Celoma
O celoma é a cavidade xeral secundaria do corpo chea dun líquido chamado líquido celomático que se forma no mesoderma dos animais celomados ou eucelomados. A diferenza do que acontece co pseudoceloma, este está limitado por un epitelio chamado peritoneo.
Esta cavidade desenvolveuse inicialmente nos animais triblásticos, e dicir, con ectoderma, endoderma e mesoderma, e dise que é xeral porque non comunica co medio exterior, o cal non é estritamente certo, sobre todo no caso da enterocelia. Tamén se di que é secundaria porque, como tal cavidade xeral, é a segunda en aparecer, tralo blastocele, ao longo do desenvolvemento embrionario.
Características e funcionaliade
[editar | editar a fonte]Entre as súas utilidades, nos diferentes grupos taxonómicos, están as seguintes:
- Ten capacidade para absorber golpes
- En ocasións, pode servir como esqueleto hidrostático.
- Permite que os órganos crezan independentemente fóra da parede do corpo.
- Nos mamíferos o celoma forma as cavidades peritoneal, pleural e pericárdica.
- O líquido celómico actúa como un sistema de transporte entre a parede do corpo e a do tubo dixestivo, facilitando a distribución dos nutrientes, metabolitos e gases respiratorios e podendo almacenar temporalmente os produtos de desfeita para ser excretados posteriormente.
- Ao mellorar o transporte das substancias polo corpo se produce unha maior eficacia fisiolóxica do corpo co que pode aumentar tamaño do animal, coas implicacións evolutivas que isto supón: mellor homeostase e independencia do ambiente, diversificación das fontes dispoñibles de alimento etc.
- A cavidade chea de líquido dálle independencia aos órganos, favorecendo procesos fisiolóxicos tan básicos como o latexo independente do corazón ou a produción, en organismos vermiformes, de ondas peristálticas inversas na parede do corpo e do tubo dixestivo, que conta nos celomados cunha musculatura propia.
- Ao existir un espazo común que recollle e fai circular os produtos do metabolismo, as estruturas repetidas, que nos acelomados eran abastecidas por difusión, poden agora concentrarse nun ou dous órganos máis eficaces e complexos.
Formación
[editar | editar a fonte]Nos embrións dos animais deuteróstomos (equinodermos, cordados) o mesoderma e o celoma orixínase por enterocelia, fenómeno que consiste na proliferación de células do arquénteron (cavidade dixestiva embrionaria) cara ao blastocele para formar o mesoderma e o seu posterior oco para formar el celoma. Por iso, estes animais denomínanse enterocelomados.
Nos embrións dos animais protóstomos (anélidos, moluscos, artrópodos) o mesoderma e o celoma orixínanse por esquizocelia; células situadas no punto de unión do endoderma e o ectoderma proliferan e emigran cara ao blastocele e forman o mesoderma, a partir do cal fórmase o celoma. Estes animais reciben o nome de esquizocelomados.
Clasificación dos animais segundo a presenza/ausencia de celoma
[editar | editar a fonte]Non todos os animais triblásticos (é dicir, con mesoderma) desenvolven un celoma. Existen 3 posibilidades:
- Acelomados: un animal triblástico no cal non se forma o celoma, recibe o nome de animal acelomado; aínda que ten mesoderma, este é macizo. Exemplos deste tipo de animais son os Nemertinos, Gnatostomúlidos ou Platihelmintos.
- Pseudocelomados: existen animais triblásticos cunha cavidade corporal semellante ao celoma en cuanto a función, pero moi diferente embrioloxicamente xa que non é de orixe mesodérmico; dita cavidade chámase pseudoceloma ou blastoceloma e os animais que a posúen denomínanse pseudocelomados ou blastocelomados; esta cavidade adoita ser un blastocele embrionario persistente e, a diferenza do auténtico celoma, non está limitado polo peritoneo (epitelio mesodérmico) e os órganos internos están libres dentro do pseudoceloma. Exemplos dos psudocelomados son os Rotiferos, Gastrotricos, Entoproctos, Quinorrincos, Priapúlidos, Nematodos, Nematomorfos, Acantocéfalos e Loriciferos.
- Celomados: os Celomados son os animais cun verdadeiro celoma. Tamén se lles chama eucelomados ("auténticos celomados") para sinalar o feito de que teñen un celoma verdadeiro e non un pseudoceloma ("falso celoma"). O celoma aparece sempre no embrión e algúns grupos o conservan en estado adulto (tipicamente os Anélidos, Sipuncúlidos etc.), pero noutros filos redúcese moito, e o adulto carece practicamente do mesmo (Vertebrados, Artrópodos etc.).
Ata hai pouco tempo, os zoólogos agrupaban os animais segundo as características do celoma. A presenza ou ausencia de celoma e a forma en que se orixinou críase que era importante na comprensión das relacións filoxenéticas dos filos animais. Non obstante, recentes probas en filoxenia molecular suxiren que estas características non son tan informativas como se pensou anteriormente xa que se cre que o celoma puido ter xurdido dúas veces, unha en protóstomos e outra vez entre os deuteróstomos[1].
Nos adultos, o celoma persiste de forma moi variable. O celoma pódese conservar nas cavidades dos segmentos corporais, actuando entón de esqueleto hidrostático, na luz das gónadas e de gonodutos (e entón recibe o nome de gonocele), na luz dos órganos excretores, como os nefridios (nefrocele), nas cavidades pericárdicas, así como na luz de determinados sistemas circulatorios.
A existencia do celoma fixo posible un gran avance na evolución e a diversificación dos grandes grupos animais: anélidos, artrópodos, vertebrados e moluscos, grazas a que a compartimentación corporal axudou a que os diferentes sistemas e órganos do corpo tiveran unha mellor división de tarefas, coa súa conseguinte especialización.
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ Xiao S., Laflamme M.(2008) On the eve of animal radiation: phylogeny, ecology and evolution of the Ediacara biota na revista Trends in Ecology & Evolution 10.1016