Feijoo
Feijoo, Feijó, ou tamén tradicional e incorrectamente escrito Feijóo, ou tamén regaleguizado minoritariamente a Feixó, é un apelido galego e portugués, amplamente distribuído por toda Galicia, pero que se concentra sobre todo nas comarcas da Limia e da Terra de Celanova, así como no Salnés.[1]
Etimoloxía
[editar | editar a fonte]O termo que deu orixe ao apelido en galego antigo: feijoo orixinouse do latín phaseolu (feixón), con troco de sufixo.[2] En galego actual deu: feixón ou feixó (en portugués: feijão).
Parece que a motivación que suscitou na época medieval o seu emprego como alcume procede do uso humorístico do nome deste legume co significado do substantivo calva. Sería, xa que logo, semanticamente equivalente do apelido Calvo, formado co correspondente adxectivo común. Este significado dedúcese dunha cantiga de escarnio de Afonso X onde aparece como sinónimo de "calvareça".
Contra o que moita xente pensa, o uso do grafema <g> e <j> para este apelido non é continuación da tradición medieval, posto que entre os séculos XVI e XVIII podemos atopar este apelido escrito indistintamente con <j> ou con <x>, coa mesma variabilidade e pouca regularidade que observamos nos topónimos. A grafía actual con <j> obedece á reforma da ortografía española de 1815.[3] As formas correctas en galego moderno son Feixoo (con mantemento arcaico da dupla grafía, como hai tamén noutros apelidos como Boo ou Saa), ou Feixó.
Persoeiros
[editar | editar a fonte]- Gabriel Feijoo de Araújo, escritor galego (s. XVII);
- Benito Xerónimo Feijoo e Montenegro, polígrafo galego da Ilustración (1676-1764);
- Manuel María Puga Feijoo, (1807-1879);
- Eduarda Feijoo de Mendoza, ecritora galega (n. cara a 1849);
- Rodolfo Feijoo Pardiñas, xornalista e político galego (1852-1892);
- Perfecto Feijoo, farmacéutico, gaiteiro e musicólogo galego (1858-1935);
- Ambrosio Feijoo Pardiñas, militar galego (1861-1961);
- Felisindo Feijoo Blanco, político galego de comezos do s. XX;
- Urbano Feijoo Sotomayor, empresario e político galego (f. 1898);
- Arturo Souto Feijoo, pintor galego (1902-1964);
- Samuel Feijoo, pintor cubano (1914-1992);
- José Valado Feijoo, empresario galego (n. 1940);
- José Antonio Feijoo Alonso, empresario e político galego (n. 1950);
- Urbano Feijoo Sotomayor Ron, político e diplomático galego (f. 1959);
- Alberto Núñez Feijóo, político galego, presidente da Xunta de Galicia (n. 1961);
- Elias José Torres Feijó, filólogo docente e investigador galego (n. 1964);
- Pedro Feijoo, músico e escritor galego (n. 1975);
- Pablo Feijoo Ugalde, xogador de rugby vasco (n. 1982).
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ "FEIJOO - Cartografía dos apelidos de Galicia". ilg.usc.es. Consultado o 2024-04-04.
- ↑ FERREIRA, A. B. H. Novo Dicionário da Língua Portuguesa. Segunda edição. Rio de Janeiro: Nova Fronteira, 1986. p.766
- ↑ NAVAZA, G. A grafía do fonema prepalatal fricativo xordo en topónimos e apelidos galegos, Estudos de Lingüística Galega 4 (2012), páx. 183. http://ilg.usc.es/elg/volume/4/peneira/Peneira_Navaza_ELG04_2012.pdf Arquivado 17 de xullo de 2013 en Wayback Machine.