Manuel Dopazo
Biografía | |
---|---|
Nacemento | 10 de maio de 1882 Silleda, España |
Morte | 28 de abril de 1952 (69 anos) Buenos Aires, Arxentina |
Actividade | |
Ocupación | gaiteiro |
Manuel Dopazo Gontade, nado en Manduas (Silleda) o 10 de maio de 1882 e finado en Buenos Aires o 28 de abril de 1952, foi un gaiteiro galego.
Traxectoria
[editar | editar a fonte]Fillo dos labregos Francisco Dopazo e Dolores Gontade, aprendeu a tocar a gaita cando pícaro. En 1892, con só dez anos, presentouse por vez primeira a un concurso de gaitas en Santiago de Compostela obtendo un premio honorífico. Dous anos máis tarde, no 1894, presentouse de novo acadando desta volta o primeiro premio.
No 1902, con dezanove anos, foxe do país cara á Arxentina para non ter que facer o servizo militar. Vai acompañado da moza Margarita Perfecta Collado, coa que casou no 1906, tendo 11 fillos. Na Arxentina comezou deseguida a traballar tocando a gaita por todo o país, inicialmente como solista e, posteriormente acompañado polos seus numerosos fillos. Destacou tamén como artesán de gaitas, un oficio que aprendeu na emigración. Regresou a Galiza, só nunha ocasión, no 1923, para visitar a súa nai, xunto co seu primoxénito, Antonio. Na década de 1940 formou un afamado grupo de gaiteiros, Los Gaiteros de Vilaverde.
Dopazo era convidado frecuente do popular programa da radio bonaerense "Recordando a Galicia". Gravou numerosos discos e chegou a cantar e tocar ao mesmo tempo, arte que poucos gaiteiros souberon desenvolver. Así mesmo, actuou en dous filmes co seu grupo en escenas festivas:
- Cándida (Luis Bayón Herrera, 1939, EFA), con Niní Marshall e Juan Carlos Thorry
- La calle junto a la luna (Román Viñoly Barreto, 1951, Emelco), con Narciso Ibáñez Menta e Enrique Serrano.
Manuel faleceu aos 70 anos o 28 de abril de 1952, o seu pasamento produciu un fondo pesar na colectividade galega. Os seus restos descansan no panteón da Sociedad Argentina de Autores y Compositores (SADAIC) no Cementerio del Oeste, no barrio porteño de Chacarita.
Homenaxe
[editar | editar a fonte]No ano 2006, inaugurouse na vila da Bandeira un auditorio que leva o seu nome, lugar de ensaio da Banda Recreativa e Cultural de Bandeira e de varios grupos máis desta vila[1].
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ "Ficha do Auditorio Municipal Manuel Dopazo na web municipal". Arquivado dende o orixinal o 24 de novembro de 2016. Consultado o 23 de novembro de 2016.
Véxase tamén
[editar | editar a fonte]Ligazóns externas
[editar | editar a fonte]- Gravacións Históricas: Manuel Dopazo Gontade no cinema - Gaita e Percusión de Galicia (2017) - Youtube.
- "Manuel Dopazo". Álbum da Emigración do Consello da Cultura Galega.