Santa Cova de Covadonga
Tipo | cova Santuário mariano (pt) sitio histórico | |||
---|---|---|---|---|
Localización | ||||
División administrativa | Cangas de Onís, España | |||
Localización | Covadonga | |||
| ||||
Características | ||||
Ben de interese cultural | ||||
Data | 24 de abril de 1969 | |||
Identificador | RI-54-0000027 | |||
Sitio web | santuariodecovadonga.com | |||
A Santa Cova de Covadonga (Cuadonga en asturiano) é un santuario católico situado no Principado de Asturias (España). Trátase dunha gruta nos contrafortes do Monte Auseva, que dá nome á parroquia de Covadonga, no concello de Cangas de Onís.
Etimoloxía
[editar | editar a fonte]O significado de «Covadonga», procede de «Cova de onnica» e significa a fonte da cova. O sufixo onnika (fonte) deriva do céltico onna (río). A versión tradicional que fai vir o nome do latín «Cova Dominica», ou «Cova da Señora» (por estar o lugar dedicado ao culto da Virxe de Covadonga) é imposible, e daría en asturiano «Covadominga».
Historia
[editar | editar a fonte]A orixe da Cova como lugar de culto é controvertido. A tradición afirma que Paio, perseguindo a un malfeitor que se refuxiou nesta gruta, atópase cun ermitán que daba culto á Virxe María. O ermitán roga a Paio que perdoe ao malfeitor, posto que se acolleu á protección da Virxe, e dille que chegaría o día en que el tamén tería necesidade de buscar amparo na Cova. Algúns historiadores din que o máis verosímil é que Paio e os cristiáns, refuxiados na Cova dos musulmáns, levasen consigo algunha imaxe da Virxe e deixásena alí logo da súa vitoria na Batalla de Covadonga.
As crónicas musulmás sobre a Batalla de Covadonga din que nesta Cova refuxiáronse as forzas de Paio, alimentándose do mel deixado polas abellas nos buratos da rocha. As crónicas cristiás afirman que a intervención milagrosa da Virxe María foi decisiva na vitoria, ao repeler os ataques contra a Cova.
A primeira construción na Santa Cova data de tempos de Afonso I o Católico quen, para conmemorar a vitoria de Paio ante os musulmáns, manda construír unha capela dedicada á Virxe María, que daría orixe á advocación da Virxe de Covadonga (coñecida popularmente como a Santina). Ademais do altar á Virxe construíronse outros dous para San Xoán Bautista e Santo André. Afonso I fai entrega desta igrexa aos monxes beneditinos.
A Cova estaba cuberta de madeira pero en 1777 un incendio destrúe a talla orixinal da Santina. A actual talla data do século XVI e foi doada ao Santuario pola Catedral de Oviedo en 1778. A talla da Virxe é de madeira policromada, de doces faccións, sostén ao Neno e unha rosa de ouro.
Durante a guerra civil a imaxe da Virxe desaparece, e é atopada na embaixada de España en París en 1939. A capela actual, de estilo neorrománico, é obra de Luis Menéndez-Pidal y Álvarez.
Panteón real de Covadonga
[editar | editar a fonte]Os personaxes reais que recibiron sepultura en Covadonga, segundo afirman diversos historiadores, foron os seguintes:[1]
- Paio de Asturias (¿?-737), primeiro rei de Asturias e fillo do duque Fávila.
- Gaudiosa, raíña consorte de Asturias, esposa do anterior.
- Unha irmá do rei Paio de Asturias.
- Afonso I o Católico (693-757), terceiro rei de Asturias e fillo de Pedro de Cantabria, duque de Cantabria.
- Ermesinda, raíña consorte de Asturias, esposa do anterior, filla do rei Paio e da raíña Gaudiosa, e irmá do rei Fávila de Asturias.
O rei Paio faleceu en Cangas de Onís, onde tiña a súa corte, no ano 737. Logo da súa defunción, o seu cadáver recibiu sepultura na igrexa de Santa Uxía de Abamia, situada na localidade asturiana de Abamia, na que previamente fora sepultada a súa esposa, a raíña Gaudiosa. No lado do Evanxeo de devandita igrexa, consérvase na actualidade o sepulcro, baleiro, que contivo os restos do rei, e en fronte, colocado no lado da Epístola, atópase o que contivo os restos da súa esposa. O cronista Ambrosio de Morales deixou constancia na súa obra de que Afonso X o Sabio, rei de Castela e León, ordenou trasladar os restos do rei Paio e os da súa muller á Santa Cova de Covadonga, aínda que, non obstante o anterior, numerosos historiadores cuestionaron a autenticidade do traslado destes restos a Covadonga.[1]
Galería de imaxes
[editar | editar a fonte]-
Capela no interior da Santa Cova.
-
A Santa Cova de Covadonga.
Notas
[editar | editar a fonte]Véxase tamén
[editar | editar a fonte]Outros artigos
[editar | editar a fonte]Ligazóns externas
[editar | editar a fonte]- Santuario de Covadonga Arquivado 08 de febreiro de 2011 en Wayback Machine. (en castelán)
- Real Sitio de Covadonga (en castelán)