Jerry Rawlings
John Jerry Rawlings, nado en Accra, na Costa do Ouro británica, o 22 de xuño de 1947 e finado en Accra, Ghana, o 12 de novembro de 2020,[1] foi un militar e político ghanés que exerceu conxuntamente a xefatura de estado e de goberno da República de Ghana entre 1981 e 2001,[2] e anteriormente durante un breve período de tempo en 1979.
Traxectoria
[editar | editar a fonte]Carreira político-militar
[editar | editar a fonte]Entrou na academia militar ghanesa en Teshie, en 1968. No ano seguinte, fíxose piloto da Forza Aérea de Ghana e foi promovido á categoría de tenente. A pobreza estaba entón a aumentar nun país gobernado desde 1966 por un réxime militar corrupto e represivo. Jerry Rawlings liderou unha primeira tentativa de golpe de estado a 15 de maio de 1979, mais a súa tentativa fallou e foi preso. Tres semanas despois, liberado por outros oficiais tras ter sido condenado a morte, organizou outro golpe a 4 de xuño de 1979, que derrubou o réxime de Fred Akuffo e o levou ao poder.
O 24 de setembro de 1979 entregou o poder a un goberno civil liderado por Hilla Limann. Pero insatisfeito co poder civil, que consideraba corrupto, recuperou o control do país o 31 de decembro de 1981 cun novo golpe de Estado que derrubou o réxime de Limann.
Logo converteuse en presidente do Consello Provisional de Defensa Nacional. Non pretendía nin ser marxista nin capitalista, pero, ante a crise económica, a partir de 1983 aplicou unha política económica liberal de axuste estrutural, de acordo cos desexos do Fondo Monetario Internacional e do Banco Mundial, que concedían préstamos a cambio. Con todo, para manter o papel central do Estado na vida económica do país, Jerry Rawlings tratou de frear o desmantelamento do sector público e as privatizacións. Os investimentos e os préstamos permitíronlle levar a cabo unha política de modernización das zonas rurais e de financiamento de programas sociais, limitando así o impacto social negativo do "axuste estrutural" nas poboacións máis pobres. Ghana saíu da recesión e experimentou unha taxa media de crecemento do 5% durante o decenio de 1983-1993, mentres que a inflación se reduciu ao 10%.[3]
En canto ás cuestións de política exterior, volveu ás posicións panafricanas e terceiromundistas do pai da independencia de Ghana, Kwame Nkrumah. Oposto a todos os "explotadores de África", achegouse á Cuba de Fidel Castro e á Libia de Muamar al-Qadafi. Tamén estaba cerca do presidente de Burkina Faso, Thomas Sankara.
En Ghana, pronunciouse oficialmente contra a escisión e outros tipos de prácticas tradicionais nocivas.
En 1992, Rawlings estableceu un sistema multipartidista e fundou o Congreso Nacional Democrático. Involucrou o país nun proceso de democratización. Foi elixido presidente constitucional en 1992.
Como presidente da Comunidade Económica dos Estados de África Occidental, involucrouse especialmente na resolución da crise de Liberia. Aínda que se considera que Ghana é un modelo de estabilidade na África occidental, Rawlings gozou de importante prestixio no estranxeiro grazas ao seu papel de pacificador nas crises rexionais.[3]
Con todo, o país sufriu unha crise económica a partir de mediados dos anos 90 e o goberno enfrontouse a movementos sociais provocados pola introdución, baixo a presión do Banco Mundial, dun sistema de imposto sobre o valor engadido. Os prezos soben un 60% e o nivel de vida volve baixar. A popularidade de Jerry Rawlings, aínda que está a diminuír, segue sendo alta na clase baixa, mentres que a oposición e a prensa traballan para atacar a súa imaxe.[3] Foi reelixido en 1996.[4]
Nas eleccións de 2000 o candidato do NDC, o vicepresidente John Evans Atta Mills, resultou derrotado en segunda volta polo opositor John Kufuor. Rawlings entregoulle pacificamente a presidencia en xaneiro de 2001, no que foi a primeira transición entre dous presidentes democráticos de distintos partidos políticos na historia de Ghana.[5]
Faleceu no Hospital universitario Korle-Bu da capital ghanesa o 12 de novembro de 2020 aos 73 anos, vítima da COVID-19.[6]
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ Frimpong Darfah, Enoch (12 de novembro de 2020). "Ghana's former President J.J. Rawlings is dead". Graphic Online (en inglés). Consultado o 12 de novembro de 2020.
- ↑ "JJ Rawlings". Britannica.com (en inglés). Consultado o 8 de novembro de 2014.
- ↑ 3,0 3,1 3,2 "Afrique: Histoire, économie, politique" (en francés). www.afriquepluriel.ruwenzori.net. Arquivado dende o orixinal o 23 de novembro de 2018. Consultado o 18 de decembro de 2020.
- ↑ "Flt.-Lt. (Rtd) Jerry John Rawlings Profile:". Arquivado dende o orixinal o 14 de febreiro de 2013. Consultado o 3 de xaneiro de 2013.
- ↑ Ghana's Opposition is Winning National Elections New York Times, 10 de decembro de 2000
- ↑ Jerry Rawlings, ex-Ghanaian president, dies from COVID-19
Véxase tamén
[editar | editar a fonte]Wikimedia Commons ten máis contidos multimedia na categoría: Jerry Rawlings |
Ligazóns externas
[editar | editar a fonte]- Biografía por CIDOB (en español)