Saltar ao contido

Comercio

Este é un dos 1000 artigos que toda Wikipedia debería ter
Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
(Redirección desde «Comercialización»)

Óleo que representa o comercio en Gdańsk no século XVII
Intérêts des nations de l'Europe, dévélopés relativement au commerce, 1766

O comercio é a actividade socioeconómica consistente na compravenda de bens, sexa para o seu uso, para a súa venda ou para a súa transformación, implica a transferencia de bens e servizos dunha persoa ou entidade a outra, a miúdo a cambio de diñeiro.[1] Os economistas refírense o sistema ou rede que permite o comercio como un mercado.

Unha das primeiras formas de comercio, a economía do agasallo, contemplaba o intercambio de bens e servizos sen un acordo explícito para recompensas inmediatas ou futuras. Unha economía do agasallo implica intercambiar cousas sen o uso de diñeiro. Os comerciantes modernos xeralmente negocian a través dun medio de intercambio, como o diñeiro. Como resultado, comprar pode separarse de vender ou gañar. A invención do diñeiro (o crédito, o papel moeda e o diñeiro non físico) simplificou e promoveu enormemente o comercio. O comercio entre dous comerciantes denomínase comercio bilateral, mentres que o comercio que involucra a máis de dous comerciantes denomínase comercio multilateral.

Desde un punto de vista moderno, o comercio existe debido á especialización e a división do traballo, unha forma predominante da actividade económica na que os individuos ou os grupos cooperativos concéntranse nun pequeno aspecto da produción, pero utilizan a súa produción no comercio doutros produtos e necesidades.[2] O comercio existe entre rexións porque as diferentes rexións poden ter unha vantaxe comparativa (percibida ou real) na produción dalgunhas mercancías comerciables, incluída a produción de recursos naturais escasos ou limitados noutros lugares. Por exemplo: os tamaños de rexións diferentes poden fomentar a produción en masa. En tales circunstancias, o comercio a prezo de mercados entre localizacións pode beneficiar a ambas localidades.

O comercio polo miúdo consiste na venda de bens ou mercadorías desde un lugar fixo[3] (como os grandes almacéns, boutiques ou quioscos), en liña ou por correo , en lotes pequenos ou individuais para o consumo ou uso directo do comprador.[4] O comercio por xunto é o tráfico de bens que se venden como mercadorías a comerciantes polo miúdo, ou a usuarios industriais, comerciais, institucionais, negocios profesionais, ou a outros almacenistas e servizos subordinados relacionados.

Historicamente, a apertura ao libre comercio aumentou substancialmente nalgunhas áreas desde 1815 ata o estalido da primeira guerra mundial en 1914. A apertura comercial aumentou novamente durante a década de 1920, pero colapsou (en particular en Europa e América do Norte) durante a Gran Depresión da década de 1930. A apertura comercial volveu aumentar substancialmente a partir da década de 1950 (aínda que cunha desaceleración durante a crise do petróleo da década de 1970). Os economistas e historiadores económicos sosteñen que os niveis actuais de apertura comercial son os máis altos que xamais existiron.[5][6][7]

O comerciante é a persoa física ou xurídica que se dedica ao comercio en forma habitual, como as sociedades mercantiles.

Ánfora exipcia.

As orixes do comercio remóntanse a finais do período Neolítico, cando se descubriu a agricultura. Ao principio, a agricultura que se practicaba era unha agricultura de subsistencia, onde o froito era para a poboación dedicada aos asuntos agrícolas. Con todo, a medida que foron incorporándose novos desenvolvementos tecnolóxicos o día a día dos agricultores, por exemplo a forza animal, ou o uso de diferentes ferramentas, as colleitas obtidas eran cada vez maiores. Así chegou o momento propicio para o nacemento do comercio, favorecido por dous factores:

  • As colleitas obtidas eran maiores que a que necesitaban para a subsistencia da comunidade.
  • Xa non era necesario que toda a comunidade dedicásese á agricultura, por tanto parte da poboación empezou a especializarse noutros asuntos, como a olaría ou a siderurxia.

Por tanto, os excedentes das colleitas empezaron a intercambiarse con outros obxectos nos que outras comunidades estaban especializadas. Normalmente estes obxectos eran elementos para a defensa da comunidade (armas), depósitos para poder transportar ou almacenar os excedentes alimentarios (ánforas, etc.), novos utensilios agrícolas (aixadas de metal...), ou mesmo máis adiante obxectos de luxo (espellos, pendentes, etc).

Este comercio primitivo, non só supuxo un intercambio local de bens e alimentos, senón tamén un intercambio global de innovacións científicas e tecnolóxicas, entre outros, o traballo en ferro, o traballo en bronce, a roda, o torno, a navegación, a escritura, novas formas de urbanismo, e un longo etcétera. Na Península Ibérica este período coñécese como o Orientalizante, polas continuas influencias recibidas de Oriente. Neste momento é cando xorde a cultura ibérica.

Ademais do intercambio de innovacións, o comercio tamén propiciou un paulatino cambio das sociedades. Agora a riqueza podía almacenarse e intercambiarse. Empezaron a aparecer as primeiras sociedades capitalistas tal como as coñecemos hoxe en día, e tamén as primeiras estratificacións sociais. Nun inicio as clases sociais eran simplemente a xente do poboado e a familia do dirixente. Máis adiante apareceron outras clases sociais máis sofisticadas como os guerreiros, os artesáns, os comerciantes, etc.

Dous comerciantes na Alemaña do século XVI.
Artigo principal: Troco.

O troco foi a maneira na que as antigas civilizacións empezaron a comerciar. Tratábase de intercambiar mercadorías por outras mercadorías de igual ou menor valor. O principal inconveniente deste tipo de comercio era que as dúas partes involucradas na transacción comercial tiñan que coincidir na necesidade das mercadorías ofertadas pola outra parte. Para solucionar este problema xurdiron unha serie de intermediarios que almacenaban as mercadorías involucradas nas transaccións comerciais. Estes intermediarios moi a miúdo engadían un risco demasiado elevado nestas transaccións, e por iso este tipo de comercio foi deixado de lado rapidamente cando apareceu a moeda.

O troco coñecémolo como sistema de comercio e foi cando substituía a moeda e o billete,este tipo de troco ou comercio desapareceu desde que xurdiu a moeda. Era un intercambio de bens cando necesitabas algo e cambiábalo por necesidade pero cando se deron conta de que algo podería ser máis valioso,e de aí xurdiu a moeda

Introdución da moeda

[editar | editar a fonte]
Un denario Romano

A moeda, ou diñeiro, nunha definición máis xeral, é un medio acordado nunha comunidade para o intercambio de mercadorías e bens. O diñeiro non só ten que servir para o intercambio, senón que tamén é unha unidade de conta e unha ferramenta para almacenar valor e facer posible o fraccionamento. Historicamente houbo moitos tipos diferentes de moeda, desde porcos, dentes de balea, cacao, ou determinados tipos de cunchas mariñas. Con todo, o máis estendido sen dúbida ao longo da historia é o ouro.[8]

O uso do diñeiro nas transaccións comerciais supuxo un gran avance na economía. Agora xa non facía falta que as partes implicadas na transacción necesitasen as mercadorías da parte oposta. Civilizacións máis adiantadas, como os romanos, estenderon este concepto e empezaron a acuñar moedas. As moedas eran obxectos especialmente deseñados para este asunto. Aínda que estas primitivas moedas, ao contrario das moedas modernas, tiñan o valor da moeda implícito nela. É dicir, que as moedas estaban feitas de metais como ouro ou prata e a cantidade de metal que tiñan era o valor nominal da moeda.

O único inconveniente que tiña o diñeiro era que ao ser un acordo dentro dunha comunidade, non tiña valor fóra de contexto. Por exemplo, se o elemento de intercambio dunha comunidade eran dentes de balea, aqueles dentes non tiñan ningún valor fóra da comunidade. Por iso un pouco máis adiante xurdiu o concepto de divisa. A divisa, agora si, é un elemento de intercambio aceptado nunha zona moito máis amplía que a propia comunidade. A divisa máis habitual era o ouro puro, aínda que ao longo da historia tamén apareceron outros, como a sal ou a pementa.

As rutas comerciais

[editar | editar a fonte]

Ao longo da Idade Media, empezaron a xurdir unhas rutas comerciais transcontinentais que tentaban suplir a alta demanda europea de bens e mercadorías, sobre todo de luxo. Entre as rutas máis famosos destaca a ruta da seda, pero tamén había outras importantes como as rutas de importación de pementa, de sal ou de tinguiduras.

O comercio a través destas rutas era un comercio directo. A maior parte das mercadorías cambiaban de propietario cada poucas decenas de quilómetros, ata chegar ás ricas cortes europeas. A pesar diso, nestas primeiras rutas comerciais xa empezaban a exporse regulacións nas importacións. Mesmo houbo momentos nos que se prohibiu o uso da seda para a vestimenta no sexo masculino, co fin de reducir o consumo deste custoso produto.

As cruzadas foron unha importante ruta comercial creada de maneira indirecta. A ruta que se creou por mor do movemento de tropas, subministracións, armas, artesáns especializados, botíns de guerra, etc. reactivou a economía de moitas rexións europeas. Este mérito atribúese en parte ao rei inglés Ricardo Corazón de León, que ao involucrarse na terceira cruzada conseguiu importantes vitorias comerciais para Europa, por exemplo o restablecemento da ruta da seda e a recuperación das rutas da pementa.

Xurdimento do banco

[editar | editar a fonte]
Artigo principal: Banco.
O cambista e a súa muller, de Marinus van Reymerswale.

Os membros non combatentes da Orde do Temple (os cabaleiros templarios) (séculos XII-XIII) xestionaron unha complexa estrutura económica ao longo do mundo cristián, creando novas técnicas financeiras (as notas promisorias e mesmo a primeira letra de cambio) que constitúen unha forma primitiva do banco moderno.

Entre os servizos que ofertaban estaba o transporte de diñeiro. Os peregrinos podían ingresar diñeiro nun establecemento e despois ir a outro establecemento e retiralo, mesmo entre países diferentes, o cal contribuía á seguridade nos camiños. Isto foi a primeira letra de cambio.

Pero naqueles tempos a igrexa prohibía a usura (o lucro por medio do interese).[9] Así, os templarios construíron ou axudaron a construír máis de 70 catedrais en pouco máis de 100 anos, forxaron e ampararon unha lexión de artesáns… (moitos afirman que eran unha “multinacional ética”).[10][11]

O servizo en particular (a «letra de Cambio»), propiciou moito o comercio internacional en feiras, onde os comerciantes podían volver aos seus países de orixe sen que o seu diñeiro correse o perigo de ser roubado por salteadores de camiños.

Cara a finais da Idade Media e principios do Renacemento unha banca ou banco era un establecemento monetario cunha serie de servizos que facilitaban moito o comercio. Os pioneiros nesta área foron cambistas que actuaban en feira s anuais e basicamente dedicábanse a realizar cambios de moeda cobrando unha comisión.[12] Estes cambistas foron crecendo, ata o punto que apareceron as grandes familias de banqueiros europeas como os Medici, os Fugger e os Welser.

A era dos descubrimentos

[editar | editar a fonte]
Artigo principal: Era dos descubrimentos.
A ruta comercial Manila-Acapulco iniciouse en 1565[13] (amarelo) e a ruta comercial rival portuguesa do leste (verde) desde 1479-1640 (o mapa reflicte só en esquema, sen precisión, as rutas de navegación seguidas polos barcos).

Ao redor do ano 1400, a disrupción do Imperio mongol, o crecemento do Imperio Otomán e o fin do Imperio bizantino provoca que todos as rutas de comercio europeas co leste queden bloqueadas. A procura de novas rutas, o xurdimento do capitalismo mercante e o desexo de explorar o potencial dunha economía global, impulsou en Europa a era dos descubrimentos.

Así pois, Europa envorcouse na procura de novas rutas cara á India co fin de restablecer a importación de especias. Pero finalmente, foron Portugal e España os dous países que obtiveron o monopolio destas rutas, grazas ao traballo de exploradores como Cristovo Colón, Vasco da Gama, Fernando de Magallanes ou Juan Sebastián Elcano.

O descubrimento de América polos europeos supuxo outro paso no comercio. O novo fluxo de ouro e prata que obtiñan os españois de maneira «case-gratuíta» nas Américas, saneou e consolidou as redes comerciais e de capital europeas. A banca europea creceu dunha maneira exponencial e empezaron a xurdir os grandes bancos europeos, como o Banco de Ámsterdam, o Banco de Suecia ou o Banco de Inglaterra.

O dominio español e portugués das novas rutas establecidas, forzou a outras potencias europeas, como Inglaterra e Países Baixos, a buscar rutas alternativas. Estes países dedicáronse a explorar sistematicamente os océanos Índico e Pacífico. Estas expedicións comerciais foron o comezo do Imperio británico.

Comercio transatlántico

[editar | editar a fonte]
RMS Titanic exemplo de transatlántico luxoso, fracasado debido o seu afundimento na súa viaxe inaugural

Antes do século XIX as travesías transatlánticas entre América e Europa facíanse en barcos de vela, o cal era lento e a miúdo perigoso. Cos barcos de vapor, as travesías convertéronse máis rápidas e seguras. Entón empezaron a xurdir grandes compañías oceánicas con travesías moi frecuentes. Pronto, o feito de construír o maior transatlántico, rápido ou luxoso, converteuse nun símbolo nacional.

Desde o século XVII en diante, case todas as travesías transatlánticas con destino a América do Norte tenian como porto de chegada o de Nova York. Pronto o comercio transatlántico converteu Nova York no primeiro porto de América do Norte, e como consecuencia, atraeu a maior parte das futuras mercadorías transatlánticas e todo o tráfico de pasaxeiros. Nova York converteuse na capital comercial dos Estados Unidos e unha das cidadeé máis importantes do mundo. Ademais, a maior parte dos inmigrantes que ían de Europa aos Estados Unidos, chegaban a Nova York, co que esta cidade tamén era o destino de todos os famosos e ricos viajantes en cruceiros de luxo, así como dos pobres inmigrantes, que viaxaban nas partes inferiores destes barcos. Por tanto, aínda que as travesías transatlánticas podían realizarse entre calquera parte de Europa e América, sempre se asumía que o destino era Nova York, a menos que se indicase o contrario.

As innovacións no transporte

[editar | editar a fonte]
Locomotora de vapor.

Antes da revolución do transporte do século XIX, as mercadorías de consumo tiñan que ser manufacturadas preto do lugar de destino. Era economicamente inviable transportar mercadorías desde un lugar distante. Xunto coa Revolución Industrial leváronse a cabo unha serie de innovacións no transporte que revitalizaron o comercio. Agora as mercadorías podían ser manufacturadas en calquera lugar e ser transportadas dunha maneira moi barata a todos os puntos de consumo.

Unha das primeiras achegas na revolución do transporte foi o ferrocarril. Gran Bretaña foi a pioneira neste ámbito, e como consecuencia diso, na actualidade ten a rede de ferrocarrís máis densa do mundo. En España a primeira liña de ferrocarril construíuse en 1840 entre as poboacións de Barcelona e Mataró

Noutros lugares de Europa e dos Estados Unidos, tamén tivo moita importancia o transporte fluvial. Empezouse a alargar e a profundar moitos ríos co fin de facelos navegables. E un pouco máis adiante en moitas rexións empezáronse a construír densas redes de canles navegables.

Finalmente, a aparición do automóbil e a construción sistemática de estradas, provocou que as mercadorías se puidesen transportar xusto ao momento exacto do seu consumo, é o que se coñece como distribución capilar de mercadorías.

Globalización

[editar | editar a fonte]
Artigo principal: globalización.

A globalización, desde o punto de vista económico, é unha tendencia derivada do neocolonialismo que trata de facer unha zona de libre comercio a nivel internacional. A globalización nace como consecuencia da necesidade de rebaixar custos de produción co fin de dar a habilidade ao produtor de ser competitivo nunha contorna global.

Seguindo a Cano (2007:2) citado por Mesino (2009,127) comenta a globalización actual é un fenómeno complexo, que transcende a economía e impacta directamente aspectos fundamentais da vida das nacións, tales como a cultura, a educación, a política e, en xeral, as visións do mundo contemporáneo. Isto significa que, o fenómeno da globalización acentuou as interaccións de todo orde, propiciando espazos para novos coñecementos e xerando unha tendencia cara á homoxeneización da cultura e os valores.

Numerosos grupos pacifistas e ecoloxistas protestan en contra desta tendencia, a favor doutras políticas máis proteccionistas.[Cómpre referencia] Outros grupos sindicalistas tamén se mostran fortemente opostos á globalización, pois as multinacionais trasladan postos de traballo desde os países desenvolvidos ata países do Terceiro mundo, con soldos moito máis baixos.

Tipos de comercios

[editar | editar a fonte]
Comercios polo miúdo en Kasane, Botswana.

O comercio é unha fonte de recursos tanto para o empresario como para o país no que estea constituído: cantas máis empresas vendan o mesmo produto ou brinden o mesmo servizo, abarátanse os servizos.

  • O comercio por xunto (coñecido tamén como «comercio en groso») é a actividade de compra-venda de mercadorías cuxo comprador polo regular non é o consumidor final da mercadoría: A compra e co obxectivo de vendela a outro comerciante ou a unha empresa manufactureira que a empregue como materia prima para a súa transformación noutra mercadoría ou produto.
  • O comercio polo miúdo (coñecido tamén como «comercio ao retallo», «comercio a retallo» ou simplemente «retallista») é a actividade de compra-venda de mercadorías cuxo comprador é o consumidor final da mercadoría; é dicir, quen usa ou consome a mercadoría.

E estes dous tipos de comercio inclúen aos seguintes:

  • O comercio interior é o que se realiza entre persoas que se achan presentes no mesmo país, suxeitos á mesma xurisdición.
  • O comercio exterior é o que se efectúa entre persoas dun país e as que viven noutro.
  • Comercio terrestre, comercio marítimo, comercio aéreo e comercio fluvial fan referencia ao modo de transportar a mercadoría e cada un é propio dunha rama do dereito mercantil, que leva o mesmo nome.
  • O comercio por conta propia é o que se realiza por conta propia, para si mesmo.
  • O comercio por comisión é o que se realiza a conta doutro.
  • O comercio electrónico o termo comercio electrónico (ou e - commerce), fai referencia a calquera forma de transacción ou intercambio electrónico de bens, información ou servizos, a cal facilita as operacións comerciais e que xera políticas gobernamentais específicas para mellorar a posición competitiva das economías; cuxo intercambio se basea na transmisión de datos sobre redes de comunicación como Internet.[14]

O mercantilismo

[editar | editar a fonte]
Artigo principal: Mercantilismo.

O mercantilismo é a teoría económica que considera que a riqueza dun país baséase unicamente nas subministracións de ouro e prata. De aquí derívase que se teñen que potenciar as exportacións mentres que se teñen que gravar fortemente con aranceis as importacións. Esta teoría calou intensamente nos estados europeos nos séculos XVII e XVIII, e é un dos principais motivos que propiciaron o colonialismo. Os países tiñan que ser o máis independentes posibles co fin de non importar moito recursos doutros países. Por este motivo os países europeos crearon unha densa rede de colonias que fornecían á metrópole todos aqueles bens necesarios.

A idea de que a riqueza mundial era fixa e que o único medio para conseguir máis riqueza era absorbendo outro país, motivou as grandes guerras europeas dos séculos XVII e XVIII, por exemplo todas as guerras anglo-neerlandesas.[Cómpre referencia]

Grazas ás teorías económicas de Adam Smith e a teoría económica liberal, foise deixando de lado o mercantilismo. Desta maneira, empezáronse en concibir ideas como que as dúas partes dunha transacción comercial poden saír beneficiadas, xa que os bens intercambiados son máis valiosos para os novos propietarios, ou que o ouro é simplemente un mineral amarelo e que é valioso porque hai pouco.

Capitalismo

[editar | editar a fonte]
Ginza, corazón comercial de Toquio (Xapón).
Artigo principal: Capitalismo.

O capitalismo é o sistema económico que se instituió en Europa entre os séculos XVIII e XIX. O fundamento do capitalismo é o establecemento de compañías especializadas na compra, produción e venda de bens e servizos, nun mercado libre do control do Estado. A única regra que rexe nun sistema capitalista puro é a lei da oferta e a demanda. Esta regra fixa os prezos en función do grao de necesidade das mercadorías por parte do comprador, en relación co grao de necesidade de capital do vendedor (tamén relacionado coa cantidade de mercadorías almacenadas polo vendedor).

Este sistema económico xerou unha situación de libre competencia nun mercado autoregulado pola oferta e demanda, a cal supuxo un novo cambio no comercio mundial. Durante a Revolución Industrial e os cambios repentinos que representou, apareceron diferentes reaccións contra o capitalismo, como o sindicalismo, o comunismo ou o anarquismo.

Un caso especial é a aparición do anarquismo de mercado que argumenta que o sistema económico-político vixente é máis ben un capitalismo de Estado que consiste en monopolios salvagardados polo Estado e é por tanto un sistema económico incompatible cun mercado xenuinamente libre.

Organización Mundial do Comercio

[editar | editar a fonte]
Membros da OMC.

A Organización Mundial do Comercio (OMC) é unha organización internacional con sede en Xenebra (Suíza), que vixía os tratados comerciais entre os seus membros. Foi creada en 1995 como un secretariado para administrar os Acordos Xerais de Taxas e Comercio, uns tratados comerciais da posguerra mundial, o cal cedeu moitos intereses para lograr intercambios e abrir a competencia desleal ou monopolios.

Comercio internacional

[editar | editar a fonte]
Artigo principal: Comercio internacional.

O comercio internacional implica a compra, venda ou intercambio de bens e servizos en diferentes divisas e formas de pago. Estes intercambios entre distintos países ou distintas zonas xeográficas foi en aumento grazas á liberalización comercial e á eliminación de barreiras arancelarias e non arancelarias

  1. Definicións no Dicionario da Real Academia Galega e no Portal das Palabras para comercio.
  2. Dollar, D; Kraay, A (2004). "Trade, Growth, and Poverty" (PDF). The Economic Journal 114 (493): F22–F49. doi:10.1111/j.0013-0133.2004.00186.x. Arquivado dende o orixinal (PDF) o 7 de marzo de 2004. Consultado o 11 de abril do 2022. 
  3. Compare a venda ambulante e outros tipos de comercio polo miúdo:Hoffman, K. Douglas, ed. (2005). Marketing principles and best practices (3 ed.). Thomson/South-Western. p. 407. ISBN 978-0-324-22519-8. Consultado o 11 de abril do 2022. Analizanse cinco tipos de venda polo miúdo sen tendas: venda ambulante, venda directa, pedidos por correo, operadores de máquinas de comercialización automática e compras electrónicas.. 
  4. "Distribution Services". Foreign Agricultural Service. 2000-02-09. Arquivado dende o orixinal o 15 de maio de 2006. Consultado o 11 de abril do 2022. 
  5. Federico, Giovanni; Tena-Junguito, Antonio (2019). "World Trade, 1800-1938: A New Synthesis". Revista de Historia Economica - Journal of Iberian and Latin American Economic History 37 (1): 9–41. ISSN 0212-6109. doi:10.1017/S0212610918000216. 
  6. Federico, Giovanni; Tena-Junguito, Antonio (2018-07-28). "The World Trade Historical Database". VoxEU.org. Consultado o 2019-10-07. 
  7. Bown, C. P.; Crowley, M. A. (2016-01-01). Bagwell, Kyle; Staiger, Robert W., eds. "Chapter 1 - The Empirical Landscape of Trade Policy". Handbook of Commercial Policy. North-Holland. pp. 3–108. ISBN 9780444632807. doi:10.1016/bs.hescop.2016.04.015. Consultado o 2019-10-07. 
  8. O ouro era unha forma especialmente común de diñeiro, como se describe en Davies (2002).
  9. En 1311, o Papa Clemente V prohibiu totalmente a usura e declarou nula toda lexislación secular no seu favor.
  10. Marina Montesano (23 de febreiro de 2022). "Templarios, los banqueros de europa". Historia National Geographic (en castelán). Consultado o 13 de abril do 2022. 
  11. Dr. D. Omar Ricardo Gómez Castañeda. "Los Templarios: Su influencia económica y financiera". Contribuciones a la Economía. Consultado o 13 de abril do 2022. 
  12. Tim Harford e Ben Crighton (30 de decembro de 2016). "La herencia que los caballeros templarios le dejaron a la banca moderna". BBC News (en castelán). Consultado o 13 de abril do 2022. 
  13. Fran Hurtado. Geografía Infinita, ed. "El Galeón de Manila: la globalización que trajeron las Españas" (en castelán). Consultado o 13 de abril do 2022. 
  14. MARQUINA, SANCHEZ, María de Lourdes, Gobernanza Global del Comercio en Internet, Ed. INAP, 1.ª Edición, México, páx 149.

Véxase tamén

[editar | editar a fonte]

Bibliografía

[editar | editar a fonte]

Outros artigos

[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas

[editar | editar a fonte]