Saltar ao contido

Illas Galápagos

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Modelo:Xeografía políticaIllas Galápagos
Islas Galápagos (es) Editar o valor en Wikidata
Vista aérea
Imaxe

EpónimoTartaruga xigante das Galápagos Editar o valor en Wikidata
Localización
Editar o valor en Wikidata Mapa
 0°40′00″S 90°33′00″O / -0.6667, -90.55
EstadoEcuador
ProvinciaGalápagos Editar o valor en Wikidata
CapitalPuerto Baquerizo Moreno Editar o valor en Wikidata
Poboación
Poboación25.000 (2010) Editar o valor en Wikidata (3,17 hab./km²)
Xeografía
Superficie7.880 km² Editar o valor en Wikidata
Bañado porOcéano Pacífico Editar o valor en Wikidata
Altitude1.707 m Editar o valor en Wikidata
Punto máis altoVolcán Wolf (1.707 m) Editar o valor en Wikidata
Organización política
Membro de
Identificador descritivo
Fuso horario
Patrimonio da Humanidade  
TipoPatrimonio natural  → América Latina-Caribe
Data1978 (2ª Sesión), Criterios de Patrimonio da Humanidade: (vii), (viii), (ix) e (x) Editar o valor en Wikidata
Identificador1
Reserva da biosfera  
IdentificadorEntrada: unesco.org… Editar o valor en Wikidata

Sitio webgalapagospark.org Editar o valor en Wikidata
BNE: XX450846
Mapa das illas Galápagos.
Localización da illas Galápagos
Vídeo das illas Galápagos.

As illas Galápagos (chamadas tamén Arquipélago de Colón) constitúen un arquipélago localizado a 965 quilómetros da costa do Ecuador. Politicamente son unha provincia deste país, cuxa capital é Puerto Baquerizo Moreno. Está conformado por trece grandes illas volcánicas, seis illas máis pequenas e 107 rochas e illotes, as cales se distribúen arredor da liña do ecuador terrestre. Turisticamente reciben o apelativo de Illas Encantadas.

Estímase que a formación da primeira illa tivo lugar hai máis de cinco millóns de anos, como resultado da actividade tectónica. As illas máis recentes, chamadas Isabela e Fernandina, están aínda en proceso de formación, rexistrándose a erupción volcánica máis recente no 2005.

As illas Galápagos son famosas polas súas numerosas especies endémicas e polos estudos de Charles Darwin, que o levaron a establecer a súa teoría da evolución pola selección natural.

As illas Galápagos foron descubertas por azar o 10 de marzo de 1535, cando o relixioso dominico Frei Tomas de Berlanga, entón bispo de Panamá, se dirixía ao Perú en cumprimento dun encargo do monarca español, Carlos V, para arbitrar nunha disputa entre Francisco Pizarro e os seus subordinados logo da conquista do imperio Inca. A causa dunha calma chicha e as fortes correntes mariñas, a nave do bispo foi arrastrada ata as Galápagos. Na crónica da súa aventura, dirixida o emperador Carlos V, Berlanga describía as inhóspitas condicións prevalecentes nas desérticas illas, así como as xigantescas tartarugas que as habitaban. Tamén describiu as iguanas mariñas, os lobos mariños e moitos tipos de aves, recalcando a infrecuente mansedume dos animais.

Estímase que as illas formáronse hai seis millóns de anos, como resultado da actividade volcánica no fondo mariño. O arquipélago nunca foi habitado, aínda que o aventureiro Thor Heyerdahl en 1963 encontrou restos de cerámica de orixe suramericana, o cal suxeriría contactos previos. Esta teoría non parecería ter moita base. As Galápagos foron utilizadas por piratas ingleses como escondedoiro nas súas viaxes de pillaxe aos galeóns españois que levaban ouro e prata de América cara a España.

Os primeiros mapas en incluíren as illas foron os preparados por Abraham Ortelius e Mercator ao redor de 1570. As illas estaban descritas como "Insulae dos Galopegos" (illas das Tartarugas).

O primeiro pirata que visitou as illas foi Richard Hawkins, en 1593. Dende entón ata 1816 moitos piratas chegaron ao arquipélago.

Alexander Selkirk, o home cuxas aventuras nas illas de Juan Fernández inspiraron a Daniel Defoe para escribir Robinson Crusoe, visitou as Galápagos en 1708 logo de que fose rescatado de Juan Fernández polo corsario Woodes Rogers. Rogers foi ao arquipélago para reparar as súas naves logo de saquear Guaiaquil.

A primeira misión científica que visitou as Galápagos foi a expedición Malaspina, unha expedición española dirixida por Alessandro Malaspina, que chegou en 1790. Porén, os rexistros da expedición nunca chegaron a ser publicados.

En 1793, James Collnet describiu a flora e fauna das illas e suxeriu que podían ser utilizadas como base para os baleeiros que operaban no océano Pacífico. Collnet tamén debuxou as primeiras cartas de navegación das Galápagos. Os baleeiros capturaron e sacrificaron miles de tartarugas do arquipélago para extraeren o seu aceite. As tartarugas podían sobrevivir por meses sen alimento nin bebida, polo que as transportaban nos barcos a maneira de despensa vivente que, ao seren sacrificadas, provían de proteína fresca aos mariños. A cacería destas tartarugas foi a causa da gran diminución, e nalgúns casos ata a destrución de certas razas deste quelonio. Xunto cos baleeiros chegaron os cazadores de focas peleteiras, o cal levou ás tartarugas a un punto preto da súa extinción.

Ecuador tomou as illas Galápagos o 12 de febreiro de 1832 e bautizounas como Arquipélago de Ecuador. Este nome sumouse a varios outros que se viñan utilizando, e que nalgúns casos aínda se empregan para referirse ao arquipélago. O primeiro gobernador das Galápagos, o xeneral José de Villamil, trouxo ao arquipélago a un grupo de convictos para poboar a illa Floreana e en outubro de 1832 algúns artesáns e granxeiros uníronselles.

A viaxe do Beagle trouxo o barco de investigación británico HMS Beagle baixo o mando do capitán Robert FitzRoy a Galápagos o 15 de setembro de 1835 para investigar os accesos aos portos. O capitán e outros a bordo, incluíndo o xove naturalista Charles Darwin, realizaron un estudo científico da xeoloxía e bioloxía en catro das illas antes de continuaren a súa expedición ao redor do mundo o 20 de outubro. O gobernador da colonia de presos en Floreana (José de Villamil ?) díxolle a Darwin que a coiraza das tartarugas difería dependendo da súa illa de orixe. Igualmente, logo do seu retorno a Inglaterra, Darwin deuse conta que os espécimes de aves que capturara nas Galápagos non eran senón variedades de pimpíns, que tamén diferían de illa a illa. Estes datos foron cruciais no desenvolvemento da teoría da evolución que Darwin presentou n' A orixe das especies. Estes pimpíns das Galápagos son agora clasificados na familia Thraupidae, segundo o que indican estudos xenéticos.

José Valdizán e Manuel Julián Cobos fixeron outro intento de colonización, adicándose á explotación dun tipo de liques que se recolleitaban nas illas (Roccella portentosa) e que se usaban como colorante. Logo do asasinato de Valdizán por parte dos seus traballadores, Cobos levou do continente un grupo de máis de cen traballadores á illa San Cristóbal para desenvolver unha plantación de cana de azucre. Dirixiu a súa plantación con man de ferro, o cal levou ao seu asasinato en 1904. Dende 1897 Antonio Gil iniciou outra plantación na illa Isabela.

Durante todo un ano, a partir de setembro de 1904, unha expedición da Academia de Ciencias de California, ao mando de Rollo Beck, estivo nas illas recompilando material científico en áreas de xeoloxía, entomoloxía, ornitoloxía, botánica, zooloxía e herpetoloxía. Outra expedición da mesma Academia levouse a cabo en 1932 (Expedición Templeton Crocker) para coleccionar insectos, peixes, cunchas, fósiles, aves e plantas.

Durante a segunda guerra mundial Ecuador autorizou a Estados Unidos ao establecemento dunha base naval na illa Baltra e estacións de radar noutras localizacións estratéxicas co fin de monitorizar o Canal de Panamá. En 1946 estableceuse en Isabela unha colonia penal, que foi desmantelada en 1959.

A UNESCO declarou as illas Galápagos como Patrimonio Natural da Humanidade en 1979 e, seis anos máis tarde, como Reserva da Biosfera (1985), o cal resultou nun crecente interese a nivel internacional por este arquipélago.

No ano 2007 a UNESCO declarou as illas Galápagos como Patrimonio da Humanidade en risco medioambiental.

División política

[editar | editar a fonte]

A provincia de Galápagos divídese en tres cantóns:

Conservación

[editar | editar a fonte]
Albatros das Galápagos
Iguana terrestre das Galápagos
Mascato de pés azuis
Iguana mariña das Galápagos
León mariño
Tartaruga mariña
Fragata

As Galápagos foron declaradas parque nacional en 1959, protexendo así o 97,5% da superficie terrestre do arquipélago. A área restante é ocupada por asentamentos humanos que xa existían no tempo da declaración. Para entón, aproximadamente de 1.000 a 2.000 persoas vivían nas catro illas. En 1972 un censo determinou que 3.488 persoas vivían nas Galápagos, mais na década de 1980 este número incrementouse notablemente a máis de 20.000 habitantes.

En 1986 o mar que cerca as illas foi declarado reserva mariña. A UNESCO incluíu a Galápagos na lista de Patrimonio da Humanidade en 1978, e en decembro de 2001 ampliouse esta declaración para a reserva mariña.

Entre as especies de singular importancia que habitan nas illas están:

Principais illas

[editar | editar a fonte]

O arquipélago coñécese por unha variedade de nomes. O nome oficial é Arquipélago de Colón. A primeira carta de navegación das illas, aínda que rústica, foi realizada polo corsario Ambrose Cowley en 1684, e na devandita carta bautizou as illas cos nomes dalgúns dos seus amigos piratas e dalgúns nobres ingleses que apoiaban a causa dos piratas.

As principais illas do arquipélago (cos seus nomes en inglés) son:

San Cristóbal (Chatham)

[editar | editar a fonte]

Chamada así en honor a Cristovo mártir, e en inglés o seu nome débese ao conde Chatham, a capital da provincia Puerto Baquerizo Moreno, atópase ao sur da illa.

Santa Fe (Barrington)

[editar | editar a fonte]

Chamada así en honor as Capitulacións de Santa Fe, asinadas o 17 de abril de 1492, nas que se outorgou a Cristovo Colón os títulos de Almirante Maior do Mar Océano, Vicerrei e Gobernador Xeral das terras que descubrise, o dereito de terna nos nomeamentos de rexedores, o décimo (o 10%) de tódalas mercadorías que se negociasen nas Indias. O nome de Barrington é en honor do Almirante Samuel Barrington.

Ten unha superficie de 24 km² e unha altitude máxima de 259 metros. Santa Fe ten unha fraga de cactos Opuntia que son os máis grandes do arquipélago, e de Palo Santo. Precipicios costeiros son o fogar de gaivotas de cola bifurcada, paxaros tropicais e petreis. A iguana terrestre de Santa Fe habita na illa en gran cantidade ao igual que a Microlophus albemarlensis. Ten unha pintoresca lagoa de cor turquesa e augas tranquilas onde se poden realizar snorkeling con lobos mariños.

Genovesa (Tower)

[editar | editar a fonte]

O seu nome provén da cidade de Xénova (Italia) onde se di que foi o lugar de nacemento de Colón. Ten unha superficie de 14 km² e unha altitude máxima de 76 metros. Esta illa está constituída polos restos dun gran cráter somerxido. O seu sobrenome de "a illa dos paxaros" xustifícase pola presenza, na Baía Darwin, de fragatas, gaivotas de cola bifurcada, que son as únicas da súa especie que teñen hábitos de caza nocturnos. Tamén se poden observar piqueiros de patas vermellas, andoriñas, gaivotas de lava, paxaros tropicais, pombas, petreis e pimpíns de Darwin. O sitio denominado "El Barranco" constitúe unha magnífica chaira para a observación das aves, especialmente os piqueiros enmascarados e de patas vermellas. Tamén hai unha gran fraga de Palo Santo.

Floreana (Charles ou Santa María)

[editar | editar a fonte]

Chamada así en honor a Juan José Flores, o primeiro presidente do Ecuador, durante cuxa administración o goberno ecuatoriano tomou posesión do arquipélago. Tamén se coñece como Santa María en honor a unha das carabelas de Colón. Ten unha superficie de 173 km² e unha altitude máxima de 640 metros. Foi unha das primeiras illas en ser habitada e que máis polémica causou na prensa internacional de comezos do século XX. Flamengos rosados e tartarugas mariñas aniñan nesta illa entre decembro e maio. Na baía de Correos, dende o século XX os baleeiros usaron unha cuba á maneira de oficina de correos para que as cartas puidesen ser recollidas e entregadas aos seus destinatarios, principalmente en Europa e nos Estados Unidos polos barcos que estivesen nunha viaxe de retorno. Na "Corona del Diablo", un cono volcánico somerxido, pódense observar interesantes formacións coralinas.

Plaza Sur

[editar | editar a fonte]

Chamada así en honor a un presidente ecuatoriano, o Xeneral Leónidas Plaza. Ten unha superficie de 0,13 km² e unha altitude máxima de 23 metros. A flora de Plaza Sur inclúe cactos Opuntia e Sesuvium, que forman unha alfombra vermella sobre as formacións de lava. Iguanas (terrestres e mariñas, e mesmo algúns híbridos de ambas especies) abundan, ao igual que diversas variedades de paxaros que habitan as paredes rochosas do lado sur da illa, os paxaros tropicais e gaivotas de cola bifurcada.

Baltra (Seymour Sur)

[editar | editar a fonte]

Descoñécese a orixe do nome. Ten unha superficie de 27 km² e unha altitude máxima de 100 metros. O principal aeroporto do arquipélago está aquí e foi construído durante a segunda guerra mundial pola Mariña dos Estados Unidos para patrulla-lo Canal de Panamá. Nesta illa reintroducíronse iguanas terrestres logo de que esta especie nativa fose totalmente eliminada polos soldados dos Estados Unidos que estiveron acuartelados nesta illa. Ao longo da illa atópanse os vestixios dos cuarteis dos soldados. Algúns deles despois de retirárense volveron en calidade de turistas. Gran flora silvestre desértica hai na illa, maiormente poboada de cactos. Dende o aeroporto ao que chegan os avións dende o Ecuador continental saen buses gratis das aeroliñas cara á canle e ao peirao. Hai decenas de puntos para practicar surf, snorkeling e submarinismo co previo permiso da armada do Ecuador. Existe un segundo aeroporto fóra de servizo que data da segunda guerra mundial.

Baltra mírase de fronte ao sur con Santa Cruz, cunha separación duns 150 metros por unha canle de auga cristalina convivindo con lobos mariños, aves e moitas outras especies endémicas que acompañan o turista no percorrido en lanchas para cruzar a Santa Cruz onde lle agardan os buses que o levarán ata Puerto Ayora parte principal de Santa Cruz.

Santa Cruz (Indefatigable)

[editar | editar a fonte]

Chamada en honor a Cruz de Cristo, o seu nome en inglés é o dun barco inglés co antedito nome. Ten unha superficie de 986 km² e unha altitude máxima de 864 metros. En Santa Cruz está localizado o maior asentamento humano do arquipélago, no poboado de Puerto Ayora. A Estación Científica Charles Darwin e as oficinas centrais do Servizo do Parque Nacional están localizadas aquí. Na ECCD opera un centro de crianza de tartarugas onde estes quelonios son preparados para a súa reintrodución no seu hábitat natural. A "parte alta" de Santa Cruz ten unha exuberante vexetación e é famosa polos túneles de lava. Unha gran poboación de tartarugas habita nesta rexión. Caleta Tortuga Negra é unha área rodeada de mangleiral que utilizan como lugar de apareamento as tartarugas mariñas, raias e pequenas quenllas. Cerro Dragón, coñecido pola súa lagoa de flamengos e as súas iguanas terrestres, tamén se encontra nesta illa. Tortuga Bay unha das praias máis famosas polas súas cristalinas augas para facer snorkeling na parte de praia Mansa e en praia Brava excelentes ondas para practicar surf.

Santa Cruz Tortuga

[editar | editar a fonte]

Seymour Norte

[editar | editar a fonte]

Leva o nome dun nobre inglés chamado Lord Hugh Seymour. Ten unha superficie de 1,9 km² e unha altitude máxima de 28 metros. Nesta illa existe unha gran poboación de piqueiros de patas azuis e gaivotas de cola bifurcada. Tamén hai numerosas fragatas.

Marchena (Bindloe)

[editar | editar a fonte]

Chamada así en honor de frei Antonio Marchena. Ten unha superficie de 130 km² e unha altitude máxima de 343 metros.

Pinzón (Duncan)

[editar | editar a fonte]

Chamada así en honor os irmáns Pinzón, capitáns das outras dúas carabelas de Colón, a Pinta e a Niña. Ten unha superficie de 18 km² e unha altitude máxima de 458 metros. Lobos mariños, tartarugas xigantes, iguanas mariñas e delfíns obsérvanse nesta illa.

Rábida (Jervis)

[editar | editar a fonte]

Leva o nome do convento de Rábida onde Colón deixou o seu fillo durante a súa viaxe do descubrimento de América. Ten unha superficie de 4,9 km² e unha altitude máxima de 367 metros. O alto contido de ferro da lava de Rábida ocasiona que a illa teña unha característica cor vermella. Ocasionalmente pódense observar flamengos nunha lagoa de auga salgada preto da praia, onde pelicanos e piqueiros constrúen os seus niños. Rexistráronse nove especies de pimpíns nesta illa.

Bartolomé

[editar | editar a fonte]

Chamada así en honor ao Tenente David Ewen Bartholomew da Mariña Británica. Ten unha superficie de 1,2 km² e unha altitude máxima de 114 metros. Aquí atópase o afamado Pináculo, que é a imaxe máis representativa do arquipélago. Aquí pódese observar o pingüín de Galápagos, así como lobos mariños. Tamén se observan formacións de lava e conos volcánicos recentes.

Santiago (San Salvador, James)

[editar | editar a fonte]

Chamada así en honor ao santo patrón de España, tamén se coñece como San Salvador en honor á primeira illa descuberta por Colón no mar Caribe. Ten unha superficie de 585 km² e unha altura máxima de 907 metros. Aquí atópanse iguanas mariñas, lobos mariños, focas peleteiras, tartarugas terrestres e mariñas, flamengos, delfíns e quenllas. Unha numerosa poboación de cabras e porcos salvaxes que causaron gran dano á flora e fauna endémicas. Pimpíns de Darwin e falcóns de Galápagos, así como unha colonia de focas peleteiras se observan con frecuencia nesta illa. Na baía Sullivan existe un fluxo recente de lava pahoehoe.

Pinta (Abingdon)

[editar | editar a fonte]

Leva o nome dunha das carabelas de Colón. Ten unha superficie de 60 km² e unha altitude máxima de 777 metros. Aquí pódense observar gaivotas de cola bifurcada, iguanas mariñas e focas peleteiras. En 1971 atopouse nesta illa un espécime único de tartaruga ao que se lle chama Xurxo Solitario.

Chamada así en honor á Raíña Isabel de Castela que patrocinou a viaxe de Colón. É a maior illa do arquipélago, cunha superficie de 4588 km². O punto máis alto é o volcán Alcedo que alcanza 1707 metros de altitude. A forma da illa débese á fusión de seis grandes volcáns nunha soa masa. Nesta illa pódense observar pingüíns, corvos mariños non voadores, iguanas mariñas, piqueiros, pelicanos, así como abundantes cangrexos vermellos. Nas faldras e caldeiras dos seis volcáns de Isabela, pódense observar iguanas terrestres e tartarugas, así como pimpíns, falcóns de Galápagos, pombas de Galápagos e unha interesante vexetación. O terceiro maior asentamento humano do arquipélago, Puerto Villamil, está situado no extremo sur da illa. A illa ten os volcáns Wolf, Darwin, Alcedo, Santo Tomás e Cerro Azul.[1]

Chamada así en honor ao rei Fernando o Católico, quen patrocinou a viaxe de Colón. Ten unha superficie de 642 km² e unha altura máxima de 1494 metros. É a máis recente e máis occidental das illas do arquipélago. Un novo proceso eruptivo iniciouse o 13 de maio de 2005 cando unha nube de cinza e vapor de auga se elevou a máis de 7 quilómetros de altura e fluxos de lava ardente comezaron a descender polas ladeiras do volcán, dirixíndose cara ao mar. Punta Espinoza é unha estreita franxa de terra onde centenares de iguanas mariñas se reúnen en grandes grupos. O famoso corvo mariño non voador habita nesta illa, así como pingüíns, pelicanos e lobos mariños. Diversos tipos de fluxos de lava poden observarse. Tamén se atopan áreas de mangleiral.

Wolf (Wenman)

[editar | editar a fonte]

Chamada en honor ao xeólogo alemán Theodor Wolf. Ten unha superficie de 1,3 km² e unha altura máxima de 253 metros. Aquí habitan focas peleteiras, fragatas, piqueiros enmascarados e de patas vermellas, iguanas mariñas, quenllas, baleas, delfíns e gaivotas de cola bifurcada.

Darwin (Culpepper)

[editar | editar a fonte]

Esta illa leva o nome de Charles Darwin. Ten unha superficie de 1,1 km² e unha altura máxima de 168 metros. Aquí habitan focas peleteiras, fragatas, iguanas mariñas, gaivotas de cola bifurcada, lobos mariños, baleas, tartarugas mariñas, delfíns, piqueiros de patas vermellas e enmascarados.

  1. "Proba-V view of Galápagos". European Space Agency (en inglés). Consultado o 2019-03-27. 

Véxase tamén

[editar | editar a fonte]

Bibliografía

[editar | editar a fonte]
  • Black, Juan (1973). Galápagos, Archipiélago del Ecuador. (Quito, Ecuador). Comprehensive monograph by a former officer of Galápagos National Park, financed by the World Wildlife Fund and the Charles Darwin Foundation for the Galápagos Islands
  • Grant, K. Thalia and Estes, Gregory B. (2009). Darwin in Galapagos: Footsteps to a New World. Princeton University Press, Princeton. [1].
  • Heyerdahl, Thor; & Skjolsvold, Arne (1956). Archaeological Evidence of Pre-Spanish Visits to the Galápagos Islands, Memoirs 12, Society for American Archaeology.
  • Müller, Bodo; & Stolt, Matthias (2003). Galápagos Die verwunschenen Inseln. (BLV). ISBN 3-86108-909-2.
  • Quammen, David (1996). The Song of the Dodo. Touchstone, Nova York.
  • Romero, Simon (4 de outubro de 2009). "To Protect Galápagos, Ecuador Limits a Two-Legged Species". The New York Times.
  • Perry, Roger (1972). The Galapagos Islands. (Dodd, Mead & Company). Short history illustrated with photographs and a map by a former director of Charles Darwin Research Station.
  • Wittmer, Margret (2013). Floreana: A Woman's Pilgrimage to the Galápagos. (Moyer Bell Limited). Memoir written by the matriarch of the first family to successfully inhabit Floreana, after settling there in 1932. 2013 paperback edition ISBN 978-1-55921-399-8

Outros artigos

[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas

[editar | editar a fonte]