Saltar ao contido

Paspán

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

Paspán[1] (Muttley segundo o seu nome orixinal en inglés) é un personaxe de debuxos animados, un simpático can riseiro e cun ton rouco, da casa Hanna-Barbera (actual Cartoon Network Studios) creado por Iwao Takamoto e coa voz orixinal en inglés de Don Messick (quen tamén fixo a voz de Scooby-Doo).[2]

En Galiza apareceu por vez primeira nos debuxos animados da Televisión española con dobraxe hispanoamericana, co nome de Pulgoso ou Patán. A Televisión de Galicia despois emitiu a popular serie de carreiras Os tolos do volante (serie de 1968 Wacky Races, en inglés), cando se lle deu o alcume galego de Paspán. Paspán na serie sempre acompaña ao vilán Dick Rañas (Dick Dastardly, na versión orixinal). Paspán e Dick foron creados inspirándose en personaxes do filme A carreira do século (The Great Race, en inglés) de Blake Edwards, de 1960 (os personaxes Professor Fate e Max Meen, en inglés).

Paspán é un can de palleiro cazador, non fala, e a súa característica principal é o seu riso asmático, un queixume rosmón en forma de murmurio contra as antipatías de Dick. A súa aparencia inicial n'Os tolos do volante era un colar vermello, que por veces era bufanda e nas aventuras na serie na que tamén é protagonista Dastardly and Muttley in Their Flying Machines, veste un chapeu e bufanda encarnados ao estilo dos aviadores que serviron na primeira Guerra Mundial.

Paspán ás veces é confundido con Mumbly (coñecido nas dobraxes hispanoamericanas coma Rabugento ou Risitas,[2] un can que loita contra a delincuencia, que perseguía aos criminais utilizando os seus sentidos de can e que conduce un vello coche desaqueloutrado (posíbel referencia ao tenente Columbo). Mumbly tiña aparencia e riso idéntico a Paspán, mais a pelaxe era dunha cor cinsenta azulada que incluía ás orellas e levaba un chuvasqueiro de cor laranxa.

Paspán noutras linguas

[editar | editar a fonte]
  • Dinamarqués: Møghund
  • Francés: Diabolo (Francia)
  • Alemán: Promenaden-Pluto; tamén Meutrich
  • Húngaro: Mardel
  • Italiano: Muttley ou Borbottone
  • Xaponés: Kenken (ケンケン)
  • Noruegués: Bumly (Noruega)
  • Polonés: Balwan ou Muttley (Polonia)
  • Portugués: Muttley ou Rabugento
  • Galego: Paspán
  • Serbio: Draguljce ou Dragoljupce (Serbia)
  • Español: Patán/Pulgoso (España, México)
  • Turco: Degerli (Turquía)
  • Sueco: Gegga (Suecia)
  1. Nome que lle deu a dobraxe ao galego na serie Os tolos do volante emitida pola TVG
  2. 2,0 2,1 John V. Schmidt. "About Muttley". John V. Schmidt. Arquivado dende o orixinal o 13-08-2010. Consultado o 03-08-2010. 

Véxase tamén

[editar | editar a fonte]

Outros artigos

[editar | editar a fonte]