Saltar ao contido

Brewster F2A Buffalo

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Brewster F2A Buffalo
F2A-2 Buffalo
Tipocaza embarcado
FabricanteBrewster Aeronautical Corporation
Primeiro voo2 de decembro de 1937
Introducidoabril de 1939
Retirado1948 (Finlandia)
Principais usuariosArmada dos Estados Unidos
Royal Air Force
Forza Aérea de Finlandia
Produción1938 - 1941
Unidades construídas509

O Brewster F2A Buffalo foi un caza estadounidense usado durante a segunda guerra mundial. Comezou a desenvolverse no verán de 1935 e realizou o seu primeiro voo o 2 de decembro de 1937. O Buffalo gañou unha competición contra o Grumman F4F Wildcat en 1939 para converterse no primeiro caza monoplano da US Navy, entrando en servizo en xuño de 1939. Aínda que era superior ao Grumman F3F biplano ao que substituíu e aos primeiros F4F,[1] o Buffalo xa era obsoleto cando os Estados Unidos entraron na guerra, sendo inestable e moi pesado, especialmente en comparación co Mitsubishi A6M Zero xaponés.[2]

A súa primeira versión, a F2A-1 non se considerou axeitada para o servizo embarcado, e todos os exemplares agás 11 foron cedidos a Finlandia a principios de 1940. Os 43 aparellos cedidos foron substituídos polo mesmo número de F2A-2, que tiña un motor máis potente e algunha mellora máis. A súa principal variante de serie sería a F2A-3, que viña equipada con blindaxe, polo que as súas prestacións operacionais se viron bastante minguadas.

Ademais dos que entraron en servizo cos Estados Unidos, construíronse ao redor de 300 exemplares como cazas terrestres para Bélxica, as Indias Orientais Neerlandesas e o Reino Unido. Os fineses foron os que máis éxitos conseguiron cos seus Buffalos, voándoos en combate contra os cazas soviéticos con excelentes resultados.[3] Durante a guerra de Continuación de 1941-1944, os B-239 (o F2A-1 desnavalizado) operados pola Forza Aérea de Finlandia demostraron ser capaces de enfrontarse en destruír á meirande parte dos modelos de cazas soviéticos usados contra Finlandia nesa época, e na primeira fase do conflito derrubaron 32 avións soviéticos por cada B-239 perdido,[4] producindo 36 ases co Buffalo.[5]

En decembro de 1941, Buffalos operados por forzas aéreas da Commonwealth británica (B-339E) e dos Países Baixos (B-339C/D) no Sueste Asiático sufriron importantes perdas en combate contra os A6M Zero e os Nakajima Ki-43 "Oscar" da Armada do Xapón. O británicos intentaron alixeirar os seus Buffalo quitando munición e combustible, e instalando canóns máis lixeiros para mellorar o seu rendemento, aínda que non conseguiron moita diferenza.[6] Tras os primeiros enfrontamentos, os neerlandeses baleiraron a metade da munición e do combustible das ás, o que permitiu aos seus Buffalo (e aos seus Hurricane) poder enfrontarse aos Oscar.[7]

  1. Wheeler 1992, p. 58
  2. "Warbird Alley: Brewster Buffalo / VL Humu". www.warbirdalley.com. Consultado o 2022-01-28. 
  3. Ethell 1995, p. 212
  4. Neulen 2000, p. 217
  5. Stenman e Thomas 2010, p. 85
  6. Ethell 1995, p. 213
  7. Boer 2006, p. 83

Bibliografía

[editar | editar a fonte]
  • Boer, P.C. Het Verlies van Java (in Dutch). Amsterdam: De Bataafsche Leeuw, 2006. ISBN 90-6707-599-X.
  • Neulen, Hans Werner. In the Skies of Europe. Ramsbury, Marlborough, UK: The Crowood Press, 2000. ISBN 1-86126-799-1.
  • Stenman, Kari and Andrew Thomas. Brewster F2A Buffalo Aces of World War 2 (Aircraft of the Aces). Botley, Oxford, UK: Osprey Publishing, 2010. ISBN 978-1-84603-481-7.
  • Wheeler, Barry C. The Hamlyn Guide to Military Aircraft Markings. Londres: Chancellor Press, 1992. ISBN 1-85152-582-3.