Convención sobre os Dereitos do Neno
Aparencia
A Convención sobre os Dereitos do Neno é un tratado internacional das Nacións Unidas sobre os dereitos do neno, que posúe 54 artigos que recoñecen que todas as persoas menores de 18 anos teñen dereito a ser protexidos e a desenvolverse e participar activamente na sociedade, establecendo que os nenos son suxeitos de dereito. Foi adoptada pola Asemblea Xeral das Nacións Unidas o 20 de novembro de 1989.
É o tratado internacional que reúne ao maior número de Estados partes. Foi ratificada por todos os Estados do mundo, fóra de Somalia e os Estados Unidos de América, este último fundamentalmente debido á prohibición da aplicación da pena de morte a nenos que contén esta convención.
Historia
[editar | editar a fonte]- 1919: A Sociedade das Nacións crea o Comité de Protección da Infancia. A existencia deste comité fai que os Estados non sexan os únicos soberanos en materia de Dereitos do Neno.
- 1923: Eglantyne Jebb (1876-1928), fundadora de Save the Children, formula xunto coa Unión Internacional de Auxilio ao Neno a Declaración dos Dereitos do Neno, coñecida tamén como a Declaración de Xenebra.
- 1924: A Sociedade de Nacións adopta a Declaración de Xenebra dos Dereitos do Neno.
- 1927: Durante o IV Congreso Panamericano do Neno, dez países americanos (Arxentina, Bolivia, Brasil, Cuba, Chile, Ecuador, Estados Unidos, Perú, Uruguai e Venezuela) subscriben o acta de fundación do Instituto Interamericano do Neno (IIN), organismo promotor do benestar dos nenos e as súas nais na rexión.
- 1934: A Sociedade das Nacións aproba, por segunda vez, a Declaración de Xenebra dos Dereitos do Neno.
- 1946: O Consello Económico e Social da Organización das Nacións Unidas (ONU) recomenda retomar a Declaración de Xenebra. Logo da segunda guerra mundial, un movemento internacional maniféstase a prol da creación do Fondo Internacional de Urxencia das Nacións Unidas para a Infancia (UNICEF).
- 1948: A Asemblea Xeral das Nacións Unidas proclama a Declaración Universal dos Dereitos Humanos. Nela, os dereitos e liberdades dos nenos, as nenas e os adolescentes están implicitamente incluídos.
- 1959: A Declaración dos Dereitos do Neno é adoptada por unanimidade. Con todo, este texto non é de cumprimento obrigatorio para os Estados.
- 1979: Celébrase o Ano Internacional do Neno. Realízanse actividades conmemorando o vixésimo aniversario da Declaración dos Dereitos do Neno.
- 1983: Diversas organizacións non gobernamentais organízanse para elaborar unha Convención Internacional sobre os Dereitos do Neno, tendo un estatuto de consulta xunto coas Nacións Unidas.
- 1989: A Convención sobre os Dereitos do Neno é adoptada pola Asemblea Xeral da ONU e aberta á firma e ratificación por parte dos Estados.
- 1990: Celébrase o Cume Mundial de Presidentes en favor da infancia. No devandito cume apróbase o Plan de Acción para o decenio 1990-2000, o cal serve de marco de referencia para os Plans Nacionais de Acción en cada Estado parte da Convención.
- 2001: Celébrase o Ano Interamericano da Nenez e a Adolescencia.
- 2002: O 12 de febreiro entra en vigor o Protocolo Facultativo á Convención, impulsado pola ONU, que eleva a idade mínima de recrutamento e participación en hostilidades de 15 a 18 anos.
Principios fundamentais
[editar | editar a fonte]- Participación: os nenos, como persoas e suxeitos de dereito, poden e deben expresar as súas opinións nos temas que os afecten. As súas opinións deben ser escoitadas e tomadas en conta para a axenda política, económica ou educativa dun país. Deste xeito créase un novo tipo de relación entre os nenos, nenas e adolescentes e quen toman as decisións por parte do Estado e a Sociedade Civil.
- Supervivencia e desenvolvemento: as medidas que tomen os Estados Parte para preservar a vida e a calidade de vida dos nenos deben garantir un desenvolvemento harmónico no aspecto físico, espiritual, psicolóxico, moral e social dos nenos, considerando as súas aptitudes e talentos.
- Interese superior do neno: cando as institucións públicas ou privadas, autoridades, tribunais ou calquera outra entidade deba tomar decisións respecto dos nenos e nenas, deben considerar aquelas que lles ofrezan o máximo benestar.
- Non discriminación: ningún neno debe ser prexudicado de modo algún por motivos de raza, credo, cor, xénero, idioma, caste, situación ao nacer ou por padecer algún tipo de impedimento físico
Véxase tamén
[editar | editar a fonte]Outros artigos
[editar | editar a fonte]Ligazóns externas
[editar | editar a fonte]A Galifontes posúe textos orixinais acerca de: Convención sobre os Dereitos do Neno |