Terra de Montes
Para a comarca actual, véxase Comarca de Tabeirós - Terra de Montes
A Terra de Montes é unha comarca histórica galega situada entre as actuais provincias de Pontevedra e Ourense. Pertencen a esta comarca os concellos de Cerdedo (hoxe integrado no de Cerdedo-Cotobade) e Forcarei, na provincia de Pontevedra, e mais Beariz, na provincia de Ourense. Ademais destes tres concellos, a comarca está integrada tamén pola parroquia de Sabucedo na Estrada, Morillas e Montes en Campo Lameiro, Caroi no antigo concello de Cotobade, A Barcia do Seixo na Lama e Santa María de Zobra no concello de Lalín.[1] Non ten recoñecemento legal ou xurídico.
Xeografía
[editar | editar a fonte]A bisbarra ten unha extesión de 375 km2 e debe o seu nome á orografía montañosa do territorio, no que destacan serras e picos de até 1000 m de altitude, como o monte Seixo, o outeiro do Couto, Marcofán, a serra do Cando, a serra do Candán, a serra do Suído e os Montes do Testeiro. Estas montañas acubillan os manaciais de varios ríos importantes: o Lérez, o Umia, o Deza e o Verdugo.
Historia
[editar | editar a fonte]A primeira referencia documental da Terra de Montes é de mediados do século X, para designar unha extensa parroquia da diocese de Iria Flavia. En 1115, a raíña Urraca doa a metade deste territorio á igrexa de Santiago. A outra metade é doada polo rei Fernando II en 1176, completando a totalidade de “terra illa, qua dicitur Montes” (“daquela terra, que se denomina Montes”). Aparece así a denominación de Terra de Montes, que pasa de ser reguengo a converterse nun arciprestado da diocese compostelá.
Con todo, os abades do mosteiro de Carboeiro primeiramente e do mosteiro de San Martiño Pinario despois, opóñense á xurisdición civil e criminal do arcebispado nos coutos de Folgoso, de Ventoxo e de Tomonde. Tamén o abade do Mosteiro de Aciveiro, fundado en 1135, quereleouse, no seu caso, pola xurisdición das encomendas de Aciveiro (Aciveiro, Pereira, Dúas Igrexas, A Madanela de Montes, Beariz e couto de Vilar). Finalmente, nos derradeiros anos do século XVI e nos iniciais do seguinte, os arcebispos composteláns impuxeron a súa forza e poderío, exercendo en diante o goberno sobre a xurisdición de Montes, composta por 23 parroquias e mailos lugares de Medelo, A Laxa, O Coto (Caroi), Bugarín (San Isidro de Montes) e Porto Martín (Zobra). Na esfera eclesiástica, o goberno arcebispal ampliábase ás 26 parroquias do arciprestado de Montes.
A sede do poder señorial na época medieval era a fortaleza de Castro, na actual parroquia de San Miguel de Presqueiras, destruída en 1466 pola irmandade de Pontevedra na guerra Irmandiña e reconstruída polo arcebispo Alonso II de Fonseca. Finalmente será abandonada na década de 1590, con ocasión do traslado definitivo da residencia do xuíz-meiriño, nomeado polo arcebispo compostelán, a Soutelo de Montes, onde desde entón se celebran as audiencias xudiciais.
O goberno arcebispal manterase en Soutelo de Montes ata o século XIX. Sucesivamente, en fases de goberno liberal en 1811 e 1823, decretouse a abolición dos señoríos xurisdicionais, aínda que debe esperarse ata 1837, coa “Nova Planta dos Concellos Constitucionais desta provincia” para a división deste territorio entre os municipios de Forcarei, Cerdedo e Beariz[2].
Poboación
[editar | editar a fonte]A poboación desta comarca histórica está repartida entre os seguintes concellos e parroquias:
Concello / Parroquia | Poboación (2019) |
---|---|
Cerdedo | 1580 |
Forcarei | 3388 |
Beariz | 971 |
Sabucedo | 33 |
Morillas | 47 |
Montes | 134 |
Caroi | 109 |
A Barcia do Seixo | 239 |
Zobra | 111 |
Total | 6612 |
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ Antonio Rodríguez Fraiz. "Amigos da Terra de Montes". Arquivado dende o orixinal o 08 de marzo de 2016. Consultado o 17 de agosto de 2015.
- ↑ "Terra de Montes – Amigos do Mosteiro de Aciveiro e Terra de Montes" (en castelán). Consultado o 2020-05-21.
Véxase tamén
[editar | editar a fonte]Bibliografía
[editar | editar a fonte]- Fernández Cortizo, C.: La Tierra de Montes en el siglo XVIII. Estructura demográfica y sistema familiar en una sociedad rural. Tese de doutoramento (inédita).