Gloria Vanderbilt
Gloria Laura Vanderbilt, nada en Nova York o 20 de febreiro de 1924 e finada na mesma cidade o 17 de xuño de 2019, foi unha artista, escritora, actriz, deseñadora de moda, herdeira e dama de sociedade estadounidense, pertencente á dinastía da familia Vanderbilt. Fíxose famosa por deseñar os primeiros blue jeans.
Traxectoria
[editar | editar a fonte]Única filla e herdeira do millonario Reginald Claypoole Vanderbilt[1] e da súa segunda esposa, Gloria Morgan,[2] foi bautizada na igrexa episcopal como Gloria Laura Vanderbilt e, despois da morte do seu pai, foi confirmada na igrexa católica, á que pertencía a súa nai. Tiña unha irmá, Cathleen Vanderbilt, do primeiro matrimonio do seu pai con Cathleen Neilson.
Converteuse en herdeira dunha media parte nun fondo fiduciario de cinco millóns de dólares á morte do seu pai por cirrose cando tiña dezaoito meses de idade. Os dereitos para o control dese fondo, mentres Gloria foi menor de idade, pertencían á súa nai, que viaxou durante anos a París, levando a súa filla con ela. Estiveron acompañadas por unha coidadora, a quen Gloria chamara "Dodo", que tivo un papel tumultuoso na vida da nena, e pola irmá xemelga da súa nai, Thelma, que era a amante do príncipe de Gales durante ese tempo.
Como resultado do gasto frecuente, o uso das finanzas da súa nai foi examinado pola tía paterna de Gloria, Gertrude Vanderbilt Whitney. Escultora e filántropa, Whitney quería a custodia da súa sobriña, o que deu lugar a un xuízo pola custodia. O xuízo foi tan escandaloso que en ocasións o xuíz mandou a todo o mundo que saíse da sala coa fin de escoitar o que a nova Vanderbilt tiña que dicir, sen que ninguén influíse nela. Algunhas persoas escoitaron choros e lamentos dentro da sala do tribunal. Oíronse testemuños que presentaban a nai como non apta e finalmente perdeu a batalla e Gloria quedou baixo a tutela da súa tía Gertrude.
Os acontecementos que desatou a herdanza e o célebre xuízo nos tribunais foron levados á pantalla na miniserie Little Gloria... Happy at Last.[3][4]
Carreira profesional
[editar | editar a fonte]Entre 1954 e 1963, Vanderbilt tratou de converterse en actriz. Estudou interpretación no Neighborhood Playhouse con Sanford Meisner e debutou en 1954 en The Swan, no Pocono Playhouse de Mountainhome, Pensilvania. En 1955 actuou en Broadway como Elsie en The Time of Your Life, de William Saroyan.[5] Vanderbilt tamén apareceu en dramas televisivos en directo e gravados, como Playhouse 90, Studio One in Hollywood e The Dick Powell Show. Tamén actuou nun episodio en dúas partes de The Love Boat en 1981.[6]
Vanderbilt comezou a súa carreira como modelo con quince anos, aparecendo en Harper's Bazaar.[7] Durante a década de 1970, entrou no negocio da moda, primeiro con Glentex, cedendo o seu nome e unha colección das súas pinturas para unha liña de bufandas.[8]
Vanderbilt estudou arte no Art Students League de Nova York.[5] Fíxose famosa pola súa obra con exposicións dos seus óleos, acuarelas e pasteis. Estas obras foron adaptadas aos téxtiles, e Vanderbilt comezou a deseñar especificamente para teas, cerámicas e cristalerías.[9] Ademais, escribiu dous libros sobre arte e decoración, catro volumes de memorias e tres novelas, e foi unha contribuidora habitual en The New York Times, Vanity Fair e Elle.[10]
Falecemento
[editar | editar a fonte]Faleceu o 17 de xuño de 2019 aos noventa e cinco anos de idade, segundo o comunicado emitido polo seu fillo Anderson Cooper; pouco tempo antes detectáraselle un cancro de estómago.[11][12][13] Foi enterrada preto do seu fillo Carter e o seu último marido Wyatt no panteón da familia Vanderbilt no cemiterio moravo de Staten Island.
Matrimonios e fillos
[editar | editar a fonte]En 1941, con dezasete anos, casou con Pasquale («Pat») DiCicco, do que se divorciou en 1945. Ese ano casou con Leopold Stokowski, co que tivo dous fillos, Leopold Stanislaus «Stan» Stokowski (1950) e Christopher Stokowski (1952). Divorciáronse en 1955. o 28 de agosto de 1956 casou co director de cinema Sidney Lumet, do que se divorciou en 1963.
En 1963 casou con Wyatt Emory Cooper de quen tivo a Carter Vanderbilt Cooper (1965-1988) e Anderson Hays Cooper (1967). Wyatt Cooper faleceu en 1978 durante unha operación a corazón aberto e Carter Cooper suicidouse aos vinte e tres anos saltando do décimo cuarto piso do apartamento da familia.
Mantivo unha relación con Gordon Parks ata a morte do fotógrafo en 2006.[14]
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ "Vanderbilt Dead After Hemorrhage Last Night". The Evening Independent. 4 de setembro de 1925. Consultado o 15 de marzo de 2011.
- ↑ "Reginald C. Vanderbilt and Gloria Morgan To Wed Tomorrow". Providence News. 5 de marzo de 1923. Consultado o 15 de marzo de 2011.
- ↑ "Mrs. Vanderbilt's Paris Life Exposed". Lewiston Daily Sun. 2 de outubro de 1934. Consultado o 13 de agosto de 2010.
- ↑ "To Gloria Vanderbilt at the Ritz". Life. 17 de xaneiro de 1938. p. 17. Consultado o 24 de novembro de 2011.
- ↑ 5,0 5,1 Koseluk, Chris (17 de xuño de 2019). "Gloria Vanderbilt, Heiress With a Knack for Reinvention, Dies at 95". The Hollywood Reporter.
- ↑ Szabo, Julia (25 de febreiro de 2001). "Inside Epiphany; All Hams On Deck". The New York Times (en inglés). Arquivado dende o orixinal o 18 de xuño de 2019. Consultado o 18 de xuño de 2019.
- ↑ Bekiempis, Victoria; agencies (17 de xuño de 2019). "Gloria Vanderbilt, New York artist, model, heiress and socialite, dies at 95". The Guardian (en inglés). ISSN 0261-3077. Consultado o 2019-06-19.
- ↑ Harper, Marques (17 de xuño de 2019). "How Gloria Vanderbilt used her authenticity and ‘great taste’ to build her denim line". Los Angeles Times (Os Ánxeles: Los Angeles Times Communications LLC (Nant Capital)). Consultado o 18 de xuño de 2019.
- ↑ "PHOTOS: The Reinventions Of Gloria Vanderbilt". HuffPost (en inglés). 9 de novembro de 2010. Consultado o 18 de xuño de 2019.
- ↑ "Gloria Vanderbilt (Author of It Seemed Important at the Time)". Goodreads.com. 3 de xaneiro de 2013. Consultado o 7 de marzo de 2013.
- ↑ El País: Muere Gloria Vanderbilt, la versión femenina del Hombre del Renacimiento. (en castelán)
- ↑ CNN: Gloria Vanderbilt muere a los 95 años. (en castelán)
- ↑ BBC: Muere Gloria Vanderbilt, la rica heredera e ícono de la moda cuya vida quedó marcada por el suicidio de su hijo. (en castelán)
- ↑ VanMeter, Jonathan (16 de xullo de 2000). "Gloria Vanderbilt + Gordon Parks". The New York Times. Arquivado dende o orixinal o 18 de marzo de 2011. Consultado o 2 de abril de 2010.
Véxase tamén
[editar | editar a fonte]Wikimedia Commons ten máis contidos multimedia na categoría: Gloria Vanderbilt |
Bibliografía
[editar | editar a fonte]- Stasz, Clarice (1991). The Vanderbilt Women: Dynasty of Wealth, Glamour and Power. Nova York: St. Martin's Press.
- Saroyan, Aram (1985). Trio: Oona Chaplin, Carol Matthau, Gloria Vanderbilt: Portrait of an Intimate Friendship. Nova York: Linden Press/Simon & Schuster.
- Van Rensselaer, Philip (1978). That Vanderbilt Woman. Chicago: Playboy Press.
Ligazóns externas
[editar | editar a fonte]- "Gloria Vanderbilt's Many Loves" Arquivado 30 de xuño de 2007 en Wayback Machine.. CBS News. 31 de xullo de 2005
- "CBC's Q with Jian Ghomeshi", 30 de xullo de 2012
- Nados en Nova York
- Nados en 1924
- Finados en 2019
- Alumnos da Art Students League of New York
- Deseñadores de moda
- Empresarios do sector téxtil
- Escritores dos Estados Unidos de América
- Escritores en lingua inglesa
- Actores de teatro dos Estados Unidos de América
- Actores de televisión dos Estados Unidos de América
- Pintores dos Estados Unidos de América