Avión de carga
Atención: Este artigo ou apartado precisa dun traballo de revisión.
Cando os problemas se resolvan, retire esta mensaxe, pero non quite esta mensaxe ata que estea todo solucionado. De ser posible, sería mellor substituír este marcador por outro máis específico. (Desde xuño de 2023) |
Un avión de carga é unha aeronave de á fixa deseñado ou convertido para o transporte de mercadorías en vez de pasaxeiros. Este tipo de avións non incorporan instalacións para pasaxe e normalmente teñen unha ou máis portas grandes para introducir a carga. Os cargueiros poden ser operados por aeroliñas civís de pasaxeiros ou carga, por particulares ou polas forzas armadas de países.
Os avións deseñados para o transporte de carga teñen normalmente características que os distinguen de avións de pasaxeiros normais, como poden ser unha sección transversal da fuselaxe ancha ou alta, unha á alta para permitir que a zona de carga estea máis preto do chan, numerosas rodas para permitirlle aterrar en pistas non preparadas, e unha cola alta para facilitar o proceso de carga.
Segundo o World Air Cargo Forecast, un informe bienal de Boeing sobre o mercado da carga aérea mundial, en 2021 menos do 1% da carga mundial foi transportada por vía aérea, pero esta representaba o 35% do valor de todas os bens enviados a nivel mundial. O informe tamén apuntaba a un aumento da frota mundial de avións de carga nuns 1 600 aparellos ata o ano 2041.[1]
Historia
[editar | editar a fonte]Xa no ano 1911 os avións comezaron a transportar carga en forma de correo. Aínda que os primeiros avións non foron deseñados principalmente para o transporte de mercadorías, cara mediados dos anos 1920 algúns fabricantes estaban deseñando e fabricando avións dedicados a carga.
No Reino Unido, a principios da década de 1920, recoñeceuse a necesidade dun avión de carga para transportar rapidamente tropas e material para pacificar revoltas tribais nos novos territorios ocupados de Oriente Medio. O Vickers Vernon, un desenvolvemento do Vickers Vimy Commercial, entrou en servizo coa Royal Air Force como primeiro transporte de tropas dedicado en 1921. En febreiro de 1923 o avión comezou a ser usado polo Iraq Command da RAF, levando a case 500 soldados sikh de Kingarban a Kirkuk na primeira ponte aérea estratéxica da historia.[2][3] Os Vickers Victoria xogaron un papel importante na ponte aérea de Cabul de 1928-929, cando evacuaron o persoal diplomático e os seus dependentes xunto con membros da familia real afgá que estaba en perigo de desaparecer por mor dunha guerra civil.[4] Os Victoria tamén abriron o camiño ás rutas dos avións de pasaxeiros Handley Page HP.42 de Imperial Airways.[5]
O Arado Ar 232, un deseño alemán da segunda guerra mundial, foi o primeiro avión de carga deseñado para ese propósito. O Ar 232 pensouse para substituír as anteriores conversións de carga do Junkers Ju 52, pero só chegaron a construírse unhas poucas unidades. A meirande parte das outras forzas usaron versión de carga de avións de pasaxeiros, destacando o C-47 Skytrain, versión do Douglas DC-3, que operou con practicamente todas as nacións aliadas. Unha importante innovación para futuros avións de carga introduciuse en 1939 cos quinto e sexto prototipos do transporte militar catrimotor Junkers Ju 90, a rampla de carga traseira. Este aparello, como a maioría do seu tempo, tiña un tren de aterraxe de cola que causaba que o avión tivese unha decidida inclinación cara a atrás cando estaba en terra. Eses avións introduciron o Trapoklappe, unha potente rampla/elevador hidráulico cunha escaleira de persoal centrada entre as ramplas para as rodas dos vehículos, que elevaba a parte traseira do avión e facilitaba a carga.[6] Unha rampla traseira de carga apareceu nunha forma algo distinta no bimotor con tren de triciclo Budd RB-1 Conestoga, un avión de carga estadounidense introducido en 1944.
A Europa de posguerra tamén xogou un papel importante no desenvolvemento do transporte aéreo moderno. Foi durante a ponte aérea de Berlín, unha das primeiras grandes crises da guerra fría, cando Occidente realizou unha masiva mobilización de avións para abastecer a Berlín Occidental de subministracións e alimentos, nunha ponte aérea virtual durante todo o día, despois de que a Unión Soviética pechase e bloquease as conexións terrestres de Berlín cara ao oeste. Para satisfacer rapidamente a demanda de avións puxéronse en servizo modelos antigos, especialmente o Douglas C-47 Skytrain. En funcionamento descubriuse que levaba tanto ou máis tempo descargar estes deseños máis antigos como o moito máis grande Douglas C-54 Skymaster con tren de triciclo, no que era máis fácil moverse cando estaba en terra. Os C-47 foron retirados rapidamente do servizo, e a partir de entón as cubertas chas foron un requirimento en todos os deseños de novos avións de carga.
Nos anos posteriores á guerra introducíronse varios novos deseños de avións de carga feitos a medida, a miúdo con algunhas características "experimentais". Por exemplo, o estadounidense Fairchild C-82 Packet tiña unha zona de carga extraíble, mentres que o Fairchild C-123 Provider introduciu a agora común cola levantada para permitir unha rampla de carga maior. Pero sería a introdución do motor turbohélice o que permitiu á clase madurar, e xa un dos seus primeiros exemplos, o Lockheed C-130 Hercules, segue sendo o criterio co que se miden os novos deseños de avións de transporte militar. Aínda que ao longo dos anos apareceron modelos máis grandes, máis pequenos e máis rápidos, o C-130 continua mellorándose e aínda é fabricado.
Os avións de carga "estratéxicos" convertéronse nunha importante clase propia de cargueiros, comezando polo Lockheed C-5 Galaxy nos anos 60 e por unha serie de deseños soviéticos dos anos 70 e 80, culminando no Antonov An-225, o avión máis grande do mundo. Eses deseños ofrecen a habilidade de transportar cargas pesadas, incluso carros de combate principais, a moi longas distancias. O Boeing 747 deseñouse orixinalmente para a mesma especificación que o C-5, pero posteriormente foi modificado cara a un deseño que puidese ofrecer versións tanto para pasaxeiros como para carga.
Cando se anunciou o Airbus A380, o fabricante aceptou orixinalmente pedidos para a versión de carga A380F, ofrecendo a segunda maior capacidade de carga, superado tan só polo An-225.[7] Un consultor aeroespacial estimou que o A380F tería un 7% máis carga útil e mellor alcance que o 747-8F, pero tamén custos máis altos de viaxe. En maio de 2020 a aeroliña portuguesa Hi Fly comezou a realizar voos chárter de carga cun A380, levando subministracións médicas da China a distintas partes do mundo en resposta á pandemia de Covid-19.[8] O avión podía levar uns 320 m3 de carga entre as tres cubertas.[9] En novembro de 2020 Emirates comezou a ofrecer un A380 "mini-cargueiro", que podía levar 50 toneladas de carga no ventre.[10][11]
Tipos
[editar | editar a fonte]Avións de carga dedicados
[editar | editar a fonte]Estes son avións deseñados dende o principio como avións puramente de carga. As súas formas e tamaños están optimizados para a carga, transporte e descarga de mercadorías. A meirande parte dos avións deseñados para estas tarefas son transportes militares, como o Lockheed C-130 Hercules, o Boeing C-17 Globemaster III, o Airbus A400M, ou a familia de cargueiros pesados de Antonov. Algúns destes chegaron a ter tamén versións ou usos civís, como Lockheed L-100 derivado do Hercules.[12]
Variantes
[editar | editar a fonte]Trátase de versións de carga dun avión de pasaxeiros. Foron orixinalmente deseñados para transportar pasaxe, pero fabrícanse xa como avións de carga co equipamento necesario para este traballo.[12]
Conversións
[editar | editar a fonte]Moitos modelos poden converterse de avión de pasaxeiros a avión de carga con relativamente poucos cambios, como son a instalación dunha porta de carga para a cuberta principal, o reforzo das trabes para cargas, e a substitución do equipamento destinado a pasaxe por novos revestimentos, teitos ou chans. Esta solución é bastante máis barata que a de mercar un avión de carga novo.[13] Equipos especiais de enxeñería rivalizan con Airbus e Boeing, e converten avións de pasaxeiros dándolles unha cantos anos máis de vida.
Un xeito de saber se un avión é unha variante ou unha conversión dun de pasaxeiros e polas fiestras. As variantes fabrícanse xa sen elas, resultando a súa produción moito máis barata, mentres que as conversións conservan as fiestras cos cristais substituídos por paneis.[12]
Combinados
[editar | editar a fonte]Os avións combinados ou "combi", como adoitan a ser coñecidos, teñen unha configuración que lles permite levar pasaxeiros e carga en contedores. A cabina de pasaxeiros está partida en dúas partes para permitir o transporte de pasaxeiros e carga ao mesmo tempo.
Os primeiros avións combi foron sete Douglas DC-7CF operados por Northwest Orient a partir de 1957. Nos anos seguintes este tipos de avións fixéronse relativamente populares e xurdiron varios novos modelos combinados a partir de modelos de avións de pasaxeiros normais. As dúas aeroliñas que máis apostaron por este tipo de aparellos foron a estadounidense Alaska Airlines, que operou Boeing 737-400 con esta configuración ata 2017,[12] e a neerlandesa KLM, que utilizou Boeing 747 ata 2021.[14]
Quick Change
[editar | editar a fonte]Un avión Quick Change (cambio rápido), é un avión que pode pasar dunha configuración de pasaxeiros a unha de carga dunha forma rápida. Estes aparellos poden utilizarse para transportar pasaxeiros durante o día e carga durante a noite. Os asentos e as instalacións para pasaxe, como as cociñas, están instaladas en palés para facilitar e acelerar a súa montaxe e desmontaxe.[15]
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ "World Air Cargo Forecast 2022–2041" (PDF). Boeing. Consultado o 20 de xuño de 2023.
- ↑ Wragg, David W. (1986). Airlift: a history of military air transport. Shrewsbury: Airlife. p. 13. ISBN 978-0-906393-61-1.
- ↑ Johnson, Brian; Cozens, H. I. (1984). Bombers: Brian Johnson and H. I. Cozens ; The weapon of total war. London: Methuen. p. 38. ISBN 978-0-423-00630-8.
- ↑ Andrews e Morgan 1988, pp. 158-159
- ↑ Andrews e Morgan 1988, p. 157
- ↑ Kay, Antony L.; Couper, Paul (2004). Junkers aircraft and engines 1913 - 1945 (1st publ ed.). London: Putnam Aeronautical Books. ISBN 978-0-85177-985-0.
- ↑ "Specifications Airbus A380F". web.archive.org. 2010-06-30. Archived from the original on 30 de xuño de 2010. Consultado o 2023-06-25.
- ↑ "Hi Fly converts A380 for cargo use". Business Traveller (en inglés). Consultado o 2023-06-25.
- ↑ "Hi Fly converts A380 to meet cargo demands during covid-19 crisis". Hi Fly (en inglés). Consultado o 2023-06-25.
- ↑ "Emirates SkyCargo introduces Airbus A380 ‘mini-freighter’ charter operations". Emirates SkyCargo (en inglés). Consultado o 2023-06-25.
- ↑ "Emirates SkyCargo introduces A380 ‘mini-freighter’ - AeroTime" (en inglés). 2020-11-11. Consultado o 2023-06-25.
- ↑ 12,0 12,1 12,2 12,3 H, Ken (2022-03-26). "Anatomy of a Freighter". AeroSavvy (en inglés). Consultado o 2023-06-20.
- ↑ "What's The Difference Between Passenger & Cargo Aircraft?". Simple Flying (en inglés). 2020-08-06. Consultado o 2023-06-25.
- ↑ "The Rise And Fall Of Combi Mixed Cargo/Passenger Aircraft". Simple Flying (en inglés). 2021-09-28. Consultado o 2023-06-23.
- ↑ Case, Steve (2020-04-10). "What Are Airlines Up To? See How They Are Converting To Cargo.". Travel Codex (en inglés). Consultado o 2023-06-23.
Véxase tamén
[editar | editar a fonte]Wikimedia Commons ten máis contidos multimedia na categoría: Avión de carga |
Bibliografía
[editar | editar a fonte]- Andrews, Charles Ferdinand, ed. (1969). Vickers aircraft since 1908. Aeronautical books (1. publ ed.). Londres: Putnam. ISBN 978-0-370-00005-3.