Saltar ao contido

A Veiga

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Modelo:Xeografía políticaA Veiga
Imaxe

Localización
lang=gl Editar o valor en Wikidata Mapa
 42°15′00″N 7°01′34″O / 42.25005, -7.026197
EstadoEspaña
Comunidade autónomaGalicia
Provinciaprovincia de Ourense Editar o valor en Wikidata
CapitalA Veiga Editar o valor en Wikidata
Contén a división administrativa
Poboación
Poboación925 (2023) Editar o valor en Wikidata (3,18 hab./km²)
Xeografía
Superficie290,49 km² Editar o valor en Wikidata
Altitude874 m Editar o valor en Wikidata
Comparte fronteira con
Organización política
• Alcalde da Veiga Editar o valor en WikidataJuan Anta Rodríguez Editar o valor en Wikidata
Eleccións municipais na Veiga Editar o valor en Wikidata
Identificador descritivo
Código postal32357, 32365, 32360, 32366, 32368 e 32369 Editar o valor en Wikidata
Fuso horario
Código INE32083 Editar o valor en Wikidata

Sitio webaveiga.gal Editar o valor en Wikidata
Igrexa parroquial.
Casa cuartel da Garda Civil.
Vista da vila, co río Xares ao fondo.

A Veiga é un concello da provincia de Ourense, pertencente á comarca de Valdeorras. Segundo o IGE no ano 2019 tiña 889 habitantes (453 homes e 436 mulleres). O seu xentilicio (véxase no Galizionario) é «veiguense».

Demografía

[editar | editar a fonte]
Censo total 889 (2019)
Menores de 15 anos 37 (4.16 %)
Entre 15 e 64 anos 451 (50.73 %)
Maiores de 65 anos 401 (45.11 %)
Evolución da poboación da Veiga   Fontes: INE e IGE.
1900 1930 1950 1981 2004 2009 2011 2012 2013 2014 2015 2016 2017 2018 2019 2020 2021 2022 2023
6977 6742 6357 3513 1318 1106 1048 1036 1000 965
(Os criterios de rexistro censual variaron entre 1900 e 2004, e os datos do INE e do IGE poden non coincidir.)

Xeografía

[editar | editar a fonte]

O concello pertence ó partido xudicial do Barco, e á diocese de Astorga, arciprestado da Veiga. Limita ao norte co Barco de Valdeorras, Carballeda de Valdeorras e Petín, ao sur con Viana do Bolo, ao leste coa provincia de Zamora e ao oeste co Bolo.

É o concello máis amplo da provincia, con 291 km², e unha altitude media de 1024 metros. No concello atópase a maior altitude de Galicia: o pico de Pena Trevinca, de 2127 metros.

A súa xeografía pode dividirse en tres zonas diferenciadas:

As terras altas, de orixe cámbrica e precámbrica, son as situadas a máis de 1200 metros de altitude. Abarcan a serra do Eixo (A Chaira, As Minas e Pena Cabrón), as serras do sueste (serra Calva, alto do Torno, alto do Turrideiro e alto da Corraliza) e os Montes de Ramilo.

As terras intermedias están compostas por rochas graníticas hercianas, de 1000 a 1200 metros de altitude. Nelas aséntanse a maior parte dos núcleos habitados, ademais da serra de San Lourenzo.

As terras baixas, con altitudes inferiores aos 1000 metros, coinciden co leito do río Xares e a liña de falla que vai dende O Barco até Quintela de Edroso (Viana do Bolo). A rede hidrográfica é abundante, debido á copiosa pluviometría do municipio. Os principais cursos son os dos ríos Corzos, Xares e Requeixo, e os restantes son regatos con moita pendente, moi rápidos e de gran poder erosivo, dando lugar a estreitos e profundos vales e fervenzas.

A temperatura media anual é fresca, sen superar o conxunto os 8 °C. A oscilación térmica é elevada, sobre todo nas terras situadas a máis de 1300 metros. Os invernos son duros a causa das baixas temperaturas e da presenza da neve. As estacións intermedias son curtas e os veráns mornos con noites claras e frescas, sendo meses máis cálidos xullo e agosto, que alcanzan unha media de 15 °C.

A lagoa da Serpe sitúase a 1697 metros de altitude, no macizo de Pena Trevinca. Ten orixe glacial, e cóntase sobre ela a lenda de que todas as noites de San Xoán aparece sobre unha rocha á beira da lagoa unha fermosa princesa de cabelos negros, que durante o resto do ano permanece convertida en serpe.

Flora e fauna

[editar | editar a fonte]

Entre a flora existente no concello hai extensas formacións de prados silíceos con Festuca indigesta e manchas en pendentes rochosas de vexetación casmofítica. Xusto en rochais silíceos existe vexetación pioneira do Sedo-Scleranthion e do Sedo albi-Veronicion dillenii, e tamén exemplos de mato mediterráneo. Entre os bosques, sobresaen o Teixedal de Casaio (Taxus baccata) e os de castiñeiros e rebolos, incluíndo carballeiras de Quercus orocantabrica.

Entre a fauna destacan entre os invertebrados o escornabois Lucanus cervus e a lesma (Geomalacus maculosus). Entre os vertebrados hai réptiles de grande interese como a lagarta leonesa ou o lagarto das silvas. Entre os peixes están a troita ou as bogas. Entre as aves acharrela ou rapaces como o miñato abelleiro, a aguia cobreira, o gatafornela etc.

No concello hai restos castrexos (testemuña dos cales son topónimos como Castromao, Castromarigo ou O Castro de Xares), e inscricións prerromanas na Casa dos Baqueiros en Ponte. Hai tamén constancia de asentamentos defensivos da época romana no Lombo e As Silviñas, preto de Vilaboa, onde se atoparon abundantes anacos de cerámica común romana e algún resto de tégulas.

A Veiga tivo unha intensa actividade política e económica durante os séculos XVI, XVII, XVIII e principios do XIX, ao ser un pobo de reguengo, pagando impostos e dependendo directamente da coroa. Isto implicaba unha división administrativa moi diferente á das localidades valdeorresas, que eran terras de señorío. Os veciños da Veiga, ao igual cós residentes no limítrofe concello do Bolo, pertencían á xurisdición do Bolo.

Até 1835 as terras da Veiga pertencían aos concellos de Castromarigo e Espiño, no partido xudicial de Valdeorras. A comezos do século XX posuía unha cuantiosa cabana gandeira (10 000 cabezas de vacún, 60 000 ovino-caprino, 500 cabalar) que acreditou a categoría que posuían as súas feiras e constituía a principal riqueza do país.

O 27 de setembro de 2001 o concello da Veiga foi declarado Municipio Turístico Galego polo Consello da Xunta de Galicia. En 2003 foille concedido o premio Agader da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural ao embelecemento do medio rural pola súa rede etnográfica.

Patrimonio

[editar | editar a fonte]

A Cántara da Moura é un espazo natural ó pé do río Corzos, onde a auga, as covas, as pedras e a vexetación, conforman un dos recunchos máis especiais deste concello. As marmitas de xigante dan lugar a covas que forman un labirinto natural, e na cántara o río Corzos vai soterrado, formando unha piscina natural, sempre fresca, saíndo de novo ó exterior a través dunha porta, segundo contan, esculpida na rocha polos "mouros", en forma de cascada branca e ruidosa.

A cántara da Moura está situada nunha zona onde existen moitas covas, sendo a máis famosa a chamada "Cova dos escapados". Nesta cova refuxiáronse durante meses os escapados da guerra civil, pertencentes ó bando republicano, que foron moi perseguidos. A ela só se pode acceder por un pequeno burato, unicamente coñecido polos veciños da zona, ó que lle puñan unha escaleira para baixar, que quitaban unha vez que entraban. Conseguían sobrevivir semanas enteiras sen saír, grazas a que aquí o río vai soterrado e podían pescar as famosas troitas negras do río Corzos.

A Veiga conta con varias rutas homologadas de sendeirismo: o PR-G 198 "Ruta do Maluro e Pena Trevinca"[1], PR-G 199 "Ruta Pena Trevinca polo Sestil Alto"[2], PR-G 200 "Ruta das Lagoas Glaciares da Serpe e de Ocelo"[3], PR-G 201 "Ruta Integral Serra Calva"[4], e o PR-G 211 "Senda Verde do Xares"[5].

As rutas PR-G 198, 199, 200 e 201 son sendeiros de montaña, segundo a definición da FEDME (Federación Española de Deportes de Montaña e Escalada).[6]

A ruta PR-G 211 é unha ruta de sendeirismo normal arredor do encoro de Prada cun perfil suave que permite o tránsito para bicicletas BTT, sinalizada con sinais propios de BTT.[7]

Galería de imaxes

[editar | editar a fonte]
Artigo principal: Galería de imaxes da Veiga.

Parroquias

[editar | editar a fonte]
Galicia | Provincia de Ourense | Parroquias da Veiga

Baños (San Fiz) | Candeda (San Miguel) | Carracedo (San Miguel) | Casdenodres (San Salvador) | Castromao (Santa María) | Castromarigo (San Miguel) | Corexido (Santo Estevo) | Corzos (Santiago) | Curra (San Miguel) | Espiño (San Vicenzo) | Hedreira (Santa Comba) | Lamalonga (Santa María) | Meda (Santa María) | Meixide (Santa María) | A Ponte (Santa María Madanela) | Prada (Santo André) | Prado (Santo Estevo) | Pradolongo (San Pedro) | Requeixo (Santo André) | Riomao (San Tomé) | San Fiz (Santa Catalina) | San Lourenzo (San Lourenzo) | Santa Cristina (San Tirso) | Seoane (San Xoán) | Valdín (Santa María) | A Veiga (Santa María) | Vilaboa (Santa Lucía) | Vilanova (San Pedro) | Xares (Santa María)

Lugares da Veiga

[editar | editar a fonte]

Para unha lista completa de todos os lugares do concello da Veiga vexa: Lugares da Veiga.

  1. Turismo, Turgalicia/Axencia Galega de (2021-12-15). "SENDEIROS PR-G 198 RUTA DO MALURO E PENA TREVINCA EN A VEIGA OURENSE". Turgalicia. Consultado o 2022-08-13. 
  2. Turismo, Turgalicia/Axencia Galega de (2021-12-15). "SENDEIROS PR-G 199 RUTA PENA TREVINCA POLO SENTIL ALTO EN A VEIGA OURENSE". Turgalicia. Consultado o 2022-08-13. 
  3. Turismo, Turgalicia/Axencia Galega de (2021-12-15). "SENDEIROS PR-G 200 RUTA DAS LAGOAS GLACIARES DA SERPE E DE OCELO EN A VEIGA OURENSE". Turgalicia. Consultado o 2022-08-13. 
  4. Turismo, Turgalicia/Axencia Galega de (2021-12-15). "SENDEIROS PR-G 201 RUTA INTEGRAL SERRA CALVA EN A VEIGA OURENSE". Turgalicia. Consultado o 2022-08-13. 
  5. Turismo, Turgalicia/Axencia Galega de (2022-02-28). "SENDEIROS PR-G 211 SENDA VERDE DO XARES EN A VEIGA OURENSE". Turgalicia. Consultado o 2022-08-13. 
  6. "Manual de Señalización de Senderos GR®, PR® y SL® – Senderismo Fedme" (en castelán). Consultado o 2022-08-13. 
  7. LA REGION (ed.). "CICLISMO Los bikers subieron la temperatura de la BTT de A Veiga". Periódico. Consultado o 16/12/2017. 

Véxase tamén

[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas

[editar | editar a fonte]