarez de Toledo
Casa de Silva
Casa de Fitz-James Stuart
Actual titularCarlos Fitz-James Stuart y Martínez de Irujo
Escudo actual da Casa de Alba, dende a unión coa Casa de Fitz-James Stuart, cos emblemas de Inglaterra, Escocia, Irlanda e a casa de Toledo, coa lenda pertencente a esta familia da Rexión Leonesa: Tv in ea et ego pro ea na parte superior.

O Ducado de Alba de Tormes, comunmente denominado ducado de Alba a secas, é un título nobiliario hereditario que o rei Henrique IV de Castela outorgou, en 1472, a García Álvarez de Toledo y Carrillo de Toledo, II conde de Alba de Tormes, ao converter o seu condado de Alba de Tormes nun ducado, que hoxe en día, e dende hai máis de cincocentos anos, é un dos principais e máis tradicionais títulos do Reino de España e o que lle dá nome á Casa de Alba, como propietaria deste, constituíndo a liñaxe familiar máis importante de España en soleira, avoengo e relevancia histórica.

En 1429, Xoán II de Castela outorgou a vila de Alba de Tormes e o título de señor desta vila ao bispo Gutierre Álvarez de Toledo. Ao morrer este sen deixar descendencia, o señorío pasou ás mans do seu sobriño Fernando Álvarez de Toledo y Sarmiento, IV señor de Valdecorneja, a quen o propio Xoán II nomeou en 1438 I conde de Alba de Tormes, polos servizos prestados á coroa.

En 1472, Henrique IV de Castela, elevou o condado a ducado na persoa de García Álvarez de Toledo y Carrillo de Toledo, sendo este o I duque de Alba de Tormes.

Posteriormente, os Reis Católicos outorgaron a capitanía xeneral dos seus exércitos ao II duque de Alba, Fadrique Álvarez de Toledo y Enríquez.

En 1520 o rei Carlos I de España incluíu aos duques de Alba de Tormes entre os vinte e cinco primeiros Grandes de España.

No ducado sucedéronse tres familias:

  • A primeira foi a Casa de Alba orixinal ou casa de Toledo, que durou case tres séculos, ao longo dos cales se sucederon once duques e que se prolongou dende a súa creación ata a súa extinción en 1755 a causa da morte de María Teresa Álvarez de Toledo y Haro, o XI titular e primeira muller en ostentar o ducado. Aos representantes desta primeira Casa, que foi a que se perpetuou por máis tempo, coñéceselles co nome de Albas maiores debido a que os seus duques tiveron unha moi destacada actuación na historia da Monarquía Hispánica sendo a máis tradicional das tres.
  • A segunda ou casa de Silva, foi a que se prolongou unicamente por algo menos de medio século durante o cal a herdaron dous duques, que comezou con Fernando de Silva y Álvarez de Toledo -o fillo da XI duquesa- e se estendeu ata 1802, ano do falecemento sen descendencia directa de María Teresa de Silva Álvarez de Toledo, o XIII xefe da liñaxe e a segunda muller que ostentou o título ducal. Foi a casa que menos duración temporal e menos titulares tivo e continuou fortemente vinculada á familia orixinaria dos Álvarez de Toledo.
  • A terceira ou casa de Fitz-James Stuart, é a que se estendeu por algo máis de dúas centurias e que se iniciou cun descendente do fillo bastardo do rei Xacobe II de Inglaterra, primo segundo da XIII duquesa, e que continúa ata a actualidade.

Lista de duques de Alba

[editar | editar a fonte]

Señores de Alba de Tormes (1430-1439)

[editar | editar a fonte]
  1. Gutierre Álvarez de Toledo, I señor de Alba de Tormes. Tamén bispo de Palencia e arcebispo de Sevilla e primado de Toledo, (1376-1446).
  2. Fernando Álvarez de Toledo y Sarmiento, II señor de Alba de Tormes, (1390-1464).

Condes de Alba de Tormes (1439-1472)

[editar | editar a fonte]
  1. Fernando Álvarez de Toledo y Sarmiento, I conde de Alba de Tormes, (1390-1464).
  2. García Álvarez de Toledo y Carrillo de Toledo, II conde de Alba de Tormes, (?-1488).

Duques de Alba de Tormes (dende 1472)

[editar | editar a fonte]
Titular Período
I García Álvarez de Toledo y Carrillo de Toledo 1472-1488
II Fadrique Álvarez de Toledo y Enríquez 1488-1531
III Fernando Álvarez de Toledo y Pimentel, «el Gran Duque de Alba» 1531-1582
IV Fadrique Álvarez de Toledo y Enríquez de Guzmán 1582-1585
V Antonio Álvarez de Toledo y Beaumont 1585-1639
VI Fernando Álvarez de Toledo y Mendoza 1639-1667
VII Antonio Álvarez de Toledo y Enríquez de Ribera 1667-1690
VIII Antonio Álvarez de Toledo y Fernández de Velasco 1690-1701
IX Antonio Álvarez de Toledo y Guzmán 1701-1711
X Francisco Álvarez de Toledo y Silva 1711-1739
XI María Teresa Álvarez de Toledo y Haro 1739-1755
XII Fernando de Silva y Álvarez de Toledo 1755-1778
XIII María del Pilar Teresa Cayetana de Silva Álvarez de Toledo 1778-1802
XIV Carlos Miguel Fitz-James Stuart y Silva 1802-1835
XV Jacobo Fitz-James Stuart y Ventimiglia 1835-1881
XVI Carlos María Fitz-James Stuart y Palafox 1881-1901
XVII Jacobo Fitz-James Stuart y Falcó 1902-1953
XVIII María del Rosario Cayetana Fitz-James Stuart y Silva 1953-2014
XIX Carlos Fitz-James Stuart y Martínez de Irujo 2015-

Véxase tamén

[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas

[editar | editar a fonte]