Saltar ao contido

Fenofibrato

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Fenofibrato
Datos clínicos
Categoría no
embarazo
  • C
Rutas de
administración
Oral
Código ATC
Datos farmacocinéticos
Unión a proteína plasmática99 %
Duración de acción20 horas
ExcreciónRenal
Identificadores
Datos químicos e físicos
FórmulaC20H21ClO4
Aviso médico.
Aviso médico.
Advertencia: A Wikipedia non dá consellos médicos.
Se cre que pode requirir tratamento, por favor, consúltello ao médico.

O fenofibrato é unha substancia derivada do ácido fíbrico que, ao metabolizarse no organismo, orixina o ácido fenofíbrico, o seu metabólito activo.

Utilízase para diminuír os niveis de triglicéridos (TG) en sangue. Ao igual que outros fibratos hipolipemiantes activa o factor de transcrición PPAR-α. Isto promove a oxidación dos ácidos graxos e estimula a actividade LPL, o que reduce os TG e aumenta a síntese de proteínas coxugadas (apoproteínas) de HDL (lipoproteínas), o que incrementa as cifras de colesterol HDL (cHDL). Por termo medio, os fibratos reducen os TG nun 36 % e aumentan o cHDL nun 8 %.

Farmacocinética

[editar | editar a fonte]
Artigo principal: Farmacocinética.

A concentración plasmática máxima (Cmax) alcánzase entre as 2 e as 4 horas despois da administración oral. Presenta interferencias na absorción de tomarse xunto á comida, fenómeno este que mellora en determinadas presentacións galénicas (nanopartículas).

  • Distribución: o ácido fenofíbrico está fortemente asociado á albumina sérica (máis do 99 %).
  • Metabolismo e excreción: despois da administración oral, o fenofibrato é rapidamente hidrolizado polas lipases no seu metabólito activo, o ácido fenofíbrico. Nom se detectou fenofibrato inalterado no plasma sanguíneo. O fenofibrato non é un substrato para o CYP 3A4. O metabolismo microsomal hepático non está involucrado.
  • Eliminación: a eliminación realízase esencialmente por vía urinaria. A case totalidade do produto elimínase en 6 días. O fenofibrato elimínase principalmente en forma de ácido fenofíbrico e do seu derivado glicuroconxugado. En pacientes anciáns non se modifica o aclaramento do plasma total aparente do ácido fenofíbrico.[1]
  • Estudos farmacocinéticos: despois da administración dunha dose única e tratamento continuo, indican unha ausencia de acumulación. O ácido fenofíbrico non se elimina por hemodiálise.
  • Semivida: a semivida plasmática de eliminación do ácido fenofíbrico é da orde de 20 horas.

Farmacodinámica

[editar | editar a fonte]

Mecanismo de acción

[editar | editar a fonte]

Os PPAR son receptores nucleares que unen ligandos naturais ou sintéticos, forman heterodímeros con outro receptor nuclear e, desta forma, regulan, é dicir, aumentan ou inhiben a expresión de certos xenes. Existen PPAR-alfa, beta e gamma, e os fibratos únense especificamente aos alfa, salvo os que se unen aos tres.

A estimulación dos PPAR-alfa:

  • Inhibe a expresión da apolipoproteína C3 (APOC3), que á súa vez inhibe a lipase lipoproteica respánsabel da hidrólise intravascular dos triglicéridos (TG). Os PPAR-alfa, por tanto, aumentan a actividade da lipase lipoprotéica, o cal significa a diminución dos triglicéridos no sangue.
  • Leva a un aumento da síntese da Apo A1 e da APOA2 e, en consecuencia, do HDL.[2]
  • Durante os ensaios clínicos levados a cabo con fenofibrato, o nivel de colesterol total diminuíu entre o 20 e o 25 %, o dos triglicéridos entre un 40 e un 55 % e o do cHDL aumentou entre un 10 e un 30 %.
  • Efectos extralipídicos: os fibratos reducen a expresión de endotelina 1, que é un potente vasoconstritor, o que determina unha melloría da función endotelial. Tamén por este mecanismo, os fibratos reducen a expresión das citoquinas, especialmente da IL-1 e a IL-6, de modo que tamén se podería atribuír a estes fármacos un efecto antiinflamatorio. Sábese, ademais que, mediante PPAR-alfa, algúns fibratos poden reducir a expresión do fibrinóxeno; desta maneira poderían exercer un efecto antitrombótico.[3]
  • Algúns fibratos aumentan a excreción de colesterol pola bile, o cal pode favorecer a litoxénese.[4]

Interaccións

[editar | editar a fonte]
  • Potencia a acción dos anticoagulantes cumarínicos.
  • Aumenta a acción das sulfonilureas e a insulina.
  • Absorción diminuída con resinas de intercambio iónico (deben transcorrer 2 horas entre a toma dun e outro).
  • Concomitantemente con estatinas aumenta o risco de rabdomiólise.
  • Debe considerarse individualmente cada caso cando se administra xunto con estróxenos.
  • Observárose algúns casos graves de deterioración da función renal, aínda que reversíbeis, durante o tratamento concomitante de fenofibrato e ciclosporinas. Debe controlarse pois con especial atención a función renal nestes pacientes.

Uso clínico

[editar | editar a fonte]

Indicacións

[editar | editar a fonte]
  • Trastornos do metabolismo lipídico (triglicéridos, colesterol, ou ambos) xunto con medidas non farmacolóxicas.
  • Os depósitos de colesterol extravasculares (xantomas tendinosos e tuberosos) poden sufrir, baixo o tratamento con fenofibrato, unha redución importante e incluso unha desaparición total.
  • Recentemente estase a estudar o seu uso experimental como posíbel tratamento para a fibrose pulmonar idiopática.[5]
  • E aínda máis recentemente, suxírese que tamén podería ser utilizado para mellorar a función articular en pacientes con artrose, unha enfermidade inflamatoria e incapacitante ligada ao envellecemento e para a que aínda non existe cura, e só se tratan os síntomas, como a dor ou a inflamación, pero até agora non se logrou frear a dexeneración da cartilaxe, algo que si podería facer o medicamento indicado agora para as patoloxías endócrinas. Isto é o que proba un estudo realizado polo grupo de reumatoloxía do Complexo Hospitalario Universitario da Coruña en colaboración co equipo BioFarma da Universidade de Santiago. As súas conclusións, que acaban de publicarse na revista médica EbioMedicine, editada por The Lancet, supoñen unha nova esperanza para os pacientes con artrose.[6]

Contraindicacións

[editar | editar a fonte]

Embarazo e lactación

[editar | editar a fonte]

Non se dispóne de datos clínicos en mulleres embarazadas. En estudos con animais non se observaron alteracións fetais. Categoría C.

Reaccións adversas

[editar | editar a fonte]

Para a valoración das reaccións adversas (RAM) teranse en conta os criterios da CIOSM.

Reaccións adversas do fenofibrato.[7]
Sistema implicado. Grupo CIOSM. Tipo de reacción.
Aparato dixestivo Frecuentes. Molestias gastrointestinais: anorexia nerviosa, sensación de opresión do estómago, náuseas e aumentos reversíbeis das transaminases hepáticas.
Pouco frecuentes. Desenvolvemento de cálculos biliares.
Raras. Pancreatite
Pel e tecido subcutáneo. Frecuentes. Erupción cutánea, prurito, urticaria.
Raras. Alopecia.
Moi raras. Fotosensibilidade.
Alteracións hematolóxicas. Raras. Anemia, leucopenia, pancitopenia e trombocitopenia.
Aparato xenitourinario. Pouco Frecuentes. Lixeiros incrementos na creatinina sérica e urea.
Raras. Diminución da libido, disfunción eréctil.
Trastornos cardíacos e vasculares. Pouco frecuentes. Tromboembolismo (tromboembolismo pulmonar, trombose veosa profunda).
Sistema músculo-esquelético. Raras. Mialxia, debilidade muscular, cambras musculares e aumentos considerábeis da creatinquinase.
Moi raras. Rabdomiólise.
Sistema nervioso central. Raras. Cefalea e vertixe.
  1. NCBI, Pub Chem. PubMed. Consultado o 21 de agosto de 2019.
  2. IV Diretriz Brasileira Sobre Dislipidemias e Prevenção da Aterosclerose Departamento de Aterosclerose da Sociedade Brasileira de Cardiologia. Arquivado 10 de maio de 2017 en Wayback Machine.. Consultado o 21 de agosto de 2019.
  3. Cuevas, A. (2002): "Fármacos Hipolipemiantes: Estado Actual y Controversias". Medwave. Ano 2, Nº 10. Texto completo. Consultado o 21 de agosto de 2019.
  4. Report from the Committee of Principal Investigators. "A co-operative trial in the primary prevention of ischaemic heart disease using clofibrate". Br. Heart. J.. Outubro de 1978, 40 (10): 1069–1118. Consultado o 21 de agosto de 2019.
  5. Rondón, Carlos (5 de xuño de 2012). "Fenofibrato y Rosiglitazona muestran efectividad antifibrótica en pruebas de laboratorio" (en español). Consultado o 21 de agosto de 2019. 
  6. Romar, R. (13 de agosto de 2019). "Un fármaco utilizado para el colesterol consigue frenar el avance de la artrosis". La Voz de Galicia. Consultado o 21 de agosto de 2019. 
  7. 7,0 7,1 Agencia española de medicamentos y productos sanitarios. Información de fichas técnicas autorizadas. Consultado o 21 de agosto de 2019.

Véxase tamén

[editar | editar a fonte]

Bibliografía

[editar | editar a fonte]
  • Wong, T. Y.; Simó, R. & Mitchell, P. (2012): "Fenofibrate - a potential systemic treatment for diabetic retinopathy?". Am. J. Ophthalmol. '154 (1): 6–12.
  • Staels, B.; Dallongeville, J.; Auwerx, J.; Schoonjans, K.; Leitersdorf, E. & Fruchart, J. C. (1998): "Mechanism of action of fibrates on lipid and lipoprotein metabolism". Circulation. 98 (19): 2088–2093.
  • Ling, H.; Luoma. J. T. & Hilleman, D.: (2013): "A review of currently available fenofibrate and fenofibric acid formulations". Cardiol Res. 4 (2): 47–55.
  • Alagona, P. (2010): "Fenofibric acid: a new fibrate approved for use in combination with statin for the treatment of mixed dyslipidemia". Vasc. Health Risk Manag. 6: 351–362.
  • Wierzbicki, A. S.; Mikhailidis, D. P.; Wray, R.; Schacter, M.; Cramb, R.; Simpson, W. G. & Byrne, C. B. (2003): "Statin-fibrate combination: therapy for hyperlipidemia: a review". Curr. Med. Res. Opin. 19 (3): 155–68.

Outros artigos

[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas

[editar | editar a fonte]