Estado satélite
Estado satélite é un dos adxectivos pexorativos que se dá en política internacional a calquera Estado nominalmente independente e recoñecido por outros. Porén, na práctica atópase suxeito ao dominio político ou ideolóxico doutro, polo xeral unha potencia. Igual que ocorre con termos similares como Estado monicreque, catalogar un Estado como satélite ten connotacións partidistas e é propio dos detractores dos gobernos en cuestión.
O termo é unha analoxía cos corpos celestes que orbitan ao redor doutro maior. Foi inicialmente utilizado pola prensa occidental para referirse aos países do Pacto de Varsovia, pola súa estreita relación coa Unión Soviética durante a guerra fría. Tamén foron catalogados como «satélites soviéticos» Corea do Norte (particularmente nas décadas posteriores á Guerra de Corea) ou Cuba (especialmente tras integrarse no COMECON).
Pola súa banda, a prensa afín á URSS adoitaba usar definicións similares dos Estados capitalistas periféricos e os aliados dos EUA na OTAN, contraparte do Pacto de Varsovia. Así, tanto a prensa da República Democrática Alemá como a doutros países socialistas, referíase comunmente á Alemaña Occidental como un goberno monicreque da OTAN e os EUA.
Acusacións de Estados de ser satélites soviéticos
[editar | editar a fonte]Ao final da segunda guerra mundial, diversos países de Europa Oriental e Central pasaron a estar influídos pola Unión Soviética, tanto no político coma no militar.[1] Tropas soviéticas permaneceron neses países tralo fin da guerra, aínda que se retiraron dalgúns.[2][3]
Os Estados considerados satélites da Unión Soviética foron: [2][4][5][6]
- Albania (que rompería coa URSS en 1960)
- Alemaña Oriental
- Bulgaria
- Checoslovaquia
- Hungría
- Polonia
- Romanía
- Mongolia
Iugoslavia tamén foi considerada «satélite soviético». Porén, distanciouse da URSS trala Ruptura Tito-Stalin e posteriormente axudou a crear o Movemento de Países Non Aliñados.[2][4] A República Popular de Albania, baixo o liderado do estalinista Enver Hoxha, rompeu relacións coa Unión Soviética en 1960, despois da desestalinización soviética.[7] Estes países foron membros do chamado Bloque do Leste.
O termo tras o final da Guerra Fría
[editar | editar a fonte]Algúns observadores expresaron preocupación por que a intervención dos Estados Unidos en Oriente Medio podería derivar no equivalente dun Estado satélite. William Pfaff advertiu de que unha presenza norteamericana permanente en Iraq sería «converter Iraq nun Estado satélite estadounidense».[8] O termo tamén se utilizou para describir a relación entre o Líbano e Siria, xa que esta última foi acusada de intervir na política libanesa.[9]
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ Wettig, Gerhard (2008), Stalin and the Cold War in Europe, p. 69, Rowman & Littlefield, ISBN 0742555429.
- ↑ 2,0 2,1 2,2 Rao, B. V. (2006), History of Modern Europe Ad 1789-2002: A.D. 1789-2002, p. 280, Sterling Publishers Pvt. Ltd, ISBN 1932705562.
- ↑ Enciclopedia Salvat Diccionario 2. Estella: Salvat Editores, S. A. 1978. pp. 576–577. ISBN 84-345-3883-0.
- ↑ 4,0 4,1 Langley, Andrew (2006), The Collapse of the Soviet Union: The End of an Empire, p. 30, Compass Point Books, ISBN 0756520096.
- ↑ Merkl, Peter H. (2004), German Unification, p. 53, Penn State Press, ISBN 0271025662.
- ↑ Rajagopal, Balakrishnan (2003), International law from below: development, social movements, and Third World resistance, p. 75, Cambridge University Press, ISBN 0521016711.
- ↑ Olsen, Neil (2000), Albania, p. 19, Oxfam, ISBN 0855984325.
- ↑ Cooley, John (18 de xuño de 2008). "How to silence that Iran war drumbeat". Christian Science Monitor. Consultado o 9 de novembro de 2009.
- ↑ Wachter, Paul (26 de xaneiro de 2002). "Who killed Elie Hobeika?". Salon. Arquivado dende o orixinal o 23 de maio de 2010. Consultado o 9 de novembro de 2009.