Saltar ao contido

Fraortes, rebelde

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
(Redirección desde «Fraortes, Rebelde»)
Modelo:BiografíaFraortes, rebelde
Biografía
Nacementoséculo VI a. C. Editar o valor en Wikidata
Morte521 a. C. Editar o valor en Wikidata
Causa da mortepena de morte Editar o valor en Wikidata

Fraortes (¿- -521), fillo de Upadaranma, foi rei de Media do -522 ao -521.

Traxectoria

[editar | editar a fonte]

Contexto histórico

[editar | editar a fonte]

A causa inmediata da revolta de Fraortes foi a morte do rei persa Cambises II na primavera do -522 e a usurpación do trono por parte do mago Gaumata, quen non pertencía á dinastía aqueménida e é posíbel que fose medo de nacemento. Seis nobres partidarios da familia real persa axudaron a Darío I a se converter en novo rei, asasinando a Gaumata no seu castelo de Sikayauvatiš en Media o 29 de setembro.

Case inmediatamente dous reis rebeláronse: Nidintubel en Babilonia e Assina en Elam. Cando Darío reprimiu estas rebelións e estaba en Babilonia, Fraortes botou o seu pulso ao poder. Reivindicou que era descendente do antigo rei meda Ciaxares e tomou o nome de Khshathrita para o trono. Marchou a Ecbatana, a capital de Media, cidade que tomou en decembro do -522. Máis ou menos polas mesmas datas, estoupou unha nova rebelión en Elam, esta vez baixo o rei Martiya, e outras revoltas fixéronse extensivas a máis provincias como Armenia, Partia e Asiria.

Fraortes, rei dos medos

[editar | editar a fonte]

Os persas foron incapaces de suprimiren a rebelión meda deseguida. Na inscrición de Behistún, Darío afirma que o seu xeneral Hidarnes gañou unha batalla en Marush (Mehriz, ao sur do actual Yazd) o 12 de xaneiro do -521. Porén esta batalla non foi de ningún modo decisiva e non prexudicou seriamente a posición de Fraortes en Media, só serviu para impedir que o medo invadise Persia nin puidese tampouco tomar contacto con outro rebelde, Vahyazdata. Outro factor que xogaba a favor de Fraortes era que o exército de Darío estaba formado por tropas medas. Estas serviran ben ao rei en Babilonia, pero era improbábel que atacasen o seu propio país.

No entanto, se Darío non podía sacar partido da súa vitoria, Fraortes tampouco podía explotar a situación, xa que en Partia, que era leal ao medo, había unha gornición persa. Estaba comandada polo pai de Darío, Histaspes. O 8 de marzo de -521, os partos e os seus aliados, os hircanios, atacaron a gornición persa, pero foron derrotados.

Mentres os persas de Partia puidesen atacar a súa retagarda, Fraortes non podía atacar a Darío, quen tivo tempo para recrutar un novo exército. Na primavera, o líder persa penetrou en Media a partir do oeste, e o 8 de maio do -521, derrotou a Fraortes nun sitio chamado Kunduru, que é probabelmente a actual Bisotun, onde a inscrición de Behistún pode verse aínda. Fraortes fuxiu para os partos, pero foi capturado cando se dirixía ao centro relixioso dos magos, Rhagae (actual Teherán). Darío narra na inscrición de Behistún que el persoalmente lle cortou ao medo o nariz, as orellas e máis a lingua, sacoulle os ollos e crucificouno en Ecbatana. Os seus partidarios foron esfolados e a súa pel reenchida con palla.

Despois desta vitoria, Darío puido enviar tropas a Armenia e Partia, onde os seus xenerais acabaron cos rebeldes restantes.

Véxase tamén

[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas

[editar | editar a fonte]