Saltar ao contido

Monotelismo

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

O monotelismo é unha doutrina cristiá que defende que en Xesús de Nazaret só existe unha única vontade: a divina. Está considerada como unha herexía pola Igrexa Católica e a Igrexa Ortodoxa. Emperadores bizantinos como Heraclio ou Constantino II impuxeron esta idea como medio para achegar aos monofisitas da Igrexa Siríaca e da Igrexa Ortodoxa Copta á autoridade imperial, nun momento en que a ameaza persa do Imperio Sasánida precisaba da máxima cohesión interna. Pouco despois, a expansión dos exércitos do islam facía necesaria a unidade de fe para sustentar a lexitimidade dun único poder no Imperio Bizantino. Moitos monofisitas abrían as portas ás forzas árabes como liberadores fronte a tiranía de Constantinopla.

O grande impulsor desta doutrina foi o Patriarca de Constantinopla Serxio, quen conseguiu que o Patriarcado de Alexandría (copto), no 633 e a Igrexa Apostólica Armenia, no 634, ámbalas dúas de crenza monofisita, aceptasen a doutrina. Alarmado, o Patriarca de Xerusalén Sofronio dirixiu unha carta ao Papa Honorio I, quen, porén, deu a razón aos monotelistas. Isto animou ao emperador Heraclio a ditar con carácter oficial unha profesión de fe monotelista: a Ectesis, no 638. Este documento levantou iradas protestas en boa parte do pobo fiel, carismáticos predicadores e teólogos, que conseguiron que o novo Papa convocase un sínodo e proclamase as dúas vontades, correspondentes as dúas naturezas de Cristo.

O emperador reaccionou con contundencia e non dubidou en torturar e exiliar ao Papa Martiño I e en mutilar ao célebre teólogo Máximo o Confesor. Estes consideraban que o monotelismo supuña cuestionar a plena humanidade do home Xesús e, polo tanto, a plena comuñón entre a divindade do Logos e o corpo humano e a alma humana de Cristo coas súas potencias humanas de memoria, entendemento e vontade. Entendían que a integridade de Xesús como home, incluída a súa vontade, formaba parte esencial da fe apostólica transmitida dende un principio polas primeiras testemuñas e que así fora gardada polos Pais da Igrexa. A querenza popular por estes personaxes en boa parte da cristiandade non fixo máis que reafirmar a división. A cuestión non se arranxou ata a convocatoria do derradeiro concilio ecuménico: III Concilio de Constantinopla (680-681) onde se retomou a fe nas dúas vontades e se condenou ao papa xa finado Honorio como herexe.

Consecuencias

[editar | editar a fonte]

O fracaso do monotelismo supuxo:

  • a consolidación da separación das igrexas monofisitas non calcedonianas: a Igrexa Siríaca, a Igrexa Ortodoxa Copta e a Igrexa Apostólica Armenia. Para elas o dogma proclamado polas Igrexas de Roma e Constantinopla era unha volta ao nestorianismo condenado no Concilio de Éfeso e afirmaba unha dualidade en Cristo. A Igrexa Etíope Tewahedo é da mesma opinión.
  • a supremacía do Concilio ecuménico sobre os Papas ata o punto de lanzarse un anatema e condenarse como herexe a un deles: Honorio. Este será no futuro un argumento polémico fronte aos que defenden a infalibilidade do Papa en cuestións dogmáticas.