Saltar ao contido

Fernão Mendes Pinto

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Modelo:BiografíaFernão Mendes Pinto

Editar o valor en Wikidata
Biografía
Nacemento1509 Editar o valor en Wikidata
Montemor-o-Velho, Portugal Editar o valor en Wikidata
Morte8 de xullo de 1583 Editar o valor en Wikidata (73/74 anos)
Pragal, Portugal (pt) Traducir Editar o valor en Wikidata
Embaixador do Reino de Portugal (pt) Traducir
Editar o valor en Wikidata
Datos persoais
RelixiónCatolicismo Editar o valor en Wikidata
Actividade
Ocupaciónexplorador, escritor Editar o valor en Wikidata
Orde relixiosaCompañía de Xesús Editar o valor en Wikidata

Descrito pola fonteDicionario Enciclopédico Brockhaus e Efron
Obálky knih,
The Nuttall Encyclopædia >>>:Pinto, Mendez Editar o valor en Wikidata
BNE: XX929355


Fernão Mendes Pinto[1], nado en Montemor-o-Velho cara a 1510 e finado en Almada (Pragal) o 8 de xullo de 1583, foi un aventureiro e explorador portugués.[2] En 2011 foi homenaxeado nunha Moeda conmemorativa de 2 euros. A TAP Portugal homenaxeouno ao atribuír o seu nome a unha das súas aeronaves. Na freguesía do Pragal foi erixida unha escultura, homenaxeándoo. Esa peza escultórica foi inaugurada o 31 de decembro de 1983 e foi esculpida por António Duarte.[3]

O dramaturgo español do Século de Ouro Antonio Enríquez Gómez dedicoulle dúas comedias moi aplaudidas.

Traxectoria

[editar | editar a fonte]
Escultura erixida en memoria de Fernão Mendes Pito, en Almada.
Efígie de Fernão Mendes Pito no Padrão dos Descobrimentos, en Lisboa.

Sábese hoxe que non fixo realmente parte da primeira expedición portuguesa que logrou alcanzar o Xapón o 23 de setembro de 1543, mais si dunha das primeiras. Acontece que os gobernantes locais que o recibiron non tiñan aínda visto outros occidentais e por iso reaccionaron dicíndolle que fora o primeiro en chegar a aquelas paraxes. A chegada dos portugueses ao Xapón foi moi celebrada, e perdura aínda na memoria cultural xaponesa, porque foi o episodio que permitiu a introdución das armas de fogo naquel país. O propio Fernão Mendes Pito insérese nese papel, describindo o asombro e o interese do dito rei local (na verdade un daimio) cando viu un dos seus compañeiros disparar unha arma mentres cazaba.

Aínda pequeno, un seu tío levouno para Lisboa[4] onde o puxo ao servizo na casa de Jorge de Lencastre, Duque de Aveiro, fillo do rei Xoán II. Mantívose aquí durante cerca de cinco anos, dous dos cales como mozo de cámara do propio Jorge de Lancastre, feito importante para a comprobación da súa descendencia dunha clase social que contradicía a precaria situación económica que a familia entón mantiña.

En 1537, parte para a India ao encontro dos seus dous irmáns. De acordo cos relatos da súa obra Peregrinação, foi durante unha expedición ao mar Vermello en 1538, que Mendes Pinto participou nun combate naval cos otománs, onde foi feito prisioneiro e vendido a un grego e por este a un xudeu que o levou para Ormuz, onde foi rescatado por portugueses.

Acompañou a Malaca a Pedro de Faría, onde fixo o punto de partida para as súas aventuras, percorrendo, durante 21 accidentados anos, as costas da Birmania, Sión, arquipélago de Sunda, Molucas, China e o Xapón, gran parte dese tempo ao lado do pirata António de Faría. Nunha das súas viaxes a este país coñeceu san Francisco Xabier e, influenciado pola personalidade, decidiu entrar na Compañía de Xesús e promover unha misión xesuíta no Xapón.

En 1554, despois de liberar os seus escravos, vai para o Xapón como novizo da Compañía de Xesus e como embaixador do vicerrei D. Afonso de Noronha xunto do daimio de Bungo. Esta viaxe constituíu un desencanto para el, quer no que se refire ao comportamento do seu compañeiro, quer no que respecta ao comportamento da propia Compañía. Desgustado, abandona o noviciado e regresa a Portugal.[5]

Coa axuda do exgobernador da India Francisco Barreto, conseguiu arranxar documentos acreditativos dos sacrificios realizados pola patria, que lle deron dereito a unha renda, que nunca recibiu. Desilusionado, foi para a súa Quinta de Palença, en Almada, onde se mantivo até á morte e onde escribiu, entre 1570 e 1578, a obra que nos legou, a súa inimitável Peregrinação. Esta só viría a ser publicada 20 anos tras a morte do autor, receándose que o orixinal sufrise alteracións ás cales non serían alleos os Xesuítas.

Deixounos un relato tan fantástico do que viviu (a Peregrinação, publicada postumamente en 1614), que durante moito tempo non se creu na súa veracidade; de tal modo que até se facía un xocoso dito co seu nome: Fernão Mendes Minto, ou entón aínda: Fernão, mentes? Minto![6] (Equívoco que chegou ata Edgar Allan Poe).

Esta idea de que o que contaba era demasiado fantasioso para poder terlle realmente acontecido parte do principio que se pode xulgar un texto do séc. XVI cos criterios de hoxe, mais na verdade o texto é unha inestimábel fonte de información para coñecermos o que sucedía aos navegadores e aventureiros que ían camiño do Extremo Oriente nas caravelas portuguesas, mesmo que nin todas esas cousas acontecesen realmente a Fernão Mendes Pinto e que el teña compilado algúns relatos que ouviu.

Análise do contexto de escrita de Peregrinação

[editar | editar a fonte]
Primeira páxina da primeira edición de "Peregrinação"

Fernão Mendes Pinto foi contemporáneo do auxe da expansión marítima portuguesa e da paradoxal decadencia interna que asolaba as terras lusitanas. Chegou a presenciar a unificación de Portugal coa España so o goberno do rei Filipe II de España (1556-1598). A presenza da Inquisición fíxose particularmente forte nese período, promulgada por decreto papal do Papa Paulo III en 1536, un ano antes da partida do autor, e efectivaen 1547, pola instancia de Xoán III de Portugal.

En 1558, Fernão Mendes Pinto estabeleceuse na Quinta de Vale do Rosal, situada na Gándara de Caparica, e crese que foi na mesma que escribiu, entre 1569 e 1578, aquela que viría a tornarse nunha famosa obra literaria: Peregrinação. O texto orixinal foi deixado á Casa Pia dos Penitentes que só iría publicalo 31 anos tras a morte do escritor. A tamaña demora na súa publicación é debida ao temor do autor fronte á Inquisición.

De feito, o temor de Fernão Mendes Pinto probouse xustificado unha vez que a versión impresa ten moitas frases borradas e "corrixidas". Máis chamativa aínda é a completa desaparición de referencias á Compañía de Xesús, unha das máis activas congregacións relixiosas no Oriente, e que posuía claras relacións con Fernão Mendes Pinto (pois fóra membro da mesma anos antes da escrita da obra). O tamaño da obra tamén era un obstáculo considerábel naquela época, aínda máis sen o auxilio financeiro de ningunha institución ou mecenas.

Independente diso, a Casa Pia somete os escritos de Pinto ao criterio da Inquisición, que os aproba en 1603, o mesmo ano en que o proceso de análise se iniciou. Soamente en 1614 o famoso editor Pedro Craesbeeck acepta a empresa, aínda que o contexto da época non lle fose favorábel. O libro, organizado por Frei Belchior Faría, foi publicado co título, na súa forma completa e orixinal:

"Peregrinaçam de Fernam Mendez Pinto em que da conta de muytas e muyto estranhas cousas que vio & ouvio no reyno da China, no da Tartaria, no de Sornau, que vulgarmente se chama de Sião, no de Calaminhan, no do Pegù, no de Martauão, & em outros muytos reynos & senhorios das partes Orientais, de que nestas nossas do Occidente ha muyto pouca ou nenhua noticia. E também da conta de muytos casos particulares que acontecerão assi a elle como a outras muytas pessoas. E no fim della trata brevemente de alguas cousas, & da morte do Santo Padre Francisco Xavier, unica luz & resplandor daquellas partes do Oriente, & reitor nellas universal da Companhia de Iesus."

Pesaban contra a obra o grande distanciamento temporal e as drásticas mudanzas no escenario oriental que Fernão Mendes presenciara e o daquel momento, coas fortes presenzas dos ingleses e holandeses na rexión. Alén diso, os seus escritos farían competencia con autores moito máis recentes e eruditos, como João de Barros, Luís Vaz de Camões e Fernão Lopes de Castanheda. A Peregrinação deixara de tratar dun asunto do momento para se tornar a descrición dun tempo pasado.

Contrariando as expectativas, a Peregrinação tórnase un éxito, recibindo 19 edicións en seis linguas. Ábrense inmediatamente discusións respecto á veracidade dos eventos narrados. Esa cuestión é traballada por autores como P. G. Adams, Mary Campbell, Maurice Collis e A. Pagden, non se limitando só á Peregrinação, mais abranguendo o xénero de relatos de viaxe como un todo. Serán levantadas dúbidas e cuestións que resultarán nunha delimitación máis profunda entre o rexistro histórico e a ficción.

A Peregrinação é unha obra crítica co colonialismo portugués no Extremo Oriente.[7] Editouse en toda Europa, empezando por España, converténdose nun auténtico best seller do sec. XVII. En Francia, Holanda e Inglaterra, onde seguen a marcha dos descubrimentos portugueses, e na Alemaña, mantén unha dobre personalidade, a dun experto nos asuntos de Extremo Oriente e a dun personaje cuxas verdades son constantemente postas en cuestión.[8]

  1. Ou como aparece na primeira edición da súa obra Fernam Mendez Pinto
  2. VV.AA. Enciclopédia Portuguesa e Brasileira. Vol 11 (en portugués). 
  3. "Arte Pública". m-almada.pt/portal/page/portal. Arquivado dende o orixinal o 24 de novembro de 2020. 
  4. Trías Folch, Luísa (2003). "Archivo de la Frontera “La Peregrinación, de Fernao Mendes Pinto”" (en castelán). Consultado o 2020-03-24. 
  5. Conde-Salazar Infiesta, Luis; Lucena Giraldo, Manuel (2009). Atlas de los exploradores españoles (en castelán). GeoPlaneta. ISBN 9788408086833. 
  6. "The Inside Scoop on Gaming - RPGnet". www.rpg.net (en inglés). Consultado o 2020-03-24. 
  7. Cazt, Rebecca. "Hispania [Publicaciones periódicas]. Volume 74, Number 3, September 1991". www.cervantesvirtual.com (en inglés). Arquivado dende o orixinal o 24 de setembro de 2015. Consultado o 2020-03-24. 
  8. gerencia (2018-07-10). "Fernão Mendes Pinto y su peregrinaçao". Sociedad Geográfica Española (en castelán). Consultado o 2020-03-24. 

Véxase tamén

[editar | editar a fonte]

Bibliografía

[editar | editar a fonte]
  • Historia oriental de las peregrinaciones de Fernan Mendez Pinto. A Coruña, Orbigo, 2008.
  • Breve História da Literatura Portuguesa, Texto Editora, Lisboa, 1999
  • A. J. Barreiros, História da Literatura Portuguesa, Editora Pax, 11th ed.
  • A. J. Saraiva, O. Lopes, História da Literatura Portuguesa, Porto Editora, 12tg ed.
  • Jorge Santos Alves (ed.) – Fernão Mendes Pinto and the Peregrinação. Lisboa, Fundação Oriente, 2010.
  • Verbo – Enciclopédia Luso-Brasileira de Cultura, 15a ed., Editorial Verbo, Lisboa
  • Lexicoteca – Moderna Enciclopédia Universal, vol. 15, Círculo de Leitores, 1987
  • The Travels of Mendes Pinto, Editat i traduït per Rebecca D. Catz, The University of Chicago Press, ISBN 0-226-66951-3
  • Collis, Maurice. The Grand Peregrination. Faber and Faber, 1949. ISBN 0-85635-850-9.

Ligazóns externas

[editar | editar a fonte]