Ctesifonte
Tipo | xacemento arqueolóxico | |||
---|---|---|---|---|
Parte de | Seleucia-Ctesiphon (en) | |||
Localización | ||||
División administrativa | Assuristão (pt) | |||
| ||||
Bañado por | Río Tigris | |||
Comparte fronteira con | Selêucia do Tigre (pt) | |||
Características | ||||
Superficie | 30 km² | |||
Historia | ||||
Data de creación ou fundación | década de 120 a. C. | |||
Data de disolución, retirada ou demolición | marzo de 637 | |||
Cronoloxía | ||||
Cerco de Ctesifonte (637) (pt) | ||||
27 de abril de 629 (Gregoriano) | Siege of Ctesiphon (en) | |||
Batalha de Ctesiphon (1915) (pt) | ||||
Ctesifonte (en parto e pahlavī: Tyspwn ou Tisfun; en persa: تيسفون, Tisfun; en árabe: المدائن, al-Madāʾin, «as cidades»)[1] foi unha cidade e capital dos imperios parto e sasánida. Estaba localizada a beiras do río Tigris e foi prontamente abandonada despois da fundación de Bagdad. Chegou a ser unha das cidades máis importantes da antiga rexión de Mesopotamia.[2]
Formouse como un barrio periférico da colonia grega de Seleucia do Tigris, á que acabou absorbendo e creando unha nova cidade, que é denominada por algúns autores como Seleucia-Ctesifonte. Posteriormente, ao redor da antiga Ctesifonte e outros asentamentos fundaríase a cidade de Madain. Actualmente parte dos restos sobreviventes atópanse dentro da cidade iraquí de Salman Pak.
Etimoloxía
[editar | editar a fonte]No libro de Esdras da biblia hebrea menciónase por primeira vez co nome de Kasfia ou Casphia, palabra derivada do nome étnico casita e cognado de Caspio e Quazvi.
Ctesifonte, tamén aparece transliterado con outras grafías como Ctesiphonte, Ctesifón ou Tesifón (nome derivado do persa Tisfun) desde o século II a. C.[2].
Historia
[editar | editar a fonte]O primeiro asentamento na zona foi a colonia grega de Seleucia, fundada no 312 a. C. por Seleuco I Nicátor –un dos xenerais do rei Alexandre Magno– sobre a beira occidental do Tigris, nun punto estratéxico pola súa proximidade á ruta da seda. O crecemento da cidade fixo que para o ano 221 a. C., xa houbese un novo barrio desta na beira occidental do Tigris.
No ano 147 a. C. os partos atacaron por primeira vez Seleucia e foi definitivamente conquistada en 141 a. C. Con todo, os partos no ano 129 a. C. deciden que na beira oriental do Tigris e xusto enfronte de Seleucia, van chantar a súa nova capital, xusto onde se atopaba o suburbio que xa se coñecía como Ctesifonte.
No ano 115 a. C., catorce anos despois, a nova capital estaba practicamente urbanizada e os reis partos trasladaron a súa corte á cidade, que foi medrando e ampliándose até mesturarse coa antiga colonia grega.
Durante o século I a. C., a cidade Seleucia-Ctesifonte era unha mestura cultural cosmopolita con entre outros, partos, persas, iranianos, babilonios, gregos, xudeus, asirios, árabes ou turcos.
Na Antigüidade Babilonia foi a metrópole de Asiria; pero a metrópole é agora Seleuceia, é dicir, Seleucia do Tigris, como se lle chama. Cerca hai unha poboación chamada Ctesifón, unha gran poboación. Alí adoitan ter a súa residencia de inverno os reis partos, non molestando os Seléucidas, para que estes non estiveran oprimidos tendo o pobo e exército escita entre eles. Así pois, debido ao poder parto, Ctesifón é máis ben unha cidade; o seu tamaño é tal que acolle un gran número de xente e os mesmos partos equipárona con edificios. Equipárona tamén con mercadorías para vender e coas artes que compracen os partos; así os reis partos teñen o costume de pasar aquí o inverno pola salubridade do seu aire, pero o verán en Ecbatana e en Hircania polo predominio do seu antigo renome.Estrabón XVI, 1, 16
Durante este século iniciouse a construción da Canle de Nahrawan.
Debido á súa importancia, a cidade foi obxectivo militar destacado para o Imperio romano nas súas guerras orientais. De tal forma que a cidade foi sometida polos romanos ou o seu estado sucesor, o Imperio bizantino, até cinco veces na súa historia.
O emperador Traxano conquistou a cidade no ano 116; despois dun ano de ocupación, o seu sucesor Hadriano non tivo outra alternativa que devolvela en 117 como parte dun tratado de paz perpetuo cos partos.
O xeneral romano Avidio Casio volveu capturar a cidade en 164 durante a guerra romano-parta de 161-166, pero tivo que cedela cando se asinou a paz. En 197 o emperador romano Septimio Severo saqueou a cidade e trasladou milleiros dos seus habitantes para vendelos como escravos.
A finais do século III, despois de que o imperio sasánida ou segundo imperio persa, derrocasen os partos, a cidade volveu estar en guerra cos romanos. En 295, Galerio perdeu unha batalla contra os persas nas proximidades da cidade. Humillado, regresou un ano despois e obtivo unha gran vitoria, que acabou coa quinta e última toma da cidade a mans do exército romano, aínda que a devolveu a Narsés a cambio de Armenia. Sobre 325 e de novo en 410 a cidade, ou a colonia grega situada xusto enfronte, foron sede dun concilio da Igrexa Asiria de Oriente.
O emperador romano Xuliano o Apóstata morreu ante as murallas da cidade en 363 durante a guerra contra Sapor II. Finalmente, o emperador bizantino Heraclio cercou en 627 a cidade, capital do Imperio Sasánida, liberándoa unha vez que os persas aceptasen os seus termos de paz.
Madain
[editar | editar a fonte]- Artigo principal: Madain.
Os musulmáns conquistaron Ctesifonte nun asedio relativamente breve en 637 baixo o mando militar de Sa'ad ibn Abi Waqqas, e chamárona «a cidade vella» (al-Madina al-Atika) e conxuntamente con outros asentamentos próximos, formaron Madain (al-Madain, As Cidades, en árabe: المدائن) baixo os califatos dos omeias e abbásidas. Durante os últimos anos foi residencia do exilarca xudeu e o catholicós nestoriano.
O historiador Abu'l-Hasan al-Mada'ini (753 – logo do 830) pasou parte da súa vida na cidade, de cuxo nome árabe (al-Madáin) provén o seu propio.[3]
Aínda que non se maltratou a poboación xeral, a antiga cidade de Ctesifonte sufriu un rápido declive debido á perda de poder económico e político, especialmente tras a fundación de Bagdad, a capital abbassida no século VIII, até converterse nunha cidade abandonada. Crese que nela está baseada a cidade de Isbanir do conto oriental d'As mil e unha noites.
Actualmente Madain derivou en parte á nova cidade iraquí de Salman Pak, a uns vinte quilómetros da antiga Ctesifonte e quince de Bagdad.
Entre 1915 e 1916 librouse nas ruínas da cidade a batalla de Ctesifonte, unha das maiores operacións da primeira guerra mundial. Alí, o Imperio Otomán venceu as tropas do Reino Unido que tentaban tomar Bagdad e fixéronas retroceder uns sesenta quilómetros antes de atrapar as forzas británicas e forzalas a renderse.
Poboación e relixión
[editar | editar a fonte]Baixo o goberno sasánida, a poboación de Ctesifonte era moi variada, desde arameos, persas, gregos ou asirios. Os dous idiomas máis utilizados eran o persa e o arameo.
Tamén había certa liberdade de culto e convivían o cristianismo, xudaísmo ou o zoroastrismo. Tamén era importante o grupo de crentes maniqueos que chegaron a formar o patriarcado de Babilonia en Ctesifone. Coa captura dos musulmáns da cidade, moitos destes crentes fuxiron.
Despois da batalla de Siffín, a poboación de orixe persa desapareceu. No século IX os maniqueos sobreviventes fuxiron e trasladaron o seu patriarcado a Samarcanda.
Arco de Ctesifonte
[editar | editar a fonte]- Artigo principal: Taq-i Kisra.
O esplendor do complexo de palacios imperiais de Ctesifonte era lendario. Incluía o palacio do rei persa Cosroes I chamado o palacio branco (Shâhigân-ǐ Sepid) e agora destruído case por completo e un enorme arco (en árabe, طاق كسرى Taq-i Kisra).
O salón do trono —presumiblemente baixo o arco ou tras el— tiña máis de trinta metros de altura. A gran bóveda de canón cubría unha superficie duns vinte e cinco metros de ancho e cincuenta de longo, e é unha das maiores bóvedas construída en ladrillo do mundo.
O arco de Ctesifonte, ou Taq Kisra, é hoxe en día o único que queda da cidade de Ctesifonte. A estrutura que chegou aos nosos días é o pórtico principal ao salón da audiencia dos sasánidas, que mantiñan o mesmo sitio que elixiran os partos por basicamente a mesma razón, a súa proximidade ao Imperio romano, cuxo afán expansionista podíase conter mellor desde aquí.
É importante polo emprego do ladrillo, das arquerías, como pode verse na fachada, e das bóvedas, en particular polas cúpulas sobre trompas. Aparece tamén o iwán, ou pórtico cun grande arco aberto a un patio, que posteriormente será adoptado na arte islámica.
O arco atópase no que é hoxe día a cidade iraquí de Salman Pak (anteriormente, Madain). O monumento estábase reconstruíndo nos anos oitenta tras derrubarse a á norte da construción, pero parouse na Guerra do Golfo en 1991. Despois da caída do goberno de Sadam Husein tras a invasión de Iraq de 2003, durante os anos seguintes propuxéronse distintos plans para a restauración ou mellora do monumento polo seu interese turístico.[4][5] Os restos arqueolóxicos estiveron a piques de desaparecer durante 2015 e 2016 pola ameaza do grupo terrorista do Estado Islámico, o que levou a realizar un documental polo director irano-nederlandés Pejman Akbarzadeh (Taq Kasra: Wonder of Architecture).[6]
O arco apareceu nunha fotografía aérea presentada a concurso que sacou o escritor Roald Dahl. Menciónase, xunto a unha copia da imaxe, na súa autobiografía «Boy».[7]
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ Asín Palacios, Miguel (1940). Contribución a la toponimia árabe de España. Madrid: Consejo Superior de Investigaciones Científicas. p. 66.
- ↑ 2,0 2,1 Vera Aranda, Ángel Luis (1 de maio de 2010). "6 Otras ciudades de la antigüedad clásica: Seleucia, Ctesifonte, Éfeso, Pérgamo y Petra". Breve historia de las ciudades del mundo clásico. Ediciones Nowtilus S.L. pp. 240–241. ISBN 9788497639163. Consultado o 12 de outubro de 2019.
- ↑ KENNEDY, Hugh (2007): Las grandes conquistas árabes. — Crítica, Barcelona, 2007, páx. 268. ISBN 978-84-8432-931-2
- ↑ Attwooll, Jolyon (29 de febreiro de 2016). "Iraq targets tourists with restoration". The Telegraph (en inglés). ISSN 0307-1235. Consultado o 12 de outubro de 2019.
- ↑ "Tehran Municipality negotiating to restore Taq Kasra in Iraq" (en inglés). 21 de abril de 2019. Consultado o 12 de outubro de 2019.
- ↑ "University in London Will Show Documentary on Taq Kasra Palace" (en inglés). 24 de xaneiro de 2018. Consultado o 12 de outubro de 2019.
- ↑ Na obra «Boy» de Roald Dahl, o autor conta que fotografou este arco. Nalgunhas edicións a fotografía aparece despois.
Véxase tamén
[editar | editar a fonte]Wikimedia Commons ten máis contidos multimedia na categoría: Ctesifonte |
Bibliografía
[editar | editar a fonte]- Azcárate Ristori, J. M.ª de, y otros, Historia del arte, Anaya, Madrid, 1986. ISBN 84-207-1408-9