Cruceiro Prinz Eugen
Prinz Eugen | |
---|---|
Historial | |
Estaleiro | Krupp Germaniawerft, Kiel |
Clase | Clase Admiral Hipper |
Tipo | cruceiro pesado |
Posta en grella | 23 de abril de 1936 |
Botado | 22 de agosto de 1938 |
Asignado | 1 de agosto de 1940 |
Baixa | decembro de 1946 |
Destino | remolcado ata o atol Kwajalein para probas de armamento nuclear e afundido en decembro de 1946 |
Características xerais | |
Desprazamento | 15.000 t |
Eslora | 212,5 metros |
Manga | 21,8 metros |
Calado | 7,2 metros |
Blindaxe | • Cintura: 70-80 mm • Torretas: 105 mm • Cuberta protectora: 20-50 mm |
Tripulación | 42 oficiais 1.340 mariñeiros |
Aeronaves | 3 hidroavións Arado Ar 196 |
Equipamento aeronaves | 1 catapulta |
O Prinz Eugen foi un cruceiro pesado da clase Admiral Hipper (o terceiro da súa clase) que serviu coa Kriegsmarine alemá durante a segunda guerra mundial. Ao igual que os seus barcos irmáns, Admiral Hipper e Blücher, construíuse a mediados dos anos 30. Durante a etapa de planificación e deseño foi coñecido como "Kreuzer J" (Cruceiro J). A súa quilla foi posta no estaleiro Krupp Germania en Kiel o 23 de abril de 1936, e custou un total de 104,5 millóns de reichsmarks. O Prinz Eugen foi botado o 22 de agosto de 1938 e comisionado o 1 de agosto de 1940. Considerado un "buque afortunado", sobreviviu ao final da guerra (aínda que só participou en dúas grandes accións no mar). O barco afundíuse despois da Operación Crossroads, un ensaio con armas nucleares no atol Bikini en 1946.
Historial operacional
[editar | editar a fonte]Antes do seu despregue o Prinz Eugen sufrira varios danos. O 2 de xullo de 1940 nun bombardeo da RAF sufriu danos menores, e un ano despois, o 23 de abril de 1941, o barco chocou cunha mina magnética.
Operación Rheinübung
[editar | editar a fonte]O 24 de maio de 1941, o Prinz Eugen loitou xunto co Bismarck na Batalla do Estreito de Dinamarca contra o cruceiro de batalla HMS Hood, alcanzándoo tres veces e iniciando un grande incendio. Na batalla o Prinz Eugen tamén danou ao acoirazado HMS Prince of Wales, ao cal impactou catro veces. O Hood foi afundido durante o encontro, mentres que o Prince of Wales foi danado gravemente, aínda que conseguiu alcanzar o tanque de combustible dianteiro do Bismarck.
Posteriormente ese día, debido á perda de combustible, o Bismarck viuse obrigado a abandonar a misión de atacar mercantes, polo que o Prinz Eugen separouse para continuar en solitario mentres o Bismarck se dirixía cara a Francia. O Prinz Eugen escapou dos barcos británicos que aínda permanecían axexando na zona, e encamiñouse cara ao sur para atoparse co petroleiro Spichern e prepararse así para atacar convois mercantes no Atlántico. Despois de ter problemas de motor debido a que os seus condensadores non funcionaban ben nas augas cálidas, o barco dirixiuse cara a un porto francés o 29 de maio. Despois de evitar varias unidades pesadas británicas que estiveran buscando ao Bismarck (xa afundido), o Prinz Eugen chegou a Brest o 1 de xuño. O porto foi atacado regularmente polo Mando de Bombardeiros da RAF e, na noite do 1 de xullo, o Prinz Eugen foi alcanzado por unha bomba en babor por detrás da ponte. A bomba estoupou no centro de mando principal da artillaría, matando 60 tripulantes.
Operación Cerberus
[editar | editar a fonte]Despois da perda do Bismarck, Hitler roibiu máis incursións de superficie no Atlántico. Temendo unha invasión aliada de Noruega, quería a todos os seus buques capitais de volta nas augas alemás, Xunto cos acoirazados Scharnhorst e Gneisenau, o Prinz Eugen realizou a Operación Cerberus (a volta a Alemaña) os días 11 e 12 de febreiro de 1942.
O Prinz Eugen deixou Alemaña para ir a Noruega ese mesmo mes, e o 23 de febreiro foi torpedeado polo submarino británico HMS Trident, que destruíu a súa popa. Despois dunhas primeiras reparacións provisionais en Trondheim, o cruceiro regresou a Kiel o 16 de maio para recibir unha nova popa. O Prinz Eugen non estivo operativo novamente ata xaneiro de 1943. Dous intentos de trasladalo a Noruega, onde podería ameazar aos convois aliados, fallaron e finalmente foi asignado a labores de adestramento en augas alemás.
Despregue no Báltico
[editar | editar a fonte]Dende agosto de 1944 en diante, o Prinz Eugen foi despregado para bombardear a concentración de tropas do avance soviético nas costas do Báltico, e para transportar refuxiados alemáns cara ao oeste. O 15 de outubro, colisionou co cruceiro lixeiro Leipzig entre a densa brétema do mar Báltico, e estivo a piques de partir o pequeno barco en dous. Durante 14 horas os dous barcos estiveron á deriva encaixados, ata que puideron ser separados. O Prinz Eugen foi reparado en Gotenhafen (actual Gdynia) e continuou os seus labores de bombardear ás forzas de terra soviéticas durante o sitio de Danzig, e evacuando refuxiados alemáns. O 29 de marzo de 1945 deixou Gotenhafen por última vez cunha carga de refuxiados, chegando a Swinemünde o 8 de abril. O barco entón partiu cara Copenhagen, a onde chegou o 20 de abril. A falta de combustible fixo que non volvese a saír do porto novamente.
Despois da guerra
[editar | editar a fonte]Rendición
[editar | editar a fonte]Ao final da guerra, era un dos dous únicos cruceiros alemáns operativos (o outro era o cruceiro lixeiro Nürnberg), e rendeuse ás forzas británicas en Copenhagen o 8 de maio de 1945. O 26 de maio o Prinz Eugen deixou esta cidade co Nürnberg, e navegou cara Wilhelmshaven escoltado polos británicos. O Prinz Eugen chegou o 28 de maio, quedando no dique seco ata decembro dese ano. O 5 de xaneiro de 1946 o barco foi entregado á Armada dos Estados Unidos.
USS Prinz Eugen
[editar | editar a fonte]O buque foi comisionado á Armada estadounidense e pasou a designarse USS Prinz Eugen (IX-300). O seu enorme sónar pasivo GHG foi retirado e instalado no submarino USS Flying Fish para realizar probas. Hai algunhas evidencias de que o interese dos estadounidenses polos amplificadores magnéticos incementáronse novamente despois dos achados nas investigacións do sistema de control de fogo do Prinz Eugen. Despois das exploracións e as probas, foi asignado á frota que sería obxectivo nas probas de bombas atómicas da Operación Crossroads. O barco sobreviviu ás probas "Able" e "Baker", realizadas en xullo de 1946, pero a radioactividade impediu que se reparasen as fugas producidas. En setembro de 1946 foi remolcado ao atol Kwajalein e afundíuse o 22 de decembro dese ano sobre os arrecifes Enubuj, onde permanece ata a actualidade. No ano 1978, a súa hélice de babor foi rescatada e consérvase no Memorial Naval Alemán de Laboe. Parte dos seus restos eran aínda visibles por riba da auga no ano 2010.
Antes das probas atómicas, a campá do barco foi retirada polos mariñeiros estadounidenses. Na actualidade a campá atópase no Museo da Armada situado en Washington, D.C.