Saltar ao contido

Ymir

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

Na mitoloxía escandinava Ymir é o pai dos xigantes, o primeiro ser vivente que existiu. Os xigantes naceron da súa suor. Ao principio dos tempos, cando repousaba, dous seres vivos, home e muller, formáranse na suor da súa axila esquerda; asemade, os seus pés xuntos formaran un neno. Esta foi a primeira xeración dos xigantes. Os xigantes, ao seren anteriores aos deuses, non deixan nunca de ameazaren o seu imperio. A Ymir déronlle morte os fillos de Bor (Odín, Vili e Ve), nacidos da auga e da vaca Audhumla. Do seu corpo brotou un inmenso río de sangue, o bastante abundante como para encher o que quedaba do abismo orixinario. No océano de sangue pereceu toda a descendencia do xigante. Porén, un dos fillos escapou á morte, aferrado coa súa muller a unha débil barca. Esta parella bastou para xerar unha nova xeración, e a raza dos xigantes renaceu do desastre.