Buenaventura Marcó del Pont
Biografía | |
---|---|
Nacemento | 1738 Calella, España |
Morte | 1818 (79/80 anos) Vigo, España |
Rexedor Vigo | |
Actividade | |
Ocupación | corsario |
Familia | |
Fillos | Francisco Casimiro Marcó del Pont, Juan José Marcó del Pont y Ángel, Ventura Miguel Marcó del Pont, Manuel María Marcó del Pont |
Buenaventura Marcó del Pont Bori, nado en Calella (Barcelona) en 1738 e finado en Vigo en setembro de 1818, foi un comerciante catalán residente en Vigo.
Traxectoria
[editar | editar a fonte]Fillo de Buenaventura Marcó del Pont y Mallol, residiu en Vigo desde 1760, destacou polo seu afán emprendedor, construíndo unha instalación de salgadura para a distribución de peixe en Cataluña. A boa marcha dos seus negocios atraeu a Galicia outros paisanos como os Buch, os Curbera, os Escofet e os Fábregas.[1]
Nomeado Señor de Vigo pola arquidiocese de Santiago de Compostela, foi Rexedor Perpetuo de Vigo, Síndico Procurador Xeral, Comandante de Milicias Urbanas e Deputado do Común de Vigo; Comandante de Milicias Urbanas de Santa Catalina de Lavadores e Síndico Procurador Xeral do Convento de San Francisco; Administrador e Subdirector Xeral da Administración das Rendas da Provincia de Tui; Mordomo de Fábrica e Tesoureiro da Colexiata de Vigo; Cargador a Indias e Comerciante de Lonxa pechada e Comisario Honorario dos Reales Exércitos. Como un dos armadores máis importantes de España, conseguiu do rei Carlos III en 1773, as primeiras concesións para facer de Vigo porto de comercio con América. En 1779 conseguiu da Coroa licenza de corso para combater o comercio naval británico e dos seus aliados portugueses, con motivo da Guerra de Independencia dos Estados Unidos de América. A fortuna das súas armas fixo numerosas presas entre os buques que transportaban mercadorías entre os portos portugueses e británicos, con artigos como sal, aceite, coiros e panos entre outros. Dedicouse a aumentar a súa fortuna construíndo numerosas fábricas de todo tipo no litoral galego, construíndo barcos, fundando a Casa de Crédito de Marcó del Pont e prestando diñeiro á Corona.
A familia Marcó del Pont empezou a financiar proxectos da Coroa con Carlos III e seguiu con Carlos IV e Manuel Godoy, Fernando VII e o seu irmán o pretendente Carlos V. As cantidades prestadas ao Estado e á Coroa entre 1788 e 1833 ascenderon a 28,5 millóns de reais e nunca se devolveron.
Como rexedor de Vigo ordenou, en 1817, a reconstrución da Concatedral de Santa María de Vigo, logo da súa destrución durante a Guerra da Independencia española. Sufragou persoalmente a restauración da talla do Cristo da Vitoria.
A familia Marcó del Pont chegou a ter varias residencias: a Casa Señorial de Calella, o Pazo do Pousadouro coñecido como Granxa de Pousadouro, en Redondela, a Casa Fidalga de Vigo, o Pazo de Lourizán ou a Granxa da Serra comprado aos herdeiros de Francisco Genaro Angel, irmán da súa muller, a Casa-Palacio de Hortaleza en Madrid, coñecido máis tarde como Palacio de Buenavista e o Pazo Baión ou Granxa de Fontán, propiedade da súa filla Ana Jacoba.
Descendencia
[editar | editar a fonte]Casou coa viguesa Juana Ángel Méndez, coa que tivo dez fillos, entre eles:
- Juan José Marcó del Pont, Conselleiro de Estado de Fernando VII e Ministro de Facenda do pretendente Carlos V.
- Ventura Miguel, dedicado aos negocios do seu pai en Buenos Aires, fundador do Terzo de Gallegos e da Hermandad de Hijos y Oriundos del Reino de Galicia, actual Centro Gallego.
- Francisco Casimiro, último gobernador español en Chile.
- Manuel María Marcó del Pont, Xeneral de Brigada.
- Pedro Ángel, Xeneral de Brigada e Comandante Xeneral da Provincia de Ourense.
- Ana Jacoba, casada con Juan Fontán y del Pueyo, señores do Pazo de Baión.
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ Vigo en su historia. 1980.
Véxase tamén
[editar | editar a fonte]Bibliografía
[editar | editar a fonte]- "Marcó del Pont, Buenaventura". Diccionario enciclopédico galego universal 40. La Voz de Galicia. 2003-2004. p. 70. ISBN 84-7680-429-6.
- "Marcó del Pont, Buenaventura". Enciclopedia Galega Universal 11. Ir Indo. 1999-2002. p. 408. ISBN 84-7680-288-9.
- Álvarez Blázquez, Xosé María (2008) [1960]. A cidade e os días. Calendario histórico de Vigo. Xerais. ISBN 978-84-9782-716-4.
- Acuña, Álvarez Blázquez, Cunqueiro, Meijide, Odriozola et alii (1980). Vigo en su historia (en castelán). Caja de Ahorros Municipal. ISBN 84-7231-494-4.
- Feijoo Barreiro, Pedro (2017). Os fillos do lume. Vigo: Edicións Xerais de Galicia. ISBN 978-84-9121-231-7.
- Giráldez Lomba, Antonio (2010). 200 memorias de Vigo (en castelán). Caixanova, Faro de Vigo e Alcaldía de Vigo. p. 82. VG 955-2010.
- Vázquez Xil, Lalo (1999). Historia de Vigo nos seus documentos. Consellería de Cultura, Educación e Muller. ISBN 84-87637-73-6.
Outros artigos
[editar | editar a fonte]Ligazóns externas
[editar | editar a fonte]- Galovart, E. e Marcet Miramontes, J. (2014). "Biografía" e "Un armador de corsarios vigueses con influencias en la corte" Vigopedia (en castelán).