Madame de La Fayette
Nome orixinal | (fr) Marie-Madeleine Pioche de La Vergne de La Fayette |
---|---|
Biografía | |
Nacemento | 18 de marzo de 1634 París, Francia |
Morte | 25 de maio de 1693 (59 anos) París, Francia |
Lugar de sepultura | igrexa de Saint-Sulpice |
Actividade | |
Ocupación | escritora, historiadora, epistológrafa, novelista, salonnière, dama de compañía |
Movemento | Clarinete, Preciosismo (pt) e clasicismo |
Pseudónimo literario | Madame de la Fayette |
Participou en | |
La Société du Samedi (en) | |
Obra | |
Obras destacables
| |
Descrito pola fonte | Dicionario Enciclopédico Brockhaus e Efron Pequeno Dicionario Enciclopédico de Brockhaus e Efron Obálky knih, |
Marie-Madeleine Pioche de la Vergne, condesa de La Fayette, máis coñecida como Madame de La Fayette, nada en París o 16 de marzo de 1634 e finada na mesma cidade o 25 de maio de 1693, foi unha escritora francesa, autora de A princesa de Clèves[1], a primeira novela histórica de Francia e unha das primeiras novelas da historia da literatura.
Traxectoria
[editar | editar a fonte]Marie-Madeleine Pioche de la Vergne naceu no seo dunha famlia da pequena nobreza adiñeirada, que se movía no ambiente do cardeal Richelieu. A súa nai, filla dun médico do rei, estaba ao servizo da duquesa Marie-Madeleine d’Aiguillón. O seu pai, Marc Pioche de la Vergne, encargado dos cabalos do rei, morreu cando ela tiña quince anos. O ano seguinte, Marie-Madeleine entrou ao serizo da raíña Ana de Austria como dama de honor e comezou a adquirir unha educación literaria con Gilles Ménage que lle ensinou italiano e latín. Este último introduciuna nos salóns literarios máis importantes, os da Marquesa de Rambouillet, da Marquesa de Plessis-Balliére e de Madeleine de Scudéry.
En 1650, a súa nai volveu casar con Renaud de Sévigné, tío de Marie de Sévigné; ambas as mulleres "convertéronse nas máis íntimas amigas do mundo para sempre". En 1655 Marie-Madeleine, de 22 anos, casou cun nobre de Auvernia dezaoito anos máis vello ca ela, François Motier, conde de Lafayette, co que tivo dous fillos. Aínda que marchou vivir co seu home aos dominios que este posuía en Auvernia e o Borbonés, visitaba con frecuencia París, onde se fixo un lugar na corte e abriu o seu propio salón literario con grande éxito. Tralo nacemento de dous dos seus fillos, o benestar conxugal truncouse e François de Lafayette pareceu desaparecer literalmente. Jean de La Bruyère resumiu esa estraña situación do seguinte xeito:
Nós coñecemos unha muller que eclipsou por completo o seu marido, ata o punto de que non sabemos se está morto ou vivo
Marie-Madeleine de La Fayette contaba coa amizade de Henriqueta de Inglaterra, futura duquesa de Orleáns, que lle encargou a súa biografía; do Grand Arnauld e dos autores franceses Segrais e Huet, que escribiu o Traité de l’origine des romans ("Tratado da orixe das novelas", publicado como prefacio da obra de Marie-Madeleine Zaïde. Cando comezaron as sublevacións da Fronda Marie-Madeleine mantivo a súa amizade co cardeal de Retz.
En 1659 quedou a vivir, definitivamente, en París e publicou en 1662 anonimamente La Princesse de Montpensier. De 1655 a 1680 mantivo unha estreita amizade con La Rochefoucauld, do que dixo:
M. de La Rochefoucauld deume ánimos, mais eu reformei o seu corazón.
La Rochefoucauld presentou a Marie-Madeleine de La Fayette aos mellores escritores da época, entre eles a Racine e Boileau. En 1669 publicou o primeiro tomo de Zaïde, unha novela hispano-marroquí editada co pseudónimo de Segrais, pero que era, sen dúbida, de La Fayette. O décimo volume apareceu en 1671. Zaïde foi obxecto de múltiples reedicións e traducións.
A novela máis célebre de La Fayette é A princesa de Clèves, publicada anonimamente en marzo de 1678. Esta obra, que obtivo un éxito inmenso, está considerada como a primeira novela francesa e un prototipo dos inicios das novelas psicolóxicas. Trata sobre unha muller casada que se ve inmersa nunha historia de amor censurable para a sociedade. A novela, que tivo gran repercusión entre os seus contemporáneos, parte dos modelos narrativos da súa época para crear unha obra narrativa máis afín ao esquema da novela realista posterior.
A morte de La Rochefoucauld en 1680 seguida pola do seu marido en 1683 obrigárona a levar unha vida menos activa durante os últimos anos da súa vida. Retirouse totalmente da vida mundana para prepararse para a súa morte.
Tres das súas obras foron publicadas postumamente: La Comtesse de Tende (1718), Histoire de Madame Henriette d'Angleterre (1720) e Mémoires de la cour de France (1731).
Obras
[editar | editar a fonte]- La princesse de Monpensier, París, C. de Sercy, 1662
- La princesse de Clèves, París, Claude Barbin, 1689
- Romans et nouvelles, París, Classiques Garnier, 1989, ISSN 0750-2176
- Zaïde, histoire espagnole, tomo 1, tomo 2, París, Claude Barbin, 1671
- Histoire de Madame Henriette d'Angleterre, première femme de Philippe de France, Duc d'Orléans, Amsterdam, M.-C. Le Cène, 1720
- Mémoires de la cour de France pour les années 1688 et 1689, París, Foucault, 1828
- La Comtesse de Tende (1718), póstuma
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ PDF da versión galega Arquivado 13 de xaneiro de 2023 en Wayback Machine., traducida por María Dolores Ramos Duarte e publicada en BIVIR.
Véxase tamén
[editar | editar a fonte]Wikimedia Commons ten máis contidos multimedia na categoría: Madame de La Fayette |