Batalla de Schellenberg
Batalla de Schellenberg | |||||||||
---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|
Parte de Guerra de Sucesión Española | |||||||||
Gravado da batalla | |||||||||
| |||||||||
Belixerantes | |||||||||
Inglaterra Austria Provincias Unidas |
Francia Baviera | ||||||||
Líderes | |||||||||
Duque de Marlborough Margrave de Baden-Baden |
Conde d'Arco Marqués de Maffei | ||||||||
Forzas en combate | |||||||||
22.000 homes | 12.000 homes 70 canóns | ||||||||
Baixas | |||||||||
1342 mortos 3699 feridos[1] |
9000 mortos ou afogados Aproximadamente 3000 prisioneiros[2] |
A Batalla de Schellenberg foi un enfrontamento armado que ocorreu durante a Guerra de Sucesión española, o 2 de xullo de 1704, no forte de Schellenberg, que dominaba a cidade amurallada de Donauwörth, sobre o Danubio, en Baviera (Alemaña meridional).
A batalla opuxo as forzas da Grande Alianza, formada por Inglaterra, Austria e as Provincias Unidas, comandadas polo Duque de Marlborough e Lois Guillerme de Baden, contra as forzas francobávaras, acaudilladas polo Conde d’Arco e o seu lugartenente o Marqués de Maffei (polo bando galo), e polo Elector Maximiliano II de Baviera e o Conde de Marsin (polo bando bávaro).
Schellenberg, tomada mediante un coup de main,[3] supuxo unha decisiva vitoria para a Grande Alianza, porque creaba un paso seguro no Danubio para as operacións loxísticas de aprovisionamento do exército de Marlborough. Ademais, permitiu proseguir a campaña aliada de 1704 en Baviera. A batalla decidiuse en dúas horas, trala cal se chegaron a contar unhas 14.000 baixas.
Despois da vitoria, os aliados tiñan dúas opcións: ou ben persuadir ao Elector de Baviera para que se unise á súa causa, ou ben facelo saír do seu refuxio en Augsburgo e derrotalo antes de que recibise reforzos. Para facilitar estes fins, os aliados iniciaron a controvertida política de asolar a campiña bávara, mentres negociaban en segredo co Elector para que desertase do bando do Rei Sol. Mais este mantívose intransixente ante as ofertas de arrexuntarse ao bloque imperial, probablemente debido á chegada inminente de reforzos.[4] Aínda que esta estratexia foi infrutuosa, os exércitos enfrontáronse finalmente o 13 de agosto de 1704, na Batalla de Höchstädt (Blenheim seguindo a nomenclatura inglesa), onde o Duque de Marlborough e o Príncipe de Savoia venceron á coalición francobávara do Duque de Tallard.
Antecedentes
[editar | editar a fonte]A Batalla de Schellenberg foi parte da campaña da Grande Alianza de 1704, co obxectivo de impedir a ameaza do exército francobávaro sobre Viena, capital do Imperio. A campaña culminou o 20 de decembro coa caída de Trarbach, pero o principal acontecemento foi a Batalla de Höchstädt (13 de agosto), na que o exército de Marlborough e Savoia venceu ás forzas do Duque de Tallard.
Esta acción bélica comezou o 19 de maio dese mesmo ano, cando o Duque de Marlborough partiu de Bedburg, nos Países Baixos españois, cara aos territorios de Maximiliano de Baviera. Esta marcha recorreu rapidamente os 400 km que distan entre ambas rexións, aínda que, en principio, se pensaba que o seu obxectivo era Alsacia ou o Mosela. Mais, desde que se lle notificaron o 5 de xuño os movementos de Marlborough ao Elector, este temeu que o seu obxectivo primordial fose Baviera,[5] onde se encontraba o exército do Conde de Marsin. Polo 22 de xuño, uníronse ao exército do Duque os reforzos imperiais do Margrave de Baden, en Launsheim, tralo cal se creou unha forza que sumaba 80.000 homes.
O Emperador Leopoldo desexaba traer de novo o Elector ao bloque imperial, do que se apartara antes de comezar a guerra para aliarse co Rei Sol. Pero Marlborough pensaba que o mellor xeito de que Baviera volvese á Grande Alianza era cunha negociación desde unha posición de poder, despois de derrotar a coalición francobávara no campo de batalla.[5] Para conseguir este fin, os aliados necesitaban unha base na retagarda, útil para o almacenamento de provisións e munición, así como un paso decente sobre o Danubio (estenderan demasiado as liñas de subministración, que pasaban por Nördlingen e Núremberg).[6] Por outro lado, o Elector e o Conde de Marsin non sabían se Marlborough atacaría Donauwörth ou Augsburgo –ambos postos estratéxicos para a Grande Alianza–; non obstante, os aliados escolleron a cidade de Donauwörth, dominada no Norte polo outeiro de Schellenberg.[7]
Preludio
[editar | editar a fonte]En 1703, o Mariscal de Francia, Claude Villars, aconsella ao Elector de Baviera que fortificase as súas cidades, “[...] en especial Schellenberg, ese forte sobre Donauwörth, cuxa importancia xa advertiu o gran Gustavo de Suecia [...]”.[8] A pesar do seu aviso, o Elector desatendeu o decaído forte de Schellenberg, que necesitaba ser reparado e fortificado.
Cando Maximiliano se deu conta de que Donauwörth ía ser atacada, encargou ao Conde d’Arco, un oficial piemontés, que reforzase as defensas da cidade e que resistise no forte Schellenberg. Enviáronlle a d’Arco 12.000 homes desde o campamento francobávaro de Dillingen –a maioría dos cales foron tomados da garda persoal de Maximiliano ou do rexemento do Príncipe elector–, capitaneado por oficiais veteranos.[9] En total, a gornición que defendía Schellenberg estaba formada por 16 batallóns de infantaría bávaros e 7 franceses, 3 escuadróns bávaros e 6 franceses de dragóns, apoiados por 16 canóns. Ademais, tres batallóns de milicia sostiñan a praza.[10]
Na noite do 1 ao 2 de xullo, os aliados acamparon en Amerdingen, a 14 km de Donauwörth. Foi alí precisamente onde Marlborough recibiu unha mensaxe do Príncipe Uxío de Savoia, que o informaba de que o Duque de Tallard marchaba cunha tropa de 35.000 homes a través da Selva Negra para reforzar o exército francobávaro. Estas noticias fixeron que o Duque se convencese de que non tiñan tempo para un asedio convencional, polo que, a pesar das protestas do Margrave Lois Guillerme –alegando que un asalto directo causaría graves baixas–, Marlborough planeou un asalto aberto ao forte de Schellenberg.[11]
O Xeneral d’Arco coñecía a posición das tropas aliadas, e confiaba en que dispoñía, polo menos, dun día enteiro para preparar as defensas de Donauwörth; mais, nas primeiras horas do 2 de xullo, o exército de Marlborough comezou a levantar o campamento para dirixirse cara Schellenberg.[12] O Duque revisou persoalmente o avance da primeira forza de asalto, principalmente granadeiros ingleses e holandeses, tomados en grupos de 130 homes de cada batallón baixo o seu mando.[13] Esta tropa, que contaba con 32 escuadróns de apoio, foi dirixida polo xeneral holandés Johan Wingand van Goor. A segunda forza de ataque estaba formada por 8 batallóns de tropas holandesas, inglesas e alemás (de Hannover e de Hesse), e por 35 batallóns de cabalería, comandados por Henry Lumley e o Conde Reynard van Hompesh.[11] A á do exército do Margrave Lois Guillerme marchou na retagarda de Marlborough, desempeñando un papel menos perigoso.
Mentres os aliados desfilaban cara Donauwörth, melloráronse rapidamente as defensas de Schellenberg: puxéronse a punto os canóns, construíse unha empalizada no perímetro do forte e escaváronse trincheiras arredor do parapeto defensivo para facelo máis efectivo. Non obstante, ás nove da mañá do 2 de xullo, d’Arco foi avisado do avance aliado cara a eles e ordenou deseguida á súa infantaría que lles axudase aos seus enxeñeiros na preparación das defensas. Un oficial francés e cronista da época, o Coronel de la Colonie, escribiu: “Non tivemos suficiente tempo para completar isto satisfactoriamente [...]”[15]
A pesar de que o avance dos aliados foi entorpecido por camiños enlamados, pola media tarde xa cruzaran o río Wörnitz en Ebermergen. Marlborough ordenou ao seu xeneral de brigada, o Conde de Cadogan, que, en canto chegase ás aforas de Donauwörth, debía afastarse e acampar de forma que parecese que os aliados fosen realizar un asedio ao forte de Shellenberg.[16] Cando o Conde d’Arco observou os preparativos de Cadogan, abandonou a supervisión da preparación das defensas para comer co comandante francés da vila, o Coronel du Bordet, crendo que dispoñía do resto do día e da noite para finalizar os preparativos.[17] Mais os vixías bávaros avistaron o decidido avance de Marlborough, que pretendía realizar un asalto inmediato, e deron a voz de alarma, polo que o Xeneral d’Arco tivo que interromper de golpe a súa comida e ir correndo ao forte Schellenberg para chamar aos seus homes ás armas.[18]
A batalla
[editar | editar a fonte]Campo de batalla
[editar | editar a fonte]A outeiro de Schellenberg dominaba o Nordeste de Donauwörth, unha cidade amurallada situada na confluencia dos ríos Danubio e Wörnitz. Unha das súas ladeiras estaba protexida polo denso e impenetrable monte de Boschberg; o Wörnitz e as súas brañeiras protexían as ladeiras do Sur e do Leste, polo que o alto era o mellor posto para a defensa da cidade. No seu cumio ovalado, cha e aberto, había un antigo forte, construído polo Rei Gustavo Adolfo de Suecia na Guerra dos Trinta Anos, que se encontraba en estado ruinoso. Ademais, as murallas de Donauwörth eran de segunda categoría e carecían da sofisticación das defensas construídas polo enxeñeiro do Rei Sol, o Marqués de Vauban.[10]
Manobras iniciais
[editar | editar a fonte]Aínda que Marlborough sabía que un ataque frontal ao forte de Schellenberg sería moi duro, estaba convencido de que era o único xeito de conquistar rapidamente a cidade de Donauwörth.[19]
Un home da unidade de dragóns, Christian Welsh, recordou: “O noso flanco non estivo dentro do campo de visión do inimigo até a media tarde; mais, para non darlle tempo aos bávaros de fortalecerse, o Duque ordenou ao xeneral holandés van Goor que atacase canto antes.”[20] Un dos primeiros oficiais que entrou en combate foi o Coronel Holcroft Blood, comandante de artillaría do exército de Marlborough, que ordenou disparar ao inimigo desde as explanadas de Berg. Este ataque foi rapidamente contestado polo Xeneral d’Arco, cuxos canóns comezaron a disparar desde o forte de Schellenberg.
D’Arco ordenou á infantaría francesa do Coronel de la Colonie que permanecese no alto do Schellenberg, para reencher as brechas que os aliados conseguisen producir nas súas defensas. Non obstante, debido á chaira do alto, esta posición non os protexía do fogo inimigo. O Coronel Blood, que logo se decatou desta situación, ordenou concentrar os disparos no cumio, o que lle causou grandes baixas aos homes do Coronel de la Colonie,[21] o cal máis tarde escribiu: “O fogo inimigo concentrouse no noso rexemento, a súa primeira descarga deulle a morte ao Conde de la Bastide [...] e o meu abrigo cubriuse de sisos e sangue.”[22] A pesar deste ataque, que fixo perder 80 granadeiros e 5 oficiais, de la Colonie asumiu que era absolutamente necesario que o rexemento francés se mantivese na súa posición.[23]
Primeiro asalto de Marlborough
[editar | editar a fonte]Un dos primeiros ataques dos aliados foi un forlorn hope,[24] levado a cabo por unha forza de 80 granadeiros ingleses, capitaneados polo Vizconde de Mordaunt e o Coronel Richard Munded. O movemento pretendía parar o fogo da defensa inimiga, permitindo así distinguir a Marlborough o lugar óptimo onde crear unha brecha.[25] Aínda que Mordaunt e Muden sobreviviron á operación, a maioría morreron.[26]
Ás seis da tarde, tralo forlorn hope, o corpo principal de infantaría (maiormente granadeiros ingleses e holandeses) comezou o seu ataque. A disciplinada marcha dos atacantes cara Schellenberg pronto se converteu nun violento ataque. “A rapidez dos seus movementos, unida aos seus berros e aturuxos, era moi alarmante”, recalcou o Coronel de la Colonie, que ordenou cargar aos seus soldados para acalar os gritos vitoriosos dos atacantes.[27]
A medida que o exército de Marlborough se achegaba a Schellenberg, os seus soldados convertéronse en brancos fáciles para o fogo francobávaro. Os disparos dos mosquetóns, xunto coas explosións das granadas, crearon unha enorme confusión nas ladeiras do outeiro.[28] Para facilitar o asalto ao forte, cada soldado portaba un fardo de ramas (sacadas do monte de Boschberg) para usalas como pontes sobre os fosos que se cavaran. Mais, estas malgastáronse, pois confundíronse unhas areas movedizas –producidas polas choivas– cos regos defensivos.[28]
A pesar de ter perdido as súas ramas, continuaron o seu duro avance a través dos fosos e trincheiras, até chocar coas filas bávaras nun salvaxe combate corpo a corpo. A Garda do Elector e os homes do Coronel de la Colonie sufriron o peor do ataque, “O pequeno parapeto que separaba os dous exércitos converteuse na máis sanguenta loita que se poidese concibir.”[15] Mais as forzas aliadas non deron penetrado nas defensas e tiveron que regresar á súa posición inicial. O Xeneral van Goor, quen dirixira o ataque, contábase entre as numerosas vítimas.
Segundo asalto de Marlborough
[editar | editar a fonte]O segundo asalto foi tamén infrutuoso, pois os comandantes de brigada e rexemento aliados tiveron unha grande dificultade para reorganizarse e facer avanzar as súas tropas de novo.[15] Por isto dirixiron persoalmente o ataque, poñéndose á fronte dos seus homes, levándoos cara ao forte nun novo torrente de disparos de mosquetóns e granadas.[29]
De novo houbo un enorme número de baixas aliadas e os cadáveres xacían na empalizada inimiga. Neste ataque, tamén morreu o oficial que dirixía a operación, o Conde de Limburg-Styrum. Co caos imperante, rompéronse filas e as tropas atacantes fuxiron monte abaixo, mentres os exultantes granadeiros bávaros, que saltaran á empalizada coas súas baionetas caladas, perseguíanos.[30] Non obstante, os gardas ingleses e a cabalería de Lumley impediron unha derrota total, repelendo aos bávaros e facéndoos retornar tras as súas defensas.[31]
Asalto de Baden
[editar | editar a fonte]Tras o fracaso dos asaltos aliados para destruír as defensas do forte de Schellenberg, Marlborough recibiu información de que as defensas entre as murallas de Donauwörth e o parapeto defensivo estaban terriblemente desorganizadas. Os malogrados asaltos do Duque de atacar Schellenberg atraeran a maioría dos homes do Conde d’Arco dos seus postos defensivos, deixando o flanco esquerdo vulnerable e exposto aos ataques aliados.[33] O outro comandante aliado, o Margrave de Baden (que se unira á batalla media hora despois que Marlborough), albiscou fugazmente esta oportunidade e partiu rapidamente cos seus granadeiros desde a chaira de Berg para asaltar o forte polo flanco esquerdo.[34]
Torpemente, o capitán da gornición de Donauwörth ordenara aos seus homes que pechasen as portas da cidade, polo que agora só podían disparar desde as murallas.[35] As tropas imperiais de Baden (apoiadas por 8 batallóns de reserva de Marlborough), romperon facilmente as debilitadas defensas. Conseguiron entrar en Donauwörth, derrotando a varios batallóns de infantaría e un rexemento de cabalería, tras o cal se reagruparon aos pés do forte de Schellenberg.
En canto viu o perigo, o Conde d’Arco apresurouse a chamar aos seus rexementos de dragóns, nun intento de deter o avance das forzas imperiais cara ao alto.[34] Mais tres compañías de granadeiros concentraron as súas descargas nos dragóns franceses, obrigándoos a retirarse. Isto deixou a d’Arco fóra de contacto coas súas tropas, que resistían no alto do forte, polo que se refuxiou en Donauwörth. Segundo o Coronel de la Colonie, “[...] tivo algúns problemas para entrar na cidade, pois o capitán da guarnición dubidaba se se debían abrir as portas”.[15]
Recta final
[editar | editar a fonte]Consciente de que as tropas imperiais de Lois Guillerme de Baden avanzaban cara Schellenberg, Marlborough iniciou un terceiro asalto. Esta vez, os atacantes formaron unha liña máis ampla, o que obrigou aos defensores a estender o seu fogo (reducindo así o número de baixas por disparos de mosquetóns e granadas). Non obstante, as forzas francobávaras, incluíndo ao Coronel de la Colonie, non eran conscientes de que as tropas de Baden varreraran o flanco esquerdo e que o Conde d’Arco se retirara a Donauwörth.[36] Por isto, os defensores confiaban en que volverían a repeler o ataque aliado: “Permanecemos firmes nos nosos postos, o noso fogo era máis regular que nunca e estabamos seguros do noso éxito.”[15]
Pouco despois do asalto de Baden, as forzas francobávaras albiscaron liñas de soldados con uniformes grises que viñan de Donauwörth. Nun principio, pensaron que eran reforzos da gornición urbana do Coronel du Bordet, pero logo se deron conta de que se trataban das tropas imperiais.[37] De la Colonie describiu así a escena: “Chegaron rapidamente [as tropas imperiais de Baden] ao noso flanco, sobre as sete e media da tarde, sen que tivésemos tempo de reaccionar ante tal situación. Estábamos tan concentrados nos nosos propios postos [...]”. Despois de situarse no alto, as tropas do Margrave de Baden comezaron a disparar aos sorprendidos defensores do forte de Schellenberg, forzando unha reorganización das forzas francobávaras. Entón, Marlborough dirixiu a á esquerda do exército aliado, apoiada por un rexemento de dragóns de reserva, cara ás debilitadas liñas defensivas, o que obrigou aos soldados a descender do outeiro e romper a súa orde.[38]
Os defensores de Schellenberg, superados en número polos aliados, resistiron dúas horas no forte, pero o ataque de Marlborough e Baden por ambos flancos puxo fin á resistencia. O pánico apoderouse das tropas francobávaras, que fuxiron como puideron, e o Duque enviou 35 escuadróns de cabalería e dragón a perseguir as tropas inimigas mentres estas escapaban. Non había unha boa ruta de escape, pois a ponte sobre o Danubio tirárase durante a batalla, e a maioría dos homes do Conde d’Arco morreron afogados intentando cruzar o Danubio.[39]
Consecuencias
[editar | editar a fonte]O Coronel de la Colonie foi un dos poucos soldados que deron escapado da batalla, na que o Elector perdera moitas das súas mellores tropas: a aniquilación dos rexementos do Conde d’Arco tivo graves efectos na capacidade militar do exército francobávaro para o resto da campaña.[39] Moi poucos dos que participaron na batalla na defensa de Schellenberg volveron a unirse ao exército do Elector e do Conde de Marsin,[40] se ben entre os poucos que si o fixeron atópanse o Conde d’Arco e o seu lugartenente, o Marqués de Maffei, que defenderon Lutzingen na Batalla de Höchstädt.
Dos 22.000 homes alistados no exército aliado, houbo unhas 5000 baixas durante a batalla, que, desbordaron todos os hospitais que Marlborough mandara instalar en Nördlingen.[41] Entre os mortos do bando aliado había seis Tenentes Xenerais, catro Xenerais e moitos outros oficiais, como coroneis e tenentes coroneis. Isto demostra o alto grao de exposición ao perigo dos oficiais, que debían dirixir as tropas no ataque, o que provocou a caída de grandes militares como o Conde de Limburg-Styrum ou o Xeneral van Goor. Ningún outro conflito bélico da Guerra de Sucesión española se cobrou tantos oficiais entre as súas vítimas.[42]
Por outra banda, a vitoria aliada supuxo a conseguinte obtención dun botín, constituído polos canóns do forte de Schellenberg, xunto con municións, víveres e riquezas de Donauwörth. Mais as longas listas de baixas causaron gran consternación por toda a Grande Alianza, sendo destacable o clamor popular na Haia.[43] As Provincias Unidas acuñaron unha moeda conmemorativa da vitoria, na que aparecía o Margrave de Baden e unha inscrición latina no reverso, sen mención ningunha ao Duque de Marlborough.[44] O Emperador Leopoldo escribiu persoalmente ao Duque para remediar o agravio: “Nada pode ser máis glorioso que a celeridade e o vigor cos que vencéstedes ao inimigo en Donauwörth”.[45]
A cidade foi abandonada esa noite polo Coronel du Bordet, cando o Elector chegaba con reforzos (sacados das guarnicións de Neoburgo e Ratisbona), aínda que só chegou a tempo de ver as súas tropas aniquiladas. Logo retirouse máis aló do río Lech e acampou coas súas tropas cerca de Augsburgo. A posición de Maximiliano e do seu lugartenente, o Conde de Marsin, era moito menos segura e estaban desesperados por recibir os reforzos do Duque de Tallard, en camiño a través da Selva Negra.
Marlborough non tiña moitas opcións tras a toma de Donauwörth, pois carecía de canóns de asedio, o que lle impedía atacar Augsburgo ou Múnic. Mais, o Duque estaba decidido a loitar contra o Elector antes de que chegase o Mariscal Tallard.[46] Pero os comandantes aliados non eran capaces de poñerse de acordo sobre o seguinte movemento tras a Batalla de Schellenberg,[47] producíndose un pequeno asedio ao pobo de Rain, que foi tomado o 16 de xullo.
Durante o mes de xullo, Marlborough enviou as súas tropas a devastar a campiña bávara, queimando aldeas e destruíndo cultivos, co fin de provocar un enfrontamento armado co Elector ou ben de facelo volver ao bando imperial. O espolio de Baviera, que xerou miseria na poboación, provocou que a súa esposa, María Antonia, lle suplicase que deixase o bando francés e se unise á Grande Alianza. O Emperador tamén desexaba que isto pasase, polo que lle ofreceu amnistía e subsidios para a reparación dos seus territorios.[48] Aínda que Maximiliano dubidou na súa fidelidade ao Rei Sol, decidiu seguir loitando contra o Emperador Leopoldo e a Grande Alianza cando recibiu as novas da chegada dos reforzos de Tallard, con 35.000 homes.[49] Pero, as forzas de Marlborough e Baden tamén ían recibir axuda, pois o Príncipe Uxío de Savoia dirixíase a Baviera con 18.000 homes.[50]
O 5 de agosto reuníronse os tres comandantes aliados, Marlborough, Baden e Savoia, para proxectar o seguinte movemento. O plan do Margrave de sitiar a cidade de Ingolstadt, no Danubio, cun exército de 15.000 homes, foi apoiado con entusiasmo polos outros dous líderes (a pesar da súa inferioridade numérica).[51] Finalmente, o exército aliado[52] enfrontouse á coalición francobávara[53] nas proximidades de Blindheim, no Danubio. A batalla, que se produciu o 13 de agosto, coñécese na Historia como a Batalla de Höchstädt (ou batalla de Blenheim para os ingleses).
Referencias culturais
[editar | editar a fonte]No seu poema The Campaign, Joseph Addison (1672–1719) conmemora a marcha do Duque de Marlborough até o Danubio. Aínda que o tema principal é a vitoria da Batalla de Höchstädt, o asalto a Schellenberg forma parte da introdución:
- The march concludes, the various realms are past; / A marcha conclúe, a varios reinos deixados atrás
- Th` immortal Schellenberg appears at last. / O inmortal Schellenberg aparece ao final
Addison fai referencia ao alto número de baixas e á violencia do combate, solidarizándose con todos os combatentes:
- Nations with nations mix`d confus`dly die / Nacións con nacións mesturadas morren confundidas
- And lost in one promiscuous carnage lie / perdidas nun sórdido leito de sangue
Finalmente, os aliados obteñen a vitoria:
- The war breaks in, the fierce Bavarians yield, / A guerra remátase e os feros bávaros entréganse
- And see their camp with British legions fill`d./ E ven o seu campamento de lexións británicas cheo
Laméntase sobre o masacre, esta vez enfatizando nos soldados ingleses:
- Th` illustrious youths, that left their native shore / Os ilustres mozos, que deixaron a súa terra nativa
- To march where Britons never march`d before./ Para marchar por onde nunca antes marcharan os británicos
- After such toils o`ercome, such dangers past / Despois do esforzo pasado dos perigos superados
- Stretch`d on Bavarian ramparts breathe their last./ Achéganse ás murallas bávaras na súa resistencia final
O poeta tamén fala do espolio da campiña bávara que se produciu pouco despois da batalla:
- In vengeance rous`d, the soldier fills his hand / Desperta a vinganza, os soldados sácianse
- With sword and fire, and ravages the land,/ Con fogo e espada, a terra arrasan
- A thousand villages to ashes turns, / Miles de pobos tórnanse en cinzas,
- In crackling flames a thousand harvests burns./ En lapas estalantes arden un milleiro de colleitas[54]
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ Chandler páx.137: Marlborough as a Militar Commander
- ↑ As cifras exactas non se saben.
- ↑ Operación ofensiva que utiliza a velocidade e a sorpresa para conseguir rapidamente os obxectivos.
- ↑ Falkner (páx. 43): Blenheim 1704: Marlborough's Greatest Victory. Marlborough prestaba atención aos comentarios contrarios (sobre todo de Baden) a esta política. Non obstante, foi el quen deu a orde. Spencer (páx. 211) afirma que “devastar Baviera foi, para os tempos que corrían, unha barbaridade”. Chandler (páx. 139) fixa a cifra de municipios asolados en 400.
- ↑ 5,0 5,1 Spencer (páx. 173): Blenheim: Battle for Europe.
- ↑ Spencer (páx. 172): Blenheim: Battle for Europe.
- ↑ Spencer (páx. 174): Blenheim: Battle for Europe. Descrita polo capelán de Marlborough como “o outeiro-campá”.
- ↑ Spencer (páx. 174): Blenheim: Battle for Europe.
- ↑ Spencer (páx. 174): Blenheim: Battle for Europe. Spencer asegura que foron 13.000 homes.
- ↑ 10,0 10,1 Falkner (páx. 29): Blenheim 1704: Marlborough's Greatest Victory.
- ↑ 11,0 11,1 Falkner (páx. 31): Blenheim 1704: Marlborough's Greatest Victory.
- ↑ Spencer (páx. 176): Blenheim: Battle for Europe.
- ↑ Falkner (páx. 31): Blenheim 1704: Marlborough's Greatest Victory. Este grupo estaba constituído, a parte de por granadeiros, por voluntarios encargados de asaltar as defensas en primeiro lugar.
- ↑ Falkner (páx. 31): Blenheim 1704: Marlborough's Greatest Victory. Marlborough era o representante da Raíña Ana na Grande Alianza, que, realmente, dirixía.
- ↑ 15,0 15,1 15,2 15,3 15,4 De la Colonie (páxs. 180–195): Chronicles of an Old Campaigner, 1692-1717.
- ↑ Spencer (páx. 177): Blenheim: Batte for Europe.
- ↑ Spencer (páx. 177): Blenheim: Battle for Europe.
- ↑ Falkner (páx. 33): Blenheim 1704: Marlborough's Greatest Victory.
- ↑ Spencer (páx. 177): Blenheim: Battle for Europe. Marlborough calculou que, cada hora que se permitise ao inimigo preparar as súas defensas, equivalería a unha perda de 1000 homes.
- ↑ Christian Welsh, tamén coñecido como Comadre Ross ou Señora Davies, cambiara a súa identidade para alistarse no exército como home no ano 1693.
- ↑ Spencer (páx. 179): Blenheim: Battle for Europe
- ↑ De la Colonie (páxs.180–195): Chronicles of an Old Campaigner, 1692-1717.
- ↑ De la Colonie (páxs. 180– 195): Chronicles of an Old Camaigner, 1692-1717. O Coronel de la Colonie estaba resolto a manter a disciplina e a estar preparados para cando fosen chamados á acción.
- ↑ Movemento ofensivo co obxectivo principal de crear unha brecha nas liñas defensivas, que comporta un grave sacrificio humano.
- ↑ Spencer (páx. 179): Blenheim: Battle for Europe. Spencer fixa a cifra en 50 homes.
- ↑ Spencer (páx. 179): Blenheim: Battle for Europe. Spencer di que só 10 persoas sobreviviron ao forlorn hope, e Falkner (páx. 39) asegura que foron 17.
- ↑ De la Colonie (páx. 185): Chronicles of an Old Campaigner, 1692–1717.
- ↑ 28,0 28,1 Falkner (páx. 34): Blenheim 1704: Marlborough's Greatest Victory.
- ↑ De la Colonie (páxs. 180–195): Chronicles of an Old Campaigner, 1692-1717. De la Colonie mantén que recibiron sete descargas seguidas de granadas.
- ↑ Falkner (páx. 35): Blenheim 1704: Marlborough's Greatest Victory.
- ↑ Spencer (páx. 180): Blenheim: Battle for Europe.
- ↑ Spencer (páx. 212): Blenheim: Battle for Europe.
- ↑ Falkner (páx. 36): Blenheim 1704: Marlborough's Greatest Victory. Esta información foi descuberta por un soldado que se desviara durante o ataque, aínda que de la Colonie sostén que se enviou un grupo de 20 homes para facer un recoñecemento da zona.
- ↑ 34,0 34,1 Falkner (páx. 36): Blenheim 1704: Marlborough's Greatest Victory.
- ↑ De la Colonie (páxs. 180–195): Chronicles of an Old Campaigner, 1692–717. De la Colonie asegura que o capitán pensaba que esta era a mellor forma de asegurar Donauwörth; mais, “[...] causou a nosa ruína”.
- ↑ Spencer (páx. 182): Blenheim: Battle for Europe. Spencer mantén que d’Arco asumira que o resto dos seus homes o seguiran na súa fuxida, pero estaba equivocado.
- ↑ Falkner (páx. 36): Blenheim 1704: Marlborough's Greatest Vctory.
- ↑ Falkner (páx. 37): Blenheim 1704: Marlborough's Greatest Victory.
- ↑ 39,0 39,1 Falkner (páx. 39): Blenheim 1704: Marlborough's Greatest Victory.
- ↑ Spencer (páx. 183): Blenheim: Battle for Europe.
- ↑ Spencer (páx. 184): Blenheim: Battle for Europe. Spencer sostén que foron 6000 baixas.
- ↑ Spencer (páx. 184): Blenheim: Battle for Europe.
- ↑ Spencer (páx. 191): Blenheim: Battle for Europe.
- ↑ A inscrición rezaba: “O inimigo foi vencido e perseguido até o seu campamento en Schellenberg, preto de Donauwörth, 1704”.
- ↑ Spencer (páx. 192): Blenheim: Battle for Europe.
- ↑ Chandler (páx. 136): Marlborough as a Militar Commander. A maquinaria de asedio imperial caera en mans inimigas o pasado ano, e estábanse construíndo unhas novas en Maguncia e Núremberg.
- ↑ Spencer (páx. 212): Blenheim: Battle for Europe. Ambos líderes consideraban que a operación de Schellenberg fora unha vitoria persoal.
- ↑ Spencer (páx. 217): Blenheim: Battle for Europe. O Emperador tamén lle ofreceu os territorios de Burgau e Palatinado-Neoburgo.
- ↑ Falkner (páx. 44): Blenheim 1704: Marlborough's Greatest Victory. A Tallard non lle gustou que o Elector ordenase a dispersión dos seus homes como resposta ao espolio de Baviera. Spencer (páx. 216) asegura que fixo isto para protexer os seus propios intereses.
- ↑ Falkner (páx. 44): Blenheim 1704: Marlborough's Greatest Victory. Falkner fixa a cifra en 20.000 homes.
- ↑ Spencer (páx. 220): Blenheim: Battle for Europe. Marlborough e Savoia estaban moi interesados en desfacerse do seu aliado. Sabían que os próximos días ían ser moi violentos, e a natureza prudente de Baden ía ser un obstáculo.
- ↑ Spencer (páx. 220): Blenheim: Battle for Europe. Esta forza contaba con 52.000 homes.
- ↑ Spencer (páx. 220): Blenheim: Battle for Europe. Este exército superábaos en número, pois sumaba 56.000 homes.
- ↑ "Joseph Addison - Poems by the Famous Poet - All Poetry". allpoetry.com. Consultado o 2022-11-11.
Véxase tamén
[editar | editar a fonte]Bibliografía
[editar | editar a fonte]- Chandler, David G. Marlborough as Military Commander. Spellmount Ltd, 2003. ISBN 1-86227-195-X
- Crane, Ronald S. A Collection of Poems. Harper and Brothers, 1932.
- de la Colonie, Jean. Chronicles of an Old Campaigner, 1692-1717. Londres, 1904.
- Falkner, James. Blenheim 1704: Marlborough's Greatest Victory. Pen & Sword Books Ltd, 2004. ISBN 1-84415-050-X
- Spencer, Charles. Blenheim: Battle for Europe. Phoenix, 2005. ISBN 0-304-36704-4
- Tincey, John. Blenheim 1704: The Duke of Marlborough's Masterpiece. Osprey Publishing Ltd, 2004. ISBN 1-84176-771-9