Ipomoea aquatica
Ipomoea aquatica | |||||||||||||||||||||
---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|
Clasificación científica | |||||||||||||||||||||
| |||||||||||||||||||||
Nome binomial | |||||||||||||||||||||
Ipomoea aquatica Forssk. |
Ipomoea aquatica é unha planta tropical semiacuática que se cultiva como verdura polos seus rebentos e follas tenros. Atópase en rexións tropicais e subtropicais, aínda que se descoñece onde se orixinou. Coñécese como phak bung en tailandés e Laosiano, ong choy en cantonés, kongxincai en mandarín, rau muống en vietnamita, kangkong en tagalo, trokuon en Khmer, kolmou xak en assamés, kalmi saag en hindi, kalmi shak en bengalí, Thooti Koora en telugu, kangkung en indonesio, malaio e ceilandés e hayoyo en Ghana.
Descrición
[editar | editar a fonte]I. aquatica medra na auga ou en terras húmidas. O seu talo mide entre 2 e 3 metros ou en ocasións algo máis, e bota as raíces nos nódulos, que son ocos e poden aboiar. As follas varían desde as saxitais típicas (con forma de seta) ás lanceoladas, de 5 a 15 cm de longo e de 2 a 8 cm de largo. As flores teñen forma de trompeta, con entre 3 e 5 cm de diámetro, e normalmente de cor branca co centro malva. Propágase ao xermolar os rebentos cortados dos talos ou ben as sementes que producen as flores.[1][2]
Cultivo
[editar | editar a fonte]Ipomoea aquatica medra comunmente no leste, sur e sueste de Asia. Rosea de forma natural en correntes de auga e case non require coidados. Cultívase extensivamente nas rexións rurais birmanas, tailandesas, laosianas, malaias, camboxanas, vietnamitas, filipinas e chinesas. Tamén é moi popular en Taiwán.
Usos culinarios
[editar | editar a fonte]É un ingrediente común da gastronomía do sueste de Asia, e adoita servirse frixido. En Singapur, Indonesia, e Malaisia, os rebentos tenros mailas follas fríxense con pemento, allo, xenxibre, pasta de gamba seca (belacan/terasi) e outras especias. En Penang e Ipoh cocíñase con xibas e un chorume doce e picante. Na rexión de fala hokkien, onde se coñece como eng cai, tamén se pode servir fervido con xiba e logo enxúgase e mestúrase cunha pasta picante coñecida como rojak para se converter en jiu hu eng cai. O eng cai fervido tamén se pode servir con fideos de krill, belacan bee hoon e fideos de lagostino.
Na cociña indonesia, chámase kangkung, fervido ou escalfado xunto con outras verduras forma o ingrediente das ensaladas gado-gado ou pecel con chorume de cacahuete. Algunhas das receitas que utilizan kangkung son o plecing kangkung de Lombok, e mie kangkung de Iacarta.
-
Kangkung blachan de Penang
-
Plecing kangkung de Lombok
-
Mie kangkung
-
Pak boong fai daeng de Tailandia
-
Canh chua de Vietnam
En Tailandia, onde se coñece como phak bung (tailandés: ผักบุ้ง), cómese cru, a miúdo xunto con ensalada de papia verde ou nam phrik, mais tamén frixida en currys como o kaeng som.[3]
En Vietnam é un ingrediente e acompañamento común da gastronomía local, antigamente servía como comida principal para os máis pobres. No sur do país córtase en xuliana e cómese con gran variedade de fideos. Tamén se cociña nunha sopa aceda (canh chua), con tomates e outras verduras, engadíndolle tamén algunha clase de proteína.
En Laos, onde se coñece como pak bong (ຜັກບົ້ງ), e en Birmania,gazun ywet (ကန်စွန်းရွက်; MLCTS: kancwan:rwak; [ɡəzʊ́ɴ jwɛʔ]), fríxese con chorume de ostras ou pasta de soia amarela, allos e pementos.
Na cociña de Camboxa, denomínase trakuon (khmer: ត្រកួន: ត្រកួន). Un prato popular que o emprega é o samlar machu, unha sopa aceda con peixe ou polo. Ademais tamén existe o costume de comelo cru ou vaporizado con outras verduras, como no toeuk kroeung
En Filipinas, onde recibe o nome en tagalo de kangkóng, os rebentos tenros córtanse en segmentos e cocíñanse, xunto coas follas, en estufado de peixe e carne, como no sinigang. A verdura tamén se pode comer soa, como no adobong kangkóng, onde se saltea en aceite con cebola, allo, chorume de soia e caldo concentrado. Un aperitivo local, o kangkóng crocante faise recubrindo as follas cun rebozado de fariña e frixíndoo ata quedar crocante, semellante á tempura xaponesa.[4]
Na cociña chinese existen numerosas formas de preparalo, a máis común é unha simple e rápida fritura, ás veces con allo.
No sur da India, as follas pícanse moi finas e mestúranse con coco relado para preparar o thoran (തോരന്), un prato de Kerala. O mesmo prato en Tamil Nadu coñécese como thuvaiyal (துவையல்) ou kootu (கூட்டு). En Bangladesh e Bengala Occidental, coñécese como kolmishak (কলমীশাক) e as follas consómense frixidas.
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ "Growing kangkong in water". curiousgardener.com.
- ↑ "Kangkungking.com" Arquivado 20 de novembro de 2012 en Wayback Machine..
- ↑ "Nutritional composition of traditional Thai foods used local vegetables" (PDF). Arquivado dende o orixinal (PDF) o 12 de decembro de 2012. Consultado o 29 de setembro de 2015.
- ↑ "Crispy Kangkong Recipe (River Spinach) - Filipino Recipes Portal".