Dryopteris affinis
Dryopteris affinis | |||||||||||||||
---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|
Dryopteris affinis | |||||||||||||||
Clasificación científica | |||||||||||||||
| |||||||||||||||
Nome binomial | |||||||||||||||
'Dryopteris affinis' (Lowe) Fraser-Jenk. |
Dryopteris affinis (Lowe) Fraser-Jenk. ( sin. D. pseudomas (Wollaston) Holub & Pouzar , D. borreri Newm.), o fento macho escamoso ou falso fento macho, é un fento nativo do oeste e do sur de Europa e suroeste de Asia. É moi abondoso en áreas con alta humidade, nas Illas Británicas, Galiza, oeste de Francia; no Mediterráneo e no Cáucaso está confinado nas alturas. En Galiza atopamos a subespecie affinis.
Etimoloxía
[editar | editar a fonte]O nome da especie affinis vén do latín: affinis, -e, afín, limítrofe.
Descrición
[editar | editar a fonte]Planta vivaz, cun rizoma curto e rexo do que agroman mestos fascículos de follas de 35–130 cm, persistentes durante o inverno, con lámina bipinnada e pecíolo da metade da lonxitude da lámina, densamente cuberto de escamas alongadas de cor castaña avermellada a castaña escura. Pinnulas sésiles, de lados paralelos case sen dentes e un chisco dentadas na parte distal. Soros recubertos por un indusio coa forma de ril. É unha especie resistente ao frío que forma un pulcro acio erecto de frondes de até 1,2 m de alto. As novas frondes son douradas por mor ás escamas douradas que ten o nervio central.
É un dos fentos máis estendido.
Hábitat e ecoloxía
[editar | editar a fonte]Medra xeralmente en noiros de bosques frescos e rochedos. Aparece en comunidades da Clase Querco - Fagetea, que están dominadas por meso e microfanerófitos, caducifolios ou marcescentes, que forman bosques, prebosques e formacións arbustivas de xerófilas a higrófilas. Son características o pradairo común Acer pseudoplatanus, Arum maculatum, Brachypodium sylvaticum, o castiñeiro común Castanea sativa, a abeleira Corylus avellana, Dryopteris dilatata, o fento macho común Dryopteris filix-mas, Euphorbia amygdaloides, Euphorbia dulcis, a faia Fagus sylvatica, o freixo de folla pequena Fraxinus excelsior, a hedra Hedera helix, Hyacinthoides non-scripta, Hypericum androsaemum, o acivro Ilex aquifolium, a herba salgueira Lonicera periclymenum, Melittis melisophyllum, Oxalis acetosella, Poa nemoralis, Polygonatum multiflorum, Polypodium vulgare, Polystichum aculeatum, Polystichum setiferum, a cerdeira brava Prunus avium, o carballo veriño Quercus robur, Ranunculus tuberosus, o sabugueiro Sambucus nigra, Sorbus aria, Stellaria holostea, Symphytum tuberosum, o teixo Taxus baccata, o umeiro de montaña Ulmus glabra e Viola reichenbachiana.
Prefire a sombra e a calor moderada do piso montano. Non atura as xeadas serodias nin as temperaturas extremas. O solo ideal é de moderadamente seco a húmido, cun pH de 3,5 a 5 e pobre en azote.
Distribución
[editar | editar a fonte]Aparece na Europa atlántica: oeste de Francia, Illas Británicas e oeste da Península Ibérica, especialmente nas zonas de clima oceánico. En Galiza aparece nas catro provincias.
Subespecies
[editar | editar a fonte]Diferéncianse tres subespecies: borreri, coas pínnulas lobadas, con lóbulos rectangulares. Affinis e stilluppensis ambas as dúas de pínnulas pouco lobadas ou enteiras. A primeira destas ten o ápice das pínnulas lixeiramente dentado, a segunda con dentes obtusos. En Galiza aparece principalmente a affinis.
Véxase tamén
[editar | editar a fonte]Commons ten máis contidos multimedia sobre: Dryopteris affinis |
Wikispecies posúe unha páxina sobre: Dryopteris affinis |
Bibliografía
[editar | editar a fonte]- Hyde, H. A., Wade, A. E., & Harrison, S. G. (1978). Welsh Ferns. National Museum of Wales.
- Penas A. et alii (1991): Plantas Silvestres de Castilla y León, Valladolid, Ámbito, ISBN 84-86770-40-8