Casa da Moeda de Coquimbo
Casa da Moeda de Coquimbo | |
---|---|
Reverso dun peso de 1828 da Casa da Moeda de Coquimbo | |
Tipo | Casa de moeda |
Fundación | 27 de setembro de 1827 |
Localización | La Serena Rexión de Coquimbo Chile. |
Persoas clave | Gregorio Cordovez del Caso (1º intendente). |
Industria | Cuñaxe. |
Produtos | Peso Coquimbo. |
Notas | |
Marca de ceca: COQUIMBO. | |
[ editar datos en Wikidata ] |
A Casa da Moeda de Coquimbo foi unha ceca chilena instituída na cidade de La Serena, rexión de Coquimbo, en 1827.
Esta casa de moeda foi a única con carácter oficial que funcionou fóra de Santiago en toda a historia de Chile.
Historia
[editar | editar a fonte]Orixe
[editar | editar a fonte]Debido ao pulo da industria extractiva arxentífera xerado principalmente pola vea de Arqueros en 1825, o Goberno de Chile considerou que lle era máis rendible adquirir e cuñar a prata na propia rexión de Coquimbo que levala ata Santiago.[1]
Para estes efectos, acordouse instalar en La Serena unha casa de moeda, que foi aprobada mediante o Decreto do 27 de setembro de 1827:[1][2]
Artigo 1. Establecerase en La Serena, capital da provincia de Coquimbo, unha sala de amoedación co mesmo tipo, lei e peso que a que se cuña en Santiago.
Artigo 2. Este establecemento estará baixo a inspección e o coñecemento do superintendente desa casa de moeda e rexerase polos mesmos regulamentos.
Artigo 3. O expresado superintendente porá ao dispor da persoa que nomee o Goberno as máquinas e os peritos necesarios para o seu traslado á provincia de Coquimbo.
O intendente da Casa da Moeda de Coquimbo, designado o 24 de xuño de 1828, foi Gregorio Cordovez del Caso (1873-1843), que fora gobernador político e militar de Coquimbo e daquela era alcalde de La Serena.[2][3]
O obradoiro de cuñaxe estableceuse provisionalmente no claustro da igrexa de San Francisco, un dos templos relixiosos máis antigos da cidade, en tanto que se construía un novo edificio ad hoc. O Decreto do 26 de marzo de 1828 dispuxo as medidas económicas necesarias para a construción do que debería ser o edificio definitivo da ceca.[2]
Funcionamento efémero
[editar | editar a fonte]Malia que na zona se extraeu entre 1825 e 1832 máis do 85 % da prata total producida no país,[4] a Casa da Moeda de Coquimbo non chegou a prosperar como se esperaba por mor de razóns políticas, xa que a súa existencia era contraria aos intereses do superintendente da Casa da Moeda de Santiago, José Santiago Portales.[5] Así as cousas, só se logrou cuñar unha curta serie de moedas dun peso con data de 1828, coñecidas no ámbito numismático como "peso Coquimbo". Mesmo algúns autores sinalan que este establecemento nunca chegou a funcionar como tal, debido a que gran parte das moedas que produciu foron tecnicamente mal elaboradas, o que redundou en diferentes pesos para cada unha. Finalmente os "pesos de Coquimbo" foron retirados da circulación e, na súa maioría, refundidos en Santiago.[2][6]
Dado que os gastos ocasionados pola instalación da ceca foran moi superiores aos beneficios proporcionados por ela, o Congreso de Chile aprobou un decreto o 12 de outubro de 1830 a cancelación de todos os contratos do seu persoal, incluído o seu intendente, Gregorio Cordovez.[2]
O 18 de maio de 1845 enviouse en barco a Valparaíso a maquinaria da ceca, que nesa data xa se atopaba en estado de abandono no claustro de San Francisco, sen ter chegado a culminarse a súa instalación.[2]
O "peso Coquimbo"
[editar | editar a fonte]- Artigo principal: Peso Coquimbo.
Caracterización [7][8]
[editar | editar a fonte]- Data: 1828.
- Valor: 1 peso (8 reais).
- Metal: prata (902 milésimas).
- Peso: 27 g.
- Diámetro: 39,5 mm.
- Anverso: volcán en erupción; CHILE INDEPENDIENTE / UN PESO / COQUIMBO.
- Reverso: columna; UNIÓN Y FUERZA T. H. LIBERTAD 1828.
Varias das moedas cuñadas nesta ceca lograron rescatarse e hoxe locen como as pezas máis importantes de diversas coleccións numismáticas. O "peso de Coquimbo" ou "peso Coquimbo" é considerado polos coleccionistas como unha das moedas máis valiosas. A modo de exemplo, en 2008 adxudicouse un exemplar nunha poxa numismática nos Ánxeles por 132.000 dólares, e en 2014 vendeuse outro exemplar en Chicago por 108.900 dólares.[6][9]
Un exemplar desta rara moeda, extraordinariamente ben conservado, atópase no Departamento de Moedas e Medallas do Museo Británico, en Londres, e foi doado en 1856 polo Banco de Inglaterra, logo de ser levado a Europa polo cónsul británico da provincia de Coquimbo da época, David Ross.[10]
En Chile consérvase outro exemplar, no Museo Numismático do Banco Central de Chile, en Santiago, onde é a peza máis valiosa da colección.[11][12]
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ 1,0 1,1 Vicuña Mackenna, B. (1882). El libro de la plata. Cervantes, Santiago de Chile. Nota 1. Páxinas 122-123.
- ↑ 2,0 2,1 2,2 2,3 2,4 2,5 Concha Gajardo, M. (1871).
- ↑ "Gregorio Cordovez del Caso". Biblioteca del Congreso Nacional de Chile.
- ↑ Millán, A. (2004). La minería metálica en Chile en el siglo XIX. Ed. Universitaria, Santiago de Chile. Páxina 59. ISBN 956-11-1730-4
- ↑ Rodríguez Villegas, H. (1983). Palacio de la Moneda. Ministerio de Educación Pública, Chile. Páxinas 40-41.
- ↑ 6,0 6,1 "Desconocida moneda chilena alcanza un valor de 25 millones de pesos". En Emol.com. 29 de abril de 2013.
- ↑ "1 Peso Coquimbo". Numista.com
- ↑ "El 'Peso Coquimbo'". En Boletín Semanal Zuramerica.com. Maio de 2013. Nº XVII
- ↑ "Chile 1828-Coquimbo peso". CoinFactsWiki.com
- ↑ "Museum number: BNK,EurC.1244. Peso". The British Museum.
- ↑ "1 Peso - Plata - 1828 Arquivado 14 de xuño de 2021 en Wayback Machine.". Museo Numismático del Banco Central de Chile.
- ↑ "El rescate del histórico Peso de Coquimbo Arquivado 15 de novembro de 2017 en Wayback Machine.". En El Día. 5 de outubro de 2016.
Véxase tamén
[editar | editar a fonte]Wikimedia Commons ten máis contidos multimedia na categoría: Casa da Moeda de Coquimbo |
Bibliografía
[editar | editar a fonte]- Concha Gajardo, M. (1871). "Casa de Moneda". Crónica de La Serena: desde su fundación hasta nuestros días. La Reforma, La Serena. Páxinas 170-173.