Douglas Aircraft Company
Douglas Aircraft Company | |
---|---|
Fundación | 1921 |
Localización | Santa Monica (California) |
Fundador | Donald Wills Douglas, Sr. |
Industria | aeroespacial |
[ editar datos en Wikidata ] |
Douglas Aircraft Company foi un fabricante aeroespacial estadounidense que tivo a súa sede en Long Beach (California). A compañía fundouna en 1921 Donald Wills Douglas, Sr. e posteriormente fusionouse con McDonnell Aircraft en 1967 para formar McDonnell Douglas. Douglas Aircraft Company funcionou en gran medida como unha división de McDonnell Douglas tras a fusión. Esta última fusionaríase posteriormente con Boeing en 1997.
Historia
[editar | editar a fonte]Anos 20
[editar | editar a fonte]A Douglas Aircraft Company fundouna Donald Wills Douglas, Sr. o 22 de xullo de 1921 en Santa Monica (California), tras a disolución da Davis-Douglas Company.[1] Un dos primeiros reclamos que lle deron fama foi a primeira circunnavegación ao mundo por aire con avións Douglas en 1924. En 1923 o Servizo Aéreo do Exército dos Estados Unidos interesouse en levar a cabo unha misión de circunnavegación da Terra por ver primeira cun avión, chamándolle ao programa "World Flight".[2] Donald Douglas propuxo un Douglas DT modificado para satisfacer as necesidades do Exército.[3] O torpedeiro bombardeiro DT, un biplano bipraza con cabina aberta, fora anteriormente producido para a Armada estadounidense. Os DTs foron collidos das liñas de montaxe nas fábricas da compañía de Rock Island, Illinois e Dayton, Ohio para ser modificados.[4]
O avión modificado foi coñecido como o Douglas World Cruiser (DWC). Tamén foi o primeiro gran proxecto para Jack Northrop, que deseñou o sistema de comustible para a serie.[5] Despois de que o prototipo fose entregado en novembro de 1923, tras rematar exitosamente as probas o día 19 dese mes, o Exército encargoulle a Douglas catro exemplares de produción. Debido á esixencia da expedición, escolléronse pezas de reposto, incluídos 15 motores Liberty L-12 e 14 xogos de pontóns adicionais, ademais de repostos suficientes da fuselaxe para dous avións máis. Estas pezas foron enviadas a aeroportos situados ao longo da ruta. O derradeiro destes exemplares foi entregado o día 11 de marzo de 1924.
Tras o éxito do World Cruiser, o Servizo Aéreo do Exército pediu seis avións semellantes para misións de observación.[6][7] O éxito do avión situou á Douglas Aircraft Company entre as principais compañías aeronáuticas do mundo e permitíulle adoptar o lema "First Around the World - First the World Around".[8]
Douglas adoptou un logo que amosaba avións circundando un globo, substituíndo ao orixinal corazón alado. O logo evolucionou cara a un avión, un foguete e un globo. Posteriormente foi adoptado pola corporación McDonnell Douglas, e posteriormente foi a base do actual logotipo de Boeing tras a súa fusión en 1997.
Preguerra
[editar | editar a fonte]A compañía é principalmente famosa pola serie "DC" ("Douglas Commercial") de avións comerciais, incluído o que adoita a ser considerado como o avión de transporte máis significativo nunca fabricado: o Douglas DC-3, que tamén foi producido como un transporte militar coñecido como C-47 Skytrain ou "Dakota" no servizo británico. Moitos avións Douglas tiveron longas vidas de servizo.
Douglas Aircraft deseñou e fabricou unha gran variedade de aparellos para os distintos corpos das forzas armadas estadounidenses. A compañía inicialmente fabricou torpedeiros para a Armada, pero desenvolveu varios versións deses modelos, incluídos avións de recoñecemento e avións de correo. En cinco anos Douglas estaba construíndo ao redor das 100 unidades anuais. Entre os seus primeiros empregados estiveron Ed Heinemann, "Dutch" Kindelberger, e Jack Northrop, que posteriormente fundou a Northrop Corporation.[9]
A compañía mantivo o seu mercado militar e espandíuse cara aos avións anfibios a finais dos anos 20, tamén trasladando as súas instalacións de Clover Field a Santa Monica. O complexo de Santa Monica era tan grande que as rapazas que repartían as cartas usaban patíns para entregar o correo interno da compañía. Cara finais da segunda guerra mundial Douglas tiña instalacións en Santa Monica, El Segundo, Long Beach e Torrance (en California), Tulsa e Midwest City (en Oklahoma) e Chicago (Illinois).[10]
En 1934 Douglas fabricou un avión de trnsporte comercial bimotor, o Douglas DC-2, ao que lle seguiu o famoso DC-3 en 1936. O amplo abano de aparellos producidos pola compañía incluían avións de pasaxeiros, bombardeiros lixeiros e medios, cazas, transportes, avións de recoñecemento e avións experimentais.
Segunda guerra mundial
[editar | editar a fonte]Durante a segunda guerra mundial Douglas uniuse ao consorcio BVD (Boeing-Vega-Douglas) para producir o B-17 Flying Fortress. Tras a guerra Douglas fabricou outro deseño de Boeing baixo licenza, o bombardeiro B-47 Stratojet, usando unha fábrica propiedade do goberno en Marietta, Georgia.
A segunda guerra mundial foi un gran pulo para a compañía. Douglas ocupou o quinto posto entre as corporacións estadounidenses no valor dos contratos durante o conflito.[11] A compañía fabricou case 30.000 avións dende 1942 ata 1945, e a súa fora de traballo chegou aos 160.000 empregados. Douglas fabricou gran cantidade de modelos como o C-47 Skytrain, o DB-7 (coñecido como A-20, Havoc ou Boston), o SBD Dauntless ou o A-26 Invader.[12][13][14]
Posguerra
[editar | editar a fonte]Douglas Aircraft sufriu recortes ao final da guerra debido ao remate de pedidos de avións por parte do goberno e a un superávit de aparellos. Foi preciso desfacerse de gran parte da súa forza de traballo, despedindo a preto de 100.000 traballadores.
A Forza Aérea dos Estados Unidos creou o "Proxecto RAND" (de Research ANd Development, investigación e desenvolvemento)[15] co obxectivo de planificar a longo prazo futuras armas.[16] En marzo de 1946 á Douglas Aircraft Company concedéuselle o contrato sobre a guerra intercontinental. O proxecto RAND posteriormente converteríase na RAND Corporation.
Douglas continuou desenvolvendo novos avións, incluído o exitoso catrimotor Douglas DC-6 (1946) e o seu derradeiro avión comercial de hélices, o Douglas DC-7 (1953). A compañía entrou na propulsión a reacción producindo o seu primeiro modelo deste tipo para a Armada dos Estados Unidos, o avión de á recta F3D Skyknight en 1948 e posteriormente o F4D Skyray en 1951 cun estilo máis moderno. Douglas tamén fabricou reactores comerciais, producindo o Douglas DC-8 en 1958 para competir co novo Boeing 707.
Douglas foi pioneira en campos relacionados, como en asentos exectables, mísiles aire-aire, terra-aire e aire-terra, foguetes de lanzamento ou bombas.
A compañía estaba preparada para entrar no novo negocio dos mísiles durante os anos 50. Douglas pasou de fabricar foguetes aire-aire e mísiles a sistemas de mísiles completos baixo o programa Nike de 1956, converténdose no principal contratista para o programas do mísiles balísticos Skybolt e Thor. Douglas tamén gañou contratos para a NASA, destacando os deseños para a etapa S-IVB dos foguetes Saturn IB e Saturn V.
Fusións
[editar | editar a fonte]En 1967 a compañía esforzouse por aumentar a produción para satsfacer a demanda polos aviosn de pasaxeiros DC-8 e DC-9 e o avión de ataque A-4 Skyhawk. Problemas de calidade e liquidez e os custos de desenvolvemento do DC-10, xunto con escaseza por mor da guerra do Vietnam, levaron a Douglas a aceptar unha fusión con McDonnell Aircraft Corporation para formar McDonnell Douglas. A Douglas Aircraft Company continuou como unha subsidiaria propiedade na súa totalidade de McDonnell Douglas, pero a súa división espacial e de mísiles pasaría a formar parte dunha nova subsidiaria chamada McDonnell Douglas Astronautics Company.
McDonnell Douglas posteriormente fusionouse coa súa rival Boeing en 1997. Boeing combinou a Douglas Aircraft Company coa división Boeing Commercial Airplanes, poñendo fin a máis de 75 anos de historia da compañái. O derradeiro avión comercial fabricado en Long Beach, o Boeing 717 (unha versión de terceira xeración do Douglas DC-9), deixou de producirse en maio de 2006. No ano 2011 o Boeing C-17 Globemaster III sería o derradeiro avión en montarse nas instalacións de Long Beach.
Avións
[editar | editar a fonte]- Douglas 1211-J
- Douglas 2229
- Douglas A-1 Skyraider (1945)
- Douglas XA-2 (1920s)
- Douglas A-3 Skywarrior (1952)
- Douglas A-4 Skyhawk (1954)
- Douglas A-20 Havoc (1938)
- Douglas A-26 Invader (1942)
- Douglas A-33 (1941)
- Douglas A2D Skyshark (1950)
- Douglas Y1B-7, B-7, O-35 (1931)
- Douglas B-18 Bolo (1935)
- Douglas XB-19 (1941)
- Douglas XB-22 (1930s)
- Douglas B-23 Dragon (1939)
- Douglas XB-31
- Douglas XB-42 Mixmaster, XA-42 Mixmaster (1944)
- Douglas XB-43 Jetmaster (1946)
- Douglas B-66 Destroyer (1954)
- Douglas BTD Destroyer
- Douglas C-1 (1925)
- Douglas C-47 Skytrain
- Douglas C-54 Skymaster (1942)
- Douglas C-74 Globemaster (1945)
- Douglas C-132
- Douglas C-124 Globemaster II (1949)
- Douglas C-133 Cargomaster (1956)
- Douglas Cloudster (1926)
- Douglas Cloudster II (1947)
- Douglas D-558-1 Skystreak (1947)
- Douglas D-558-2 Skyrocket (1948)
- Douglas D-906
- Douglas DA-1 Ambassador (1928)
- Douglas DC-1 (1933)
- Douglas DC-2 (1934)
- Douglas DC-3 (1935)
- Douglas DC-4 (1939)
- Douglas DC-4E (1938)
- Douglas DC-5 (1939)
- Douglas DC-6 (1946)
- Douglas DC-7 (1953)
- Douglas DC-8 (1958)
- Douglas DC-8 (pistón)
- Douglas DF (1930s)
- Douglas DT (1921)
- Douglas Dolphin (1930)
- Douglas XFD (1933)
- Douglas F3D Skyknight (1948)
- Douglas F4D Skyray (1951)
- Douglas F5D Skylancer (1956)
- Douglas F6D Missileer (1958)
- Douglas M-1 (1925)
- Douglas O-2 (1924)
- Douglas O-31 (1930)
- Douglas O-38 (1931)
- Douglas O-43 (1934)
- Douglas O-46 (1936)
- Douglas O2D (1934)
- Douglas YOA-5 (1935)
- Douglas XP-48
- Douglas XP3D (1935)
- Douglas SBD Dauntless (1938)
- Douglas XT-30
- Douglas T2D (1927)
- Douglas XT3D (1931)
- Douglas TBD Devastator (1935)
- Douglas XTB2D Skypirate (1945)
- DWC (1923)
- Douglas X-3 Stiletto (1952)
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ Parker 2013, pp. 5, 7–10, 13–14.
- ↑ Haber 1995, p. 73.
- ↑ Sobel 1974, p. 309.
- ↑ Wendell 1999/2000, p. 356.
- ↑ Boyne 1982, p. 80.
- ↑ Francillon 1979, p. 75.
- ↑ Swanborough and Bowers 1963, p. 548.
- ↑ Haber 1995, pp. 72–73.
- ↑ Parker, Dana T (2013). Building Victory: Aircraft Manufacturing in the Los Angeles Area in World War II. Cypress, CA. pp. 13–48, 77, 93, 107.
- ↑ Parker 2013, pp. 13, 25, 35.
- ↑ Peck, Merton J. & Scherer, Frederic M. (1962). The Weapons Acquisition Process: An Economic Analysis. Harvard Business School. p. 619.
- ↑ Herman 2012, pp. 3–13, 335–337.
- ↑ Parker 2013, pp. 7–8, 13, 25, 35.
- ↑ Borth 1945, pp. 13–33.
- ↑ "Historia e misión do proxecto RAND". Consultado o 21 de setembro de 2015.
- ↑ Johnson, Stephen B (2002). The United States Air Force and the culture of innovation 1945-1965. Diane Publishing Co. pp. 32.
Véxase tamén
[editar | editar a fonte]Bibliografía
[editar | editar a fonte]- Borth, Christy. Masters of Mass Production. Indianápolis, Indiana: Bobbs-Merrill Co., 1945.
- Boyne, Walter J. The Aircraft Treasures Of Silver Hill: The Behind-The-Scenes Workshop Of The National Air And Space Museum. Nova York: Rawson Associates, 1982. ISBN 0-89256-216-1.
- Cunningham, Frank. Sky Master: The Story of Donald Douglas and the Douglas Aircraft Company. Pittsburgh, Pennsylvania: Dorrance and Company, 1943. OCLC 14152627
- Donald, David, ed. Encyclopedia of World Aircraft. Etobicoke, Ontario, Canadá: Prospero Books, 1997. ISBN 1-85605-375-X.
- Francillon, René J. McDonnell Douglas Aircraft Since 1920: Volume I. Londres: Putnam, 1979. ISBN 0-87021-428-4.
- Haber, Barbara Angle. The National Air and Space Museum. Londres: Bison Group, 1995. ISBN 1-85841-088-6.
- Herman, Arthur. Freedom's Forge: How American Business Produced Victory in World War II. Nova York: Random House, 2012. ISBN 978-1-4000-6964-4.
- Parker, Dana T. Building Victory: Aircraft Manufacturing in the Los Angeles Area in World War II. Cypress (California): Dana T. Parker Books, 2013. ISBN 978-0-9897906-0-4.
- Sobel, Robert. "Donald Douglas: The Fortunes of War". The Entrepreneurs: Explorations Within the American Business Tradition. Nova York: Weybright & Talley, 1974. ISBN 0-679-40064-8.
- Swanborough, F. Gordon. e Peter M. Bowers. United States Military Aircraft since 1909. Londres: Putnam, 1963. OCLC 722531
- Wendell, David V. "Getting Its Wings: Chicago as the Cradle of Aviation in America." Journal of the Illinois State Historical Society, Volume 92, No. 4, Winter 1999/2000, pp. 339–372.