Félix Vidal Costa
Biografía | |
---|---|
Nacemento | 6 de novembro de 1942 (82 anos) Santiago de Compostela, España |
Catedrático | |
1981 – | |
Datos persoais | |
Educación | Universidade de Madrid |
Actividade | |
Ocupación | físico |
Membro de | |
Familia | |
Pai | Enrique Vidal Abascal |
Premios | |
Félix Vidal Costa, nado en Santiago de Compostela o 6 de novembro de 1942, é un físico, investigador e catedrático galego.
Traxectoria
[editar | editar a fonte]Estudou o bacharelato no Instituto Arcebispo Xelmírez de Santiago de Compostela, e desde moi novo amosou un talante científico orientado cara á investigación.[1] Rematado o bacharelato trasládase a Madrid para estudar ciencias físicas na Universidade Complutense, onde fixo a licenciatura e onde se doutorou.
Ampliou estudos en Francia, sendo doutor de terceiro ciclo pola prestixiosa École Normal Supérieure de París, así como docteur d’État ès Sciences pola Universidade de París.
Autor de máis dun cento de traballos sobre física da materia condensada e dos materiais, impartiu clases en París e nos Estados Unidos de América, até asentarse en 1984 na Universidade de Santiago de Compostela (USC), na que é catedrático de Física da Materia Condensada. Encabeza un grupo de investigación sobre supercondutividade a altas e baixas temperaturas.[2]. Unha quincena de profesores e investigadores e seis doutorandos franceses estiveron traballando no seu grupo de investigación da USC.
O profesor Vidal Costa mantén unha longa relación co mundo académico francés. Durante doce anos traballou no Laboratorio de Física da Escola Normal Superior da capital francesa. Desde a súa cátedra da Universidade de Santiago de Compostela seguiu vinculado á investigación e á docencia da física de materiais e de baixas temperaturas en Francia, sendo en numerosas ocasións catedrático asociado en diferentes institucións universitarias dese país.
A vinculación científica con Francia do profesor Vidal continúa unha tradición familiar, xa que o seu pai, Enrique Vidal Abascal, que foi catedrático de Xeometría da Universidade de Santiago, tamén mantivo intensas relacións profesionais con universidades e institucións científicas francesas.[3]
É académico numerario da Real Academia Galega de Ciencias[4] e Vicepresidente do Grupo Especial Física del Estado Sólido (FES) da Real Sociedad Española de Química.[5]
Foi director do Centro de Estudos Avanzados da Universidade de Santiago de Compostela
Obra
[editar | editar a fonte]Na súa etapa na Universidade Complutense publicou:
- A la escucha de los sonidos cerca de Tl en el 4He líquido, Madrid, Fundación Juan March, 1978. ISBN 84-7075-094-1
Publicou tamén numerosos artigos, como director ou investigador principal , en revistas especializadas como:
- Physica B-Condensed Matter, ISSN: 09221-4526
- Physical Review B, ISSN: 1098-0121
- Superconductor Science & Technology, ISSN: 0953-2048
- Physica C-Superconductiviyt and its Applications, ISSN: 0921-4534
- EPL, ISSN:0295-5075
- Journal of Physics and Chemistry od Solids, ISSN: 0022-3697
- IEEE Transactions on Applied Superconductivity, ISSN: 1051-8223
- Physical Review Letters, ISSN: 031-9007
Con membros do seu equipo ten rexistradas varias patentes, como:
- Limitador indutivo de corrente baseado en múltiples aneis ou películas supercondutoras de pequeno diámetro.
- Limitador indutivo de corrente baseado en elementos supercondutores con varias zonas débiles creadas artificialmente.
- Limitador supercondutor de corrente integrado no intercambiador de calor dun refrixerador termoacústico.[6]
Distincións
[editar | editar a fonte]- 1976. Recibiu a súa primeira distinción en Francia, a medalla de bronce do Centre National de la Recherche Scientifique (CNRS) polos seus traballos sobre os superfluídos.
- 1977. Foi galardoado co Premio Nacional de Investigación Científica Santiago Ramón y Cajal.[7]
- 2005. Foi nomeado polo goberno de Francia Cabaleiro da Orde das Palmas Académicas polos "servizos rendidos á ciencia e á cultura francesas".[8]
- 2009. Recibiu o Título de Excelencia Galega na súa categoría de Ciencias.[9]
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ Tu biografía.com.ar[Ligazón morta]
- ↑ Grupo de Investigación do Laboratorio de Baixas Temperaturas e Supercondutividade. USC. PDF[Ligazón morta]. Consultado o 28 de abril de 2002
- ↑ "La Voz de Galicia". Arquivado dende o orixinal o 10 de marzo de 2016. Consultado o 17 de abril de 2011.
- ↑ "Real Academia Galega de Ciencias". Arquivado dende o orixinal o 21 de xullo de 2007. Consultado o 17 de abril de 2011.
- ↑ Real Sociedad Española de Química.[Ligazón morta]
- ↑ Laboratotio de baixas temperaturas e supercondutividade. USC
- ↑ "Ministerio de Ciencia e Investigación". Arquivado dende o orixinal o 06 de novembro de 2011. Consultado o 17 de abril de 2011.
- ↑ A Orde das Palmas Académicas é unha distinción creada por Napoleón en 1808 para recoñecer o labor dos investigadores no ámbito universitario.
- ↑ AEGACA. Asociación de Empresarios Galicia-Cataluña[Ligazón morta]