Max Weber
Maximilian Weber, nado o 21 de abril de 1864 en Erfurt e finado o 14 de xuño de 1920 en Múnic, foi un economista e sociólogo alemán, considerado un dos fundadores do estudo moderno antipositivista, da socioloxía e da administración pública.
A pesar de ser recoñecido como un dos pais da socioloxía, xunto con Karl Marx, Auguste Comte e Émile Durkheim,[1] Weber nunca se viu a si mesmo como sociólogo, senón como historiador;[2] para el, a socioloxía e a historia eran dúas empresas converxentes. Con todo, sobre o final da súa vida en 1920, escribiu nunha carta ao economista Robert Liefmann: "Se me convertín finalmente en sociólogo (porque tal é oficialmente a miña profesión), é sobre todo para exorcizar a pantasma aínda viva dos conceptos colectivos (...)".[3]
Os seus traballos máis importantes relaciónanse coa socioloxía da relixión e o goberno, pero tamén escribiu moito no campo da economía. A súa obra máis recoñecida é o ensaio A ética protestante e o espírito do capitalismo, que foi o inicio dun traballo sobre a socioloxía da relixión.[4] Pero a recompilación Wirtschaft und Gesellschaft (en galego, Economía e sociedade), publicada postumamente entre 1921 e 1922, é a suma máis completa e sistemática das súas ideas e conceptos.
Weber argumentou que a relixión foi un dos aspectos máis importantes que influíron no desenvolvemento das culturas occidental e oriental. Noutras das súas obras famosas, Wissenschaft als Beruf (en galego, A ciencia como vocación), e Politik als Beruf (en galego, A política como vocación), Weber definiu o Estado como unha entidade que ostenta o monopolio da violencia e os medios de coacción, unha definición que foi fundamental no estudo da ciencia política moderna en Occidente.[5][6][7]
Traxectoría
[editar | editar a fonte]Os comezos
[editar | editar a fonte]Max Weber naceu en Erfurt, Turinxia, en Alemaña, sendo o maior de sete fillos de Max Weber (pai), xurista e político destacado do Partido Liberal Nacional na época de Bismarck e funcionario protestante, e da súa esposa Helene, unha calvinista moderada. Un dos seus irmáns, Alfred Weber, tamén foi sociólogo e economista.
Debido á vida pública do seu pai, Weber creceu nun ambiente familiar inmerso na política, e o seu fogar recibiu a visita de prominentes académicos e figuras públicas. Ao mesmo tempo, Weber demostrou ser intelectualmente precoz. O agasallo de Nadal que lles fixo aos seus pais en 1876, cando contaba con trece anos, resultou ser un par de ensaios históricos, titulados "Sobre o curso da historia alemá, con referencias especiais á posición do emperador e o papa" e "Sobre o período do Imperio romano desde Constantino á migración das nacións". Parecía xa claro entón que Weber ía adicarse ás ciencias sociais. Á idade de catorce anos escribiu cartas cheas de referencias a Homero, Virxilio, Cicerón e Tito Livio, e antes de ingresar na universidade xa posuía un extenso coñecemento sobre Goethe, Spinoza, Kant e Schopenhauer.
Estudos
[editar | editar a fonte]Weber estudou nas universidades de Heidelberg, Berlín e Gotinga, interesándose especialmente polo dereito, a historia e a economía.
En 1882, Weber ingresou na Universidade de Heidelberg como estudante de dereito. Incorporouse á fraternidade do seu pai e escolleu o campo das leis do mesmo xeito que el. Á parte destes estudos, tomou clases de economía e estudou historia medieval. Tivo por profesores, entre outros, ao seu tío, o historiador liberal alemán Hermann Baumgarten, autor de dúas voluminosas obras sobre historia española antiga e moderna e fillo e neto de pastores protestantes. Adicionalmente, Weber realizou extensas lecturas sobre temas teolóxicos.
De maneira intermitente serviu no exército alemán en Estrasburgo e, no outono de 1884, regresou a casa dos seus pais para estudar na Universidade de Berlín. O seguintes oito anos Weber viviu en casa dos seus pais, primeiro como estudante, logo como axudante nas cortes de Berlín e finalmente como docente na universidade. A súa residencia en casa dos seus pais foi interrompida unicamente por un semestre de estudo na Universidade de Gotinga e por curtos períodos ocasionais de adestramento militar adicional. En 1886 Weber aprobou os exames de "Referendar", que lle permitían exercer como avogado.
A finais da década de 1880, Weber profundou os seus estudos de historia. Obtivo o doutoramento en leis en 1889, cunha tese sobre historia legal titulada A historia das organizacións medievais de negocios. Dous anos despois, Weber completou o seu Habilitationsschrift coa tese sobre A historia agraria romana e a súa significación para a lei pública e privada. Habilitándose -xa podía exercer como Privatdozent- Weber estaba cualificado en Alemaña para obter un cargo como profesor universitario.
Carreira académica
[editar | editar a fonte]Durante o tempo transcorrido entre a conclusión da súa tese doutoral e o momento en que foi habilitado como profesor, Weber comezou a interesarse en política social contemporánea. En 1888, uniuse á Verein für Socialpolitik, para entón nova Asociación Profesional de Economistas Alemáns. Esta asociación, afiliada á escola histórica, consideraba que a achega principal da economía era a solución dos problemas sociais de maior impacto durante a época, e foi pioneira no uso de estudos estatísticos a grande escala na análise económica. En 1890 a Verein creou un programa de investigación para examinar «a cuestión polaca», termo usado para referirse ao fluxo de traballadores agrícolas estranxeiros cara a Alemaña oriental, mentres os seus traballadores locais migraban ás cidades en proceso acelerado de industrialización. Weber foi posto a cargo deste estudo e redactou unha parte considerable dos seus resultados. O informe final foi eloxiado amplamente como un excelente traballo de investigación empírica, cimentando a reputación de Weber como experto en economía agraria.
Weber obtivo un éxito académico considerable na década dos anos 1890. En 1893, casou cunha curmá afastada chamada Marianne Schnitger, quen posteriormente se convertería en feminista e escritora por dereito propio, ademais de volverse un factor decisivo na recompilación e publicación de traballos pouco coñecidos de Weber posterior á súa morte en 1920. En 1894 a parella mudouse a Friburgo, onde Weber foi nomeado profesor de economía na Universidade de Friburgo, cargo que posteriormente continuará ao trasladarse á Universidade de Heidelberg en 1897. Ese mesmo ano morreu o seu pai, dous meses despois de que ambos sostivesen unha discusión moi forte, respecto da cal nunca tiveron a oportunidade de facer as paces. A partir de entón, Weber vólvese cada vez máis propenso ao nerviosismo e ao insomnio, o cal dificulta a súa capacidade de dar clases e cumprir coas súas tarefas como profesor. Polo tanto, viuse obrigado a diminuír e eventualmente deter o seu traballo académico, deixando o seu último curso, no outono de 1899, sen rematar. Despois de meses nun sanatorio durante o verán e outono de 1900, Weber e a súa esposa Marianne viaxaron a Italia a finais dese ano, para non regresar até abril de 1902.
Despois da súa inmensa produtividade nos temperáns anos 1890, Weber non publicou un só ensaio entre comezos de 1898 e finais de 1902, e finalmente renuncia ao seu cargo de profesor no outono de 1903. Con todo, continuou traballando como profesor privado, axudado por unha herdanza obtida en 1907.
O mesmo ano da súa renuncia ao cargo de profesor, Weber acepta o cargo de editor asociado do Arquivo de Ciencias Sociais e Benestar Social xunto aos seus colegas Edgar Jaffé e Werner Sombart. En 1904, visitou os Estados Unidos e participou no Congreso das Artes e as Ciencias, que se realizou xunto á Exposición Universal de San Luís. En 1904, comezan a aparecer nesta publicación o que serían os principais traballos de Weber, sendo en 1905 cando se publica o seu ensaio Die protestantische Ethik und der 'Geist' des Kapitalismus (en galego, A ética protestante e o espírito do capitalismo), o cal se converteu no seu traballo máis popular e sentou as bases para o seu traballo futuro sobre o impacto da cultura e a relixión no desenvolvemento dos sistemas económicos. A importancia do ensaio é tal, que resultou ser o único dos seus escritos que foi publicado como un libro mentres el viviu.
En 1912, Weber tentou organizar un partido político de esquerda que combinase social-demócratas e liberais, pero o seu intento fracasou debido ao medo que moitos liberais sentían cara aos ideais -que consideraban revolucionarios- dos social-demócratas.
Durante a Primeira guerra mundial, Weber serviu por un tempo como director dos hospitais do exército en Heidelberg. Entre 1915 e 1916 formou parte de grupos que tentaban manter o control alemán en Bélxica e Polonia despois da guerra. As opinións de Weber sobre a guerra, e tamén sobre a expansión do imperio alemán, cambiaron durante estes anos. En 1918, foi membro do consello de obreiros e soldados de Heidelberg. O mesmo ano converteuse en consultor da Comisión do Armisticio Alemán para o Tratado de Versalles e a comisión asignoulle o borrador da Constitución de Weimar. Weber temía intensamente unha revolución comunista en Alemaña e decantábase a favor de inserir o artigo 48 na constitución. Posteriormente, este artigo será aproveitado de modo oportunista por Adolf Hitler para declarar a lei marcial e así obter potestades de ditador.
A partir de 1918, Weber retomou a docencia, primeiro na Universidade de Viena e logo, en 1919, na Universidade de Múnic. En Múnic, foi director do primeiro instituto de socioloxía creado nunha universidade alemá, aínda cando xamais exerceu unha cátedra de socioloxía ao longo da súa vida.
Max Weber morreu de pneumonía en Múnic o 14 de xuño de 1920. Debe destacarse que moitos dos traballos que son famosos agora, foron reunidos, revisados e publicados postumamente. Luminarias da socioloxía, como Talcott Parsons e Charles Wright Mills fixeron interpretacións significativas dos traballos de Weber.
Weber e a política alemá (Formas de Goberno)
[editar | editar a fonte]En 1890 Weber escribiu unha serie de artigos de prensa titulados Parlamento e Goberno nunha Alemaña reconstruída. Estes artigos esixían reformas democráticas na Constitución do Imperio alemán de 1871.
Weber argumentou que os problemas políticos de Alemaña debíanse esencialmente a un problema de liderado. Otto von Bismarck creara unha constitución que preservaba o seu propio poder, pero inhabilitaba a outro líder poderoso para sucedelo. En xaneiro de 1919, Weber era un membro fundador do Partido Democrático Alemán.[5][8]
Pola súa paradoxal utilización nas medidas socializantes tanto da socialdemocracia como do nacionalsocialismo, as contribucións do liberalismo de Max Weber á política alemá seguen sendo suxeito de controversia.
Weber deixou a política debido aos conflitos coa dereita en 1919 e 1920, cando moitos colegas e estudantes desprezárono pola posición de centro-esquerda asumida durante a revolución alemá de 1918 e 1919. En efecto, houbo estudantes de dereita que chegaron a realizar protestas fronte á súa casa.
Weber avogaba pola democracia como unha ferramenta para elixir líderes fortes; vía á democracia como unha forma de liderado carismático onde a "demagoxia impuña o seu desexo sobre as masas". Por esta razón, a esquerda europea é moi crítica con Weber, por "preparar o terreo intelectual para a posición de liderado de Adolf Hitler, aínda que non intencionadamente.[9]
O firme anticomunismo de Weber e o reclamo insistente por unha política agresiva de imperialismo alemán gañoulle a crítica da maioría dos marxistas alemáns. Weber desilusionou aínda máis á esquerda cando un dos seus estudantes, Carl Schmitt (1888-1985), desenvolveu o concepto de «Estado total». As cartas persoais e profesionais de Weber mostran un desgusto considerable polo antisemitismo dos seus días, polo que, tomando ademais en consideración o carácter antiliberal do corporativismo de Estado e o totalitarismo de partido único, sería dubidoso que Weber tivese a convicción de apoiar aos nazis, como si fixeron o citado Schmitt, Oswald Spengler e Werner Sombart.
Nos Estados Unidos as políticas de Weber son menos coñecidas. Os seus apoloxistas manteñen que a distinción que facía Weber entre a política (evaluativa por definición) e ciencia (con «valor-neutral») protexía as súas teorías sociolóxicas da áspera realpolitik das súas conviccións persoais.
Pensamento
[editar | editar a fonte]Weber aplicou a investigación sociolóxica a diversos campos: política, dereito, economía, música e relixión. Xunto con Karl Marx, Vilfredo Pareto, Ferdinand Tönnies e Émile Durkheim, Weber foi un dos fundadores da socioloxía moderna. Mentres Pareto e Durkheim traballaron na tradición positivista seguindo os postulados de Auguste Comte, Weber creou e traballou nunha tradición antipositivista, idealista e hermenéutica, igual que Werner Sombart, o seu amigo e nese momento o representante máis célebre da socioloxía alemá. Estes traballos iniciaron a revolución antipositivista nas ciencias sociais, que marcou a diferenza entre estas e as ciencias naturais, especialmente debido ás accións sociais dos homes. Os primeiros traballos de Weber estaban relacionados coa socioloxía industrial, pero son máis coñecidos os seus últimos traballos sobre a socioloxía da relixión e a socioloxía do goberno.
Socioloxía da relixión
[editar | editar a fonte]A obra de Weber sobre socioloxía da relixión ábrese co ensaio Die protestantische Ethik und der 'Geist' des Kapitalismus (en galego, A ética protestante e o espírito do capitalismo) e continúa con A relixión en China: confucianismo e taoísmo, A relixión de India: a socioloxía do hinduísmo e budismo e Xudaísmo antigo. O seu traballo sobre outras relixións foi interrompido pola súa morte en 1920, quedando pendente a continuación dos estudos sobre xudaísmo antigo co estudo dos salmos, o libro de Xacob, o Talmud, cristianismo primitivo e islam.
As súas tres ideas principais sobre a relixión eran: o efecto das ideas relixiosas nas actividades económicas, a relación entre estratificación social e ideas relixiosas, e as características singulares da civilización occidental.
O seu obxectivo era atopar razóns que xustificaran a diferenza entre o proceso de desenvolvemento das culturas Occidental e Oriental. Na análise dos seus descubrimentos, mantivo que as ideas relixiosas puritanas (e máis amplamente, cristiás) tiveran un impacto importante no desenvolvemento do sistema económico de Europa e os Estados Unidos, pero destacou que esas non eran as únicas causas do desenvolvemento. Entre outras causas que mencionou Weber atopamos o racionalismo na procura científica, mesturar observación con matemática, estudo sistemático e xurisprudencia, sistematización racional da administración gobernamental, e empresa económica. Ao final, o estudo da socioloxía da relixión, de acordo con Weber, apenas exploraba unha fase da emancipación da maxia, ese «desencantamento do mundo» que el atribuía como un aspecto distintivo importante da cultura occidental.
Socioloxía das políticas e goberno
[editar | editar a fonte]Dentro da socioloxía das políticas e goberno, o ensaio máis significativo de Weber é probablemente Politik als Beruf (en galego, A política como vocación). Nel, Weber revela a definición de Estado que se converteu tan importante no pensamento social occidental: o Estado é a entidade que reclama o monopolio sobre o lexítimo uso da forza física. A política débese entender como calquera actividade á que pode dedicarse o Estado para influír sobre a distribución relativa de forza. A política, xa que logo, derívase do poder. Un político non debe ser un home da «ética cristiá verdadeira», é dicir, a de ofrecer a outra fazula. Alguén partidario de tal ética debería ser considerado como un santo, xa que son unicamente os santos, segundo Weber, os que a seguen apropiadamente. O reino político non é un reino de santos. Un político ten que abrazar a ética do fin último e a da responsabilidade, e debe sentir paixón pola súa advocación e ser capaz de distanciarse el mesmo da materia dos seus esforzos (os gobernados).
Weber distinguía tres tipos puros de liderado político, dominación e autoridade: dominación carismática (familiar e relixiosa), dominación tradicional (patriarcas, patrimonialismo, feudalismo), e dominación legal (lei e Estado moderno, burocracia). Segundo o seu punto de vista, cada relación histórica entre gobernantes e gobernados contén elementos que poden ser analizados en base a esta distinción tripartita. Ademais, afirma que a inestabilidade da autoridade carismática inevitablemente leva á forza a «rutinizarse» nunha forma máis estruturada de autoridade. Do mesmo xeito, asegura que nun tipo puro de regra tradicional, unha resistencia ao mestre suficiente pode levar a unha revolución tradicional. Por iso, alude a un movemento inevitable cara a unha estrutura racional-legal da autoridade, utilizando unha estrutura burocrática. Así, esta teoría pode ser vista en ocasións como unha parte da teoría social evolucionista. Esta enlaza co seu concepto máis amplo de racionalización suxerindo a inevitabilidade dun movemento nesta dirección.
Weber é tamén coñecido polo seu estudo da burocratización da sociedade, os modos racionais nos que as organizacións sociais aplican as características dun tipo ideal de burocracia. Moitos aspectos da administración pública moderna volven a el, e un servizo civil clásico e organizado xerárquicamente do tipo continental é denominado servizo civil weberiano, aínda que isto é só un tipo ideal de administración pública e goberno descrito na súa obra magna Wirtschaft und Gesellschaft (en galego, Economía e sociedade), e un que non lle gustaba especialmente, xa que o consideraba unicamente eficiente e exitoso. No seu traballo, Weber fai unha descrición, que se volveu famosa, da racionalización (da que a burocratización é unha parte) como un cambio desde unha organización e acción orientada a valores (autoridade tradicional e autoridade carismática) a unha organización e acción orientada a obxectivos (autoridade racional-legal). O resultado, de acordo a Weber, é unha «noite polar de escuridade xeada», na que a racionalización crecente da vida humana atrapa aos individuos nunha gaiola de ferro de control racional, baseada en regras. Os estudos sobre a burocracia de Weber conducíronno tamén á súa análise -correcto, pois resultaría así- de que o socialismo en Rusia levaría, debido á abolición do libre mercado e os seus mecanismos, a unha sobreburocratización (evidente, por exemplo, na economía da escaseza) máis que a un afastamento fulminante do Estado (como Karl Marx predixera que sucedería nunha sociedade comunista).
Economía
[editar | editar a fonte]Aínda que recoñecido hoxe en día como un dos fundadores da socioloxía moderna, tamén tivo un papel importante no campo da economía.[10][11]
Desde o punto de vista dos economistas, Weber é o representante da escola de economía alemá histórica máis nova. As súas contribucións máis valoradas neste campo é o seu traballo Die protestantische Ethik und der 'Geist' des Kapitalismus. Trátase dun ensaio sobre as diferenzas entre as relixións e a riqueza relativa dos seus seguidores. O traballo de Weber é paralelo ao tratado de Werner Sombart sobre o mesmo fenómeno, que con todo atribuía o auxe do capitalismo ao xudaísmo. Outra contribución de Weber á economía (así como ás ciencias sociais en xeral) é o seu traballo na metodoloxía: as súas teorías de Verstehen (coñecido como comprensión ou socioloxía interpretativa) e de antipositivismo (socioloxía humanista).
A doutrina da socioloxía interpretativa é ben coñecida e debatida dada a súa controversia. Esta tese asegura que a investigación social, económica e histórica non pode nunca ser totalmente indutiva ou descritiva xa que un debe sempre aproximarse a ela cun aparello conceptual. Este aparello foi identificado por Weber como tipo ideal. Baséase no seguinte: un tipo ideal fórmase a partir de características e elementos de certos fenómenos dados, pero non tenta corresponderse con todas as características dun caso particular. É interesante comparalo co concepto de Ferdinand Tönnies de tipo normal.[12]
Weber concedeu que o emprego de tipos ideais era unha abstracción, pero afirmaba que con todo era esencial se un pretendía entender calquera fenómeno social particular, xa que, a diferenza dos fenómenos físicos, eles involucran comportamentos humanos que deben ser interpretados por tipos ideais. Isto, xunto coa súa argumentación antipositivista, pode ser visto como a xustificación metodolóxica para a asunción do home económico racional (Homo economicus).
Max Weber formulou unha teoría de tres compoñentes de estratificación, cuxos compoñentes conceptuais son unha clase social, un status e un partido político.[13]
A clase social baséase na relación co mercado determinada economicamente (nivel económico). O status baséase en calidades non económicas, como a honra, o prestixio ou a crenza relixiosa. O partido fai referencia ás afiliacións de carácter político.
Estas tres dimensións teñen consecuencias no que Weber denominou «oportunidades vitais».
Weber fixo múltiples contribucións á economía, incluíndo unha historia económica da sociedade agraria romana; ou un traballo sobre os roles duais do idealismo e o materialismo na historia do capitalismo no seu Wirtschaft und Gesellschaft, que presenta as súas críticas ou revisións dalgúns aspectos do marxismo. Finalmente, a súa Historia económica xeral é, quizais, o seu maior logro na investigación empírica.
Obras
[editar | editar a fonte]O seus traballos máis importantes céntranse na socioloxía da relixión e no goberno, mais tamén escribiu moito sobre economía.
A súa obra máis importante é A ética protestante e o espírito do capitalismo. Weber argumentou que a relixión fora unha das razóns máis importantes que influíu na diferenciación de Occidente e de Oriente. Noutra das súas obras máis coñecidas Politik als Beruf, Weber definiu o Estado como unha entidade que posúe o monopolio do uso lexítimo da forza, esta teoría coñeceuse posteriormente como Tese de Weber. Tamén é de destacar o seu estudo da burocratización da sociedade, no que describe a burocratización como o cambio dunha organización baseada nos valores e na acción cara a outra organización baseada nos obxectivos e na acción.
- 1889: Zur Geschichte der Handelsgesellschaften im Mittelalter
- 1891: Die römische Agrargeschichte in ihrer Bedeutung für das Staats- und Privatrecht
- 1891–1892: Die Verhältnisse der Landarbeiter im ostelbischen Deutschland. Die Verhältnisse der Landarbeiter in Deutschland, geschildert auf Grund der vom Verein für Socialpolitik veranstalteten Erhebungen
- 1895: Freiburger Antrittsvorlesung Der Nationalstaat und die Volkswirtschaftspolitik
- 1896: Die sozialen Gründe des Untergangs der antiken Kultur. En Die Wahrheit
- 1904:
- Die 'Objektivität' sozialwissenschaftlicher und sozialpolitischer Erkenntnis. En: Archiv für Sozialwissenschaft und Sozialpolitik
- A ética protestante e o espirito do capitalismo.[14] En: Archiv für Sozialwissenschaft und Sozialpolitik
- 1909: Agrarverhältnisse im Altertum. En: Handwörterbuch der Staatswissenschaften
- 1910: Enquete über das Zeitungswesen
- 1915–1919: Die Wirtschaftsethik der Weltreligionen
- 1918: Parlament und Regierung im neugeordneten Deutschland. Zur politischen Kritik des Beamtentums und Parteiwesens
- 1919:
- Wissenschaft als Beruf
- Politik als Beruf
- 1920–1921: Gesammelte Aufsätze zur Religionssoziologie (3 volumes)
Postumamente publicáronse:
- 1921–1924:
- 1921: Gesammelte Politische Schriften
- 1922: Gesammelte Aufsätze zur Wissenschaftslehre
- 1924: Gesammelte Aufsätze zur Sozial- und Wirtschaftsgeschichte
- 1924: Gesammelte Aufsätze zur Soziologie und Sozialpolitik
- 1921: Die rationalen und soziologischen Grundlagen der Musik
- 1922: Compilación Wirtschaft und Gesellschaft
- 1922: Die drei reinen Typen der legitimen Herrschaft. En: Preußische Jahrbücher
- 1923: Wirtschaftsgeschichte
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ Stanford Encyclopedia of Philosophy. "Max Weber" (en inglés). Consultado o 4 de abril de 2017.
- ↑ Burke, Peter: Sociología e historia, Alianza, 1980, p. 21 (ISBN 84-206-0278-7).
- ↑ Cohn, Gabriel (1998). Critica y resignación. Fundamentos de la sociología de Max Weber. Universidade Nacional de Quilmes.
- ↑ Encyclopædia Britannica. Britannica.com «Max Weber.» 2009. 20 de abril 2009. Encyclopædia Britannica Online.
- ↑ 5,0 5,1 Kim, Sung Ho (24 de agosto de 2007). "Max Weber". Stanford Encyclopaedia of Philosophy. Consultado o 17 de febreiro de 2010.
- ↑ Max Weber; Hans Heinrich Gerth; Bryan S. Turner (7 de marzo de 1991). From Max Weber: essays in sociology. Psychology Press. p. 1. ISBN 9780415060561. Consultado o 22 de marzo de 2011.
- ↑ Radkau, Joachim e Patrick Ca Miller. (2009). Max Weber: A Biography. Trans. Patrick Ca Miller. Polity Press. (ISBN 978-0-7456-4147-8)
- ↑ Vorländer, Hans (2006) "The case of German liberalism: intellectual history, party politics and social foundations"; P. G. C. van Schie; Gerrit Voermann (Eds.) The dividing line between success and failure: a comparison of liberalism in the Netherlands and Germany in the 19th and 20th centuries. LIT Verlag Münster. p. 64. ISBN 978-3-8258-7668-5
- ↑ Losurdo, Domenico (1991) La comunidad, la muerte, Occidente. Buenos Aires: Losada, 2001. ISBN 950-03-8056-0
- ↑ Science as a Vocation", conferencia dada en 1918 na Universidade de Múnic
- ↑ Baehr, Peter R.: Founders Classics Canons, Transaction Publ. 2002, ISBN 0-7658-0129-9, Vista en Google Books, p. 22.
- ↑ William Petersen, Against the Stream, Transaction Publ. ISBN 0-7658-0222-8, 2004, Vista en Google Books, p. 24.
- ↑ Weber, Max (1921). Wirtschaft und Gesellschaft. pp. 306, 927, 932. ISBN 8437503744.
- ↑ "A ética protestante e o espírito do capitalismo". USC. Arquivado dende o orixinal o 12 de setembro de 2019. Consultado o 28 de febreiro de 2017.
Véxase tamén
[editar | editar a fonte]Commons ten máis contidos multimedia sobre: Max Weber |
A Galicitas posúe citas sobre: Max Weber |
Ligazóns externas
[editar | editar a fonte]- A ética protestante e o espírito do capitalismo (en castelán)
- Biografía de Weber en eco-finanzas.com Arquivado 22 de novembro de 2013 en Wayback Machine. (en castelán)
- Biografía de Weber en biografiasyvidas.com (en castelán)
- Artigo La democracia según Max Weber (en castelán)
- Nados en 1864
- Nados en Erfurt
- Finados en 1920
- Sociólogos de Alemaña
- Economistas de Alemaña
- Alumnos da Universidade de Gotinga
- Alumnos da Universidade de Heidelberg
- Alumnos da Universidade Humboldt de Berlín
- Profesores da Universidade Humboldt de Berlín
- Profesores da Universidade de Friburgo
- Profesores da Universidade de Heidelberg