Saltar ao contido

Illa da Creba

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Modelo:Xeografía físicaIlla da Creba
Imaxe
Tipoilla Editar o valor en Wikidata
Localización
División administrativaEsteiro, España Editar o valor en Wikidata
Mapa
 42°46′30″N 8°57′51″O / 42.77497, -8.96419
Bañado porOcéano Atlántico Editar o valor en Wikidata
Características
Superficie7,5 ha Editar o valor en Wikidata

A Illa da Creba é unha illa galega da ría de Muros e Noia, situada a 240 metros da costa da parroquia de Esteiro (Muros). Ten unha característica forma de teta e unha extensión de 7,5 hectáreas. É de propiedade privada desde 1922.[1] Está coroada por un caserón, construído sobre as ruínas da antiga capela da nosa Señora da Creba. Posúe dous embarcadoiros que forman unha pequena dársena.

Desde a Idade Media existiu unha ermida dedicada a Santa María e custodiada por un ermitán onde se celebraba unha concorrida romaría con xentes vindas en barcos das poboacións veciñas; hoxe está desaparecida.

Plinio situábaa nos pobos Tamaricos dicindo que nela se atopan as famosas aras sestianas, feito que parece corroborar Carré Aldao[onde?] ao dicir: “que las tan discutidas Aras sextinas, torques de oro y fíbulas preciosas aparecieron por estas parajes y fueron a enriquecer las colecciones soberbias del Sr. Blanco-Cicerón”. Na Historia Compostelana relátase como os piratas, sarracenos uns e normandos outros, instalados na illa asolaban frecuentemente a costa provocando que os nativos abandonasen as súas casas de comezos da primavera até mediados do outono refuxiándose nos montes próximos. Alvaro das Casas escribe[onde?]:

Que a últimos del siglo XI, los árabes hicieron incursiones por los alrededores de la Villa de Noya y que en el año 1.115 dominaron la isleta de la Creba, cerca de la desembocadura del Tambre, arrasando la Villa de Noya”

O Arcebispo Xelmírez para combater estas incursións manda chamar a enxeñeiros xenoveses para construír unha frota que defenda a costa dos tan temidos piratas provocando grandes estragos entre os mesmos, pois non só serviu a frota arcebispal para detelas correrías, senón tamén para atacalos nos seus escondedoiros e incluso en mar aberto[Cómpre referencia]. A mediados do século XVI xa había constancia dunha ermida na illa xunto con dúas construcións, unha delas empregada por un ermitán como vivenda. A ermida debeu revestir importancia en anos anteriores pois no ano 1571 durante unha visita fálase do estado das construcións así como manda que se empreñen as diferentes rendas propias da ermida (sen especificar cales) para o saneamento da mesma, tamén aparece nun documento sobre un naufraxio acaecido nas inmediacións da illa no ano 1533. A ermida xa aparece desfeita no ano 1867 no Derroteiro das Costas de España e Portugal dicindo que só se conservan unhas ruínas na cima da illa e que só é navegable a canle de auga que a separa da terra por embarcacións menores debido a presenza de grandes pedras, o que parece corroborar o que na tradición popular se garda de que houbo un tempo no que a illa estaba unida a terra.

Corre unha lenda relacionada con esta illa, a máis coñecida é a que explica a construción da ermida nesa illa. Vicente Risco deixou escrito[onde?]: Na Creba había mouros que tiñan un templo do seu falso deus. Os cristiáns matáronos deixando só á filla do xefe. Esta invocou ao demo, quen levantou unha tempestade, afogou aos cristiáns e separou a illa da terra. A moura converteuse nunha gran serpe rodeada de feras que afundían aos barcos. Os cristiáns foron onde un santo home que lles aconsellou bendicir a illa e erguer a igresiña da nosa Señora da Creba[Cómpre referencia]. Vítor Vaqueiro recolle esta mesma lenda da formación da illa pola treboada que provocou o demo, pero non fai mención de templo nin ermida ningunha[2].

Varias testemuñas de veciños[quen?] parecen corroborar a existencia dunha ponte que unía a illa a terra, da cal din que aínda son visibles os alicerces. A comezos do século pasado, moitos anos despois de desaparecida a ermida aínda seguía viva a súa devoción entre as xentes da contorna, os cales mentres viaxaban no “Carreto”, vapor que facía a ruta de Muros a Noia, ao pasar polas inmediacións da illa descubrían as cabezas, os homes, e as mulleres rezaban unha Salve na honra da Virxe da Creba. Ao longo do século XX a illa sufrirá un proceso de privatizacion no cal desaparecen os restos da ermida para dar paso a unha casona na década dos oitenta quedando así restrinxido o uso que secularmente viñan facendo os veciños de Esteiro da illa mentres os “novos” donos transformaron a súa morfoloxía construíndo un porto de abrigo e plantando piñeiros na mesma. A día de hoxe a illa segue sendo privada.

  • Indo polo mar embaixo/ o aire rifoume a vela:/ nosa Señora da Creba/ deume o pano para ela [3].
  • Quen me dera estar na Creba/ e na Creba haber un piño,/ para ver o que se pasa/ esta noite en Portosiño [4].
  1. Pérez Pena, Marcos (9 de xullo de 2022). "Activistas ocupan a Illa da Creba, na ría de Muros, para reclamar que sexa "devolta a mans públicas"". Praza Pública. 
  2. VAQUEIRO, Vítor: Mitoloxía de Galiza. Lendas, tradicións, maxias, santos e milagres, ed. Galaxia, Vigo 2011, s. v. serpe.
  3. Álvaro das Casas (colector): "Pra un canzoneiro de Noia", en "Arquivo Filolóxico e Etnográfico de Galiza", en Nós 94, 15.10.1931, 193. No texto: pol-o, rifóume, díume.
  4. A illa da Creba está fronte por fronte a Portosín (lugar de Porto do Son). Álvaro das Casas (colector): "Pra un canzoneiro de Noia", en "Arquivo Filolóxico e Etnográfico de Galiza", en Nós 94, 15.10.1931, 192.