www.leriasdebea.blogspot.com

Translate

mércores, 2 de setembro de 2026

FIGUERAS / AS FIGUEIRAS




 Neste segundo día de setembro, empezou o día con néboa mesta por onde eu vivo. Case desisto de ir á praia como tiña pensado facer, pero sendo muller que non se arreda por tan pouca cousa, puxen pé ao pedal. Non quere isto dicir que fose en bici, senón que dende o nacemento do río Eo ata onde desemboca hai un bo treito. Nada mellor que viaxar soa para ir modelando a viaxe segundo os meus desexos. Así foi como decidín parar a coñecer Figueras ou As Figueiras, (Asturias). Para ir á praia de Arnau sempre atraveso esta vila pero sen adentrarme nela. Hoxe, pagou a pena percorrela a pé. Un galimatías de rúas que seguramente me ían levar a algures, de seguro, ata o porto. E así foi. No percorrido fun tomando fotos do que me chamaba a atención: pombais, igrexa, fontes, edificios importantes...


Este pombal é ún de entre outros que logo atopei. Tamén abondan as palmeiras e hai reliquias do seu pasado indiano. Conta con uns seiscentos habitantes actualmente. É parroquia do concello de Castro Pol. Ten unha historia ben curiosa que pode atoparse no Google. Rúas empinadas e estreitas que terman de construccións antigas levan nomes de escritores e outros persoeiros. As casas case todas son de ún ou dous andares aínda que tamén as hai de máis. 

A vida, se é que pode dicirse que a hai neste mes de setembro, está como detida nun cuadro. Apenas se atopa un negocio ou un local aberto no que poida tomar un café, (aínda que ao final se me deu ún por caridade). Todo parece durmido a esa hora da mañá. Nin un supermercado aberto, se é que hai algún.

Pero así podo ver mellor todo aquelo que me chama a atención, como unha fonte, chamada Fonte de Pelamio, primeira fonte potable da vila onde se facía o pelado das peles desolladas no matadeiro.


Ten un porto deportivo no que se poden alugar embarcacións para percorrer a ría de Ribadeo.

Quería dicir que o Eo no seu encontro co mar, é acollido por estas tres vilas: Ribadeo, Castro Pol e As Figueiras. As dúas últimas son do Principado de Asturias pero fálase galego por esa proximidade a Galiza. Un galego cun sotaque naviego-asturiano que varía de vila a vila.

Por certo, cando andaba a percurar un café, vin a furgoneta da panadería Mousende de Taramundi da que son clienta. Falei co panadeiro, que aínda que non é o que ven por Fonteo, sabía de min xa que meus pais mercábanlle o pan ao dono, Germán. Entraron a tomar unha cervexa e eu, por fin, un café, feito por misericordia e polo que so paguei 1 euro, pois non tiña troco o camareiro.


Outra das construccións que me chamaron a atención e que non sei ben o que é. Mal sitio para aparcar coches nesta vila.


Vista de Ribadeo, dende As Figueiras.


Vista de Castro Pol. Lembro unha vez, cando era nena, foramos nunha excursión a Ribadeo e dende alí cruzaramos en barco ata Castro Pol. Agora xa non hai ese tipo de barcos. Pasa como dende Rianxo a Vilagarcía, tamén acabaron por desaparecer ao ter coches a xente e haber estradas e pontes.


Outra das fontes que está baixando para a praia (se pode chamarse así) xunto ao porto. Hoxe, tamén hai un astaleiro e no seu día chegou a ter sete conserveiras.



Aquí podemos ver o porto tanto o deportivo como o pesqueiro. Tamén un barco grande no astaleiro.


Vista dunha rúa estreita con casas antigas.


A igrexa e mesmo estilo de casas baixas.


Xardín con vistas ao mar. Tamén ten un parque.


Praia de Arnau, a menos de dous quilómetros de As Figueiras. É unha das miñas favoritas. Hoxe estaba a marea baixa e apenas había ondas así que puiden darme un baño e varios paseos, con moi pouca  xente e boa temperatur tanto na auga como fora dela.



O merendeiro incrementou o número de mesas e estaban todas libres. Nótase que en setembro hai menos veraneantes. Pero a min é cando máis me gusta ir ás praias.



E aquí deixo un día nas Figueiras no que todo foi ben e desexaba explorar. Se cadra a próxima vez vou a Castro Pol onde hai unha interesante biblioteca que explorar tamén.


Onde o mar agarda o Eo
Estades vos, vixiantes
Ondeando bandeiras
E dándolle a benvida.
Sodes o máis grande que ve.
Orgulloso se sinte o Eo
Nesas terras mariñeiras
E a todas por igual quer.
Recordos de Fonteo leva,
Tanto percorrido feito.
Nada do que máis se preze,
Entrar no mar que lle tedes.

Acróstico de  Beatriz Pin







domingo, 9 de agosto de 2026

FONTEO ESTÁ DE MODA


 


Sábado, 8 de agosto de 2026 tivo lugar unha mostra de moda na casa da Fonte, organizada pola Asociación de Mulleres Rurais: Costureiras Terras do Eo.

Por non faltar, non faltóu nin a alfombra vermella, na que desfilaríamos unha boa ringleira de xente de todas as idades, tallas, cores, e mesmo un canciño que acompañóu á súa dona.

Xuntouse moitísimo público chegado de todas partes. Había coches por toda a contorna. Houbo asentos para unha boa parte deles pero a maioría tivo que estar de pé perante máis de dúas horas como mínimo.

A organizadora Nely, fixo tamén de presentadora durante todo o desfile, e Toni, a súa parella, encargóuse de poñerlle música a cada pase.

Houbo tamén un stand con diversos obxectos de artesanía, libros, complementos... e ao rematar, agardábanos dentro unha degustación de petiscos de todas clases acompañados de bebidas. Non se cabía na planta baixa da casa!

O desfile resultóu ser todo un éxito. Moito máis do agardado e seguramente se continue nos vindeiros anos.

As Costureiras Terras do Eo, mostraron as prendas que elas mesmas fixeron nas aulas de costura con Nely, e outros modelos foron aportados polas deseñadoras Nelia Justicia, da Asociación Costureiras Terras do Eo, e  María Rubio, Almacens San Pedro de Castroverde. 

Polo que a min me concerne, direi que me vin diante dun novo reto ao ser proposta para participar no desfile de moda. Algo que a min sempre me gustóu, pois se ben non son quen de ver un partido de futbole na tele, as pasarelas acapararon a miña atención en numerosas ocasións. 

Miña nai foi costureira, e eu, fixen de modelo dela polo menos para a roupa que me facía, incluído o vestido de Comuñón que non había outro coma él en todo Baleira.

Pero o que menos agardaba era sair desfilando nunha pasarela de verdade! 

Falando da miña vida, foi unha continuación de retos que souben superar con éxito. Sempre me gustou implicarme a fondo no que fixen, mesmo como camareira de habitacións en hoteis como nas veneimas en Francia, como no chocolate en Suíza, e sobre todo, no meu traballo como ensinante perante case trinta anos, nos que levei a cabo intercambios internacionais de alumnado e profesorado. A maiores aínda acabei unha licenciatura en Antropoloxía Social e Cultural. Agora practico xaponés, toco o acordeón...entre outras cousas.

Á miña edade, é todo un luxo poder desfilar nunha pasarela sen complexos e con soltura. 

Deixo aquí algunhas fotos da miña pegada con zoquiños de madeira, co río soando na fonte, lixeira como a súa auga e sentindo que os meus soños dun rural en movimento vai tomando xeito!

Parabéns a todas as persoas que fan posible estas actividades.













domingo, 19 de xullo de 2026

FUNDACIÓN VAC-AN

Cando as imaxes falan por sí mesmas, non é necesario moito máis. Pero contarei a experencia da miña visita a este local creado á medida para gardar a memoria dun pintor lucense: José Vázquez Cereijo, sobriño do poeta Luís Pimentel.

Era un venres e quedara con Anne Nikitik na Rúa do Prado, 27, A Milagrosa, Lugo, para que me ensinara este lugar adicado á custodia da obra do seu falecido home, José Vázquez Cereijo.

Primeiro direi como coñecin a Ann. Ela ocupou o meu posto de profesora de inglés no CEIP de Baleira cando eu pasei á xubilación. Sorprendeume que sendo escocesa, de ascendencia bielorusa, se fixera profesora mediante oposición e conseguise un posto nesta escola rural na que pasou varios anos. O seu galego é moito mellor co meu e o seu estilo como ensinante, lémbrame sempre ás profesoras inglesas que eu coñecín nos meus cursos en Inglaterra e Irlanda, ou nos de perfecionamento aquí en Galiza.

Moi creativa e multifacética, sempre deu o mellor de sí para conseguir que o alumnado tomara en serio a lingua estranxeira, a través do teatro, a música, xogos...

Ela coñecera ao noso pintor en Madrid. De feito deulle aulas de inglés cando él vivía tamén en Madrid.

De aí saíu unha relación que os levaría a ser parella e logo de viaxar por moitos sitios decidiron asentarse en Lugo na casa da Praza Maior que todos coñecemos como a casa de Luís Pimentel.

Cando él falecéu, Ann quedóu con toda a súa obra e sen saber qué facer con ela. Pedíu asesoramento mesmo ao escultor Paco Pestana e foi editando folletos para dibulgala pero aspiraba a moito máis. A algo que só o seu tesón, vontade e esforzo a levaría a mercar dous locais no bairro da Milagrosa para crear unha fundación na que se recolle o legado do pintor, con todas as súas obras, recordos, coleccións... e conseguíuno. Cóntame que tivo moita axuda para o seu proxecto, aínda sen terminar, pois vai ser ampliado e reformado e ela non vai parar ata conseguir que todas as cousas que hoxe se atopan archivadas, estén expostas como se merecen. 

Os meus parabéns e que alguén que puxo tanto amor e empeño no que foi sempre o seu soño, teña a visibilidade que se merece, tanto a obra do pintor como o traballo de Ann Nikitik por conservala. 











venres, 10 de xullo de 2026

LILAINAS


 Onte, nove de xullo, fun de viaxe co grupo Galicia Infinita, que nos achegou ata Portonovo, na costa pontevedresa, corazón das Rías Baixas, para pasar un día de praia e de feira.

Saímos de Lugo ás 8:00 nun autobús grande, onde o chófer fixo tamén de simpático guía turístico que nos ía poñendo ao tanto de todos os detalles da viaxe no tocante ao tempo, duración, parada  a medio camiño e diversas alternativas para desfrutar da xornada. Lembroume aos conductores de excursións en Irlanda que tamén fan ese tipo de doble tarefa e sempre co sentido do humor que os caracteriza.

Antes de chegar a Portonovo xa vimos que había retencións na estrada e él colleu outra vía menos concurrida para poder levarnos o máis achegado posible ao centro urbán.

Cando chegamos, cada quen colleu o seu rumo. Uns foron cara ao  mercadiño que se celebra os xoves. Tamén había moitos stands de artesanía que están todo o verán. Outros, malia á bretemosa mañá que se presentaba, foron directamente á praia de Baltar que é a de Portonovo, alí mesmo onde nos deixou o bus.

Eu, que non quería meterme no barullo do mercadiño, encamiñéime a Sanxenxo, seguindo a pasarela que vai pola liña de praia, interrompida so por unha punta ou pequeno cabo que divide as dúas vilas e que é zona axardinada. Dende alí, xa se poden ir vendo os primeiros hoteis de catro estrelas antes de chegar ao centro de Sanxenxo. Había xente que se dirixía á feira de Portonovo. O paseo e a praia da afamada vila turística galega por excelencia á que eu me refiro como a Marbella galega, tampouco tiña a aquela hora moitas persoas e seguín comodamente o meu paseo ata o final, onde está o porto, moitas tendas náuticas e de coñecidas marcas ás que entrei a curiosear.

Dirixínme ao que puido ser a parte antiga da vila, que conserva as construccións tradicionais, ten unha praciña e moitos cafés arredor dela nos que vin xente local tomando o café da mañán, sen sofisticación nin tanta imaxe turística e decidín entrar nun que me chamou a atención por ser de pedra e estar nunha esquina. Unha vez dentro, o primeiro que ollei foi para as tapas de biscoito que tiñan pinta de ser caseiras. Senteime a carón de dous paisanos que falaban de cousas normales co xornal diante. 

Pedín o meu café clariño sen lactosa e con él veu o petisco de biscoito que me soubo a pouco. Fixéime nunha foto con marco, pendurada na parede ao lado da porta de entrada. Poñía Lilainas e debaixo, Antonio Castro Martínez. Supuxen que sería o autor pero logo descubrín que era o título dun libro de contos del, no que honra ás mulleres de Sanxenxo. A foto amosa cinco mozas que deberon ser coñecidas por algo. Lilainas pode ser un alcume un tanto despectivo, siñificando persoa de pouco peso ou xuízo.



Así é o nome do local no que entrei como levada do meu instinto de percura do insólito que teño moi arraigado por andar case sempre soa.

Logo deste encontro con algo especial, voltei a Portonovo por onde viñera e topeime coa xente que viña de volta do mercadiño, carregada con bolsas.

Era a hora  que quedara coas miñas amizades pontevedresas que se achegaron para pasar o día comigo.

Alí estaban nai e fillo agardándome. Él tiña un libro na man pero eu non sabía de que libro se trataba. Parecíame raro que el viñera cun libro na man e todo o tempo o sostiña. Logo de poñernos ao día, tendeume o libro e, diante dos meus ollos estaba Arbol de la Vida, escrito por súa nai e editado por él.

Marina Filgueira García é unha muller que escribe nun blog dende o 2007, unha vocación tardía que deu abondantes froitos. O seu blog, que eu sigo dende fai tempo, é  "Mi pasión, la poesía" que leva máis de trescentas entradas feitas dende daquela. A miña sorpresa non podía ser máis grande e a ledicia aínda a superou. Eu viña, precisamente a tratar de convencer ao seu fillo, Gonzalo, que lle recollese a Marina os seus poemas nun libro. E ese traballo estaba feito e ben feito!  


Agardábanos un xantar nun coñecido restaurante da vila no que preparan ben a caldeirada de raia e aló nos diriximos. Ata nos permitimos o luxo de beber un ultrea godello branco de orixe berciano que maridou perfectamente co prato escollido. Toda unha suma de praceres para celebrar algo que todos desexabamos que sucedera e así foi. Parabéns a Marina e a Gonzalo! 


Blog de Marina Filgueira García:

https//mayordeedad. blogspot.com 

domingo, 28 de xuño de 2026

RUTA COSTA NAVIEGA



 Domingo, 28 de xuño, último deste mes. Soan varios despertadores ás 6:00 da mañá. Moito tempo por diante para chegar a Lugo, ao punto habitual de saída  no que xa, pasando de hora, empecei a desconfiar e chamei á guía de Galicia Infinita. Polo visto ela xa me chamara a min ao ver que non aparecía pero o que eu iñoraba era que cambiaran os puntos de recollida habituales. Pensei que xa non pillaba o autobús e téndoo a cinco minutos de onde eu estaba, quedei coa mente en branco e non souben que facer. Déronme alternativas de ir co me coche ata outro punto máis distante polo que pasarían e me poderían recoller alí.


Atravesei Lugo, á velocidade permitida e a altura de Frigsa, vin xente con mochilas na parada de autobús, aparquei deseguida e xunteime co grupo. Nese intre chegaba o autobús. 

Medio recuperada do nerviosismo que me acompañaba, vinme compartindo asento cunha amiga uruguaia e iso acabou de tranquilizarme.

Fixemos unha parada para almorzar no Rei das Tartas, á altura de Mondoñedo, e despois do café xa o corpo se preparóu para a aventura do día.




Chegamos ao aparcadeiro da praia de Barayo, Asturias; unha das máis fermosas do noroeste peninsular, e dende alí comezamos a ruta que sería de 15,8 kms. pola costa ata chegar á praia de Navia. 

Entre voltas e revoltas, con cantís profundos á nosa dereita fomos facendo o percorrido, unhas veces subindo, outras baixando, con escaleiras nos sitios mais difíciles, sempre escoitando o son das ondas do mar Cantábrico que rompían contra rochas e cantís, colándose por calexóns sen saída, formando calas imposibles e praias escondidas, so para expertos, con paisaxes naturais, libres de edificacións ou elementos artificiais, fomos chegando ao Porto de Vega, unha vila costeira con vestixios indianos na capela e na lonxa, declarado pueblo ejemplar polo Principado de Asturias, con miradores como La Riva e a Atalaya.



Pasamos a carón da praia de Frexulfe, unha fermosísima praia case solitaria, (monumento natural), sen edificacións nin actuacións artificiais. 

Outras praias: Llosera, Coedo, Moro e Veigas, esta última xa en Návia onde nos recolleu o autobús, illa Soraina e con vestixios arqueolóxicos como o castro de Vigo, el Castiel de Soirama e o castro de Fabal.


                                   Porto de Vega (Verónica Amado)

O día estaba ao xeito para facer esta andaina sen que o sol nolo puxera máis difícil. Sopraba un nordés  que mitigaba o cansanzo de tanta subida e baixada pero o percorrido foi longo aínda que moi ben sinalizado e con moitas melloras recentes na seguridade ao tratarse dun roteiro á veira de cantís perigosos e con terreo que pode ceder en calquera intre.

  
                                     Praia de Frexulfe (Verónica amado)                                 

Eran máis das tres da tarde cando chegamos a Barreiros para xantar no famoso restaurante Yenca, do que xa tiña escoitado. Na mesa, diante de cada ún había seis pratos un enriba doutro.

Foron pasando degustacións moi variadas, en pequenas cantidades pero repetían se querías máis e pasando por callos, guiso de arroz con marisco, ensaladilla, peixe con patacas, carne con patacas e ensalada e sobremesa de brazo de xitano con musse de limón, rematamos cun café de pota.

O personal do máis amable e atento que se poida imaxinar, aparecían e dasaparecían como por arte de maxia sen dar sensación de agobio con tanta xente no comedor e ían servíndonos case sen darnos conta, retirando pratos e traendo os diferentes menús.

                                    Buda preto dunha praia (Verónica Amado)

                          

A sensación foi de moita fartura e de non saber qué facer para alixeirar o noso bandullo, coa mente posta en manzanillas ou tónicas e sobre todo, repouso de sobremesa. 

A chuvia acompañounos en todo o regreso pola autovía do Cantábrico e a visibilidade era mínima no alto do Fiouco. Case daba medo pero todo é ben se ben acaba e así foi a nosa viaxe.

                                             Unha de tantas escaleiras (Verónica Amado)



                                   Dou fé do roteiro (Verónica Amado)




                                          




mércores, 24 de xuño de 2026

POLO SAN XOÁN...

 tanto queixo como pan.

POLO SAN PEDRO, tanto queixo como un dedo.


Era polo San Xoán, cando se facía o "lume novo", comezo do solsticio de verán, noite máis curta do ano.

Para a rapazada e tamén para a xente maior, era a noite agardada e que se ía preparando con días de antelación, carrexando leña, cepos ben gordos que duraban toda a noite. Participaba toda a veciñanza, novos e vellos e ninguén reparaba no traballo que dera, mesmo se facía falla, levábase o carro e as vacas para traer o que máis pesaba.

Alí, no meio da aldea, entre as casas, facíase un oco para a lumeirada e todos e todas darredor, brincando, rindo, contando contos, comendo e bebendo ata ben entrada a madrugada e o lume aínda ardía pola mañá e nalgúns casos duraba ata o "lume vello" que era día de San Pedro, o 29 de xuño.

Logo foise perdendo cando a xente nova foi marchando ás cidades, maiormente no interior de Galiza. Pola costa seguíuse facendo esta tradicción e cambiando a maneira de celebrada. Xa con sardiñadas ou churrascadas, tamén con brincadeiras que consistían en levar obxectos pesados como un carro ou calquera outro apeiro para outro lugar e logo os donos non sabían onde atopalos...



Pois agora, vólvese a celebrar nas aldeas malia a que queda pouca xente nelas pero sempre hai quen ten a iniciativa e aquí, xunto ao nacemento do río Eo, fíxose onte unha lumeira que xuntóu máis de vinte persoas e houbo quen o celebróu con menos xente, so a familia pero que o desfrutamos igualmente facendo unha pequena sardiñada, empanada, sobremesa e queimada con meigas e meigos incluídos.



Un lumiño pequeno pero ben feito e que duróu toda a velada e aínda máis. 

Improvisamos un disfraz de meiga que xa nos servíu o ano pasado cando eramos máis xente, e retratámonos todos con él para deixar constancia deste evento. Rodeados de rosas de todas cores, baixo a pérgola, degustamos as saborosas sardiñas e a empanada de mazán que trouxemos de Meira.



O sitio era ideal, no medio dun prado e rodeados de máis prados e de monte verde, cunhas vistas do val do Eo que cantos quixeran ter de fondo esa noite; coa lúa medio chea e a noite que non se quería facer noite, chegamos á hora da queimada que non podía faltar neste día sinalado.



E con ela ben feitiña que xa non tiña gota de alcol e sabía a melocotón, demos conta dunha torta de queixo caseira que xa viña durando dende o aniversario da autora, había dous días, e que aínda quedou unha pouca  para hoxe. Á luz dunha candea, fomos comendo e bebendo e contando contos e lembrando historias e o lume seguía vivo e novo e con ganas de seguir ardendo.



E así fomos chegando á nosa hora razoable de retirarnos cada quen ao seu cubil agardando pasar o resto da noite sen sobresaltos nin malas dixestións pero chegóulle ben! 

A familia unida polo lume sagrado permanece unida!





sábado, 13 de xuño de 2026

LEMBRANDO AOS QUE NOS DEIXARON


 A Asociación Amigos do Patrimonio de Castroverde organizou un roteiro circular para lembrar aos socios e socias  que nos deixaron.  Comezando en Castroverde ás 9.30  en bus ata  A Abelleira, pasando por Furís - Arrubial - O Páramo e finalizando en Furís de Abaixo na casa de Cantiz, convidados polo noso compañeiro César que nos brindou a súa casa para un  xantar de confraternidade.

 Dende o alto pódese ver Lugo como unha raia branca no horizonte. Cando de nena ía con miña nai á feira de Castroverde, sempre me ensinaba Lugo dende o alto da Vaqueriza e a min facíame ilusión poder ver a cidade a que poucas veces tiña ocasión de ir.

Un val por onde transcorre a VIA XIX que ofrece unha paixaxe con pradaría na suave ladeira norte, coroada polos papaventos que cercan a Castroverde polos catro costados.


 Subindo costas por pistas de terra e un sol que comezaba a queimar  fomos pasando por aldeas nas que se podían ver algunhas granxas de vacas, casas pechadas, casas restauradas e outras en ruínas, cancelas feitas con palets...




 Chegamos á igrexa do Páramo, que está ubicada enriba do Castro de Eirexe.Ten en fronte unha antiga escola que, actualmente, fai as veces de Local Social. 



Foi este un lugar de eremitas, como abondaron tamén na zona do Corgo e da Ribeira Sacra... conservandose preto da retoral trinta e tres sartegos dos séculos IX, X e XI en pizarra de tamaño grande e pequeno, nos que se enterraban uns a carón de outros os membros das familias e que estiveron a punto de ser a base dun aparcadoiro para a igrexa. Están en agarda de seren restaurados e acondicionados parte deles para  poder visitalos dende pasarelas evitando pisar sobre eles xa que ao ser de pizarra son máis fráxiles.






A igrexa ten unha escada exterior que leva ao campanario. O patrón é  San Miguel malia que no altar maior a principal imaxe é a da Nosa Señora, igual que na igrexa da miña parroquia.



De volta a Furís de Abaixo por unha pista recén asfaltada, e baixo a sombra de grandes cereixeiras que ofrecían os seus froitos ao noso antoxo, fartámonos de comer cereixas da árbore e puidemos apreciar o seu sabor orixinal que nada ten que ver cas que se mercan nos supermercados a prezos de ouro.

Lembrando a nosa xuventude, cando os mozos subían ás cerdeiras a comer as cereixas e tirarnos de vez en cando unha ramalla cargadiña delas para quen non se atrevía a trepar ás ponlas máis altas...foi como voltar a vellos tempos nos que as cousas sabían ao que tiñan que saber.



Así fomos chegando a Furís de Abaixo, á casa ou pazo, diría eu, de Cantiz con boa fame, acougada por tanta cereixa que nos saíu ao paso e con degaro de saborear as empanadas, lacón, chourizos de Pedrafita, queixo, ensalada de leitugas caseiras e bebidas ao gosto de cada quen, rematando con torta de Santiago de sobremesa e cereixas da casa dunha compañeira da veciñanza.





Manuel Muñiz, presidente da Asociación, leunos, un poema de Pessoa que fala da amizade, na honra daquelas  que nos deixaron e que gardamos no noso recordo.


A amizade é un lazo bonito que non prende e non apreta,

mais embelece a alma da xente.

Non ten prezo, mais ten valores, ten afectos, ten respeito,

ten confianza, ten lealdade, ten compañía, ten sorriso,

ten abrazos, ten presenza, ten corazón.

A amizade non é comprada, é conquistada,

é construída, é recoñecida...

Feliz é aquel que ten un amigo!

Fernando PESSOA     





E na casa de Cantiz non podía faltar un deseño do noso querido Paco Pestana que tamén nos deixou antes de chegar a vello e no que se poden ler osnomes dalgunhas das parroquias de Castroverde.