Saltar ao contido

Micrognatozoos

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Micrognatozoos
(Micrognathozoa)
Clasificación científica
Dominio: Eukaryota
Reino: Animalia
Subreino: Eumetazoa
(sen clasifar) Bilateria
(sen clasificar) Protostomia
(sen clasificar) Gnatifera
Filo: Micrognathozoa
Kristensen & Funch, 2000
Clase: Micrognathozoa
Orde: Limnognathida
Familia: Limnognathiidae
Xénero: Limnognathia
Especie: L. maerski
Nome binomial
Limnognathia maerski
Kristensen & Funch, 2000

Os micrognatozoos (Micrognathozoa, do grego μικρός micos, "pequeno", γνάθος gnathos "madíbula", e ζωον zōon, "animal", literalmente, "os pequenos animais con mandíbulas") son un filo de animais pseudocelomados de recente creación (Kristensen & Funch, 2000).[1]

Comprende unha soa especie, Limnognathia maerski, animal microscópico descuberto en Groenlandia no ano 2000. Os exemplares, capturados en mananciais termais da illa Disko (ver mapa), trasladáronse ao Museo de Zooloxía de Copenhaguen.

Este filo achégase aos rotíferos, acantocéfalos e gnatostomúlidos, dentro do clado dos Gnathifera.

En azul baía e illa de Disko en Groenlandia.

Características

[editar | editar a fonte]

Presenta as mandíbulas máis complexas descubertas en invertebrados, formadas por 32 pezas móbiles. Para comer, evaxina ditas mandíbulas que se agarran ao substrato como dúas pequenas mans. Ten ademais moitas estruturas particulares que xustifican, segundo os autores, a súa separación nun filo propio.

Ten o corpo dividido en tres rexións ben diferenciadas, cabeza, tórax e abdome; o tórax lembra a un acordeón e pódese estender e contraer, sendo moi flexible cando o animal se move.

O tamaño medio do animal é de só 130 μm de lonxitude (menor que moitos ciliados), sendo un dos animais máis pequenos que se coñecen.

Aliméntase de algas verdes, diatomeas e bacterias, e para iso emprega unhas complexas mandíbulas formadas por 15 elementos independentes conectados con músculos e ligamentos.

En canto ao sistema nervioso, posúe un gran ganglio cerebral que ocupa a parte frontal da cabeza e do que saen un par de nervios ventrais cara a cola do animal.

O aparato dixestivo está formado por unha boca que está diante das mandíbulas, á que segue unha farinxe, un curto esófago e un intestino que posiblemente fai tamén a función de estómago e que vai reducindo o seu tamaño ata pecharse nunha placa anal. O ano só funcionaría temporalmente. Nos estudos feitos non se rexistrou a defecación, en cambio si se apreciou un comportamento de vómito a través da boca.

Esta especie conta con cilios ao longo de todo o seu corpo que poden ter unha función na alimentación e no desprazamento.

A excreción faise a través de dous pares protonefridios.

Reprodúcese por partenoxénese, o que quere dicir que as femias producen crías sen fecundación por un macho. Noutras palabras, os individuos femias son capaces de clonarse a si memos.

Recentes estudos propoñen que os individuos, cando son novos, convértense en machos e, cando envellecen, transfórmanse en femias.

Filoxenia

[editar | editar a fonte]

O seguinte cladograma, segundo Sørensen,[2] amosa as afinidades de Limnognathia:

Gnathifera

Gnathostomulida

Micrognathozoa

Acanthocephala

Rotifera

  1. Kristensen, R. M. & Funch, P., 2000. "Micrognathozoa: A new class with complicated jaws like those of Rotifera and Gnathostomulida". Journal of Morphology, 246: 1-49.
  2. "Martin V. Sørensen (2007): "Micrognathozoa, a new microscopic animal group from Greenland" - ZMUC". Arquivado dende o orixinal o 02 de decembro de 2019. Consultado o 04 de decembro de 2009. 

Véxase tamén

[editar | editar a fonte]

Outros artigos

[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas

[editar | editar a fonte]