Saltar ao contido

Leprechaun

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Leprechaun/Leipreachán
Personaxe de varias obras literarias e audiovisuais/ Folclore irlandés

Leprechaun típico
Creador(es) Colectivo cultural irlandés
Información
Nome orixinal Véxase o apartado "etimoloxía"; O plural de "leprechaun" en inglés é "leprechauns", o plural de "leipreachán" en irlandés é "leipreacháin".
Raza Ser mitolóxico
Sexo Masculino (xeralmente)
Estatura Pequeno
Especialidade Esconder ouro, facer e arranxar zapatos
Ocupación Zapateiro
Equipamento Pote de ouro
Inimigos Calquera que queira o seu ouro
Residencia Illa de Irlanda (mitoloxía), trasladado a fóra da illa en diversas obras de ficción
Nacionalidade Irlandesa (mitoloxía)
Status actual Mito

Un leprechaun (en irlandés: leipreachán, pronunciado [ˈlʲɛpˠɾʲəˌxaːnˠ] aproximado a "lep-ruh-kawn") é unha criatura fantástica propia da mitoloxía irlandesa. Adóitase representar como un home pequeno con barba, que leva un abrigo e un sombreiro, e que gosta de facer trasnadas. Segundo a cultura popular os leprechauns son criaturas solitarias que fan e remendan zapatos e que posúen unha pota de ouro ao final do arco da vella. Se son capturados por un ser humano teñen o poder máxico de conceder tres desexos a cambio da súa liberdade. Ao igual que acontece con outras criaturas fantásticas de Irlanda, os leprechauns están relacionados cos Tuatha Dé Danann.[1]

As representacións modernas dos leprechauns baséanse en gran medida en caricaturas e estereotipos despectivos dos irlandeses do século XIX.[2]

Etimoloxía

[editar | editar a fonte]

O termo angloirlandés "leprechaun" provén do irlandés antigo "luchorpán" ou "lupracán", a través de diversas formas en irlandés medio como "luchrapán" ou "lupraccán".[3][4]

Na Irlanda moderna, a grafía "leipreachán" é a máis común, pero existen numerosas variantes rexionais.

Significados e formas modernas

[editar | editar a fonte]

O suplemento ao dicionario irlandés-inglés de O'Reilly, redactado por John O'Donovan, define "lugharcán, lugracán, lupracán" como "un espírito, un pigmeo; unha fada de tamaño diminuto, que sempre leva unha bolsa que contén un xelín".

Unha etimoloxía popular deriva a palabra de "leith" (metade) e "bróg" (zapato), reflectindo a representación común do leprechaun a traballar nun único zapato.[4]

Aparencia

[editar | editar a fonte]

Os leprechauns tiñan orixinalmente unha aparencia diferente dependendo do lugar de Irlanda no que se atopasen.[5] Antes do século XX dicíase que os leprechauns vestían de vermello e non de verde. Samuel Lover, describe un leprechaun en 1831 do seguinte xeito:

... moi elegante no seu vestir, non obstante, leva un abrigo vermello de corte cadrado ricamente anoado con ouro, un sombreiro bicorne, zapatos e fibelas[6].

Museo Nacional do Leprechaun, en Dublín

De acordo co dramaturgo irlandés William Butler Yeats, as criaturas solitarias como os leprechauns levan chaquetas vermellas mentres que as criaturas e fadas gregarias van de verde.

"A chaqueta dun leprechaun ten sete ringleiras de botóns para sete ringleiras de ollais. Na costa occidental de Irlanda dise que a chaqueta vermella está cuberta por outra de friso. No Ulster a criatura leva un bicorne e cando se sente infrecuentemente falcatrueira salta sobre unha parede e xira, equilibrándose na punta do sombreiro e cos talóns no aire."[7]

De acordo con David Russell McAnally,

"Mide tres pés de alto e viste unha pequena chaqueta vermella. Leva pantalóns vermellos cunha fibela en cada xeonllo, medias grises ou negras e un sombreiro bicorne, do estilo de hai un século, sobre unha face pequena, vella e murcha. Arredor do pescozo leva unha gorgueira isabelina e volantes de encaixe no pulso. Na salvaxe costa occidental, onde os ventos do Atlántico traen case constantemente choiva, prescinde da gorgueira e os volantes e leva un abrigo friso sobre a súa fermosa chaqueta vermella, así que, se non fora polo sombreiro bicorne, poderías pasar a carón dun leprechaun pola estrada e nunca saber se é el realmente."

Criaturas relacionadas

[editar | editar a fonte]

O leprechaun está relacionado co clurichaun e co far darrig, que tamén son descritos como criaturas solitarias na mitoloxía irlandesa. O trasno da mitoloxía galega presenta semellanzas co leprechaun, pois tamén é anano, gosta das falcatruadas e adoita vestir de vermello.

  1. Squire, Charles (1912). Mythology of the Celtic People. Londres. pp. 403. ISBN 0091850436. 
  2. Venable, Shannon (2011). ABC-CLIO, ed. Gold: A Cultural Encyclopedia. pp. 196–197. 
  3. "Leprechaun: a new etymology.". bill.celt.dias.ie. Consultado o 2021-03-04. 
  4. 4,0 4,1 Windisch citado como "Cf. Windisch Gloss." no The Oxford English Dictionary s. v. "leprechaun", 2ª ed., 1989, OED Online "leprechaun", Oxford University Press, (requere suscrición) 16 de xullo de 2009.
  5. "Little Guy Style". Arquivado dende o orixinal o 29 de xullo de 2007. Consultado o 11 de marzo de 2016. 
  6. De Legends and Stories of Ireland
  7. De Fairy and Folk Tales of the Irish Peasantry.

Véxase tamén

[editar | editar a fonte]

Bibliografía

[editar | editar a fonte]