Heinrich Schliemann
Retrato de Heinrich Schliemann. | |
Nome orixinal | (de) Johann Ludwig Heinrich Julius Schliemann |
---|---|
Biografía | |
Nacemento | (de) Johan Ludwig Heinrich Julius Schliemann 6 de xaneiro de 1822 Alemaña, Mecklemburgo-Antepomerania |
Morte | 26 de decembro de 1890, 68 anos Italia, Nápoles |
Causa da morte | meninxite bacteriana |
Lugar de sepultura | Primeiro Cemitério de Atenas (pt) |
Residencia | Imperio Ruso (1846–1869) Atenas San Petersburgo Iliou Melathron (en) |
País de nacionalidade | prusiano |
Educación | Universidade de París (1866–1868) Universidade de Rostock |
Actividade | |
Campo de traballo | Arqueoloxía e comercio |
Lugar de traballo | San Petersburgo París Atenas |
Ocupación | empresario, arqueólogo |
Período de actividade | 1870 - 1890 |
Membro de | |
Obra | |
Arquivos en |
|
Familia | |
Cónxuxe | (1) Ekaterina Lishin (1852-1869) (2) Sophia Engastromenos (1869-1890) |
Fillos | cinco |
Nai | Luise Therese Sophie Schliemann |
Parentes | Vadim Androsov, neto Dimitrij Andrusov, neto Alexandros Melas, neto Adolph Schliemann, curmán |
Cronoloxía | |
1864-1865 | circum-navegação (pt) |
Premios | |
| |
Descrito pola fonte | Grande Enciclopedia Soviética 1969-1978, (sec:Шлиман Генрих) Dicionario Enciclopédico Brockhaus e Efron Pequeno Dicionario Enciclopédico de Brockhaus e Efron |
Johann Ludwig Heinrich Julius Schliemann, coñecido como Heinrich Schliemann, nado en Neubukow, Mecklemburgo, o 6 de xaneiro de 1822 e finado en Nápoles, Italia, o 26 de decembro de 1890, foi un millonario prusiano que, tras amasar unha fortuna, dedicouse ao seu gran soño: a arqueoloxía. A suxestión do diplomático Frank Calvert, que traballara no lugar sete anos antes, escavou o lugar de Troia en Hisarlik, e noutros sitios homéricos como Micenas, Tirinto e Orcómeno, demostrando que a Ilíada describía realmente escenarios históricos.
Traxectoria
[editar | editar a fonte]Nacemento e mocidade
[editar | editar a fonte]Era fillo dun humilde pastor protestante, aínda que bastante culto, Ernst Schliemann, e de e Teresa Louise Sophie Schliemann; seu pai foi o que, a través dos seus relatos, fixo que se interesase cando era un neno polos poemas homéricos. Schliemann conta na súa autobiografía que no Nadal de 1829 recibiu de seu pai como regalo un volume de historia universal de Georg Ludwig Jerrers e que se sentiu moi impresionado por un gravado que representaba a Eneas co seu pai Anquises e o seu fillo Ascanio fuxindo de Troia en chamas.
Estudou no prestixioso instituto secundario de Neustrelitz, pero aos catorce anos, por problemas económicos de seu pai, tivo que interromper os seus estudos para traballar nunha tenda en Fürstenburg, de 1836 a 1841. Por causa da gran cantidade de horas que traballaba non tiña momentos para estudar, pero nunha ocasión entrou nela un muiñeiro bébedo chamado Niederhoffer e, segundo explica Schliemann na súa autobiografía, o muiñeiro, que tamén fora pastor protestante:
...non esquecera a Homero, posto que aquela noite en que entrou na tenda recitounos máis de cen versos do poeta, observando a cadencia rítmica dos mesmos. Aínda que eu non comprendín nin unha sílaba, o son melodioso das palabras causoume unha profunda impresión. Desde aquel momento nunca deixei de rogar a Deus que me concedese a graza de poder aprender grego algún día.
Orixe da súa fortuna
[editar | editar a fonte]Heinrich traballou en tendas durante cinco anos, pero tras un accidente decidiu cambiar de ocupación. Embarcou rumbo a Venezuela, pero o seu barco naufragou na costa de Holanda, salvándose xunto a varios compañeiros nun bote salvavidas. En Ámsterdam finxiu estar doente para que o levasen a un hospital e recibiu axuda dun amigo de Hamburgo que era axente navieiro. Pouco despois, con axuda do cónsul xeral prusiano, empezou a traballar nunha oficina comercial. Alí selaba letras de cambio e levaba e traía cartas ao correo. Durante este período, malia vivir en condicións precarias, dedicouse a estudar varios idiomas.
Aos 22 anos dominaba sete idiomas e entrou a traballar nunha compañía comercial, a casa Schröder. Aos 24 anos aprendeu ruso, posto que a casa Schröder exportaba anil a Rusia. Foi enviado como representante a San Petersburgo e a Moscova en 1846. Alí se desenvolveu con éxito e independizouse como negociante. En 1851 abriu unha oficina de revenda de po de ouro. Aos 30 anos xa tiña unha enorme fortuna. Mentres, viaxaba ás grandes capitais europeas e, cando estaba en Londres, adoitaba visitar o museo Británico, onde gozaba das antigüidades exipcias.
En 1852 casou cunha aristócrata rusa, Ekaterina Lishin, coa que tería tres fillos. O matrimonio durou, a duras penas, ata 1869, ano no que por fin se divorciaron. Aos 33 anos dominaba 15 idiomas. Entre 1851 e 1859 realizou diversas viaxes de negocios, chegando a radicarse temporalmente en California, onde, herdando a concesión dun irmán falecido, se fixo banqueiro e incrementou a súa fortuna. Durante esta época estivo gravemente enfermo de tifo, pero restableceuse e regresou a Europa.
Viaxou por Oriente Medio e, ao volver a Rusia, aproveitou o bloqueo provocado pola guerra de Crimea para comerciar con armas, provisións e aceiro.
Cambio de actividades
[editar | editar a fonte]En 1866, logo de trasladarse a París, comezou a estudar Ciencias da Antigüidade e Linguas Orientais na Universidade da Sorbona. Namentres comprou un campo de cultivo de cana de azucre en Cuba.
Malia a súa folgura económica, realizaba as súas viaxes en segunda clase, chegando a visitar Exipto, a China, a India e o Xapón.
Unha visita a Pompeia, que durante moito tempo se crera unha lenda, fíxolle recordar os relatos de seu pai sobre a Guerra de Troia, a mítica expedición dunha coalición grega para rescatar a Helena do seu cativerio a mans dos Troianos, e comezou a preguntarse se non estaría tamén baseada en feitos reais.
En 1868 viaxou a Grecia por primeira vez. Entre os lugares que visitou estivo a illa de Ítaca, onde contratou algúns homes para realizar pequenas escavacións nas que fixo escasos achados. Tamén estivo en Micenas e, tras cruzar os Dardanelos, percorreu a cabalo a chaira de Troia. Ese ano coñeceu a Frank Calvert, cónsul británico nos Dardanelos, quen comprara a metade do outeiro de Hisarlik, en Turquía, onde algúns estudosos da Antigüidade situaban Troia.
En 1869 Schliemann divorciouse e o 23 de setembro do mesmo ano casou en segundas nupcias cunha moza grega de tan só 17 anos, Sophia Engastromenos (1852-1932), sobriña dun amigo sacerdote a quen coñecera en San Petersburgo, chamado Vimpos. Ese mesmo ano obtivo o seu doutoramento en Arqueoloxía.
Con Sophia tivo outros dous fillos, aos que puxo nomes de personaxes homéricos: Andrómaca e Agamenón.
Convencido de que os poemas de Homero describían unha realidade histórica, emprendeu expedicións en Grecia e Asia Menor para atopar os lugares descritos neles.
Descubrimento de Troia
[editar | editar a fonte]En Hisarlik, Heinrich Schliemann empezou a escavar, en 1870, as ruínas de Troia. Frank Calvert realizara escavacións preliminares sete anos antes da chegada de Schliemann, e suxeriulle que o outeiro de Hisarlik era a localización da mítica cidade. Posteriormente, Schliemann minimizaría nos seus escritos o papel que realmente tivo Frank Calvert no descubrimento.
Os colaboradores de Schliemann destruíron algúns restos das capas centrais por mor das súas présas por alcanzar os estratos máis antigos. Nalgunhas fases das escavacións foi acompañado pola súa esposa grega, que adoitaba clasificar os fragmentos de cerámica e outros restos arqueolóxicos que achaban.
Existiron numerosas dificultades durante as escavacións, algunhas delas derivadas de que ata entón se realizaran poucas escavacións de tal envergadura e da inexperiencia dos participantes, máis as producidas polo clima do lugar, que favorecía enfermidades como a malaria.
Schliemann distinguiu entre varios estratos correspondentes a distintas fases de ocupación de Troia. Inicialmente creu que o correspondente a Troia II era a Troia cantada na Ilíada.
En 1873 descubriu unha colección de obxectos e xoias de ouro que chamou Tesouro de Príamo. Fíxoa trasladar ilegalmente a Grecia e por iso, en 1874, foi acusado de roubo de bens nacionais polo Imperio Otomán e logo condenado a pagar unha multa. Para volver ter a posibilidade de que as autoridades turcas lle permitisen volver a escavar no futuro, pagou unha indemnización maior e doou algúns achados ao museo de Constantinopla. Por outra banda, a comunidade científica cuestionaba os seus métodos e os seus resultados.
Achados en Micenas
[editar | editar a fonte]Pouco despois realizou grandes descubrimentos en Micenas, de cuxas ruínas ata entón só se coñecían a Porta dos Leóns, a muralla ciclópea encostada a ela e o chamado Tesouro ou tumba de Atreo.
Schliemann chegou a un acordo coas autoridades gregas mediante o cal puido escavar en Micenas co dereito exclusivo de informar dos seus descubrimentos durante un limitado período a cambio de entregar todo o que achase nas escavacións e de sufragar todos os gastos.
Usou a obra de Pausanias para localizar as tumbas entre as cales se cría que se atopaba a correspondente ao lendario Agamenón. Anteriormente os eruditos interpretaran erroneamente as indicacións das tumbas das que falaba Pausanias, crendo que estaban situadas todas fóra da muralla da acrópole.
Nas escavacións achou cinco tumbas (nun recinto que foi chamado Círculo funerario A) cun total de 20 cadáveres, e en torno a eles abundantes e ricos enxovais funerarios, con numerosos obxectos de ouro, bronce, marfil e ámbar. Ademais achou sesenta dentes de xabarín e un numeroso grupo de selos con gravados de escenas relixiosas, de loitas ou de caza. Entre estes achados estaba a chamada máscara de Agamenón, datada, con todo, varios séculos antes da cronoloxía que tradicionalmente se atribúe ao lendario rei.
Christos Stamakatis, que fora designado polo goberno grego para controlar o traballo de Schliemann e vixiar que todo o que se atopase quedase en Grecia, continuou coa escavación en 1877, pero só descubriu unha tumba máis.
Outras escavacións
[editar | editar a fonte]En 1876 iniciara unhas pequenas sondaxes en Tirinto, e en 1877 volveu a Ítaca, explorou a illa en busca de restos arqueolóxicos e realizou algunhas sondaxes, pero sen resultados.
En 1880 escavou en Orcómeno, onde atopou un tipo de cerámica que chamou cerámica minia. Tamén descubriu unha tumba do tipo tholos, de época micénica.
En 1882-1884, xunto con Wilhelm Dörpfeld -un novo arquitecto e arqueólogo alemán xa coñecido polas súas campañas en Olimpia-, regresou para escavar a maior escala, inspirado nos datos que sobre esta cidade escribiran Homero e Pausanias. Desenterrou un palacio micénico de considerábeis dimensións.
As súas últimas campañas en Troia
[editar | editar a fonte]Schliemann volveu durante tres campañas a Troia. Nelas, o seu colaborador máis valioso foi o citado Wilhelm Dörpfeld. Polos achados de cerámica nestas campañas, Schliemann admitiu o seu erro na súa crenza inicial de que o estrato de Troia II era o correspondente á cidade homérica, e en cambio esta debía identificarse con Troia VI. Un dos achados máis rechamantes da última campaña foi o denominado tesouro L, que constaba de catro machadas cerimoniais, que trasladou tamén ilegalmente a Grecia.
Morte e lugar de enterro
[editar | editar a fonte]Nos seus últimos meses de vida padeceu graves doenzas do oído que o levaron a ser operado en 1890. Desoíndo os consellos médicos, abandonou o hospital para ir a Leipzig, Berlín e París. Mentres volvía desta cidade a Atenas, caeu desvanecido, o día de Nadal, na Piazza della Santa Caritá de Nápoles e perdeu a facultade de falar. Cando por fin se soubo a súa identidade, o médico observou que a reinfección dos seus oídos afectara ao cerebro, morrendo ao día seguinte. A súa morte foi o día 26 de decembro de 1890.
Os seus restos mortais foron levados a Atenas, como era a súa vontade, e depositados no suntuoso mausoleo que construíra para si mesmo no chamado "Proto-Nekrotafio" ou "Primeiro Cemiterio" da cidade. O mausoleo, coroando un outeiro, reproduce un templo de orde dórica presidido diante polo seu busto e unha inscrición que reza "Para o heroe Schliemann", mentres no relevo do friso se relatan graficamente as súas propias escavacións.[1]
Campañas de escavacións
[editar | editar a fonte]- Troia: Anos 1870, 1871, 1872, 1873, 1878-1879, 1882 e 1889-1890.
- Micenas: 1876.
- Tirinto: 1876 e 1884.
- Orcómeno: 1880.
Legado
[editar | editar a fonte]A súa carreira empezou antes de que a Arqueoloxía se desenvolvese como ciencia profesional, de modo que, para os estándares actuais, a técnica de campo do traballo de Schliemann deixaba moito que desexar. Con todo, foi o segundo experto en documentar os seus descubrimentos con fotografías.
Tivo que enfrontarse en vida a moitas críticas, como a de ter falsificado probas ou destruído vestixios polos seus métodos pouco ortodoxos. A comunidade científica moitas veces negou os seus descubrimentos, aínda que finalmente se lle deu a razón en varios aspectos.
Walter Leaf dixo sobre el:
Un home que consegue dar a coñecer ao mundo un problema totalmente novo pode deixar confiada a solución definitiva aos que veñan tras de el.
Libros que publicou
[editar | editar a fonte]- Autobiografía (1892) Composta por Adolf Brückner e Sophia Schliemann sobre textos do propio Schliemann (Edición actual en español INTERFOLIO, ISBN 9788493769413).
- A China e o Xapón (1864).
- Ítaca, Peloponeso e Troia (1868).
- Antigüidade de Troia (1874).
- Ilión (1879).
- Orcómeno (1881).
- Troia (1883).
- Tirinto (1886).
Notas
[editar | editar a fonte]Véxase tamén
[editar | editar a fonte]Wikimedia Commons ten máis contidos multimedia na categoría: Heinrich Schliemann |
Bibliografía
[editar | editar a fonte]- El Hombre de Troia, autobiografía (1892). Compuesta por Adolf Brückner y Sophia Schliemann sobre textos del propio Schliemann, Madrid, INTERFOLIO, 2010, ISBN 9788493769413
- Siebler, Michael, La guerra de Troia. Mito y realidad, Barcelona, Ariel, 2005, ISBN 84-344-6773-9
- Moreu, Carlos. La guerra de Troia. Madrid, Oberon, 2005. ISBN 84-96052-91-5.
- Cottrell, Leonard. El toro de Minos. México D.F., Fondo de cultura económica, 1958. ISBN 968-16-0750-3.