Institución Libre de Enseñanza
Este artigo precisa de máis fontes ou referencias que aparezan nunha publicación acreditada que poidan verificar o seu contido, como libros ou outras publicacións especializadas no tema. Por favor, axude mellorando este artigo. (Desde marzo de 2016.) |
A Institución Libre de Enseñanza (ILE) foi unha institución de ensino que se fundou en España no ano 1876 por un grupo de catedráticos (Francisco Giner de los Ríos entre outros), separados da Universidade con motivo da súa defensa da liberdade de cátedra en tempos nos que en España se quería axustar o ensino a normas dogmáticas. A súa separación obrigounos a seguir o ensino á marxe da estrutura estatal, creando un centro educativo privado, orientado en principio ó ensino universitario e logo ó primario e secundario.
Historia
[editar | editar a fonte]Participantes destacados foron Francisco Giner, Joaquín Costa, Augusto González de Linares, Hermenegildo Giner, Federico Rubio, Gumersindo de Azcárate ou Nicolás Salmerón.
En 1881 comezou a segunda xeración de profesores, formados na mesma institución, como Manuel Bartolomé Cossío, Ricardo Rubio, Pedro Blanco, Ángel do Rego, José Ontañón, Pedro Jiménez-Landi, afianzando o proxecto e garantindo a súa continuidade.
Entre 1876 e a Guerra civil española (1936), introduciu en España as máis avanzadas teorías pedagóxicas e científicas da época, das que foi difusor o Boletín de la Institución Libre de Enseñanza no que colaboraron ou foron alumnos entre outros Bertrand Russell, Henri Bergson, Charles Darwin, John Dewey, Santiago Ramón y Cajal, Miguel de Unamuno, María Montessori, León Tolstoi, H. G. Wells, Rabindranath Tagore, Juan Ramón Jiménez, Gabriela Mistral, Benito Pérez Galdós, Emilia Pardo Bazán, Azorín, Eugenio D'Ors, Ramón Pérez de Ayala, Julián Sanz del Río, Antonio Machado Álvarez, Antonio Machado Ruiz, Manuel Machado Ruiz, Julio Rey Pastor, Luis Simarro, Nicolás Achúcarro, Francisco Barnés, ...
Reformas
[editar | editar a fonte]A institución impulsou importantes reformas no terreo xurídico, educativo e social, así como a creación de institucións como o Museo Pedagóxico ou a Junta para Ampliación de Estudios e Investigaciones Científicas (da que dependeron o Centro de Estudios Históricos, o Instituto Nacional de Ciencias Físico-Naturales ou a Residencia de Estudiantes). Estas entidades desenvolveron entre 1907 e 1936 intentos de reforma científica e educativa, con iniciativas como o Instituto Escuela, as pensións para ampliación de estudos (no estranxeiro), as colonias escolares de vacacións, a Universidade Internacional de verán ou as misións pedagóxicas, que tiveron lugar na Segunda República.
O 14 de xuño de 1916, un ano despois da súa morte, creouse a Fundación Francisco Giner de los Ríos como entidade reitora e continuadora do seu labor. De 1916 a 1936 publícanse as Obras Completas de Giner. A derrota da República desencadeou a prohibición da ILE, a confiscación dos bens, un longo paréntese da súa actividade en España, aínda que se mantivo no exterior polos participantes exiliados.
Véxase tamén
[editar | editar a fonte]Wikimedia Commons ten máis contidos multimedia na categoría: Institución Libre de Enseñanza |