Estatuto de autonomía
O estatuto de autonomía é a norma básica dos distintos gobernos das comunidades autónomas do Estado español, e como tal figura na Constitución española de 1978 no seu artigo 81. Nos estatutos recóllese o nome da comunidade, a súa delimitación territorial, os nomes e sedes dos seus órganos autonómicos, as competencias que asumen e as linguas oficiais do territorio.
Historia e características
[editar | editar a fonte]Os estatutos de autonomía forman parte do ordenamento xurídico do Estado pero o seu réxime de elaboración e aprobación é diferente do resto de leis orgánicas ou ordinarias. Estas, teñen o rango de Lei orgánica e polo tanto, necesitan unha votación favorábel da maioría absoluta dos membros do Congreso dos Deputados español.
Hai dúas formas de acceder á autonomía, por medio do artigo 143 da Constitución española, accédese á autonomía "reducida" que foi ideada para as comunidades "non históricas", é dicir, todas aquelas que non aprobaran un estatuto de autonomía durante a II República.
Poden acceder a ela tódalas provincias contiguas que teñan elementos históricos, culturais e territoriais comúns.
Tamén se pode formar unha comunidade autónoma, cando así o exprese o interese xeral, que vén determinado polas Cortes Xerais.
En troques, para Cataluña, Galiza e o País Vasco, consideradas nacionalidades históricas, o artigo 151 da Constitución española prevé unha forma de acceso máis rápido á autonomía plena.